Onte 1751: Presentación de “Non hai outro camiño” de Isaac Xubín

Magnífica presentación a do serán de onte en Pontevedra de Non hai outro camiño de Isaac Xubín. O presidente do Ateneo, Xaime Toxo, a profesora Ana Acuña e o escritor Anxo Angueira salientaron o valor deste poeta, narrador e tradutor cosmopolita, “un deses autores imprescindibles que sabe ficcionar o seu país”e a importancia desta súa primeira novela que cualificaron de estimulante, extraordinaria e poderosa.

XG00247501Ana Acuña comezou confesando “a súa sorpresa e admiración polas moitas calidades da novela”, “tanto polo coidado e esmero co que está escrita, polo compromiso coa terra do seu autor, polo seu coñecemento das máis diversas áreas do saber, dende a bioloxía, as matemáticas, pasando polo deporte, até a gastronomía”; “unha novela que, ademais, sitúa a Xubín a carón de autores fundacionais da nosa literatura galega como Méndez Ferrín”. A seguir, Ana Acuña identificou osdous fíos da novela: o primeiro, o dos personaxes, individuos sen recordos, usuarios de espazos de paso, de diversión, pertencentes a dous grupos sociais moi diferentes; o segundo, o dos espazos, Staro Selo, a cidade de beiramar, e a Zadruga de Vasari, un espazo rural, onde se formaron os protagonistas. Rematou Ana Acuña analizando a tipoloxía de personaxes, afirmando que “a pesar da atmosfera de alienación e opresión, a novela deixa un recendo de esperanza”, aventurando que “imprimirá unha forte pegada na historia da literatura galega”.

Comezou Anxo Angueira sinalando que Non hai outro camiño era “un libro extraordinario, unha novela poderosa, inserida nunha tradición histórica de vangarda, na liña iniciada porr Gonzalo Rodríguez Mourullo en Memorias de Tains, unha ficción política, na que debaixo estaba a Guerra Civil, contestando a visión que tiña Ramón Piñeiro da literatura galega, baseada nos principios de lirisimo, paisaxe e humor”. “Esa doutrina foi contestada por mozos como Mourullo, irrompendo como Nova Narrativa Galega. Esta novela de Xubín é filla desa tradición, da narrativa que quixo romper con esas directrices de Piñeiro. Unha novela que como aquelas obras da NNG establece un diálogo da literatura galega coa literatura universal, como fixo Camilo Gonsar en Cara a Times Square. Novelística do extrañamento, do obxectalismo, novelística citadina, dominada polo desexo, a paixón e a violencia. Unha liña que de Mourullo continúa en Ferrín, Queizán, Gonsar e, na actualidade, en Cid Cabido, narrativa caracterizada por un estilo directo, potente, seco, que nos vai encadeando na engrenaxe da formigoneira facendo masa de porlan e masa de pan”.

“Para procurar ese extrañamento -seguiu Anxo Angueira- Isaac utiliza o procedemento do Pai Sarmiento, o da onomástica,que introducía nomes populares, a liña que tamén seguiu Blanco Amor na Esmorga. Sen embargo, a de Isaac é distinta, buscando nomes que non son familiares, que nos extrañan, nomes eslavos que producen un fenómeno especular cando se mesturan con outros convencionais para nós como Picallo ou Martínez. Un procedemento que Isaac comparte con Ferrín, que xa o utilizara en Retorno a Tagen Ata ou en Bretaña esmeraldina“. “A novela de Xubín é unha ficción literaria e política, na que está presente unha obsesión do autor pola Filoloxía e polas linguas, unha preocupación polo vocabulario, mesmo o mariñeiro”. “Non hai outro camiño é unha novela vinculada con outras dúas obras de Ferrín, Elipsis e outras sombras e  Arrabaldo do norte, onde explicitamente aparece o nome de Staro Selo, obras ambas as dúas que falan da alienación, a de inviduos presos por un estado de cousas”.

“O feito de que nada mude en Staro Selo expresa que esta é unha obra incardinada na imaxe da espiral, que nos atrapa. Esta é unha narración especular, unha ficción política sobre a Galicia de hoxe, relacionada co estado de cousas social e política do mundo actual”. “Máis tamén está presente na obra a paixón gastronómica do autor, como investigador na cultura culinaria, un eido fundamental da nosa cultura”. “Como presente está a violencia exercida polo poder dunha minoría favorecida polo silencio cómplice dunha maioría inmensamente covarde. Unha sociedade onde uns ditaminan e outros dinamitan, o que amosa que alí hai resistencia”. “Na novela configúrase unha rede de personaxes, que aparentemente aparecen soltos, mais o final o lector vai xuntado, creando un tecido, o texto”.

“Na novela de Xubín hai un discurso sobre a identidade, concibida como algo que non está dado, como un proceso, un camiño; a identidade a estamos construíndo, vímola facendo”. “O leitmotiv da novela é o porlan, a cidade toda de Staro Selo está solificada por este porlan, unha masa que se estende, que via ocupando todo, acabando por todo o que ten por diante, unha das grandes metáforas deste novela dun autor que se adscribe aos escritores comprometidos coa función poética da linguaxe. Esta repetición constante do porlan enfróntase o latexo do monte dos cabalos ceibos”. “Unha novela, ademais, que ten como tema principal a soidade, xa que todos os personaxes respiran, beben soidade”. Rematou Angueira salientando o determinismo xeográfico e politico presente no propio título, Non hai outro camiño: hai que darlle unha volta a este mundo, responder a un estado de cousas”.

Onte 1750: Galicia conformista

Nas galegas de onte Feijoo volveu esmagar á esquerda co seu modelo da Galicia conformista. Ocupando o espazo de Ciudadanos e aproveitando a fondo a mobilización do corpo electoral (a participación aumentou nun 8,84% con respecto a 2012), Feijoo obtén o seu mellor resultado e presenta a súa candidatura a relevar a Mariano Rajoy.

Pola contra, a esquerda galega no seu conxunto non consegue incrementar os seus apoios (644.952) con respecto a hai catro anos, limitándose a intercambialos entres as súas tres opcións: En Marea gaña 70.590 con respecto aos que obtivo AGE en 2012; PSdeG-PSOE perde 43.032 e o BNG 27.045, cifras que expresan tanto este intercambio como a incapacidade das tres candidaturas que se presentaban como alternativa para entrar nas fronteiras do terreo conformista. Un mal resultado que cada unha das opcións veste o mellor que pode, En Marea salientando o seu sorpasiño fronte a un PSdeG-PSOE, dividido e enfeblecido polos liderados locais, sobre todo en Vigo e Ourense; e o BNG, fachendoso da súa remontada e de desmentir os prognósticos que lle agoiraban a perda do grupo parlamentario.

Con estes pobres resultados, a esquerda e o nacionalismo galego moito teñen que mudar para artellar unha alternativa para 2020 capaz de substituír á fortaleza do partido conformista. Xaora, o máis esperanzador é, canto menos, a remuda xeracional das tres candidaturas, o que suporá unha profunda renovación dos grupos parlamentarios e dos seus liderados. Nunha lexislatura que, previsiblemente, non rematará Feijoo, é imprescindible que dende o inicio a alternativa visualice os seus liderados e a súa proposta programática. O reto, pois, é substituír a dóce melancolía dos sempre derrotados polo entusiasmo dos que pretenden acuñar un tempo novo.

Onte 1749: Queizán recoñecida

O Premio da Cultura Galega das Letras a María Xosé Queizán recoñece unha traxectoria de cincuenta anos do seu compromiso coa literatura galega e coa causa feminista. Autora dun catálogo literario amplísimo, que inclúe todos os xéneros dende a poesía o guión cinematográfico, con especial atención á narrativa e ao ensaio literario, este recoñecemento da Consellaría de Cultura (só de carácter honorífico), únese ao que o colectivo A Sega preparou o pasado mes de agosto e ao Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia de 2013. No entanto, o papel fulcral de María Xosé Queizán nas letras do noso tempo non será recoñecdio como merece até que sexa convidada a formar parte da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía incomprensible. Como tamén o é que Vigo, a cidade onde naceu, vive e quere, como o amosou o venres no seu discurso das Avenidas, non organice a gran homenaxe cidadá que merece. Parabéns moitos para ela.

Onte 1748: Acento prenatal

Leo en La Vanguardia unha nova científica que me sorprendeu. Os investigadores da universidade alemá de Würburg comprobaron que os bebés de nais de diversas linguas aprenden o acento antes de nacer. Segundo a profesora Kathleen Wermke «os bebés están aprendendo os matices da linguaxe mesmo antes de nacer, absorbendo a información que reciben das súas nais mentres medran no seu ventre». O acento, pois, é unha adquisición prenatal, anterior á aprendizaxe da primeira lingua. Tirando deste fío tan suxestivo, a partir de agora cómpre diferenciarmos entre a adquisición (natural) do acento materno e a da lingua familiar (ambiental). Deste xeito, a tan característica prosodia galega, presente tanto nos que falan galego coma castelán, non correría o perigo que sofre o da transmisión da lingua nosa. Quedarémonos só co acento como o patrimonio común galego?

Onte 1747: Ledicia con Verne

Verne_02_16-09-2016

A presentación do serán de onte nas Avenidas, ao pé da estatuta de Jules Verne, da novela de Ledicia Costas gañadora do Premio Lazarillo 2015 será inesquecible, un soño cumprido. Máis dun cento de persoas xuntámonos para celebrar a publicación de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta e para homenaxear a Vigo como cidade verniana, probablemente a segunda do mundo, despois de Nantes. Unhda cidade que, como sinalaron nas súas intervencións o historiador Antonio Giráldez Lomba e o xornalista Eduardo Rolland, foi visitada por Jules Verne en dúas ocasións (1878 e 1884) e cuxa ría protagoniza un capítulo memorable de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares, cando o Nautilus chega á porta da Atlántida, o 18 de febreiro de 1868, hai case cento cincuenta anos, unha efeméride para non esquecer. Unha cidade literaria e cosmopolita, visitada por Verne e por Marconi, evocada pola escritora María Xosé Queizán nun texto maxistral que rematou recoñecendo na escritora Ledicia Costas a cabezaleira da nova xeración literaria.

XG002567011Unha presentación ao aire libre, nun serán fresquiño de remate de verán, na que Ledicia Costas aproveitou para homenaxear ao mestre Agustín Fernández Paz lendo unha das anotacións máis memorables do seu blog, a partir da que xermolara esta historia protagonizada polo escritor bretón durante a súa segunda visita a Vigo. Unha novela coa que Ledicia homenaxea a cidade de Vigo, xusto ao seu inicio do seu alborexar industrial, e a toda unha xeración de mulleres que, a pesar das limitacións ás que estaban sometidas no seu tempo, posuían a afouteza e a detemrinación necesarias para conseguir aquilo que se propoñían. Unha novela verniana para unha cidade verniana, que asume os valores do xenio bretón, adaílde no seu tempo da tecnoloxía, da ciencia, da industria e do progreso. Unha presentación moi singular e entusiasta que aventuro será o inicio doutro itinerario literario vigués como os de Amor de Tango de María Xosé Queizán, Os fillos do mar de Pedro Feijoo ou Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo. Parabéns a Ledicia Costas e as vernianas viguesas.

Onte 1746: Feijoo mete a lingua en campaña

jpgNon debeu saír moi convencido Feijoo do debate a cinco cando decidiu introducir decontado na campaña o tema da lingua, reclamando a liberdade lingüística. Nesta ocasión aproveitou un decreto que regula a atención da cidadanía por parte da administración para –coa intención de «protexer os dereitos dos castelanfalantes» (sic)– deixar de utilizar o galego dunha forma normal na atención cidadá.

Unha medida absolutamente innecesaria que suporá outro abandono da Xunta de Galicia das accións proactivas para o galego que lle corresponden ás administracións públicas contempladas no Plan Xeral de Normalización da Lingua consensuado en 2004, como tamén do principio de progresividade das accións normalizadoras amparado pola Lei de Normalización Lingüística de 1983. Outro grave retroceso para o emprego do galego por parte da administración autonómica, que perde a súa condición de lingua preferente ou utilizada por defecto na relación da administración coa cidadanía.

Outro retroceso que en termos políticos expresa o temor de Feijoo a pagar a peaxe (cada vez máis elevada) que Ciudadanos obrigaría a pagarlles, no caso (improbable) de que fose necesaria a súa participación para construír unha maioría de dereita. Xaora, enfiando unha segunda semana de campaña moi igualada, Feijoo probablemente quedou xa convencido da inutilidade en Galicia desta marca branca conservadora e prefire disputarlle directamente o seu electorado potencial utilizando o discurso (tan reseso) da liberdade lingüística, o lugar común  de Albert Rivera e as súas seguidoras.

En definitiva, Feijoo volve sacrificar a responsabilidade da Xunta de Galicia na promoción e no fomento da lingua galega para protexer os seus intereses electorais. Nada doutro xoves, ainda que esta manobra, tan exitosa para o seu partido hai sete anos, exprese hoxe máis febleza política ca firmeza moral. No marco dunha situación tan carencial do galego, despois do dano causado polo decreto de plurilingüismo e do retroceso do seu uso vehicular na escola, cando o galego precisa do agarimo e do compromiso de todos e todas, volver introducir na axenda electoral esta polémica coa intención de afondar a ferida da lingua constitúe un erro táctico e un comportamento pouco edificante.

Onte 1744: Agustín, o mestre de soños

capaLuzes33-34A providencia laica provoca coincidencias fortuitas que nos emocionan. Onte coincidiu a publicación na rede do catálogo de obras de Agustín Fernández Paz en Xerais, que coidou con tanto agarimo Celia Torres, coa aparición do número 33-34 da revista Luzes que dedica a portada ao mestre Agustín e inclúe artigos sobre a súa figura do xornalista César Lorenzo, do escritor Xabier Docampo e unha lembranza miña como editor. E se non abondasen as coincidencias, onte tamén enviamos a fabricar a «edición cen mil» de Cartas de inverno, ilustrada por Antonio Seijas, e O soño do Merlo Branco, unha nova versión do conto publicado en 1999 pola editorial Everest, desta volta ilustrada por Lucía Cobo, dúas obras revisadas por Agustín durante os seus últimos meses. Coincidencias que nos provocan saudades, un baleiro de ausencia imposible de agochar, mais tamén nos obrigan a enxergar o horizonte como con certeza el faría. O mestre de soños sempre ao noso carón.

Onte 1743: Onde o mundo se chama Escudeiros

Escudeiros_03-09-2016_01

Foi emocionante acompañar no serán de onte a Ramón Nicolás na presentación en Escudeiros d’ O espello do mundo, a súa primeira novela. Toda a comunidade xuntouse no Centro Social para celebrar a publicación da obra e para escoitar ao profesor Xesús Alonso Montero e aos seus escritores. Abriu o acto coa solemnidade que merecía o gaiteiro Manuel Ferro que deu paso ao escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, que presentou aos membros da mesa e contextualizou a novela de Nicolás nas terras do concello de Ramirás, tanto por desenvolverse no mosteiro de San Pedro, como pola forte presenza nestas páxinas de san Xoán de Escudeiros. Lembrou Alberte que a parroquia tiña unha importante tradición mineira, sendo identificada moitas veces como «Escudeiro dos comunistas».

A segur interviu o historiador Carlos Méndez que lembrou un chisco emocionado a importancia de Escudeiros na historia, dende as súas primeiras pegadas prehistóricas, pasando pola presenza das ordes monásticas, o episodio dos tres pesos do coronel Guillade, co que remataron as guerras carlistas, até a biblioteca da Institución Libre de Enseñanza, que montou un mestre da República, e a presenza de Maruja Mallo na parroquia, formando parte das Misións Pedagóxicas, cando estalou a Guerra Civil. Citou despois, aos escritores de Escudeiros, Lois Antón e Xoán Carlos Domínguez Alberte, e lembrou o documental que filmou alí Rubén Riós. Rematou o profesor Méndez salientando a importancia da novela de Ramón Nicolás «a partir da que deixamos de ser o espello de Escudeiros para ser espello do mundo, nestas páxinas quedarán para sempre os nosos topónimos, as nosas palabras, nomes e xentes».

O profesor Alonso Montero celebrou falar por vez primeira «onde o mundo se chama Escudeiros» e cualificou a novela como «a obra dun creador que sabe construír un mundo de ficción». Detívose no carácter epistolar da novela e na singularidade da correspondencia intercambiada entra a abadesa de Ramirás, onde había un cenobio feminino, e a monxa alemá Hildegarda von Bingen. «As cartas están traducidas ao galego, pero o asombroso para o lector é que parecen escritas en latín clásico. Toda a novela está escrita nun galego clásico e unha prosa reverenvial que dá gusto».

Onte 1742: «Zoo Xan. Criaturas de Xan López Domínguez»

Aproveitando a viaxe a Madrid desta semana visitei a mostra «Zoo Xan. Criaturas de Xan López Domínguez» instalada no Museo ABC. Unha exposición composta por cinco personaxes ilustrados por López Domínguez (o camaleón malcarado, a galiña churra, a cebra picuda, o leopardo avicultor, a xirafa soñadora) para libros publicados por Edelvives, que compoñen un universo de criaturas onde se atopa boa parte do seu ADN artístico. A exposición inclúe varios muros informativos, onde narra a súa traxectoria, rescatando a súa implicación en Xofre, o primeiro fanzine publicado en Galicia (1979), xunto a Fran Jaraba e Miguelanxo Prado, e presenta dous estilos de traballo singulares dentro da súa traxectoria: o uso do negro e a inversión da luz e o traballo a liña sen cor. Unha exposición que remite á transgresión dos propios límites da ficción, un percorrido que permite acceder as leis creativas do ilustrador lucense e gozar da natureza da súa obra. Agardemos que tan excelente exposición viaxe a Galicia. Xan é un dos grandes do noso tempo.

Onte 1741: Saudades e gratitude a Laredo Verdejo

Triste nova a do pasamento de Xosé Luís Laredo Verdejo, o autor de Galicia enteira, a guía de Galicia nunha ducia de volumes que en dúas series diferentes publicou Xerais, a primeira entre 1980 e 1987, na colección Montes e Fontes creada por Xulián Maure, e a segunda no remate dos noventa, deseñada polo Grupo Revisión. Tanto para unha coma para a outra, Laredo percorreu todos os camiños de Galicia, tamén os arredados, no seu todo terreo, fotografando e tomando boa nota. Coa descrición detallada de paisaxes e monumentos, dando conta da súa forma de acceso, sempre fiable, froito dunha curiosidade apaixonada e dun gran afán didáctico, Laredo expresaba un amor moi fondo polo seu país. Galicia enteira formou a unha xeración de galeguistas na descuberta da terra nosa, no coñecemento da súa xeografía e da súa historia, dos espazos naturais e das pezas senlleiras. Unha ducia de volumes que quedarán como arcas do orgullo galego, preparadas con enorme xenerosidade polo padre Laredo, a quen lembraremos con gratitude e saudade.