Vidas exemplares, a presentación.

O martes 5, as 20:00 horas presentaremos Vidas exemplares de Uxía Casal no Bar Plaza de Ribeira. Estades convidados, xente do Barbanza.

Etiquetas: ,

Arquitectura popular en Galicia

As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que “este é un dos libros esenciais de Galicia” para sinalar a continuación que “nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós”.
Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. “O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é ‘lugar’. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: ‘vivimos no lugar de tal’, este é o comezo da nosa árbore topográfica”.
Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. “Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer”. Engadiu que “este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas”. Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra ‘levantar’: “Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan”.
Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. “Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas”.
Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. “Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é”, concluíu.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.

Vidas exemplares

Hai tempo que tiña moitas ganas de anunciar a chegada aos andeis das librarías de Vidas exemplares, o libro de relatos de terror de Uxía Casal.
Ulises, un excursionista extraviado no bosque, sinte tres arrepíos, que lle impiden articular palabra, cando coñeceu a tres anciáns que padecen unha condena insoportable… Un estraño engado percorre o xardín do Pazo de Galdán desque alí apareceu o corpo de dona Arminda… Nai e filla deambulaban pola tenda baixo a atenta mirada da dependenta, que observaba sen disimulo os gustos tan dispares das dúas mulleres… Aquel condutor tiña un problema, freara o coche en seco e saltara correndo cara aos servizos do bar como se o perseguise unha fera rabiosa… A vida de Héctor e da súa compañeira mudou cando a iguana chegou á súa casa…
Este volume, singularísimo na nosa produción narrativa actual, reúne vinte e un intensos relatos de medo e intriga, protagonizados por seres tan extraordinarios como trastornados. Un libro, escrito na mellor tradición dos clásicos do xénero de terror, que deita a súa mirada con ironía sobre os espazos máis escuros de vidas exemplares.
Etiquetas: ,

Pedagoxía da convivencia

Xián ten dezaseis anos e repite 3º de ESO. A semana pasada foi expulsado do instituto durante tres días, a máxima corrección que pode impoñer a dirección, por unha falta de respecto a un dos seus profesores e aos seus compañeiros de aula. Foi a clase sen material ningún e interrompeu varias veces coas súas “gracias” o debate sobre a actual situación dos inmigrantes que alí se mantiña. Cando Xavier, o profesor de Xeografía, lle pediu a súa opinión, Xián respondeulle que pouco lle importaba como vivían, que buscasen a vida como puidesen e se non amañaban que se volvesen para o seu país que ninguén os chamara neste. Ademais, replicoulle que estaba farto de tantos debates na clase, que non servían para nada e que eran unha perda de tempo. Xabier tratou de reconducir a situación, preguntando a outros estudantes –xa se perdera a concentración da sesión– e Xián insistiu nos seus comentarios desprezando cada unha das opinións dos seus compañeiros. Xabier, entón, indicoulle que a súa actitude non era a adecuada nunha aula e que debía abandonala. Xián contestoulle, subindo o ton, que el non tiña por qué saír da clase, que tiña dereito a permanecer alí e que non podía expulsalo por expresar a súa opinión. Despois de varios comentarios irados, Xián saíu pero, cando estaba a punto de pechar a porta, encarouse nun ton ameazador con Xabier e díxolle: “isto vasmo pagar moi caro”.

Xián xa fora apercibido de sanción con anterioridade, polas súas expulsións frecuentes, por chegar sistematicamente tarde ao centro ou polas ameazas das que se queixaron as rapazas de 1º da ESO no recreo. A nai de Xián está destrozada. Falou varias veces co titor e coa dirección do Instituto e, agora, recoñece que o rapaz chega tarde porque hai algunhas veces que non consegue erguelo da cama. “Non sei qué facer con el, téñoo intentado todo”, confésalle desacougada ao titor. “Levo varios anos horrosos. Merqueille a moto a ver se aprobaba, déixoo saír todas as fins de semana, dinlle os cartos para que fose ao concerto cos amigos, e, aínda así, non consigo que aprobe”. O titor proponlle que estude a posibilidade de que o vindeiro ano se matricule nun Programa de Garantía Social, xa que polo seu rendemento escolar e pola súa actitude xa non vai ter posibilidades de obter o Graduado de Secundaria. A nai comprométese a discutilo co seu home, pero asegura que o máis complicado será convencer a Xián, “non sabe o difíciles que son os rapaces agora”.

Este caso ficticio pode estar sucedendo en calquera dos nosos centros escolares. Conflitos semellantes, con todos os matices e circunstancias que se lle queiran engadir, son o síntoma do deterioro da convivencia escolar e do malestar docente de tantos centros, públicos ou privados, de Secundaria. O conflito que mantén Xián coa institución escolar e co seu entorno familiar amosa o desaxuste entre os seus desexos (divertirse cos amigos e consumir o que esta á moda) e os valores da sociedade das persoas adultas. A solución a este dilema non é doada.
Non podemos deixarnos vencer polo fatalismo. Existe a posibilidade de promover nos adolescentes hábitos de convivencia democrática, de respecto mutuo, de asunción consciente de dereitos e deberes; en definitiva, dos valores do sacrificio e do esforzo como esenciais para organizar o traballo escolar e a convivencia. Dende as administracións e dende os medios de comunicación, moi influíntes á hora de conformar actitudes e valores na mocidade, hai que apoiar ás familias para que establezan os límites que precisa toda educación democrática.

Esa é a proposta que dende hai anos vén propoñendo nos seus libros o coraxudo profesor Xesús R. Jares, que onte presentou en Vigo, diante de máis de duascentas persoas, a súa obra máis recente, Pedagogía de la convivencia.
Este será outro libro educativo de referencia, froito dunha investigación demorada na pedagoxía do conflito e na educación para a paz. Unha obra que pretende facer fronte a este reto colectivo provocando unha reflexión en profundidade sobre a problemática da convivencia dentro dos centros e propoñendo liñas de actuación educativa, baseadas na participación da comunidade educativa (especialmente das familias), na mediación e na resolución non-violenta dos conflitos.
Comparto con Suso, ademais de mútiples querenzas e soños, que a aprendizaxe dunha convivencia respectuosa e solidaria é responsabilidade de toda a cidadanía e non só do profesorado. A familia e a escola son os obradoiros onde deseñar esa nova convivencia que queremos. Non renunciemos, por custoso que sexa, neste empeño.

O club da calceta

Chegan máis novos títulos do prelo. A novela O club da calceta de María Reimóndez é o máis recente. Velaí o texto que contracuberta que preparamos para presentala:

“Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina”.
A novela de Reimóndez estará nos anaqueis das librarías a vindeira semana, xunto co premio de Ameixeiras e o libro de relatos de Solleiro. Tres títulos doutros senllos narradores nacidos despois de 1975. Agardamos que teñan a visibilidade que merecen.

Grandes imperios, pequenas nacións

Acabei de ler Grandes imperios, pequeñas naciones, un ensaio de Josep M. Colomer, publicado orixinalmente en catalán, que obtivo o IX Premio Fundació Trias Fargas 2005.
Un libro moi interesante para debater sobre o futuro de pequenas nacións, como Galicia, no novo entorno dos imperios europeo e americano. A análise dos conceptos de imperio, nación e globalización, o papel das linguas e da identidade, a reflexión sobre o fracaso da construción de España como estado nacional en Europa (como atención especial aos casos catalán e vasco) centran os contidos desta obra polémica e luminosa en argumentacións.
Moitas son as afirmacións salientables dun ensaio escrito con rigor e fluidez. Especialmente valiosos parecéronme os argumentos referidos a que o autogoberno das pequenas nacións hoxe é posible sen un exercito propio, fronteiras nin aduanas, o que é o mesmo que dicir, sen un estado soberano; ou aqueloutras referidas á defensa dun plurilingüismo compatible co uso de linguas francas ou o papel de Europa (“a soberanía das pequenas nacións consiste en ter un lugar na mesa da Unión Europea”) xa que para el a diferenza entre a independencia formal e a autonomía é só unha cuestión de grao. Singular interese teñen os cadros que relacionan todas as pequenas nacións do mundo e a análise sobre o actual plurilingüismo dual na Unión Europea, onde hai trinta millóns de cidadáns que teñen como primeira lingua outra difeente á primeira do estado.
Un libro valioso para repensar argumentos sobre a cuestión nacional e a soberanía. Recomendo unha lectura crítica e vagorosa.

Etiquetas: ,

Chegou "Portugalizar"

Por fin chegou da imprenta Portugalizar, o curso de portugués para galegofalantes do que falamos aquí en diversas ocasións. Agardo que estea nas librarías nos próximos dez días. Transcribo o texto de presentación que preparamos para dalo a coñecer:
“Como o seu propio subtítulo indica, Portugalizar é un manual práctico de portugués, preparado por Elisabete Pais de Jesus Ramos (profesora de lingua portuguesa da Universidade de Vigo), enfocado cara á aprendizaxe desta lingua por parte dos galegofalantes. Este libro é o resultado dun traballo para intentar mellorar pedagoxicamente o ensino de lingua portuguesa no ámbito universitario galego. A obra está estruturada en tres partes segundo o grao de dificultade dos contidos (nivel básico, nivel medio e nivel superior), o que lle concede unha gran versatilidade á hora de ser empregado tanto por persoas que se acheguen por vez primeira a esta lingua como por quen busque afondar en determinadas cuestións gramaticais de maior dificultade.
En Portugalizar os contidos son tratados dun xeito moi práctico e visual, tendo en conta o público galego a que vai dirixido o manual e destacando aqueles aspectos diferenciais que presentan os dous idiomas, para facilitar a aprendizaxe. Portugalizar non se limita a ofrecer conceptos e procedementos para fornecer un coñecemento teórico da lingua portuguesa, senón que tamén pretende dotar ao usuario de competencias a nivel oral e escrito para poder manexarse lingüisticamente en diversos ámbitos e contextos cotiáns de uso”.

Etiquetas: ,

Novo libro de Samuel Solleiro

Preparamos a aparición dun novo monllo de novidades do outono literario, que iremos anunciando e ofrecendo adiantos de lectura en aberto. En apenas dez días estará nos anaqueis das librarías galegas o novo libro de relatos de Samuel Solleiro. O texto de contracuberta é o seguinte:
“A intención argumental de dz ou o libro do esperma é a de problematizar e mesmo anular o concepto de masculinidade entendida sobre todo, pero non unicamente, a través do elemento sexual e paralelamente e en consecuencia, asasinar o propio suxeito (sexuado, canónico) construído pola modernidade occidental. Se ben as súas tramas son independentes, os relatos deste libro son chanzos nesta idea até o final, en que o suxeito e mutilado sexualmente e proponse un novo futuro cun novo suxeito: híbrido, travestido, vital, sensual e nostálxico. Desafiar a natureza é divertido e mesmo sexualmente excitante. Un entroido para sempre”.
Non teño dúbidas que este é un libro moi interesante xa que Solleiro é un dos narradores novos máis sólidos cos que contamos.

Etiquetas: ,

Se buscabas un deus

María Liñeira envía dende Oxford a primeira crítica de Se buscabas un deus a terceira novela de Xabier Quiroga.
O autor de Atuado na braña, un modelo de discreción e elegancia, volve con outra novela de longo alento (conco entas páxinas), que desmiuza moitos dos enigmas que deixou aberta a súa primeira e exitosa novela. Nesta nova entrega, que se pode ler independente da primeira, aínda a pesar de compartir abondosas intertextualidades, Quiroga confírmase como un dos narradores máis dotados e convincentes cos que actualmente contamos.
A procura de Ivo, o rapaz protagonista da novela, que arrinca do que semella un traballo universitario sobre Atuado na braña, convértese nun pretexto para denunciar o que paseniñamente, se cadra sen decatarnos, acontece e deixamos pasar. Mesturando realidade e ficción, cun estilo novidoso e sorprendente forza narrativa, Se buscabas un deus (como sinalamos no texto de contracapa) “vai atrapando ao lector no fío dunha inusitada trama que, ao tempo que presinte a desfeita, camiña parella á escolla do que nos quedará: resignarse ou buscar o amor e a liberdade”. Unha novela sobre a indagación e sobre o crecemento persoal, como ben sinala María Liñeira, que propón unha profunda reflexión sobre o presente da actual sociedade dixitalizada da globalización. Estou certo que sorprenderá a moitos lectores e agradecerán os seguidores do escritor do Saviñao.

Etiquetas: ,