Libro de texto

Agradécese moito esta reflexión de Txetxu sobre a cuestión do libro de texto. Estou convencido de que o novo sistema de prezo libre para o ensino obrigatorio implantado as presas, tras a recente aprobación da nova “Lei da lectura, libro e bibliotecas“, moi pouco vai contribuír a revalorizar o libro de texto como ben cultural e educativo e a favorecer a competencia entre librarías e grandes superficies (temo que os libreiros volvan ser os grandes perdedores). Se a isto engadimos a confusión creada en Galicia polo funcionamento do modelo de gratuidade mediante préstamo (sendo rigorosos, incompatible con este sistema de prezos libres), temos asegurado un vindeiro mes de setembro caótico para as familias, libreiros, profesorado e os propios editores. Non debería alguén poñer un pouco de orde e sensatez no sector?
Tampouco lle falta razón a Barandiarán cando profundiza na reflexión sobre o futuro dos materiais curriculares non universitarios, que, queirámolo ou non, está vencellado ao desenvolvemento das competencias dixital e en comunicación lingüística (a famosa ALFIN ou alfabetización informacional ou literacidade electrónica, como queiramos chamala) dentro de todo o sistema educativo. Para iso falta mellor conectividade nos centros, máis e mellores materiais electrónicos e moita formación (de editores e do propio profesorado). Calquera alternativa de futuro sobre o libro de texto (máis alá das “crises dos modelos de gratuidade”) debería pasar por abordar esta cuestión decisiva (unha auténtica reconversión do noso sector). Xa é tempo de que os editores comecemos a poñerlle nome aos verdadeiros retos cos que nos enfrontamos.

Etiquetas: