Vieiros, beizóns!

Vieiros acompañoume, día a día, durante quince anos. Con Vieiros aprendín a navegar por Internet e da súa man soñei cun país normal na rede. En día tan triste no que se despide, a miña humilde e agradecida homenaxe e reproducir un anaquiño do traballo que publicarei no vindeiro Grial sobre o nacemento do libro electrónico en galego, un eido no que o equipo de Lois Rodríguez foi pioneiro e alicerce de todo o que veu despois. As miñas maiores beizóns para todos os profesionais que formaron os equipos de Vieiros ao longo destes tres lustros.

Os precedentes do noso libro dixital están vencellados ao nacemento do Internet en galego. Aí foron decisivas as achegas realizadas polo portal «Vieiros», para min o corazón ( o motor) da nova literacidade en galego e da súa promoción entre o público.

Dende o portal «Vieiros», que naceu o 24 de febreiro de 1996 (coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía de Castro), desenvolvéronse moitas experiencias que pretendía aproveitar esta textualidade electrónica emerxente. Daquelas apenas existía algunha experiencia de Internet na Universidade de Santiago e unhas cantas páxinas persoas de pioneiros. Na primavera de 1996, «Vieiros» publicou un especial «Mil primaveras para a lingua galega», que podemos considerar como a primeiro libro electrónico en galego.

Tamén tivo moita importancia naqueles momentos alborais, estamos falando de 1996, algunhas páxinas web que promoveron a literatura galega, como aquel expléndido “Ximnasio de Akademo” de Manuel Forcadela ou “O qu do mundo” a páxina de Gonzalo Navaza, hoxe desgraciadamente inatopables na rede. Tamén foi o caso das «Botelhas ao mar» de Suso de Toro, textos literarios galegos pioneiros (publicados de 1999 a 2002) que coñecemos publicados na rede.

Porén, foron as experiencias de Camilo Franco, Por conto alleo (1999) e Necesariamente X. A razón máis quente (2001), tamén en «Vieiros», as primeiras que exploraron as posibilidades de creación literaria con participación dos lectores e lectoras.

Pechar a fenda dixital

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a fenda dixital aínda existente en Galicia, ao fío da aprobación do Plan Avanza 2 e da 2014.gal Axenda Dixital de Galicia.

«Feijóo, o galego e nós», presentación en Vigo

Este serán ás 20:00 na Libraría Librouro participaremos na presentación de Feijóo, o galego e nós, a escolma xornalística que coordinou Xosé María Álvarez Cáccamo sobre o conflito aberto dende o pasado ano polos sectores negacionistas da nosa lingua. Será unha boa oportunidade para saudar a Pancho Pillado, o noso bo amigo, responsable Laiovento, a editora do libro, ao tempo que reflexionar sobre o momento no que estamos no conflito do idioma. Estes libros que vimos editando nos dous últimos anos arredor da lingua están contribuíndo tanto a profundizar nas análises arredor das políticas lingüísticas e da saúde cada vez máis precaria do idioma noso, como a repensar o discurso e as formas na súa defensa. Comparto as doses de entusiasmo e realismo de iniciativas como GalegoLab, que enxergan novos vieiros para o fomento do galego en todos os eidos da vida social e para a defensa dos dereitos lingüísticos de todos os cidadáns e cidadás do país.

Adiante, Blogaliza!

Levamos unha grande ledicia cando soubemos onte que o premio Rosalía de Castro de Lingua, outorgado pola Deputación da Coruña, fose para Blogaliza. O xurado recoñeceu en Blogaliza «un esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego, que xunta o esforzo persoal e de investimento na creación dun soporte de internet», que foi creado por en 2003 por Pedro Silva e que dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva (Goretoxo), Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Un premio merecidísimo polo labor xeneroso do equipo de Blogaliza, tecendo laboriosamente a rede na nosa lingua e proporcionando un servizo formidable de forma completamente altruísta. Dende hai ano e medio estou moi orgulloso de formar parte activa desta comunidade e contar coa amizade de Goretoxo, Tati, Alfredo e Pawley, os nosos primeiros capitáns. Beizóns para todos eles. Adiante BLOGALIZA!

«Metamorfosis de la lectura», ensaio esencial de Román Gubern

No proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e dixital da comunicación cultural que estamos vivindo son moi necesarias as reflexións sobre o devir do propio proceso. Á abondosa bibliografía sobre a cuestión engádese Metamorfosis de la lectura, un ensaio esencial de Roman Gubern sobre a prolongada evolución textual protagonizada pola humanidade ao longo da súa historia. Papei as cento e vinte páxinas do libro en apenas dúas sentadas. Deslumbráronme os primeiros catro capítulos, referidos aos aspectos bioantropolóxicos do agromar da nosa cultura (un enfoque moi novidoso), dende o desenvolvemento das linguaxes, a escritura e os alfabetos, deica esa creación civilizatoria maxima que supuxo o libro, nas súas diversas aparencias: papiro, códice e impreso. Especialmente fermosos son os dous capítulos nucleares do ensaio, o terceiro, referido á epifanía do libro, e o cuarto, no que se aborda cunha claridade abraiante o período de apoxeo do libro impreso, os séculos XIX e XX. Gubern, un auténtico sabio, é capaz de ofrecer en apenas setenta páxinas unha fascinante historia da lectura, o libro e os movementos literarios a eles asociados. Gubern faino abordando o esencial, sen aborrecer con erudición académica, propoñendo ademais conceptos operativos (como o da «cadea enunciativa» da circulación social da escritura) que facilitan comprender mellor o momento de tránsito e toda a súa fraxilidade. Porén, chegado ao derradeiro capítulo («Da computadora ao libro electrónico»), Gubern sen abandonar a súa capacidade analítica para describir con acedume o fenómeno do «pantallismo contemporáneo» nin perder a posibilidade de bautizar a crise actual como a «Gran Recesión», queda posuído pola vertixe e fraxilidade da cultura dixital e renuncia a propoñer un espazo prospectivo e expresa, apenas, que «os soportes analóxicos e dixitais convivirán«. Máis decepcionante, aínda, son as dúas páxinas finais do ensaio nas que si se atreve a propoñer un decálogo das vantaxes ou atractivos do libro impreso sobre o electrónico, que non está á altura da lucidez dun texto chamado a converterse en referente sobre a cuestión. No entanto, recoméndoo moi vivamente, é un dos libros sobre libros máis interesantes dos que teño gozado nos últimos anos.

Internet de futuro

No artigo da semana reflexionoso sobre o conflito xerado arredor da disposición adicional primeira da LES, a famosa «Lei Sinde» ou antidescargas, coa que o goberno pretende legalizar a posibilidade de pechar algunhas páxinas web sen control xudicial. Máis alá da necesidade de aprobar unha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde co novo paradigma de comunicación cultural dixital, entendo que a cerna deste debate do Internet libre e respectuoso cos dereitos dos autores radica en «abordar de vez a cuestión do papel que teñen os poderosos provedores de Internet (como Telefónica ou Vodafone), os grandes privilexiados do aumento do tráfico na rede.»

Storytlr xunta as túas pegadas na rede

Moito agradezo a Goretoxo que montase unha nova ferramenta que permite xuntar as pegadas que imos deixando na rede. Hoxe a nosa identidade dixital constrúese coa conversa que mantemos empregando diversas ferramentas: no microbloguexo de twitter, na lectura dos feeds aos que estamos sucritos ou compartimos, nos vídeos que subimos ou na nosa participación nalgunha das redes de sociais. A ferramenta que instalou Goretoxo, baixo o dominio de blogomillo.org, permite seguir a nosa participación nun único espazo e ordenala de forma cronolóxica ou acoutala entre dúas datas. A experiencia de utilizala durante esta semana é moi satisfactoria, a pesar da imposibilidade de rexistrar as nosas pegadas no Facebook, a única pexa que lle poderiamos poñer.

Bos amigos, como Tati, Alfredo ou Goretoxo foron os pioneiros deste novo blogomillo. Intúo que esta é unha ferramenta que, a pesar de estar en probas e pendente de traducir, vai dar moito de si. Quen teña interese en abrir conta debe poñerse en contacto co administrador de blogaliza.

Ler é

É moi atractivo o portal Leer.es que acaba de abrir o Ministerio de Educación coa intención de transmitir o entusiasmo pola lectura e animar a súa práctica. Ademais do seu deseño coidado e contemporáneo (na liña da web 2.0), pareceume de gabar o esforzo por chegar os contidos tanto ás familias como aos docentes. Recóllese un catálogo extenso de recursos de animación en diversos soportes, que poden ser empregados na biblioteca de aula ou de centro. É novidosa a axenda da lectura así como a insistencia en todos os espazos na procura da participación do lectorado. Outrosí sucede coa posibilidade de escoller a navegación nas catro linguas oficiais (aínda que non estean todos os contidos en todas as linguas), algo abondo infrecuente nestes espazos. Non deixa de ser curioso que cando aparece este magnífico portal do Ministerio de Educación coñezamos que os espazos galegos públicos dedicados á promoción da lectura e da nosa literatura e edición no eido internacional (dependentes da Consellaría de Cultura) deixaron de ser actualizados esta semana, poucos días antes de que sexa anunciado o programa de «2010. Ano da Lectura».