«Galega 100%»?

«Galega 100%»: Entenderíamolo perfectamente se o sintagma fixese referencia á fusión das caixas de ahorros galegas ou á denominación da tenreira galega, porén resulta absurdo incorrer nun erro de concordancia gramatical para referirse ao leite de noso. O indignante do asunto é que non se trata dunha gralla, froito do desleixo ou do escaso coñecemento dos redactores, o erro ortográfico semella premeditado. Preséntase un lema publicitario en galego incorrecto, facendo, ademais, co deseño gráfico un aceno a que puidese ser entendido como orixinalmente escrito en castelán. Ben sei que os publicitarios aducirán razóns para xustificar esta ambigüidade, a principal: que o selo ou marca da calidade presentado foi concibido para exportar o noso leite ao resto das comunidades españolas. Un argumento pouco convincente, xa que de ter un chisco de vontade e unhas poucas doses de autoestima, a iniciativa podería servir, ademais, para dar a coñecer de forma orgullosa a existencia do noso idioma en mercados doutras comunidades onde existen tantos prexuízos sobre o emprego das linguas recoñcidas na Constitución. Ademais, o erro ortográfico non agocha un detalle de fondo que pode ter a súa relevancia: a presentada por Feijóo e Juárez (co apoio de Xóvenes Agricultores) non se trata dunha Indicación Xeográfica Protexida sometida á disciplina dun consello regulador (como a do mel ou a dos viños), senón un selo privado de calidade, xa que será o Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (Ligal), titular da marca, quen concederá as certificacións a aquelas industrias leiteiras que pretendan utilizala. Está claro que transcorrido un ano de duro litixio, sabemos que na cuestión do emprego das linguas por parte de Feijóo non podemos ser inocentes.

7 comentarios
  1. cristiano ronaldo
    cristiano ronaldo Dice:

    Eu non sei se o adxectivo non concorda con Marca de calidade, máis ca con leite. Marca de calidade galega 100%. De feito na publicidade da xunta repiten isto.
    Pero, como nestes casos convén agudizar a vista como fai vostede, sempre queda a dúbida.

  2. Monti
    Monti Dice:

    Vino esta mañá na prensa e xa me indignei. É un escándalo. O problema é que a maioría das axencias de publicidade pensan as campañas e slogans en castelán. Por iso, despois, ao traducilas, pasa o que pasa, sen que nin sequera os lingüistas da Xunta lles poidan botar un ollo (quero pensar…claro). Ás veces buscan rimas simpáticas ou xogos de palabras ou ditos (en español, por suposto), e despois resulta que a publicidade é en galego. E nin sequera teñen un refraneiro á man…Houbo unha campaña de CaixaGalicia hai tempo na que (por sorte) tiveron que refacer toda a cartelería e os anuncios de radio e tv por que colocaran mal un pronome(“Galicia nos move”). E aínda protestaban os da axencia. Seino. Outra moi sonada foi aquela de “Ó auga patos!”, “A miña sangue xa a tes”, etc…Hai anos estiveron a pique de poñerlle “Ribero” á denominación de orixe…XA NON SEI QUE SE PODE FACER PARA QUE TEÑAN UN CHISCO DE RESPETO…Pero habería que queixarse dalgún xeito.

  3. Un lector
    Un lector Dice:

    Xaora que pon “gallega”! Con este goberno, sería ben raro que puxese outra cousa. Leche gallega ou, como concesión rexionalista, “leite gallega”. Total, que máis ten, dirán eles, con esa mestura de ignorancia e desprezo que os caracteriza.

  4. Pepito Grallas
    Pepito Grallas Dice:

    Con todo, non sería un erro ortográfico, senón morfolóxico. Erro ortográfico é escribir “calidade” con maiúscula. Sen falarmos do acento en Feijóo. Entroutros.

  5. O levantador de minas
    O levantador de minas Dice:

    Si, señores, a mensaxe é clara e se non que un especialista en semiótica publicitaria volo confirme: a mensaxe é “leche gallega”, e cren que despistando aos paisanos conscientes cun chorriño de leite abonda. É máis un atentado lingüístico que, amparado polo apoio a unha industria que para este goberno só se concibe española, resalta unha política coordinada de recuperación da nación española. Vedes o que acontece co Estatut? Pois que a España federalista gaña espazo e o rancio nacionalismo español se defende como un gato cheo de medo…

Los comentarios están desactivados.