O galego abraza

No artigo da semana en Faro de Vigo insisto sobre a necesidade do compromiso de cada cidadán co futuro do idioma. O que suceda co galego depende de nós.

O maior erro do presidente da Xunta de Galicia nos dous últimos anos foi abandonar o consenso forxado ao longo das tres décadas de autonomía arredor do estatus da lingua galega e das políticas para o seu fomento e promoción en todos os eidos da vida social, política e económica. Unha posición á que sabemos non foron alleas nin as presións dos minoritarios grupos contrarios á promoción do galego nin as orientacións dos think tank que promoven unha refundación recentralizada do estado autonómico. Un erro agravado tras a aprobación unilateral por parte do PPdeG, sen apoios sociais e profesionais, do “Decreto de Plurilingüismo”, que por primeira vez na nosa historia reduce a presenza do galego no sistema educativo non universitario e que foi recorrido diante dos tribunais pola Real Academia Galega, un feito incrible en calquera outro país. Unha decisión política que está agrandando unha ferida aberta na sociedade, como puido comprobar o propio presidente no panorama que contemplou na cerimonia de entrega dos Premios da Cultura Galega, aos que non acudiron nin os representantes dos partidos da oposición nin membros da sociedade literaria, apoiando deste xeito a opción do escritor Agustín Fernández Paz que coa maior coherencia e elegancia non puido aceptar un premio co que expresara con anterioridade o seu desacordo.

É innegable que na sociedade galega existen sectores minoritarios que se avergonzan da lingua galega e do pulo acadado pola súa cultura, un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado. É un feito que estes sectores, que se presentan como defensores do bilingüismo, son moi teimosos no seu labor de provocar o retroceso da presenza do galego en todos os eidos da vida pública, singularmente no sistema educativo non universitario, onde ao abeiro da súa crise actual como mecanismo eficaz de mobilidade social, atopan o mellor caldo de cultivo para o fermento dunhas posicións que inequivocamente defenden un monolingüismo social para o castelán como un elemento diferenciador. É innegable, ademais, que ao uso da lingua galega non son alleos prexuízos tan falsos como estendidos que identifican aos que a utilizamos decote ben como aldeanos ou ben como “galeguistas”, ese colectivo cidadán formado polo profesorado de galego e pola militancia nacionalista. Prexuízos que caen polo seu propio peso cando sabemos que o galego, a pesar do retroceso do seu emprego nos entornos urbanos, singularmente o noso de Vigo, é a única lingua que segue a ser, tras 500 anos de imposición do castelán, a lingua maioritaria na súa comunidade.

No entanto, a pesar destas posicións que causan división arredor do estatus do galego, un dos símbolos maiores da nosa convivencia, para enfrontar o seu difícil futuro é imprescindible, urxente, inevitable que todas as forzas políticas recuperen no Parlamento o camiño da concordia. Non se pode adiar por máis tempo intentar artellar este novo consenso arredor do estatus da lingua, concibida como parte esencial da nosa riqueza, como o patrimonio máis valioso que posuímos, e nunca como un problema ou como unha barreira de división ou de fractura entre os partidos ou entre a cidadanía. Un novo consenso elaborado en condicións de xustiza e equidade, o que inevitablemente levará aparellado, como sucedera en 2004 no consenso anterior arredor do PXNL, a posta en marcha de políticas firmes de acción positiva a prol do galego en todos os eidos da vida social, educativa ou institucional.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, escribiu que “o galego é o ADN do que fomos, do que somos e do que queremos ser”. Será a cidadanía coa súa voz e voto a que declarará un futuro para o galego ou a que decidirá a súa lánguida extinción. O que suceda depende de cada un de nós, daqueles que utilizan decote a lingua e daqueloutros que optan por non facelo, daqueles que se apuntan ao partido da esperanza ou daqueloutros que prefiren desentenderse deste patrimonio.

Os que nos apuntamos ao partido da esperanza sabemos que é indispensable aumentar as dimensións do perímetro da apreta do galego, de ampliar o número de persoas que valoran este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis eficaz e innovadora que posuímos todos os galegos a esta altura do século XXI. Contamos con moitas posibilidades de utilizar o galego como abrazo: ler en galego, escribir en galego, felicitar as festas en galego, agasallar en galego, escoller a opción galego cando exista a posibilidade de utilizar un servizo nesta lingua, reclamar o uso do galego cando non estea dispoñible esta opción, solicitar ser atendidos en galego cando nos dirixamos ás administracións…, posibilidades todas de exercer pacificamente o dereito a existir da nosa lingua, de valorar o noso. Falemos como galegos!

Varela crea a Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas

Non hai dúbida de que o anuncio realizado por Roberto Varela esta mañá no Parlamento Galego, cando comparecía na comisión de orzamentos,  sorprendeunos a todos, dende aos partidos da oposición aos diversos sectores profesionais da Cultura. A creación dunha Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas supón elevar de rango administrativo e político o libro, apostando por priorizar as políticas de lectura, o que constitúe un motivo de esperanza. No entanto, a pesar do espectacular e inagardado anuncio, que ende ben supón unha reestruturación da Consellaría de Cultura, ao que non pode ser allea, tampouco, a próxima inauguración da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, a chave reside nos recursos humanos e económicos cos que contará esta nova Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas. Velaí o cerne da deboura, como adoitabamos dicir hai trinta anos, cando comezaba o proceso autonómico. A de hoxe pode ser unha grande noticia ou unha grande decepción (como nos aconteceu co chamado «Ano da Lectura» que saudamos con ledicia). Polas noticias que apareceron ao longo da xornadas as esperanzas axiña poden esmorecer, xa que a consellaría de Varela en 2011 reducirá o seu orzamento nun 33%, cifra que duplica a redución do conxunto da Xunta. Ogallá Varela, que con esta decisión recuperou moita iniciativa, tomase boa nota do modelo da Dirección General del Libro y Bibliotecas do Ministerio de Cultura, un dos poucos departamentos do Goberno de Zapatero que non reduce o seu orzamento en 2011. Varela sabe que o libro e a lectura son un proxecto estratéxico, agora, tamén para o seu futuro e a súa credibilidade.

Libraries Will Survive

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/T8QjjKrEK7Y" width="780" height="440" wmode="transparent" /]
Os lipdub continúan sendo un xeito para vehiculizar as protestas. Eis a duns bibliotecarios estadounidenses que denuncian os recurtes dos seus orzamentos. Velaí unha proposta de actuación posible diante dos recurtes nas políticas culturais e de promoción da lingua?
Vía Trafegando ronseis.

54%

A polémica sobre a supresión das axudas públicas ao funcionamento do Noitebús ou o peche de determinados comedores escolares é unha manobra de engano para agochar a máis crúa realidade: a Xunta de Galicia en 2011 rebaixará todas as aplicacións orzamentarias de todos os seus departamentos deica o 54% (a conselleira de Facenda dixit). A Feijóo fátanlle para 2011 nada máis e nada menos que 1.000 millóns de euros, pouco pode adiantar suprimindo eses catro ou cinco do pobre Noitebús que poden salvar algunhas vidas dos nosos mociños. Ben sabemos o rendemento que lle proporcionou a Feijóo a estratexia dos audis ou das cadeiras do consello da Xunta (que agora utiliza sen problema ningún), mais esta retórica demagóxica ten os seus límites, como queda ben claro na lamentable persecusión do Noitebús, unha conquista indiscutible e exitosa do anterior goberno de coalición. 54% de redución nos investimentos, esa é a dura realidade á que se enfronta á cidadanía galega (insisto, son previsións da conselleira Currás).

Educación, Sanidade e Servizos Sociais

Irene Bascoy, xornalista de Faro de Vigo, tiroulle da lingua ao presidente Feijóo e conseguiu algunhas importantes concrecións sobre o que serán os vindeiros recurtes do orzamento autonómico. Como é adoito en Feijóo fachendea na entrevista de ser o primeiro defensor da austeridade e dos recortes de políticas públicas, a pesar de que agocha coidadosamente que o seu goberno vai gastar máis de 800.000 euros nunha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade en Galicia e outro millón longo de euros en facer publicidade da posición do seu goberno sobre o Decreto de Plurilingüismo, unha campaña que agoira converterse nun dos seus maiores desacertos (a verdade que xa comezou metendo a zoca na convocatoria do «concurso» no DOG considerando de forma disparatada o castelán como lingua propia de Galicia).

Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:

El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.

Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).

En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.

«Galicia, un estado de desánimo»

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío tanto da efeméride 25 de xullo como da lección proporcionada polo bo resultado do equipo de Vicente del Bosque, propoño unha estratexia para mudar o estado de desánimo no que se atopa o país noso. Creo que Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía e tensión (traducidas politicamente en «autogoberno e consensos») que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como demostrou Cataluña recentemente, non se resignan a que outros decidan por elas.

«Todos certificamos obras sen rematar»!!!

Coñecedes algún país onde o presidente do seu goberno recoñeza en roda de prensa que os seus funcionarios públicos non respectan as leis? Non saio do meu asombro que sexa o presidente do goberno do meu país.

Pechar a fenda dixital

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a fenda dixital aínda existente en Galicia, ao fío da aprobación do Plan Avanza 2 e da 2014.gal Axenda Dixital de Galicia.

«Galega 100%»?

«Galega 100%»: Entenderíamolo perfectamente se o sintagma fixese referencia á fusión das caixas de ahorros galegas ou á denominación da tenreira galega, porén resulta absurdo incorrer nun erro de concordancia gramatical para referirse ao leite de noso. O indignante do asunto é que non se trata dunha gralla, froito do desleixo ou do escaso coñecemento dos redactores, o erro ortográfico semella premeditado. Preséntase un lema publicitario en galego incorrecto, facendo, ademais, co deseño gráfico un aceno a que puidese ser entendido como orixinalmente escrito en castelán. Ben sei que os publicitarios aducirán razóns para xustificar esta ambigüidade, a principal: que o selo ou marca da calidade presentado foi concibido para exportar o noso leite ao resto das comunidades españolas. Un argumento pouco convincente, xa que de ter un chisco de vontade e unhas poucas doses de autoestima, a iniciativa podería servir, ademais, para dar a coñecer de forma orgullosa a existencia do noso idioma en mercados doutras comunidades onde existen tantos prexuízos sobre o emprego das linguas recoñcidas na Constitución. Ademais, o erro ortográfico non agocha un detalle de fondo que pode ter a súa relevancia: a presentada por Feijóo e Juárez (co apoio de Xóvenes Agricultores) non se trata dunha Indicación Xeográfica Protexida sometida á disciplina dun consello regulador (como a do mel ou a dos viños), senón un selo privado de calidade, xa que será o Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (Ligal), titular da marca, quen concederá as certificacións a aquelas industrias leiteiras que pretendan utilizala. Está claro que transcorrido un ano de duro litixio, sabemos que na cuestión do emprego das linguas por parte de Feijóo non podemos ser inocentes.

As caixas de aforros desaparecerán

Tras a aprobación do Decreto que reforma a Lei de Caixas do Goberno Central (LORCA), semella que  as caixas de aforros desparecerán, tal como as coñecimos até agora. Ben sei que o proceso de bancarización afectará antes a unhas entidades ca outras; son consciente, ademais, que no caso das caixas galegas o seu proceso actual de fusión disuadirá, quizais durante un tempiño, a entrada de capital privado; no obstante, non se pode agochar que no contexto das durísimas medidas de axuste ordenadas polo FMI o futuro para estas entidades de aforro de carácter semipúblico xa é, moi, moi escaso. Despois da ledicia que supuxo para todos o inicio do proceso de constitución da Caixa Galega (o proceso utilizado para bautizala podería ser, en si mesmo, indicativo de por onde podería ir o seu futuro a medio prazo), o primeiro dos acordos económicos entre Zapatero e Rajoy (desenténdéndose das competencias que sobre a materia puidesen ter as CC.AA.) pode levarse por diante o carácter público da entidade fusionada, o que constituiría unha pésima noticia para Galicia. Semella que a hipótese máis negativa que manexamos hai uns meses pode verificarse: primeiro se realizarían as fusións das entidades e logo se procederían a súa privatización (bancarización). Alguén (dende o presidente Zapatero ao presidente Feijóo) debería dar explicacións á cidadanía do que está sucedendo e das razóns desta previsible desmontaxe (cos cartos públicos do FROB) de tan importante ferramenta financeira, indispensable para o desenvolvemento do noso tecido empresarial e para a vitalidade da nosa industrial cultural. Quedará outra vez a cidadanía a velas vir?