Escritores e blogosfera
/en Eventos, Literacidade/por bretemas
Esta tarde estaremos en Ourense participando na mesa redonda sobre “Escritores e blogosfera” que se celebrará dentro da xornada “2.0 A nova ágora galega”. Co vagar do que dispoñamos intentaremos respostar ás preguntas que xa nos formularon dende o blog do evento (unha boa práctica que deberiamos implementar no futuro en convocatorias semellantes). A miña primeira intervención xirará arredor do concepto de literacidade que veño manexando dende hai tempo e o novo concepto de lectura. Ademais, intentarei abordar as dúas cuestións que, ata agora, nos formulan dende a rede: o papel das editoras galegas fronte á revolución dixital e sobre as licenzas Creative Commons.
Lectores e nova lectura
/en Lectura, Literacidade/por bretemasExpertos versus creación colectiva
/en Internet, Literacidade, Vídeos/por bretemasGallo, citando este artigo de Newsweek (“A venganza dos expertos”), onde se suxire que os contidos xerados polos usuarios de youtube ou da Wikipedia axiña serán substituídos polos contidos xerados e asinados polos expertos en cada eido do coñecemento, recolle dous exemplos da primeira da tendencias: a Knol de Google e o BigThink.com (o chamado “youtube das ideas”, onde se presentan entrevistas con destacados intelectuais e investigadores de ámbitos concretos.). Como exemplo da segunda, a baseada na creación colectiva, Gallo propón este vídeo de Charles Leadbeater para presentar o seu libro We Think, no que se desenvolve a idea de creación colectiva (“niño de ave”). O debate que propón Gallo é interesantísimo, xa que sitúa a reflexión sobre a calidade do contido publicado en Internet que, ata agora, e a diferencia do contido analóxico (das enciclopedias en papel) non estaba canonizado pola “autoridade” dun único editor.
Non hai dúbida que o modelo da Knol (aos poucos exemplos publicados nos remitimos) intenta mellorar a calidade do contido e da edición visual dos artigos da Wikipedia, aínda que abre moitos interrogantes sobre a súa viabilidade (aparecerá publicidade) e sobre a posibilidade do control que sobre o coñecemento puidera introducir.
Como tampouco, hai dúbidas que a creación colectiva en Internet, defendida por Leadbeater, pode achegar froitos moi positivos utilizada no mundo non virtual (sexa nas escolas, nas empresas ou na organización das cidades). A tese de Leadbeater non pode ser máis ilusionante e esperanzadora: “as novas formas de colaboración creativa en Internet anuncian a chegada dunha sociedade onde a participación sexa a idea dominante”.
Seguiremos estes dous fíos tan suxestivos.
Keitai shousetsu, novelas no móbil
/en Lectura, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemas
Hai meses en Trafegando ronseis (para min hoxe un dos mellores blogs en galego) dábse conta do fenómeno dos keitai shousetsu, novelas por entregas que os mozos e mozas xaponeses (de quince a vinte anos) baixan e len no móbil. Dicíanos que se trataban “en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos “manga”. Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente”. A anotación de ronseis remataba salientando que estas noveliñas cando eran, despois, editadas en papel acadaban vendas enormes.
Onte Bibliómano e Libros & Tecnología (outros dos meus blogs preferidos) volvían a facerse eco do fenómeno “keitai” salientando que en Xapón (un país con 78 millóns de móbiles) constitúe o fenómeno principal da “cultura telefónica“. O móbil serve para atender chamadas, escoitar música, enviar mensaxes de texto e de imaxe, ler novelas por entregas, utilizarse como moedeiro electrónico, tirar fotografías e vídeos ou mesmo recibir alertas en caso de terremotos… En definitiva, unha multiplataforma comunicacional de peto.
A verdade estes keitai shousetsu (habería que traducilos por novelas celulares) a pesar da súa importancia no mercado editorial, non semellan literariamente moi atractivos (apenas outra versión de produtos de lectura de consumo). Porén, este fenómeno xaponés sinala, outra vez, a tendencia da integración das utilidades de comunicación nun aparello portable multiplataforma, onde a lectura tería, por pequeno que fose, tamén o seu oco. O debate sobre os libros do futuro continúa.
O big bang dixital
/en Literacidade, Tecnoloxías/por bretemas
A reportaxe de Babelia e outros textos sobre o big bang dixital provocado sobre o mundo do libro non achega grandes novidades. O texto que máis me interesou foi o de Edmundo Paz Soldán sobre “El ‘blog” y la literatura del siglo XXI“, no que se aposta pola consideración dun determinado tipo de blog como un novo “xénero literario”. Coincido con Paz Soldán en que “El blog debe abrirse al diálogo con las múltiples posibilidades interactivas de la red, hacer navegar al lector: un post debe contener muchos enlaces que nos lleven de aquí para allá (artículos, noticias, foros, blogs, vídeos). También permite que los lectores comenten los posts. Algunos blogueros lo impiden, lo cual va contra la naturaleza misma del blog: la posibilidad de interactuar de forma inmediata y sin filtros con los lectores, de hacer que los comentarios conviertan al post en un foro de discusión”. Efectivamente, o formato blog pode ir máis aló de ser un soporte de publicación electrónica (algo xa interesante), xa que pode aproveitar as posibilidades da textualidade electrónica. Eis un camiño a seguir explorando.
Libros de mañá, a posición de Manuel Gago
/en Libro, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemas
Manuel Gago publica hoxe unha anotación importante, a raíz do debate sobre “Os libros de mañá“, ao que tantas referencias fixemos no blog. A posición de Gago resúmese no derradeiro parágrafo da anotación:
“A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel.”
Pouco que obxectar a unha posición que como lector comparto, o mesmo que a da inevitable chegada dun dispositivo electrónico portable de lectura, que ha substituír, máis ou menos cedo ao papel impreso. O reto que temos por diante os editores é crear unha nova cadea de valor para esta nova tipoloxía de edición, algo que nestes momentos aínda está por consolidarse. O futuro a medio prazo da edición está na excelencia do contido e non, como até agora, na fabricación de unidades impresas e a súa distribución ao detalle. Agradécese unha achega esperanzadora como a de Gago.
2008, ano sen papel
/en Libro, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemas
É moi interesante esta anotación de Calidonia sobre as razóns que o levaron a mercar un Sony Reader que pode axudarnos a valorar as posibilidades deste dispositivo de lectura electrónica. Seguiremos as súas anotacións de usuario que semellan, polo comentario que nos deixa nunha das nosas, moi favorables e demostran que esta cuestión está “máis aberta que nunca”:
“Adianto que para min o único inconveniente é o prezo, o cal non é un inconveniente a ter en conta, se atendemos á evolución da tecnoloxía e do mercado.
O fetichismo ou o atractivo da presentación é unha cuestión que máis que un obstáculo á difusión destes trebellos é un criterio de segmentación do mercado de lectores. Quen lle confira a iso importancia é evidente que seguirán apostando por encher as estantes de papel. Quen non se importe con iso e coide que a obra, o contido, enche as súas expectativas de lectura, non terá, na miña opinión, ningún problema: nin de lectura (resolución superior á das edicións de peto), nin de portabilidade (2GB de libros nun moleskine!), nin de batería (centos de horas de lectura!).
Antes ao contrario, os dispositivos de lectura presentan vantaxes sen igual que entroncan co mundo dixital. Imaxinan os textos da Galipedia automaticamente convertidos a un libro que se pode consultar (e navegar!) neste dispositivo. É só un exemplo.
Por iso coido que non é só que o asunto no nestea pechado, senón que está máis aberto que nunca. E parece que si, que 2008 é xa o seu ano de despegue.”
Agradecemos a Calidonia tan interesante anotación. Quizais probemos con este dispositivo.
Por que fracasan os e-books?
/en Libro, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemas
Esta explicación de Joaquín Rodríguez amosa moi claramente cáles son as razóns polas que ata agora veñen fracasando os e-books, os dispositivas de lectura electrónicos. Como ben sinala Martín Gómez (na anotación que enlzao, magnífica e oportunísima coma sempre) os dispositivos fracasaron por que non acertaron nin coa portabilidade (os libros impresos son máis versátiles aínda neste aspecto), nin coa comodidade para a lectura (a a interface das pantallas non superou á páxina de negro sobre branco do papel), nin coa usabilidade nin cun prezo suficientemente atractivo. Se a isto engadimos, que unhas tecnoloxías non teñen porque substituír ás anteriores e que o acceso aos contidos electrónicos continúa limitado, podemos agardar a existencia e a viabilidade dos libros analóxicos durantes uns cantos anos. Isto non quere dicir, porén, que este sexa un tema pechado.
Libros sen papel
/en Libro, Literacidade, Tecnoloxías/por bretemas
Xavier Alcalá é dos primeiros autores galegos que propón unha reflexión pública sobre a utilidade dos libros sen papel. Alcalá, como tecnólogo que é expresa a súa posición, con prudencia, mais sen deixar lugar a moitas dúbidas:
“O libro sen papel está na rúa, conectado sen fíos á rede de redes, e capacitado para almacenar moreas de textos que se len comodamente pasando páxina ao premer un botón. Polo momento estes libros «electrónicos» non son baratos, pero a curva de aprendizaxe vainos converter nunha vulgaridade coma a dos teléfonos móbiles.”

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
A dignidade dunha derrota18 de Abril de 2026 - 9:02 a.m.
Dous aeroportos, catro terminais14 de Abril de 2026 - 3:51 p.m.
A lámpada de Claudio13 de Abril de 2026 - 9:26 a.m.
Reconquista fiel9 de Abril de 2026 - 8:12 a.m.
O galego, ben da humanidade3 de Abril de 2026 - 8:29 p.m.







