Onte 936: Suso de Toro, Creu de Sant Jordi

suso_de_toroÉ unha fachenda que Suso de Toro reciba o vindeiro 23 de abril a Creu de Sant Jordi, condecoración coa que o Govern recoñece a 27 persoas e 15 entidades pola súa dedicación ao proxecto colectivo de Catalunya. O seu caso é moi singular xa que é a única persoa recoñecida que non é catalá xa que nin naceu nin traballou nin viviu nunca en Cataluña. A súa escolla débese, como fixo mención expresa a Generalitat, a que «os seus libros e artigos desenvolven unha visión positiva da identidade catalá e exploran vías de diálogo sobre a realidade política española». Un recoñecemento que chega despois do que Suso de Toro xa o obtivera en varias ocasións por parte da cidadanía catalá, tras intervencións memorables como as que fixo en TV3. Porén, non deixa de ser moi triste que un intelectual da súa importancia sexa recoñecido fóra do seu país antes ca no propio, onde nin sequera esta noticia merece ser desatacada en todos os xornais. Mágoa desta Galicia, unha entidade política sen realizar, onde reina o seitarismo cainita! Beizón para o grande Suso, de quen tanto nos orgulla a súa amizade!

Onte 935: Irmandade do Libro 2014

Irmandade_do_libro_Rianxo_05-04-2014

No magnífico auditorio de Rianxo entregáronse onte os premios Irmandade do Libro 2014 da Federación de Libreiros de Galicia. Ouvirmos, Galaxia, Rosa Aneiros, Chus Pato, a libraría Ramón Cabanillas de Cambados, a biblioteca de Redondela e a do CEIP do Rosal foron as gañadoras dun serán onde apenas se fixeron referencias á situación precaria da libraría e do libro en Galicia. Por ventura as palabras de Pilar Rodríguez Álvarez, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, lembraron que existen dificultades para o libro de texto, motivadas pola competencia dos contidos dixitais, así como a necesidade de formación do sector libreiro para afrontar as mudanzas do novo paradigma. Non obstante, nas conversas durante o viño, respirábase entre moitos libreiros o alento do medo sobre a incerteza da vindeira campaña de texto, da que todos sabemos depende a sobrevivencia da libraría de proximidade. Confeso que saín de Rianxo moito máis preocupado do que cheguei.

Onte 934: Presentación no Centro Comercial Ponte Vella

Sete_Caveiras_04-04-2014Foi interesante a experiencia de presentar onte a novela Sete Caveiras de Elena Gallego nos corredores do Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. A proposta naceu da librería Aldova, instalada alí dende o novembro pasado, unha das poucas librarías existentes en Galicia neste tipo de centros, coa intención de facer visible o libro nun entorno de consumo ao que parece alleo este ben cultural. A experiencia foi exitosa, ao chamado acudiron lectores e numerosos medios de comunicación, que deixaron constancia da novidade.

O libro, especialmente o libro editado en galego, ten que dar a batalla da súa visibilización, gañar o espazo público, sexa o dos escaparates, o da súa presenza nas prazas (como cada sábado fai Couceiro en Cervantes), o das rúas (nas feiras do libro que comezarán este mes de abril) ou nos corredores dos centros comerciais de lecer e consumo interxeracional (como o Consorcio editorial fai en Área Comercial de Santiago dende hai tempo). Sei que non é doado gañar esa presenza para o libro, nin tampouco consolidar a utilización vehicular da nosa lingua nese tipo de espazos e establecementos, mais promovela é outra tarefa á que os galeguistas estamos convocados.

Grazas a Raquel Feijoo (a presentadora da novela) pola súa magnífica entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer, da que tiramos tres fotos da galería.

Onte 933: Con Ana Miranda

Ana_Miranda_03-04-2014Gustei moito de escoitar a Ana Miranda, a candidata do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo, na súa intervención no Fórum Europa de Vigo. Na presentación que dela fixo Camilo Nogueira salientou aspectos esenciais como os seus quince anos de experiencia parlamentaria en Bruxelas, a súa capacidade para expresarse nunha manchea de linguas, como a súa visión integral e o seu coñecemento profundo dos problemas de Galicia e no mundo.

No seu discurso Ana Miranda amosou este coñecemento, froito tanto dunha formación xurídica moi rigorosa como dunha experiencia e madurez política incuestionable. Comezou denunciando a pobreza, a desigualdade e a exclusión como principais problemas dunha Galicia con 280.000 persoas paradas, 100.000 emigrantes mozos expulsados do país e 90.000 familias sen ingresos ningúns. Denunciou o emprego precarizado en Europa, onde xa «hai 120 miillóns de cidadáns pobres, case unha cuarta parte dos da Unión».

Presentou un balance da súa actividade parlamentaria, centrándose sobre todo nos temas pesqueiros, medioambientais e de política industrial. «Nós somos unha nación pesqueira, un país atlántico» afirmou, ao tempo que lembrou que polos corredores do parlamento foi despedida como «a señora da pesca artesanal».

Apoiou os procesos soberanistas de Escocia e Cataluña, que cualificou de «exemplo vivo de democracia e do dereito a decidir nunha Europa que non recoñece a diversidade». «O seu é un exercicio pleno de democracia, o máis vangardista nos procesos de liberación nacional dos últimos séculos, sobre todo pola implicación da cidadanía. Merecen todo o meu respecto».

Ana Miranda respondeu con claridade na quenda de preguntas que lle formularon os asistentes dende a posición dos coaligados verdes sobre a pesca galega no parlamento («sempre defendimos e sempre defenderemos os intereses galegos»), pasando pola súa opinión sobre Lidia Senra («expreso o meu respecto para ela, benvido todo o mundo que defende a Galiza») até as relacións con Bildu («aquí en Galiza a lista será a do BNG, as coalicións son instrumentais, alí onde esteamos defenderemos os temas galegos, que son os temas universais».)

Creo que a de Ana Miranda é, sen dúbida, unha excelente candidatura. Unha voz firme, rebelde, loitadora. que defende unha Europa que aínda non existe. Unha beizón para a defensa dos intereses de Galicia e dunha nova Europa posible. Agardo que teña a maior fortuna no seu empeño.

Onte 932: Día do libro infantil e xuvenil 2014

DILI_2014_gl

Celebramos onte un novo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha das datas de referencia do noso calendario do libro e da lectura. Nesta edición resulta significativo, como salientou Francisco Castro, presidente de Gálix, a boa saúde en Galicia deste subsector da edición, sendo maior o seu peso na nosa comunidade (13 % da edición global) ca no medio do sector (7 %). Ademais das súas cifras alentadoras, o libro infantil e xuvenil galego é sinónimo de calidade e excelencia, tanto na tipoloxía do álbum ilustrado, no cómic, como na dos textos literarios e coleccións graduadas de lectura. No entanto, lonxe de calquera tipo de compracencia, o subsector infantil e xuvenil galego ten que afrontar os retos do proceso de hibridación do soporte (a oferta dixital aínda é reducida) coma da súa entrada decidida nos territorios da non ficción, onde a actual oferta presenta importantes carencias. Parabéns, pois, ás autoras, ilustradoras, tradutoras, editoras, bibliotecarias e outras persoas mediadoras por esta angueira compartida.

Onte 931: Naufraxio no mar de Vigo

TRES MUERTOS TRAS EL CHOQUE DE DOS BARCOS EN LA ENTRADA DE LA RÍA DE VIGOCoas axudas á navegación actuais resulta inexplicable a colisión que onte se produciu entre dous barcos na entrada da ría de Vigo. O xigante Baltic Breeze, un cargueiro dedicado ao transporte de automóbiles, entraba na ría arredor das catro da madrugada, mentres o arrastreiro Mar de Marín a abandonaba, despois de ter realizado unha descarga no porto de Vigo. A súa colisión provocou o fundimento do arrastreiro en apenas dous minutos, tempo no que puideron salvar a vida apenas cinco dos seus dez tripulantes. Esta traxedia do Mar de Marín na ría de Vigo engrosa a interminable lista de naufraxios dos pesqueiros galegos nesta última década, dende o máis recente do Santa Ana de Muros, pasando polo Cordero de Ribeira, e o Siempre Casina de Burela, até o do Bahía de Cesantes. Unha lista tráxica que ten precedentes no mar de Vigo, nas catástrofes mariñeiras que fronte ás illas Cíes sufriron en 1956 o Ave del Mar de Moaña e en 1964 o Centoleira. Eis a memoria tráxica do mar, que rouba as vidas dos seus mariñeiros, salferindo de dor e desolación ás súas xentes. O noso agarimo para as familias das vítimas do Mar de Marín.

Onte 930: A inxerencia de Rouco

SPAIN-POLITICS-SUAREZTras perder a presidencia da Conferencia Episcopal, Rouco non desaproveitou unha das súas derradeiras oportunidades de gloria e convertiuse na estrela mediática do funeral de estado en honra de Adolfo Suárez. Fíxoo como a el sempre lle prestou, expresando nunha patética homilía as súas posicións políticas de extrema dereita. Nunha inadmisible inxerencia política, diante de El-Rei, Rajoy, os ex-presidentes do Goberno, o president actual da Generalitat, entre outros responsables de poderes públicos, referiuse á que considera como «falta de concordia entre españois e comunidades históricas». A ninguén se lle oculta a pretensión de Rouco de abrir así a caixa dos medos, a posición guerracivilista que adoita 13TV, a canle que a Igrexa mantén grazas ás axudas públicas. A homilia de onte de Rouco foi unha viaxe no tempo, un ataque de saudades franquistas e posicións preconciliares e preconstitucionais que el nunca abandonou.

Onte 929: O folclore triunfa na Reconquista

praza_da_pedra_foto_santome

O éxito popular da festa da Reconquista amosa a escasa relación entre a lectura política do acontecido en 1809  e a ansia dunha comunidade local por contar con raíces.

Énchenos de fachendaapoxeo do vestiario de época, para moitas persoas o mellor testemuño desta presenza do pasado no presente, aínda que nalgúns casos, como o dos membros do equipo de goberno do alcalde Caballero, pode chegar a excesos do localismo máis ridículo. Outrosí sucede coa presenza do folclore en cada recanto e praza do Casco Vello. Na Reconquista é absoluto o protagonismo da música galega de raíz, interpretada polas máis diversas agrupacións, dende grupos de gaiteiros e pandeireteiras a outras formacións de música e de danza (que colle tamén moito pulo) de noso. Semella que detrás deste fenómeno está o traballo paciente da E-trad e doutras agrupacións de música popular galega; froitos maduros que converteron durantes tres días ao Casco Vello nun Serán interminable e emocionante.

Diante deste pulo do vestiario e da música tradicional e coñecendo os datos do uso do galego na cidade de Vigo, é doado conxeturar se non estaremos achegándonos ao modelo bretón e gaélico no que a comunidade conserva e agarima de forma fachendosa o seu folclore, mais abandona silente o emprego do idioma coma a súa lingua de instalación habitual. No entanto, hoxe esa hipótese é pesimista de máis, xa que como sucede no estadio de Balaídos na festa da Reconquista o galego é a lingua oficial do programa mais tamén a empregada pola maioría dos participantes. E non esquezamos que o proxecto histórico dos galeguistas foi que folclore e lingua fosen sempre da man, formando parte do mesmo proxecto normalizador que abrangue ao conxunto da sociedade. Orgullosos do noso vestiario, da nosa música e da nosa fala. Terra a Nosa!

Beizóns, pois, aos organizadores da festa da Reconquista por días tan vividos en clave galega. Os membros da Asociación Veciñal Casco Vello, presidida polo noso admirado Cándido Pérez Betanzos, merecen o noso recoñecemento e gratitude polos seus afáns.

Onte 928: «14» de Jean Echenoz

echenoz_1Mantéñolle lei a Jean Echenoz, un dos novelistas franceses contemporáneos máis interesantes dos publicados por Anagrama. Desque hai case vinte anos lera Lago, Nosotres tres e Rubias peligrosas quedei prendido deste narrador visceral capaz de abordar e (parodiar) todos os subxéneros da novela e deseñar personaxes inesquecibles. Nas súas entregas máis recentes asumiu o reto da novela biográfica protagonizada por celebridades como as do músico Ravel ou a do atleta checo Zátopek. Porén, na máis recente, a titulada 14, dá un novo chimpo para ofrecer en apenas un cento de páxinas un relato brutal sobre a primeira guerra mundial. Coincidindo co centenario daquela primeira guerra tecnolóxica moderna, na que comezaron a ser utilizados os bombardeos, adral doutras barbaridades do século XX, Echenoz ofrece un retrato estremecedor daquela batalla, onde paradoxicamente non faltan nin o humor nin as referencias ás miserias cotiáns da retagarda. Escolle para isto a catro rapaces da Vendée, catro amigos que enchoupadaos de lama e fedor nas trincheiras descubren a cara máis noxenta e cruel da condición humana. 14 é unha noveliña modélica, un relato centraminado, condensando ao máximo a súa sinxeleza, exenta de retórica histórica e de documentación política, para converterse nun feroz alegato contra as guerras, todas as guerras. Apenas dúas horas de lectura abondan para papar unhas das novelas literarias de guerra mías orixinais e impactantes das que teño lido. Echenoz continúa sendo recomendable.

Onte 927: Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego

Libraria_Miranda_Bueu_28-03-2014

O espectacular escaparate que montou a Librería Miranda con motivo da presentación onte en Bueu da novela de Elena Gallego Sete Caveiras decidiume a promover unha serie de anotacións sobre escaparatismo do libro en Galicia. Estou convencido que o escaparate continúa sendo na maior parte da actividade comercial de proximidade unha das accións principais (desas de toda a vida) da mercadotecnia no punto de venda. O escaparate é un espazo dacabalo entre o interior e o exterior que permite a visibilización dos produtos no espazo público de forma continuada, achegando (en tantas ocasións) un valor engadido á mercadoría exposta.

Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria. Por baixa que sexa a cota de mercado do libro galego é superior á da súa presenza na maior parte dos escaparates libreiros en Galicia.

Agardo que a finais deste anos os lectores e lectoras destas Brétemas outorguemos o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano. Até entón iremos publicando no blog fotografías de escaparates (agradécense os envíos por correo electrónico), indicando nome da libraría, localidade e data da fotografía do escaparate. Hoxe abeizoamos a Libraría Miranda de Bueu polo seu escaparate, o primeiro da galería do noso concurso.