Quinto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan o seu quinto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.623 (383 neste quinto ano)  e recibidos 7.308 comentarios, cifras que amosan unha certa ralentización do ritmo de publicación con respecto a anos anteriores. Un feito ao que sabemos non son alleas nin a nosa intensa participación no blog de Xerais (que nun ano e medio de vida superou o milleiro de anotacións) e, sobre todo, a nosa incoporación ao longo deste último ano as redes sociais de Facebook e Twitter, onde comezamos a participar con certa intensidade. A identidade dixital vaise tecendo coa conversa activa que mantemos na rede por medio de diversas ferramentas e redes o que inevitablemente está levando a unha reformulación do papel dos blogs (da súa lectura e da súa escritura). Nesa lideira andamos, participando activamente, dende finais do mes de febreiro, na fantasía de Blogaliza, que hoxe proporciona soporte a unha parte moi significativa e activa da rede de oito mil blogs existentes en galego (xa non me atrevo a chamala blogomillo para non entrar en debates cos máis entendidos no fenómeno ou na conformación de tendencias).

Repasando mes a mes os contidos deste ano recollo algunhas anotacións que merecen ser recuperadas por moi diversas razóns. No mes de xaneiro, «Autonómiccas: ollo con Pontevedra!»,  que agoiraba importantes dificultades para os membros do Bipartito. En febreiro, «Rotundo fracaso de Galicia Bilingüe», no que, a pesar de errar no titular da anotación, apuntaba a semente de división social que aquela manifestación supoñia. En marzo, «Comeza o ano Piñeiro», na que recollo as ideas principais da conferencia do profesor Alonso Montero sobre o protagonista das Letras Galegas 2009. En abril, «A discreción do editor», unha breve anotación ao fío dunhas palabras do meu compañeiro Juan Blanco Valdés que resumen moi ben o meu xeito de entender o meu oficio. En maio, «Feijoo no labirinto», longa anotación que abría esa longa serie dedicada ao seguimento do conflito da lingua, a nosa primeira preocupación (obsesión) deste ano. En xuño, «Do libro electrónico á lectura dixital», unha anotación recompilatoria das novidades sobre esta cuestión, o tema do ano da edición internacional. Dos meses de verán, «O futuro de Cultur.gal», texto que reclamaba a creación dunha fundación para dar estabilidade a nosa feira da sindustrias culturais. E dos últimos meses do ano, «Abandonados», un des meus artigos dominicais en Faro de Vigo nos que volvo a denunciar a situación dos sen teito.

A todas as persoas que participan no blog, en Twitter e en Facebook (espazos onde, xeralmente, enlazamos as anotacións do blog), as miñas beizóns e recoñecemento pola deferencia de reparar nelas. Se o tempo, ese ben tan difícil de xestionar, non nos falta seguiremos o noso percorrido, explorando nas brétemas de esperanza.

8 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    Pois vou ter k facerme un “geek”, non vai kedar mais remedio k entrar por o aro do face, do twitter, e xa logo hasta do tuenti. Parabens D. Manuel. Sabe vostede k o sigo, ainda k en certas cousas non estemos moi de acordo.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] (332 neste sexto ano) e 7.933 comentarios (625 en 2010), o que consolida a tendencia apuntada xa o pasado ano dunha ralentización do ritmo de publicación no blog, ao tempo que un claro incremento da […]

  2. […] Losada de Xornal de Galicia tivo a amabilidade de facer unha reportaxe con motivo do quinto aniversario destas brétemas e dos blogs do meu amigo Jaureguizar. O meu maior agradecemento para Xornal de Galicia e as miñas […]

Los comentarios están desactivados.