Onte 288: Vidal Bolaño 2013
A elección de Roberto Vidal Bolaño como autor das Letras Galegas 2013 é outro gran acerto da actual xeira da RAG presidida por Ferrín. Con certeza suporá a popularización do escritor dramático en lingua galega máis importante do século XX, un dos creadores do teatro nacional galego, unha figura insubornable na defensa da lingua, da cidadanía e da nación. Unha figura que, ademais, participou na fundación do noso sector audiovisual como actor e de quen o pasado ano foi levado ao cinema o seu texto Doentes. A escolla de Roberto para o 17 de maio debera axudar, por fin, á edición da totalidade da súa estensa obra dramática, proxecto xa en marcha por Edicións Positivas, así como ao regreso á escena de todo o país dos seus textos, escritos para ser representados polas súas compañías, dende aquel Grupo Antroido da nosa mocidade universitaria, até o seu Teatro do aquí dos anos noventa, onde se formaron ao seu carón o que son hoxe os seus continuadores. Este ano Vidal Bolaño é unha oportunidade, que non se pode estragar, para achegar novo pulo ao teatro galego actual, que vive unha situación de enorme precariedade, crise tremeda para as compañías e os seus profesionais, semellante á do resto das industrias culturais galegas, debido a ausencia de políticas culturais das administracións públicas. En definitiva, unha elección da RAG, sen menoscabo da importancia doutras candidaturas, que todos debemos abeizoar.