Onte 170: Debate sobre os libros de texto dixitais

Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.

Onte 124: Letra a letra

Comecei a semana cun agasallo inesperado. O meu mestre Antón Costa dedicoume un exemplar de Letra a letra, unha edición facsímil do libro que os alumnos de Simeón Omella, mestre da escola de Plasencia del Monte, compuxeron no curso 1934-1935 servíndose da imprenta escolar. Antón, prologuista desta obra publicada polo Museo Pedagógico de Aragón en edición moi coidada, foi quen deu conta da súa existencia cando en 2010 publicou dúas das súas páxinas no seu libro D’ Abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975). Composto letra a letra por escolares de nove anos, o libro foi conservado dende a primavera de 1939 na casa de Elise e Celestin Freinet en Saint Paul de Vence para pasar logo, co resto do fondo Freinet, aos Archives Departamentales des Alpes Maritimes de Niza. Estas máis de cen páxinas deste libro de vida inclúen textos libres (contos, experiencias de campo, excursións, correspondencia con outros escolas europeas, debuxos…) daqueles rapaces dunha escola republicana aragonesa que dirixidos polo mestre Orellana utilizaban as técnicas da escola moderna de Freinet. Letra a letra é un libro documento excepcional que amosa a anticipación e actualidade das técnicas da Escola Moderna. Admirable pulsión de vida e de traballo pedagóxico nun libro de fasquía ben xeitosa que sei entusiasmará aos mestres e mestras galegas vencellados ao proxecto da escola popular galega.

Onte 95: Un Valedor para a lingua

A noticia de Atlántico Diario, incluído o seu titular, é moi alarmante. O Valedor do Pobo, un dos responsables de velar polos dereitos dos cidadáns galegos, incluídos os seus dereitos lingüísticos, na resposta á queixa presentada por Pedro Larrauri, responsable en Vigo de UPyD, ignora o apartado primeiro do artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía de Galicia, aquel que di: «A lingua propia de Galicia é o galego». A noticia, ademais de provocarnos desolación, amosa un preocupante descoñecemento por parte da Oficina do Valedor da actual lexislación educativa no que atinxe á industria editorial. Por fortuna, dende a aprobación da actual LOE, os editores educativos xa non temos que presentar os novos libros de texto á aprobación previa da Consellaría de Educación. Corresponde á Inspección Educativa a supervisión xeral da actividade académica dos centros, incluíndo a programación didáctica, as metodoloxías e os materiais curriculares utilizados. Se algunha persoa ou institución considera que os os libros de texto non respectan o marco constitucional, as leis ou o currículum vixentes, debe denuncialo diante dos tribunais de Xustiza. Esa é a instancia onde se dirimen este tipo de cuestións. Na polémica que nos atinxe, o Valedor do Pobo debe rectificar decontado e comunicar as súas desculpas ao editor de Vicens Vives, que na publicación do seu texto didáctico non conculcou dereito ningún nin violentou lei ningunha. Expreso o meu apoio e solidariedade aos compañeiros da prestixiosa editora catalá, que contan cun amplo e utilizadísimo catálogo en lingua galega; estou seguro que terán dificultades para entender o esperpento provocado en Galicia por esta minoría que non cesa a súa teimosa campaña contra a lingua e cultura galegas. Diante de situacións xa tan reiteradas, ben sería que desde a sociedade civil galega se crease a figura do VALEDOR DA LINGUA para actuar coa maior dilixencia e lexitimidade nestas lideiras nas que os sectores negacionistas buscan o seu protagonismo e visibilidade. Unha institución de prestixio indiscutible, que moi ben podería estar avalada pola Real Academia Galega e por cantas outras asociacións privadas quixeran unirse no seu labor de amparo das actividades de fomento da lingua galega.

«O pracer de aprender» (1992)

«O pracer de aprender». Materiais educativos de Xerais (1992) from Manuel Bragado on Vimeo.

A historia da edición en Galicia aínda está por facer. Velaí esta peza publicitaria (hoxe chamaríamola «book-trailer», como estoutra a primeira da historia da edición en galego) que preparamos en Xerais hai dezaoito anos para presentar nos centros de Primaria e nas xuntanzas que faiamos co profesorado os materiais curriculares da reforma curricular da LOXSE. Transcorridos o tempo (fixémonos maiores neste traballo, como os mociños e mociñas do Colexio Martín Codax de Vigo que aí aparecen), vemos atrás con certa melancolía e orgullo o noso inequívo discurso galeguizador e de renovación pedagóxica, plenamente vixente. Convido a ver o vídeo de sete minutos e medio con eses ollos de escola galeguizadora.

Os editores galegos rexeitan as «Bases do decreto do pluriliguismo»

Membros da Xunta Directiva da AGE foron recibidos onte por autoridades da Consellaría de Educación (excusaron a súa ausencia tanto o conselleiro como o secretario xeral de Política Lingüística). No transcurso da reunión, os editores presentaron a súa valoración das «Bases para a elaboración dun decreto de plurilingüismo» que subscribe como punto de partida a filosofía do informe da RAG e rexeita, dende criterios estritamente empresariais, a redacción do apartado 8.1 do documento de «Bases», no que se fai referencia a edición e utilización dos libros de texto.

Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparte a materia. A Administración educativa promoverá a elboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeiras(s).

Os editores manifestaron que de aprobarse esta redacción produciríase unha fragmentación do mercado dos materiais curriculares en Galicia que sería imposible de satisfacer por parte das editoriais, tanto pola necesidade de reducir as tiraxes, como polo aumento desorbitado dos custos de creación editorial que supoñería a edición simultánea en tres linguas. A esta reflexión engadiron que o sistema de elección de lingua por parte das familias, adiará a toma decisións dos centros educativos e fará imposible a fabricación dos materiais coa antelación precisa. Nesta liña, os editores reclamaron dispoñer dun calendario de produción racionalizado e coherente co programa de implantación da nova modalidade de gratuidade prevista polo actual Goberno Galego.

Os editores amosaron, ademais, a súa enorme preocupación sobre a eficacia pedagóxica do equilibrio entre as tres linguas escollidas, solución non contemplada á hora da redacción dos currículums actualmente en vigor. Sinalaron que «converter un terceira lingua non natural (fose inglés ou outra) en lingua vehicular para desenvolver os currículums vixentes, comprometería a viabilidade didáctica e calidade dos materiais, xa que a edición nunha lingua estranxeira implica unha adecuación dos proxectos editoriais aos niveis de competencia lingüística do alumnado (moi inferiores ao das súas dúas linguas natuais), o que suporía unha inevitable rebaixa dos contidos e un claro incumprimento da obriga de abordar a totalidade dos currículums.»

Por niveis educativos, os editores amosaron a súa aberta disconformidade co modelo establecido nas «Bases» para Educación Infantil que «parece contradicir o establecido no artigo 8 da “Carta Europea das Linguas Minorizadas”», xa que é moi probable que coa solución adoptada a edición en galego será minoritaria e dificultará continuar publicando unha oferta que veu mellorando moi sensiblemente nos últimos cursos. Con respecto á Primaria, os editores expuxeron que non lles parece lóxica de maneira ningunha a impartición en castelán (ou en inglés ou noutra lingua estranxeira) da área de Coñecemento do Medio, a área máis vencellada a nosa cultura propia (tradicións, costumes…), á nosa xeografía, aos nosos saberes tradicionais ou ao coñecemento dos nosos episodios históricos. Semellantes argumentos servirían tamén para as materias de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza da Secundaria Obrigatoria, co problema engadido de que semella moi pouco defendible a previsible mudanza de linguas vehiculares ao longo da historia escolar de cada alumno. O mesmo sucedería coa fragmentación da oferta lingüística das áreas optativas, tanto da ESO como das diversas modalidades do Bacharelato, nas que moi dificilmente será rendible a publicación de manuais. Por último, os editores amosaron a súa decepción polo tratamento lingüístico da Formación Profesional, etapa da que desaparecerían os materiais en galego, quedando reducida a presenza da nosa lingua á oferta dun Vocabulario Técnico de cada materia.

Os editores galegos propuxeron que para lograr a consecución de idéntica competencia lingüística nas dúas linguas oficiais, como quedou establecido nos documentos curriculares vixentes, se deberían respectar cinco condicións: 1ª,  a prevalencia dos criterios pedagóxicos sobre calquera outros; 2ª, a elección da lingua vehicular das materias por parte das autoridades educativas (por medio do decreto); 3ª, a prioridade das dúas linguas oficiais; 4ª, A continuidade e mellora dos programas actuais de adquisición de inglés e do seu uso como lingua vehicular; e 5ª, a recuperación do consenso político e social que promoveu o propio PPdeG en lexislaturas anteriores.

Prehistoria da edición de recursos educativos en galego

«A edición de recursos educativos en galego. Achega a unha prehistoria» é o título da intervención que mañá farei no seo das II Xornadas «Os recursos educativos en galego», que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

O texto completo da intervención pode baixarse en pdf aquí.

A polémica da gratuidade do libro de texto

No artigo da semana reflexiono sobre os termos políticos nos que se realiza o debate arredor da gratuidade do libro de texto.

Campaña de libros de texto

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/s9l8vVL9Pyc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Rectificación oportuna

A medida anunciada hoxe pola Xunta Galicia sobre os libros de texto paréceme unha rectificación moi oportuna. Dende estas brétemas temos criticado reiteradamente a modalidade de préstamo do libro de texto imposta polo Goberno Bipartito, cuxos efectos perversos sobre o emprego e a viabilidade das empresas estamos soportando agora con enormes dificultades os editores e os libreiros. Este modelo de axudas directas ás familias, ao que sen dúbida, se lle deben introducir algunhas melloras e precisións (debemos agardar a coñecer a orde que o regula para afinalas), porén, vai na dirección correcta, sobre todo polo seu carácter socialmente máis redistributivo. Non deixa de ser chocante, tamén para min, que sexa un goberno conservador quen utilice estes criterios de solidariedade e de maior respecto para todo o sector do libro. Desta volta, o equipo de Feijoo e do conselleiro Vázquez acertaron.