O futuro do Culturgal

Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a  concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.

Fútbol, bandeira e lingua

Afeitos como estamos a dar conta de malas noticias, enchémonos de fachenda de abeizoar ao Club Deportivo Lugo ao Pontevedra Club de Fútbol, dous dos clubes de fútbol galego da 2º B, xa que decidiron incorporar a bandeira galega no colo da camiseta os lucenses e no seu escudo os do «hai que roelo».  A este xesto hai que engadir a consideración por parte dos pontevedreses do galego como o seu idioma oficial, tanto na súa documentación oficial como na megafonía do estadio de Pasarón. Pola súa banda, o Celta, o equipo pioneiro na utilización do galego como lingua oficial da megafonía no estadio (un feito xa consolidado, e promovido dende o concello, hai dúas décadas), tras as vacilacións da pasada tempada no uso do galego nas súas publicacións, decidiu incorporar a galega como unha das linguas da súa nova web. O Coruña de Lendoiro, o Rácing de Silveira e o Compostela de Caneda ben poderían facer algún xesto co noso idioma.

Prolingua

Velaí o espazo web aberto onte por Prolingua. Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega. Pode lerse o manifesto fundacional, a presentación da plataforma e os principios que rexen o seu funcionamento. Unha iniciativa plural e apartidaria que apoiamos con todo o noso pulo.

Lingua: recuperar o consenso

No artigo da semana, tras a presentación do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade», propoño en termos moi semellantes a recuperación do consenso arredor da lingua. Reproduzo o texto, xa que a versión publicada contén algúns erros e grallas que pexan a súa lectura (as miñas desculpas).

“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consenso básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos”.

Esta é a primeira frase do manifesto “Galego. Patrimonio da Humanidade” que avalado por máis de mil trescentas persoas, pertencentes os máis diversos sectores profesionais e de afinidades políticas, foi presentado o pasado venres na Casa Galega da Cultura de Vigo coa intención de reclamar ao PPdeG que regrese ao terreo común das políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que durante varias décadas impulsou desde os diversos gobernos presididos por Albor e Fraga. Un manifesto que constitúe unha chamada cívica de recuperación do consenso arredor das políticas de fomento e protección do idioma forxado tras tres décadas de esforzo colectivo entre os partidos políticos no Parlamento de Galicia, ao que tampouco foron alleos diversos sectores sociais, e plasmado nas unanimidades parlamentares acadadas pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 (aprobada sendo presidente Xerardo González Albor) e polo Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 (aprobado sendo presidente Manuel Fraga e vicepresidente Alberto Núñez Feijoo).

Porén, dende a campaña electoral, cando a dirección do PPdeG quedou prendida nos cantos de serea de grupos galegófobos minoritarios e das directrices emanadas de FAES, e sobre todo nestes meses andados tras a constitución do Goberno Galego, o presidente Feijoo, tras asumir (con inusitado protagonismo) os custes e beneficios políticos de subvertir o marco actual do galego, decidiu acometer unha operación consciente e planificada de desmontaxe dos tres consensos básicos acadados durante o período autonómico arredor da protección da lingua e da cultura galegas. Primeiro, o de considerar a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia en todos os ámbitos sociais; segundo, o da obriga de todos os poderes públicos sen excepción de asegurar a normalización do galego como lingua propia de Galicia; e, terceiro, o de asegurar a non discriminación de ningún cidadán ou cidadá por razón de lingua.

Consensos que se pretenden facer cachizas amparándose na existencia dunha suposta “imposición lingüística do galego”, promovida polos sectores nacionalistas. Unha falsidade que, de tantas veces repetida ata o delirio por parte de sectores galegófobos, semella ter calado, magoadamente, nunha parte da sociedade galega, e que oculta un modelo de monolingüismo baseado na supremacía do castelán e a consideración residual do galego apenas como lingua etnográfica. Consensos que, ademais, semellan considerarse innecesarios cando os membros do actual Goberno se amparan na maioría absoluta obtida nas eleccións como mellor argumento para xustificar algunhas das súas medidas (como a supresión da proba de galego no acceso á función pública), que constitúen os primeiros retrocesos institucionais sobre protección do galego coñecidos no período autonómico.

Porén, como sinala o manifesto cidadán, “Galego. Patrimonio da Humanidade”, “gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país”. É innegable que en Galicia se falan dúas linguas, e é innegable, tamén, que están en situación de moi clara desigualdade, como demostran os estudos sociolingüísticos independentes, que salientan, ademais, o feito dunha recuperación histórica da sáude do galego nos últimos anos (un feito que debemos celebrar). Desigualdade na que reside a razón pola que o galego debe recibir unha especial protección e fomento da súa aprendizaxe por parte dos poderes públicos, requisito imprescindible, ademais, para asegurar a posibilidade de elección en total liberdade dos seus usos por parte dos cidadáns e cidadás do noso país. Mais se isto non abondase, os estudos sociolóxicos amosan a existencia na sociedade galega dunha corrente basal de aprecio cara a lingua de noso, independentemente de cal fose o idioma no que cada cidadán se expresa decotío. Unha corrente de aberta simpatía en amplos sectores cidadáns cara as medidas de fomento do galego e do desenvolvemento dunha sociedade plurilingüe, onde o galego sexa considerado como lingua propia e de uso preferente nos eidos educativos e sociais.

A recuperación do espazo de consenso arredor do idioma, tan traballosamente forxado, é o requisito primeiro para a nosa convivencia en liberdade. Poñer en perigo semellante patrimonio común, como se ven facendo durante estes últimos meses, pode ter consecuencias inimaxinables para o país. Pola contra, o exemplo do recente consenso acadado na FEGAMP (onde están presentes os partidos do goberno e da oposición) con motivo do vinte e cinco aniversario da “Declaración do Hostal”, afirmando con toda claridade “o galego como lingua propia dos concellos e deputacións de Galicia”, é o camiño a seguir.

«Como galego sinto vergoña»

Tras o acto de presentación do manifesto «Galego. patrimonio da Humanidade» (onde houbo unha importante participación e intervencións moi relevantes), fixen estas declaracións para Galicia hoxe.

Como galego sinto vergonza de que o presidente do meu país teña tan escasa consideración co esforzo colectivo de case tres décadas que costou forxar o actual estatuto xurídico do galego. Recuperar este consenso é unha prioridade para a nosa convivencia. Interpreto a tremenda acollida que ten o manifesto  (alén do papel dinamizador da propia rede) e o xermolar de diversas iniciativas  organizativas arredor do idioma como un síntoma do malestar existente en sectores urbanos moi diversos da sociedade coa actual política do Goberno Galego sobre a lingua, mais tamén como un síntoma moi esperanzador de vitalidade cívica.

«GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE», presentación do manifesto

O venres, 10 de xullo, ás 12:30 horas, no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura de Vigo presentaremos o texto do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade». Ata o día de hoxe apoian o texto 1.152 persoas.

GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Hoxe puxemos en marcha a iniciativa de civilidade para a lingua de todos. Aquí pode lerse o texto do manifesto que estamos promovendo.

Algúns medios como Vieiros xa informan dunha iniciativa que está correndo a unha velocidade tremenda. Grazas a todos e todas por darlle visibilidade.

 

O galego serve para entendernos

O mellor que lin na prensa do domingo é este texto de José Manuel Atanes Limia publicado na sección de «Cartas» de Faro de Vigo. O texto permite un aproveitamento didáctico formidable e múltiples iniciativas de fomento de uso do galego. Parabéns para o seu autor que atina cun rexistro con forte capacidade emotiva e evocadora. Eis un vieiro interesante para expresar a nosa disidencia. Replicalo nos diversos blogs ou completar cada unha das liñas con novas palabras podería ser unha xeitosa cadea na rede en defensa da utilidade da lingua de todos.

Puxémoslle nome ás persoas: Suso, Maruxa,… apelido: Vázquez, Nogueira, …. e alcume: o Bichoguizo, a Rachaoferro, ….
Puxémoslle nome ás nosas árbores: amieiro, freixo,… e apelidos: Carballa da Rocha, Castiñeiro da Capela,…
Botamos aturuxos, arroutadas,…. e damos colo, apertas, ….
Puxémoslle nome ás froitas: pexego, mazá, ….
Aos arbustos: silva, xesta, ….
Ás nosas herbas: camariña, herba de namorar, …
Ás comidas: grelos, cacheira, …..
Puxémoslle nome aos insectos: vagalume, escornabois, ……
Aos peixes: xouba, ollomol , …. e aos mariscos: vieira, zamburiña,….
Ás nosas praias: de Rodas, A Rapadoira, ….
Ás serras: O Larouco, A Capelada, …
Aos montes: A Zapateira, O Galiñeiro, …
As rochas: Pena Corneira, A Pedra de Avalar, …
Aos ríos: Toxa, Xallas,..
Aos pobos: Soutelo, Peroxa, ….
Aos males: Mal de Ollo, O Arangaño,…
Aos nosos medos: A Santa Compaña, O Negro Meigallo,…
Aos nosos heroes: O Foucellas, Roi Xordo,..
Aos monstros: Sacauntos, Fendetestas, …
As vacas: Marela, Xeitosa, ….
Aos disfraces: Peliqueiro, Boteiro, ..
Aos sentimentos: morriña, agarimo, …
Aos santos: A Franqueira, O Corpiño, ..
Ás nosas festas: A Rapa das Bestas, O Magosto, …
Á musica: os alalás, a chouteira, …….
Aos xogos: a billarda, a porca, ……
Ás partes do corpo: as costas, os xeonllos, ..
Aos paxaros: paporrubio, rula,…
Ao vestido: saia, polaina,…
….e agora veñen que para que serve o galego, pois e obvio, para entendernos.

Clásica2

O meu amigo Rafael Ojea (paga a pena visitar o seu fermoso fotoblog) recomenda Clásica 2, unha páxina do melómano vigués Manuel López Benito. Sen dúbida, o que máis me gustou foi o blog, onde se publican cada día fragmentos musicais comentados con moito talento e amenidade. Ademais, o autor promete poñer en marcha un podcast. Clásica 2 é un formidable recurso didáctico e unha páxina para todos os curiosos que queren saber un chisquiño máis de música, pintura, filosofía, literatura… Parabéns para López Benito.

As linguas suman

A iniciativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de enviar este tríptico ás familias é unha resposta docente moi axeitada á prexuizosa e falsa consulta ás familias do Goberno Feijóo. Neste momento, dende todas as instancias das que dispoñemos os defensores do idioma, é imprescindible colaborar coa estratexia desta Coordinadora e insistir cos seus membros en dúas ideas fulcrais: primeira «o galego é a lingua de todos»; a segunda: «se queremos que todos os cidadáns galegos sexan competentes nas dúas linguas ao remate da secundaria obrigatoria, é imprescindible que empreguen o galego como lingua vehicular de aprendizaxe». Outrosí sucede coa importancia de empregar argumentos pedagóxicos (estritamente técnicos, e non ideolóxicos) neste debate (obviados olimpicamente polos responsables da consulta) como a capacidade de transferencia que proporciona a aprendizaxe de varias linguas a idade temperá ou que nas comunidades con lingua propia (como a nosa ou a catalá) os alumnos e alumnas obteñen mellores resultados nos informes de Pisa que noutras comunidades na que empregan só o castelán. Non hai que despreciar, tampouco, os argumentos xurídicos (ao longo prazo serán os determinantes) sobre a invalidez formal da consulta e a súa falta de garantías de confidencialidade no procesamento de datos de carácter persoal.

Tamén é outra moi feliz iniciativa o comunicado conxunto, publicado hoxe, de sindicatos e colectivos educativos a prol do respecto do galego nas aulas.

“As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego”.

CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística

A resposta cívica serena, ben urdida en argumentos coma os destas dúas iniciativas, é o único vieiro que debemos coller na defensa da lingua ameazada. As linguas suman.