Onte 631: Cambia de papel

No marco do excelente programa do II Festival Primavera do Cine de Vigo asistimos á proxección de Cambia de Papel, o documental (35 minutos) de María Reimóndez, Luís Tosar e Kutti Revathi. Fuxindo dos perigos do naturalismo exotizante, o equipo de dirección consegue unha narración desde dentro do proceso de transformación dun grupo de mulleres excluídas de Tamil Nadu. Utilizando as cartas como ferramenta narrativa, cada unha das once protagonistas desvela na súa voz a súa experiencia de transformación. No caso das nove mulleres do distrito de Salem, onde a ONG Implicadas leva traballado dende hai quince anos coa súa contraparte PDI, relátase o seu proceso de empoderamento; no caso de María Reimóndez e Luís Tosar, membros de Implicadas, a súa experiencia de «transformarse para transformar». Todas e cada unha destas testemuñas teñen o seu celme intransferible, persoal e único. En todas cóntanse en primeira persoa cousas importantes, nalgúns casos moi importantes para o contexto da sociedade tamil. En todas hai unha reflexión que interpela á espectadora, que remoe o seu conformismo. Ademais, grazas a o traballo de montaxe moi minucioso de Jorge Coira, cada unha das historias vai enlazando coa seguinte, construíndose dende a voz da outra, un procedemento que permite identificar ese fío polo que as mulleres en situacións moi complexas son capaces de saír delas utilizando estratexias de colaboración e axuda. Unha raíz inequivocamente feminista impregna esta película fermosa capaz de desmontar os prexuízos e os tópicos que temos da pobreza ou da imaxe da India de National Geographic. Dende o afortunado título, toda a película é unha metáfora do cambio sementando gromos de esperanza. Parabéns a todas as persoas que participaron neste traballo colaborativo.

Onte 625: Feminismo ou barbarie

Beatriz Suárez Briones na presentación de Feminismos, o ensaio de Olga Castro e María Reimóndez, na Feira do Libro de Pontevedra parafraseando a sentenza pronunciado hai case un século por Rosa Luxemburgo, «Socialismo ou barbarie», afirmou que hoxe a dixuntiva esta entre «Democracia real ou barbarie», mellor aínda entre «Feminismo ou barbarie». A profesora da Universidade de Vigo remataba así unha intervención na que confesou «quedar emocionada e entusiasmada polo resultado do libro, un auténtico mapa conceptual dos feminismos». Definiu a obra como «unha mirada dende arriba á historia do pensamento e práctica feministas durante os últimos cincuenta anos». «O éxito do libro está tamén en que permite andar pola rúa dos feminismos, non só dos occidentais, tamén dos do terceiro mundo. Como tamén o fai coa historia do feminismo en Galicia. Unha visión hipersintética, un traballo complexo e moi custoso».

Onte 573: «Feminismos»

Resultou moi interesante a primeira presentación de Feminismos, o ensaio de Olga Castro e María Reimóndez, celebrada ontre na Libraría Lila de Lilith de Compostela. A glosa do libro correu a cargo de Belén Martín Lucas, tamén a súa prologuista, que comezou salientando que era «unha aposta necesaria». «Enche un oco importante en lingua galega xa que non existía ningunha obra que falase de todos os feminismos». Sinalou a actualidade da obra cando «vivimos os retrocesos promovidos polo capitalismo ultraliberal», así como o seu «ton moi positivo» e de lectura moi amena, recollendo »estratexias de mulleres de todo o mundo para modificar o mundo e a planeta». Belén Martín insistiu na importancia dun libro que «desmonta prexuízos sobre o pensamento feminista, un movemento que defendeu temas que afectan a toda a sociedade, problemas de todas as persoas». «A través dos feminismos podemos transformar a sociedade. Non se pode saír da crise sen pensar coas lentes violetas postas», rematou.

María Reimóndez relatou a orixe do libro. «Cando queriamos facer un libro sobre tradución feminista, pensamos que antes habería que falar de feminismos. Comprobamos que había un baleiro de textos e que había que saír do occidental. Aí naceu Feminismos, coa intención de ofrecer unha obra dirixida a persoas que xa teñen coñecementos como aqueloutras que teñan prexuízos sobre os feminismos». »As teorías feministas non poden ser consideradas só dende occidente, xa non é lexítimo falar só dos feminismos occidentais, xa que as experiencias máis interesantes proveñen hoxe doutros lugares». Confesou as dificultades para acceder a textos en linguas como o xaponés. «Fixemos un grande esforzo de recollida de información e de síntese, xa que quixemos ofrecer un texto accesible». Rematou María Reimóndez salientando que «os feminismos son a maior fonte de innovación da humanidade. O feminismo sempre ten un carácter innovador».

Olga Castro explicou a estrutura dunha obra coa que «pretendimos saír da perspectiva occidental, esculcar outras fontes». «Abordamos unha viaxe multilingüe por todos os continentes para detectar as utopías que parecían inalcanzables e agora forman parte da normalidade» «Intentamos recoller unha pluralidade de achegas feministas sobre temas transversais como a maternidade, sexualidade ou ciberfeminismo, así como desvelar discriminacións e desigualdades, propoñendo estratexias de igualdade, razón polas que procuramos a contribución dos feminismos en diversas ciencias e disciplinas«. «Buscamos que o feminismo adquirise un papel máis central na educación institucionalizada. Moitos dos avances que hoxe temos se deben aos feminismos, sen que se diga», rematou Olga Castro.

Onte 438: Enlace

Dende onte asumín o compromiso de ser enlace contra a violencia machista, contra ese terrorismo que dende 2003 asasinou a 650 mulleres, 40 no que vai no decorrer deste ano. Son enlace de Enlaza Vigo, a iniciativa do Consello Municipal da Muller de Vigo que o venres 23 de novembro construirá na praza da farola un grande farrapo humano, testemuñando a vontade unánime da cidadanía de acabar coa violencia contra as mulleres e construír unha sociedade en igualdade. Nesa angueira colectiva é imprescindible a mobilización colectiva e interxeracional, mais tamén o compromiso de cada unha das persoas cada un dos días do ano para denunciar calquera tipo de comportamento e actitude machista. Chamo a participacipar en tan necesaria iniciativa.

Onte 183: U-la unidade de acción feminista?

Magoume que no Día Internacional das Mulleres houbese dúas manifestacións en Vigo, unha convocada polo Consello Municipal da Muller e a Concellaría de Igualdade e apoiada por 23 organizacións de mulleres, na que se exhibiron só reclamos lilas, e outra da Marcha Mundial das Mulleres, apoiada por militantes do BNG e de EU, na que ondearon numerosas bandeiras desas organizacións. Nun momento delicadísimo, no que a ameaza da precariedade laboral é un feito e algunhas das conquistas das mulleres, como a Lei do Aborto, están en claro perigo pola presión dos sectores máis conservadores e da propia Conferencia Episcopal, semella pouco prudente esta falta de unidade de acción do movemento feminista. Unha esquerda fragmentada, sometida a enleadas cainitas das persoas que a lideran, pode caer na marxinalidade e na irrelevancia social durante décadas. Un perigo que onte albiscamos tras as pegadas de centos de persoas nas rúas viguesas. Quedei preocupado.