Onte 1721: Agardando pola unión

25-07-2016O nacionalismo galego chega esfareladiño a este 25 de xullo. Tras o entusiasmo pola unión do pasado ano (un espellismo voluntarista) cadaquén programa hoxe a súa xornada preelectoral: o BNG ensumidiño consume a enerxía e os azos da súa militancia baixo a dirección do seu partido guía; a Anova agarda a decisión de Xosé Manuel Beiras para saber se arre ou xo; mentres as Mareas dos tres alcaldes coaligados con Podemos e Esquerda Unida agardan ao vindeiro domingo para dar a coñecer ao seu Merlo Branco que, como no conto de Agustín Fernández Paz, traia a felicidade a toda a especie do nacionalismo e da esquerda galega. Triste panorama para un país en devalo, empobrecido no económico e no demográfico, incapaz de expresar politicamente a súa vontade de afirmación (como lle gustaba dicir a Castelao).

Xaora, a desunión e o seitarismo cainita é unha doenza crónica do nacionalismo contemporáneo que os membros da Xeración Erga vimos practicando e sufrindo dende hai corenta anos. Nada, pois, que poida sorprendernos máis do que nos leva doído. Porén, confío na capacidade anovadora dunha nova xeración capaz de conformar ese inexistente partido galeguista pola unión. Non perdo a esperanza que se poida ir tecendo nos vindeiros anos. Con esa ilusión, bo día da patria galega!

Onte 1719: “Horizonte de sucesos” de Anxo Fariña na Feira de Vigo

Completamos no serán de onte as presentacións de Xerais desta exitosa edición da Feira do Libro na Porta do Sol coa de Horizonte de sucesos, a novela de Anxo Fariña. Unha novela de fronteira na que o contador de histoiras vigués, narrador e ilustrador, explora os límites da ficción, do onírico e do real. Unha novela de fronteira, tamén, no que atinxe aos públicos, xa que se dirixe tanto ao xuvenil como o das persoas adultas. Un libro de fronteira entre a narración e a ilustración, na medida que a imaxe de cuberta, unha homenaxe de Fariña ao xardín das delicias do Bosco (coincidindo cos cincocentos anos do pasamento do xenio holandés), constitúe en si mesma unha ollada perturbadora global da obra e dalgúns dos seus episodios principais.

XG00257701Na súa intervención Fariña explicou a importancia desta ilustración, “xa que é a que o narrador está debuxando como un traballo universitario, quixen que fose un xogo dentro da novela, case como o diario debuxado do propio protgonista”. O título da novela fai referencia a un concepto acuñado por Stephen Hawking, que diferenciaba entre o universo, o burato negro e o horizonte de sucesos, apenas unha raia, unha rexión limítrofe entre as outras dúas, da que só é posible fuxir se viaxamos á velocidade da luz. “O horizonte de sucesos é unha fronteira entre o espazo-tempo, un punto de case non retorno, unha terra de ninguén, un espazo limítrofe, un lugar e un non lugar como ese centro de acollida de menores onde sitúo a novela, ou como os campos de refuxiados onde as persoas pertencen e non pertencen ao mesmo tempo”. “O libro está dedicado a todas as persoas que conseguiron fuxir dese horizonte de sucesos, procurando o territorio da luz”.

Continuou Anxo Fariña explicando que “na novela hai unha intención explícita de non agochar a dor, presente na migraña, a doenza crónica que padece o protagonista, que determina a súa forma de encarar a vida no centro e a súa relación cos menores”. “Como migrañeiro crónico sei que queremos fuxir da dor, mais que ao mesmo tempo falar dela reconforta e fainos sentir mellor”. Definiu a novela como de intriga, onde a historia vai avanzando sobre un incidente determinante, ao tempo que o protagonista, o educador bolseiro, é apenas un observador da vida do centro e dalgúns acontecementos que non comprende”. “O experimento do Gato de Schrödinger serviume para explicar que unha mesma cousa pode ser e non ser ao mesmo tempo, o que supón un desafío para o lector que debe dirimir que parte da historia é real é cal non”.

Onte 1718: Compartir Culturgal 2016

Culturgal_2016Na Casa da Luz da praza da Verdura anunciamos onte a celebración de Culturgal 2016 os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e presentamos o cartel preparado por NUMAX baixo o lema “Cultura, Comunidade, Futuro”. Novena edición de Culturgal, na que os organizadores pretendemos profundizar no modelo transversal de corresponsabilidade entre cinco sectores da industria cultural, catro administracións e diversos públicos. Unha edición que coincidindo co centenario da celebración das Irmandades da Fala pretende que “compartir” sexa o verbo que en Culturgal exprese o espírito de Irmandade: compartir para facer cultura dende os diversos ámbitos da creación e das artes, compartir para construír comunidade e ampliar públicos (profesional, especializado, familiar), compartir para enxergar futuro. Culturgal 2016, pois, está en marcha, coa metade dos espazos de exposición xa vendidos, coa convocatoria de proposta de actividades aberta até o 2 de outubro, e coa exposición “Arte e natureza” en produción.

Onte 1717: “Galería de saldos” de Diego Giráldez, presentación en Vigo

Galeria_de_saldos_Porta_do_Sol_05-07-2016

Outro serán excelente o de onte na Feira do Libro de Vigo instalada na Porta do Sol. A escritora Ledicia Costas asinou durante máis dunha hora nunha sesión de alicientes extraordinaria. O editor Fran Alonso e a actriz Deborah Vukusic presentaron Galería de saldos, magnífico libro de relatos co que debuta Diego Giráldez. Antes de ler o relato titulado “Luís Seoane”, Vukusic deu cinco razóns para ler Galería de saldos: primeira, “por tratarse dun libro de relatos, o xénero hipster da novela”; segunda, “para facerlle a competencia á prensa deportiva como Marca e outras publicacións semellantes”; terceira, “por tratarse dun libro para o verán con retrogusto pensante”; cuarta, “por deitar pingas de arte para facer un perfume silencioso”; e quinta, “para facelo un auténtico best-seller galego”.

XG00255001Fran Alonso comezou a súa intervención lembrando a magnífica acollida de público e crítica de Galería de saldos, á que non foi allea o magnífico booktrailer do libro, o primeiro en realidade virtual da edición galega. “A propia portada de Antonio Seijas, simbólica e irónica, minimalista, reflicte o espírito destes vinte e sete relatos guiados pola arte e pola interpretación da arte da man de Iago Losada, cuxas ilustracións deron personalidade ao libro”. “Brevidade, aire fresco, duro, ás veces xélido, que pode mancar. Personaxes en saldo, esmagados, perdedores, á beira do fracaso, cuxa subsistencia está marcada polas circunstancias. Historias duras, como a vida, sutís, feitas a través das palabras e dos silencios, do que se pode intuír, o que non se di”. “Todo o libro de Diego configura unha banda sonora global e cada un dos relatos posúe a súa propia. Con todo, hai en todo o libro un sabor de tango, por que ten sabor a melancolía rabuda, sensual e emocional”.

Seguiu Alonso salientando que no libro “a arte está en relación coa cotidianidade, co consumo, despoxada de calquera tipo de mitomanía. A arte incorporada ao consumo, á vida,desposuída do seu carácter artístico, o que lle permite ao autor ironizar e deitar unha ollada bastante comprensiva.” “Unha arte interdisciplinar, onde están presentes as artes plásticas, a música, o cine e a literatura, mesturadas coa publicidade e coa crónica das nosas vidas. Este é un texto onde todas as artes fúndense e as referencias culturais tecen unha malla sobre a que flotan os personaxes”.

Rematou Fran Alonso relacionando Galería de saldos con Vidas post-it, o libro de relatos de Iolanda Zúñiga: “decateime que o libro de Iolanda aparece citado no propio libro de Diego, hai conexións temáticas e formais entre ambas as dúas obras”. “Galería de saldos é unha biopsia social, unha análise crítica e irónica do entorno que nos rodea.”. “Diego Giráldez posúe un estilo rotundo que fai o libro moi compacto, sendo todos os textos moi homoxéneos”. “Un libro, pois, moi recomendable co que nace un narrador para a nosa ficción que demostra nesta primeira entrega todo o poderío”.

Pola súa banda, o autor salientou que esta era “un libro moi vigués, xa que había moita xente de Vigo relacionada coa súa produción e comunicación”. Relatou como hai uns anos chegara a Vidas post-it de Iolanda Zúñiga, “un libro que me marcou, co que entendín que se pode facer unha narrativa galega distinta”. Citou despois a importancia na obra das ilustracións de Iago Sánchez Losada e do booktrailer do que van “dez mil visualizacións en Facebook, o que arrima a literatura galega a outro público”. Confesou o autor a súa satisfacción polas sensacións que os lectores e lectoras crean co libro, semellantes as que pretendera: “ningún personaxe deste libro é unha fantasía, todos son froito dunha realidade actual que manca”; “este era un dos obxectivos que pretendín, que o lector se sentise completamente identificado”.

Onte 1716: “A dúbida” de María Reimóndez, presentación na Porta do Sol

Porta_do_Sol_04-07-2016

Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de VigoA dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.

XG00250501María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”

 

Onte 1715: «Tópicos sobre a lingua galega» de Suso Fernández Acevedo

tapas topicosNa Feira do Libro de Ribadeo fíxenme cun exemplar de balde de Tópicos sobre a lingua galega, un caderno do profesor Suso Fernández Azevedo sobre prexuízos lingüísticos publicado polo Concello de Ribadeo. Nacida nos textos que Suso foi publicando no blog El toupo que fuza, esta valiosa peza sociolingüistica  pretende achegar argumentos que fagan fronte ás lerias (prexuízos e mentiras) utilizados con maior frecuencia contra a lingua galega e o seu proceso de normalización. Apenas trinta e dúas páxinas nas que se abordan cuestións relacionadas co respecto á diversidade lingüística, coa impostura da bautizada polos galegófobos como «imposición del gallego», co exercicio dos dereitos lingüísticos ou co papel das normas, fronteiras e subvencións no estado da nosa lingua. Unha obra na que se manexan argumentos sólidos e eficaces, capaces de contribuir a conformar ese novo discurso inclusivo e agarimoso que tanto precisamos os promotores da lingua galega. Un libro que, ademais, ten unha gran utilidade didáctica, tanto pola súa claridade expositiva como pola capacidade comunicativa dos exemplos e modelos presentados. Aínda que cheguei tarde a recomendar a súa versión impresa, aproveito para facelo agora e moi vivamente da súa versión dixital dispoñible en issue. Beizóns a Suso Fernández Azevedo por tan magnífica publicación.

Onte 1713: A importancia dos detalles

As_horas_roubadas_Libraria_paz_30-06-2016

Manel Loureiro presentou onte As horas roubadas de María Solar na Libraría Paz de Pontevedra. O escritor pontevedrés, cuxas novelas están publicadas en trinta países, confesou que moito gozara lendo nunha “novela que coida moito os detalles, esas cuestións que dan cor ás narracións e son capaces de atrapar ao lector”. O autor de Fulgor salientou, despois, que “María Solar consigue trasladar a súa historia a un momento moi recoñecible, o de finais dos anos setenta, aquel dos sofás de escai e das televisións de cornos, o que constitúe un risco importante, xa que un pasado recoñecible e cercano convida ao lector a xogar coa súa memoria”. Rematou convidando de forma entusiasta á lectura d´As horas roubadas e abeizoando a autora pola súa capacidade por crear personaxes tan recoñecibles e, sobre todo, por ofrecer unha boa historia, o máis importante en calquera novela”.

Onte 1712: “Contos e lendas arraianos” de Rodríguez Cruz

aTENEO_sANTA_cECILIA_MARIN_29-06-2016

Presentamos onte no Ateneo Santa Cecilia de Marín Contos e lendas arraianos, a compilación de literatura de tradicional oral que José Rodríguez Cruz foi preparando dende hai máis de catro décadas. Na liña de textos clásicos como Contos vianeses do seu mestre Laureano Prieto ou dos Contos populares da provincia de Lugo, o investigador da Gudiña recolleu e ordenou un parte moi significativa do patrimonio narrativo popular do sueste da provincia de Ourense, un espazo que fai  fronteira con Sanabria e Tras os Montes, onde por ventura aínda se conservan matices que a nosa fala semella perdera.

XG00257301Cruz confesou que comezara as súas gravacións con persoas maiores a finais dos anos setenta “cando vin que se producían cambios profundos nas formas de vida da miña comarca”. “Dende entón fun gardando datos e ordenándoos en diversas publicacións sobre a indumentaria ou sobre festas como o entroido que teñen alí moito predicamento”. “Ordenei o libro en dúas partes, unha dedicada ás narracións fantásticas e marabillosas e outra, aos contos tradicionais. Na primeira abordei a presenza do demo, que personifica o mal; o trasgo, un ser mitico que pode transformarse; o home lobo, tamén chamado lobishome ou lobo da xente; a presenza da raposa ou da serpe; para rematar coas mouras e mouros, a procura de tesouros e as ferraduras do cabalo de Santiago”. “Na segunda, clasifiquei tematicamente os contos tradicionais: os de animais, de curas, de bruxas, de fórmula, de humor, para rematar cos cantados e rimados”. “O libro fosiliza unha narracións que xa desapareceron como a maior parte dos seus informantes”.

Onte 1711: 80 anos do Estatuto

Que o 80 aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936 pasase onte case desapercibido amosa a anemia política que sofre o noso país.O do 28 de xuño foi un fito histórico que supuxo o recoñecemento de Galicia como entidade política,ao tempo que a primeira vez na que o pobo galego decidiu sobre o seu futuro. Unha data, pois, que non é unha efeméride calquera xa que nela se recoñeceu a oficialidade da lingua galega e a Galicia como nacionalidade, froito dun amplo consenso capaz de conformar unha posición orixinal de Galicia como suxeito político. Unha proeza colectiva que obriga hoxe a institucións, partidos e colectivos sociais e cidadáns polo que ten de referente para Galicia como nacionalidade histórica, á altura de Catalunya e Euskadi. Xaora, a inauguración da exposición “Meu Pontevedra” no Museo de Pontevedra, abrindo este novo ano Castelao, supuxo unha nota de autoestima e fachenda neste panorama conformista. Como tamén foi un acerto que a FUNCEF anunciase nesta data a convocatoria do Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa única de promoción da creación musical galega.

Onte 1710: Unha fenda para a esperanza

Xerais_2016

Non foi doado encaixar na mesma xornada a emoción que vivimos ao mediodía na homenaxe a Camilo Nogueira en Trasalba e a decepción que sofrimos á noite tras os resultados das Xerais. A pesar do teimundo optimismo da vontade, que aprendimos do Camilo, onte custounos moito atopar unha fenda para a esperanza, tras unha clara vitoria en Galicia do partido de Feijoo, que fixo retroceder a En Marea á terceira posición e deixou ao BNG na máis dolorosa irrelevancia.

Unha noite decepcionante para a esquerda que, con todo, non pecha todas as posibilidades de alternativa nas vindeiras autonómicas. Revisando os resultados é moi probable que boa parte dos 92.516 votos que perderon En Marea e o BNG, con respecto á convocatoria do pasado decembro, fosen directamente para a abstención, o que facilitou que o PP rañase de xeito ben arteiro á En Marea unha acta en Ourense (por apenas 1.633 votos) e outra ao C’s na Coruña.

Superar a fronteira dos 400.000 votos nas Autonómicas debería ser o obxectivo polo que a partir de aogra traballasen En Marea e o BNG para artellar, xunto co PSOE de Leiceaga, unha alternativa que defendese a existencia de Galicia como suxeito político. Para acadar esa nova maioría é imprescindible volver activar ese electorado galeguista e progresista que onte, aborrecido e decepcionado, procurou o acougo na abstención. Non é imposible artellar unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz para a maioría social.