A pegada de Man

A obra artística de Manfred Gnädinger, Man, tamén chamado “alemán de Camelle”, conta co seu primeiro estudo rigoroso grazas á publicación do libro (chegou onte mesmo do prelo) de Xoán Abeleira.
Nacido en Radolfzell, unha vila próxima a Friburgo, o 27 de xaneiro de 1936, este artista eremita instalouse en Camelle en 1961 desenvolvendo, dende entón, alí toda a súa vida, que cobrou trazas de auténtica lenda, e que finalizou de forma tráxica o 28 de decembro de 2002, apenas un mes despois de que o chapapote do Prestige asolagase a costa galega e estragase o conxunto das obras (esculturas e pinturas preparadas, a maior parte delas cos materiais naturais e de refugallo que deitaba o mar) do seu singular Museo.

A pegada de Man recolle case un centenar de fotografías a cor das obras do Museo de Man, intercalando textos críticos nos que se aborda a súa análise e o contexto artístico no que se inscriben. Inclúe, ao xeito de limiar, un primeiro achegamento biográfico sobre unha figura humana e artística, que se pretende reivindicar e homenaxear, reclamando a urxencia de recuperar e poñer en valor o legado do seu museo (algo terá que dicir sobre esta cuestión a actual Consellaría de Cultura). Agardamos que a publicación deste libro (que intentamos fose fermoso e de edición coidada, empregando un formato horizontal ao xeito dos albums fotográficos) constitúa un exercicio de memoria axudando, polo menos, a recuperar a dignidade roubada a este artista que morreu da tristeza provocada polas ondadas do chapapote.

Etiquetas: , ,

Galicia en guerra

O Cartafol de libros faise eco da aparición de Galicia en guerra do xornalista Eduardo Rolland, o noso último título da colección Crónica. Alédame moito esta crítica desta obra sobre o papel de Galicia durante a IIª Guerra Mundial pois este é un dos libros máis singulares e desmitificadores (sabemos que contén documentos moi importantes, como por exemplo, a relación de galegos asasinados en Mathaussen) aparecidos neste chamado “Ano da memoria”. Presentáremolo en Vigo nas vindeiras semanas.

Etiquetas:

Pepa A Loba

Nas vindeiros semanas aparecerá nos andeis das librarías Pepa A Loba, a novela de raigame histórica de Carlos G. Reigosa, sobre a muller por antonomasia do bandoleirismo galego. A verdade é que a memoria desta afouta e rebelde capitá de gavela, que acadou sona no século XIX por máis de media Galicia, medrou imparablemente nunha lendahistoria forxada polo pobo dende entón, para ofrecer, ao cabo, a imaxe libre e inapreixable que hoxe temos dela. Unha muller indómita e combativa, malia as duras adversidades que sufriu.

Estou convencido de que Carlos G. Reigosa atinou co rexistro deste relato directo e punxente que trenza unha intensa historia de amor sobre un fondo de violencia que emparenta co das Comedias Bárbaras e Divinas Palabras de Valle-Inclán, fillas do mesmo territorio e do mesmo espírito do tempo. Enriquecido con cinco ilustracións de Miguelanxo Prado, o relato de Reigosa, por riba da lenda, reconcílianos coa verdadeira historia (mesmo chegando a desvelar o seu nome, o que sen dúbida provocará certa polémica) da máis famosa bandoleira galega de todos os tempos.
Coincidindo coa saída da novela, aparecerá tamén o primeiro volume da nova serie da colección Universitaria, “Estudos Literarios”, Carlos G. Reigosa. Paixón por saber e a arte de contar, preparado polo crítico Ánxel Basanta. Na vindeira primaverá aparecerá un traballo sobre a obra de Manuel Rivas preparado pola profesora da Universidade de Towson Isabel Castro Vázquez.
Etiquetas: ,

Ler e escribir en Galicia

Estes días rematei de ler o último libro do catedrático Narciso de Gabriel, Ler e escribir en Galicia, unha investigación (merecedora do premio Concepción Arenal) sobre a alfabetización dos galegos e galegas dende 1860 a 1990.
Como é adoito neste autor (o noso primeiro estudoso sobre historia da lectura e da alfabetización en Galicia), o traballo (moi rigoroso e metodoloxicamente ben dotado) presenta numerosos cadros de datos estatísticos que permiten reconstruír de forma moi precisa o proceso de desenvolvemento demográfico e alfabetizador do país (datos desagregados por sexos, provincias, por comarcas e mesmo por concellos, o que supuxo para o autor un esforzo hercúleo). Entre todos eles, quedeime con dous que, a pesar de ben coñecidos, me parecen moi significativos para comprender a situación demográfica e territorial de Galicia na actualidade:
Primeiro: mentres que A Coruña e Pontevedra duplican os seus habitantes desde 1860 a 1991, Lugo perde case un doce por cento e Ourense un catro, o que leva consigo unha progresiva concentración da poboación nas dúas provincias occidentais.
Segundo: a progresiva redución do peso de Galicia na poboación española, que pasa do 11,48% en 1860 ao 6,91% en 1991 (o peso da emigración foi decisivo). En 130 anos Galicia aumentou a súa poboación apenas nun millón de habitantes.
Alén da recollida dos resultados cuantitativos da investigación, tamén é de moito interese no libro o capítulo dedicado a precisar os conceptos de alfabetización (a capacidade de ler e de escribir) e analfabetismo funcional, moi útil para sinalar a importancia do dominio da mecánica da lectura, a escritura, o cálculo e a súa aptitude para utilizalas en situacións concretas. Un libro valioso, que merecería unha maior divulgación fóra da comunidade académica.

Memorias de Neira Vilas

Mañá comeza Feira do Libro da Coruña, onde presentaremos Vinte anos retornando, a primeira entrega de memorias de Xosé Neira Vilas.
Neste volume, o grande mestre de Gres reconstrúe minuciosamente (coa súa característica prosa, clara e transparente) a experiencia das doce viaxes entre Cuba e Galicia que realizou, entre 1972 e 1992, xunto coa súa inseparable compañeira Anisia Miranda. A experiencia de “emigrante retornado”, os emocionantes encontros e despedidas coa familia e os amigos, a interpretación dos acontecementos políticos e sociais (coincidentes, en boa parte coa Transición ou Reforma Política) constitúen o eixo temático dun libro moi interesante para coñecer a personalidade dun dos nosos mestres que, por fin, se atreveu a ir ofrecendo parte das súas memorias.
Actualización (01-08-2006): entrevista con Neira Vilas sobre a aparición do libro.
Etiquetas:

As inxurias da guerra

No artigo da semana reflexiono sobre a radical inxustiza das guerras do século XXI. O novo ataque de hoxe sobre a poboación civil súmenos na maior das impotencias. Quen pode parar isto?

Etiquetas: ,

Mesa de novidades

Aproveitando que estamos de vacacións, onte escapei un pouco antes da oficina para preguntarlle a Xaime polas últimas novidades. Despois dun bo parrafeo co libreiro sobre o programa da Feira da Coruña, que abrirá o vindeiro martes, e sobre Cultur.gal, o salón da industria cultura que se celebrará a comezos de decembro (anunciarémola nos vindeiros días), aínda merquei uns cantos discos e libros. Xa lle tiña ganas ás conversas de Paco Rodríguez, ás Memorias de náufragos de Salvador Rodríguez (que estivemos a piques de publicar) e ao último premio Edebé de Jordi Sierra i Fabra. Entre os discos, por fin atopei o de Galegoz (xa lle din unhas cantas voltas, ben, ben, moi ben), as cancións de troula de Aquenlla e o efecto Faltriqueira (cando o escoitei quedei un chisco perplexo). Visitar a libraría e conversar co libreiro é un deses praceres que aconsello frecuentar.

Etiquetas:

Mala gente que camina

O día da inauguración da Feira un libreiro amigo recomendoume Mala gente camina, a novela mías recente de Benjamín Prado. A pesar de ter unha semana moi atarefada, roubei o tempo ao sono para ler compulsivamente as catrocentas páxinas desta novela expléndida que “bucea nas augas máis negras do franquismo”, a do roubo dos nenos das presas republicanas durante os días da guerra e os anos da posguerra. Ficionando a suposta biografía de Dolores Serma, unha escritora amiga de Carmen Laforet, asistimos da man de Juan Urbano, un profesor de instituto un chisco descrido, a reconstrución da miserable sociedade dos primeiros anos da Ditadura.

O título, tirado duns versos de Antonio Machado (“Mala gente que camina / y va apestando la tierra”), amosa que obras literarias como esta –ou como as recentes de Suso de Toro ou Rivas, ás que nos vimos aquí referindo– son os mellores vieiros para achegarse á verdade que nos foi ocultada. Benvidas sexan estas novelas que nos enfrontan no espello da condición humana e permiten achegarnos ao proceso de construción colectivo da memoria.

Agradezo moi sinceramente o consello deste libreiro competente e, coma el, recomendo esta importante novela de Prado.

Marful

Este disco, que escoitei por vez primeira hoxe, é unha auténtica marabilla. Outro grande chimpo para a música de noso. Vai mercalo. Se non te chega este mundo, faite astronauta!