"As pontes no ceo"

Hoxe presentaremos en Pontedeume, as 20:00, no Salón de Caixa Galicia, As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte. No acto participarán César Antonio Molina (ministro de Cultura) e Gabriel Torrente Piñeiro (alcalde de Pontedeume).
Preparei apenas tres notas de editor sobre unha obra que considero fundamental para anchear as marxes de excelencia da narrativa galega. Reproduzo parte do texto que lerei na presentación:

“Como editor destas Vidas de infancia quixera expresar tres brevísimas notas sobre a novela que nos convoca, na que a diferencia das dúas primeiras entregas da triloxía de Fonte, nas que no relato primaba a vida familiar e o entorno escolar, se alumea xa de forma absolutamente decidida a voz da colectividade eumesa por medio de máis dun centenar de personaxes.

Primeira: Ramiro Fonte amosa en toda a obra, e especialmente nesta derradeira entrega, que un dos mellores camiños do escritor (do noso poeta, narrador e ensaísta) para escrutar no máis profundo da condición humana é facelo dende o espazo da local. Aquí, tras as historias humildes de mestres como don Pablo Díaz Novo, músicos como o barbeiro bohemio Uxío Cuíñas, persoas afoutas como Xosé Piñeiro González, o noso primeiro aviador, ou sequera doutras figuras como os futbolistas eumeses Pahíño e Marcelino (o do gol contra Rusia da Eurocopa) atopamos o retrato máis universal de seres humanos enfrontados co seu destino.
O relato de Ramiro Fonte sendo esencialmente local, pegado á cotidianiedade daquel Pontedeume de hai corenta anos, hoxe desaparecido, é, porén, radicalmente universal, perdurable e transcendente porque o narrador biografa as cousas esenciais, aquelas que case sempre se acaban ocultando. Fonte amosa, ademais, que é posible escribir dende a piedade, asumindo de forma respectuosa os riscos de introducir no seu relato persoanxes reais, o que non lle impide ironizar sobre os poderosos e dignificar os humildes.

Segunda: Ramiro Fonte amosa en toda a obra que a infancia é o territorio primeiro da memoria e o berce máis xenuíno da conformación da nosa presenza no mundo. Aquí a recreación da infancia eumesa de Ramiro é a creación colectiva dun mundo. Así sucede tamén neste volume no que se narran cos ollos dun neno, como testemuña que foi o autor, acontecementos tan decisivos como as súas andanzas de boy scout, a súa participación nos folións, como foi capaz de destilar os misterios do azul de metileno, as súas travesías como mariñeiriño pola ría no Nel e no Xeitosiño ou a botadura daquel enorme petroleiro na factoría onde traballaba o pai (un episodio extraordinario).
A memoria para Ramiro non é nostalxia saudosa, a memoria nesta triloxía é a construción vivificadora dun relato colectivo que dá sentido ás nosas vidas. A escritura do eu transfórmase en escritura do nós.

Terceira e última: Ramiro Fonte amosa que é posible escribir unha boa prosa coa mesma precisión dun bo poema. Os aspectos formais da triloxía, mantendo a mesma estrutura nos tres volumes e mellorando, se é posible, a calidade do texto en cada entrega, anchean os límites da narrativa galega. Eis a transcendencia dunha obra literaria que sei collerá máis e máis valor a medida que pase o tempo. N’ As pontes no ceo, como nos dous volumes anteriores, as frases todas están ben construídas e medidas, son transparentes, miniadas co traballo artesanal que lle corresponde a un narrador honrado.

En definitiva, estas tres notas amosan a miña admiración por unha obra da que en Xerais nos sentimos extraordinariamente satisfeitos de ter colaborado en facer chegar aos lectores. Beizóns para Ramiro por tela culminado. Sei que son moitos os lectores e lectoras que saben agradecer a proeza que hoxe celebramos.”

Etiquetas:

"Estiñada", novo disco de Ledicia

Mañá, 26 de decembro, ás 20:00 horas preséntase no Centro Civico de Caranza Estiñada, o novo disco (CD e DVD) do grupo Ledicia do Colexio Público Manuel Masdías de Ferrol. Despois da aparición hai dez anos de Polo correo do vento, este segundo disco de Ledicia antologa vinte e un temas deste grupo pioneiro dentro da nosa música infantil.
Nacido en 1983, con motivo do festival de música infantil “Cantareliña” esta formación escolar vén funcionando de forma ininterrompida, tratándose da único estable que interpreta cantigas infantís propias en lingua galega. O grupo baseado nos nenos e nenas do colexio, ten cada ano algunha modificación, aínda que existe unha base estable constituída por ex-alumnos/as, profesorado e pais e nais. Na actualidade, ademais do equipo de son que os acompaña habitualmente, Ledicia está formado por sete instrumentistas (percusión, baixo, violíns, viola de gamba, guitarras, frautas, acordeón e teclados), catro voces principais e entre quince e vinte nenos que fan coros. Alentou dende a súa fundación o grupo Xosé Lastra Muruais, contando coa inesquecible presenza do desaparecido Miguel Varela, facho que foi recollido agora polo seu fillo Xurxo.
Ao longo dos case vinte e cinco anos de vida, Ledicia ten realizadas centenares de actuacións por toda Galicia, especialmente na comarca de Ferrol, ademais de ter actuado en Xixón, Madrid, Rotterdam e Bruxelas.
En definitiva, unha experiencia musical, educativa e cultural galeguizadora dunha comunidade educativa volcada arredor das notas e as palabras en galego. Algo verdadeiramente tan modélico coma extraordinario que merece ser salientado. Recomendo moi vivamente o disco, onde aparecen algúns dos temas máis coñecidos do grupo “Polo correo do vento”, “Caranza”, “A buxaina”…, xunto a novas versións de cancións tan coñecidas como “Palabras para Xulia”, “O piollo e a pulga”, “Lela”, “Rumboia” ou “Pasado o punto do rescate”.
Estiñada, o cedé e o dvd (inclúe karaokes, gravacións de diversos concertos e centos de fotografías da historia do grupo) pode comprarse directamente neste correo electrónico:
ceip.manuel.masdias@edu.xunta.es,
chamando a este teléfono (9813274039)
ou dirixíndose a este fax (981325370).

Etiquetas:

Entrevista ao Leo

Con motivo da recente aparición de Hai cu, o poeta Xavier Cordal faille outra entrevista ao Leo.
Recollo algunhas afirmacións salientables destas entrevistas do escritor e músico de Matamá e promotor do Espectáculo Multimerda (recomendo, ademais, e moi vivamente a lectura dos enlaces):

  • “Non comparto a idea de que se editen moitos libros en galego, penso que un moito de cantidade sempre implica un pouco de calidade.”
  • “Estou a prol de que se lle devolva á xente, ao pobo, algo que sempre foi seu, que soubo gardar, e que agora que llo quitan non me estraña que o abandone, a obra literaria colectiva máis impresionante que coñezo: a lingua galega, o ghallegho, o galego-portugués, o kastrapo ou como raio se lle queira chamar. Nunca entendín por que lle hai que inventar á nosa fala un rexistro “vulgar”.”
  • “Teño clarísimo que se non fose polo blog este libro non existía. Fundamentalmente porque son tan lacazán que de non principiar un blog nunca me había pór a rexistrar a diario as cousas que me epatan de cada día, todo o que me fai rir ou emocionarme, que é o que son estes “haicus”. O papel é un soporte diferente, que impón a súa lei, que se traduce nunha escolma. Se cadra gústame máis o concepto de work in progress que impón o blog, pero inda non podemos levar os ordenatas a onde nos pete… E amais, molestas máis se escribes estas cousas nun libro ca nun blog. É algo que me sorprendeu e do que me decatei despois da saída do libro. O libro é, por desgraza, un espazo elitista e sacrosanto que cómpre emporcar e sobar coas mans.”
  • “É moi importante o retrete como espazo, porque é o único espazo realmente privado que nos queda. E unha das condicións para a poesía é a privacidade. Ademais, hoxendía a poesía popular só resiste nos baños.”
  • [Sobre o “Espectáculo Multimerda”] De convencional non vai ter nada. Vai ser unha performance na que basicamente vou cagar en directo, e polo tanto dependendo de como teña o día terá unha duración variable, quince minutos ou unha hora se estou estreñido ou retraído. E nese tempo farei todo o que eu fago no váter habitualmente: monólogos interiores, recitar, escribir, tocar a guitarra, cantar. O baño é o lugar da casa con mellor acústica, iso sábeo todo o mundo.

Actualización (30-12-2007): Nova entrevista ao Leo na ANT.

Etiquetas: O_Leo

"Vigo por Magar III"

Hoxe, acompañados polo alcalde Abel Caballero, presentamos Vigo por Magar III, un novo volume da serie de Magar, o fotógrafo da vida viguesa das últimas catro décadas.
Magar ofrece neste terceiro volume da súa celebradísima serie «Vigo por Magar», iniciada en 2002, outras trescentas instantáneas, panorámicas e retratos que contribúen a enriquecer a reconstrución da historia viguesa das últimas catro décadas. Empregando as mellores posibilidades que ofrecen as ferramentas do fotoxornalismo, Magar ofrece unha viaxe emocionante, entrañable e comprometida polos avatares dunha cidade hiperdinámica que durante este período remudou a súa fasquía e ampliou o seu perímetro converténdose no corazón da Galicia urbana contemporánea. Trescentos cartaces en branco e negro que densifican a memoria próxima de tres xeracións de vigueses e viguesas. No libro amósase o esforzo desta «cidade puro milagre», a dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Nin a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, taxistas, bombeiros, policías municipais, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles. Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais e traíñas, os balonmanistas do Vulcano, os futbolistas modestos do Peñasco ou os derbis do Celta co Pontevedra. Este novo «Vigo por Magar»provoca, como os dous libros anteriores, un recordo compartido que non é pasado nin peza de museo para nostálxicos saudosos. Un libro vivificador e vigorizante para activar a memoria propia ou familiar da cidade que ten a fortuna de ser homenaxeada pola cámara de Magar.

Etiquetas:

"O adeus do vello mariñeiro"

Onte acompañamos a X.H. Rivadulla Corcón na presentación na Coruña do seu máis recente poemario, O adeus do vello mariñeiro.
O libro foi presentado polo poeta Xavier Seoane que comezou salientando que a poesía é unha arte da pervivencia e como tal o libro de Rivadulla (a quen imaxina coma un vello baleiro namorado de salitre) transmite unha visión do mundo dunha rara intensidade. A continuación, Seoane debullou a estrutura do libro, conformado por dous cadernos simétricos de poemas de tres estrofas de tres versos libres, o primeiro do vello mariñeiro e o segundo da súa muller. “No poemario nárrase unha historia de amor e morte. Un triángulo entre home, muller e mar presidido pola aura dun soño. Un mar saudosento, misterioso, penetrado pola melancolía. Amor, morte, tempo, soidade. O mundo dos recordos e do esquecemento. O recordo como forma de vencer á morte. Un libro mergullado no mar de sentimentos: saudade, melancolía e da perda dos soños en dialéctica coa realidade. O que non impide ao poeta ofrecer unha visión estoica, serena, de xente que está afeita a enfrontar dificultades”. Continuou Seoane cualificando o poemario como “canto ao amor, aínda que ten tamén unha dimensión profundamente elexíaca. O amor é o que salva da morte. O amor como legado da vida. Ser de mar e pensamento”. Rematou a súa intervención recomendando a lectura do “fermoso libro de Corcón” no cuarto do vello mariñeiro de Lugrís e citando os versos de T. S. Elliot “O mar ten moitas voces /moitos deuses e moitas voces”.
Rivadulla, antes de ler coa tamén poeta Enma Couceiro unha boa parte do poemario, sinalou que rematara o libro en xuño de 2002, antes do que sucedeu co Prestige. “Ese mundo do mar desfacéndose do que falo no libro é anterior ao Prestige. A grande traxedia do mar son as políticas que se están tomando sobre a pesca. A frota de Muxía da miña infancia cuadruplicaba á actual. Os meus amigos mariñeiros vense obrigados a abandonar unha profesión que aman, recordade que os mariñeiros o son para toda a vida. É unha traxedia cultural e económica que debo denunciar”. Rematou as súas palabras recordando que a imaxe que conserva de pequeno é “a das mulleres dos mariñeiros no malecón de Muxía, quietas, agardando polos seus homes. O malecón, precisamente, que fora construído por elas. cando chegaban, o primeiro que elas recollían era o cesto, onde levaban a comida. Agora non hai malecón e agardan dentro dos coches. os tempos mudaron”.

"O señor Lugrís e a negra sombra", o anuncio

Como xa fixeramos o pasado ano, desde onte se emite en TVG un anuncio d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela de Luís Rei Núñez. Pode verse dende a páxina de Xerais.
Etiquetas:

"Cardume", presentacións

Hoxe en Santiago e mañá en Vigo presentaremos Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. O acto de mañá no Marco, será tamén unha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo, o escritor galego fusilado, xunto a outras doce persoas, no monte do Castro o 1o de decembro de 1936, a quen lle foi incautada polos militares unha peza dramática, A volta da perdida, agora editada por Ediciós do Castro (dentro da Biblioteca do 36) e prologada pola propia Rexina. Neste acto cívico, organizado por Xerais, Ediciós do Castro e pola Asociación Viguesa pola Memoria do 36, intervirán Manuel Forcadela, Xavier Moreda e Rexina Vega, ademais de contar coa lectura dun texto preparado polo profesor Xesús Alonso Montero e coa actuación da cantante Rosaida.

Etiquetas:

"As mans do medo", presentación en Lugo

Mañá acompañaremos a Marcos Valcárcel e Xosé Miranda na presentación en Lugo d’ As mans do medo. Tres blogueiros na mesa para falar do que entendo como un dos cumes da nosa literatura de terror. precisamente, Miranda remata estes meses a edición da súa completísima guía de Galicia, que pretendemos ter editada (con fotos, na súa maior parte, de Xurxo Lobato) na primavera. Falaremos devagariño desta obra importante para o coñecemento do país, tanto por parte dos galegos como daqueloutros que nos visitan (faremos edición simultánea galega e castelán).

Etiquetas:

"O único que queda é o amor": a primeira crítica

Hoxe saíu a primeira crítica do libro recente de Agustín (grazas, Tati). Aquí pode baixarse o pdf do adianto de “Amor de gosto”, un dos dez contos do volume. A primeira presentación realizarase o mércores 28 de novembro, ás 20:30 na Biblioteca González Garcés da Coruña.
Teño moi boas vibracións sobre a acollida deste conxunto de relatos (boa parte deles memorables) que para min constitúe unha enorme homenaxe do autor á lectura e á excelencia da escritura. O único que queda é o amor é un libro importante deses que permiten anchear os límites da nosa narrativa. Recoméndoo vivamente.

Fervenzas literarias

Até hoxe non souben da existencia de Fervenzas literarias, unha interesante e utilísima revista electrónica de literatura galega. As seccións son moi suxestivas: novas, andel de novidades, entrevistas, espazos de lectores, outros para literatura infantil e xuvenil, reseñas de críticas, artigos de opinión, una espazo de adiantos e unha moi completa páxina de ligazóns con editoras, autores, blogs, librarías… Na súa presentación os promotores (que non se identifican) subliñan:

O soportal de Fervenzas Literarias foi parido no transcurso do Máster en Edición da Universidade de Santiago. Foi un acto de covardía, fuxiu dos enormes tomos dos proxectos fin de carreira que acumulan capas e capas de po. Foron unhas Fervenzas que escaparon do papel para desembocar nesa enorme mar que é a internet. Zafáronse do bosque para illarse no desterro da rede. Fervenzas Literarias nace co obxectivo de ser unha fiestra da nosa literatura. Un punto de encontro entre o libro e o lector; ese curruncho onde o libro crece, faise maior, abrangue todo un universo enteiro. Unha porta a nosa cultura, á identidade, ás raizames. Queremos lle dar a benvida a estas Fervenzas. Gustaríanos que a información aquí ofrecida sexa de teu interese, que abras esta fiestra e te somerxas nun mundo de libros onde o poder da palabra faise forte.

Beizóns, pois, para os promotores destas fervenzas, un instrumento utilísimo que, visitaremos dende hoxe e que recomendamos moi vivamente.