A presentación d’ A lingua galega na cidade no século XX de Gabriel Rei-Doval, celebrada onte no Consello da Cultura Galega, supuxo unha reflexión sobre o futuro social da lingua nos medios urbanos, as posibles consecuencias da ruptura do consenso arredor do decreto de uso do galego no ensino e as medidas máis axeitadas para a planificación lingüística.
Ser urbanita e falar galego
/en Autores, Ensaio, Entrevistas, Lingua, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemasQuizais agora haxa menos falantes, pero os que o fan son máis leais e máis competentes. Pero a outra cousa que cambiou radicalmente é a percepción que a xente ten do galego. Agora case todo o mundo é receptivo e positivo coa existencia do galego. Unha percepción que hai trinta anos non era así para nada nas cidades. É posible que a xente non queira falar en galego, pero está mesma xente é favorable ás políticas de normalización ou á presenza do galego na escola. Na historia social da lingua, este é un cambio moi importante.
"A lingua galega na cidade"
/en Autores, Ensaio, Lingua, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemas
Esta semana continuamos coas presentacións do libro do sociolingüista Gabriel Rei-Doval A lingua galega na cidade no século XX. Mergullados na falsa e interesada polémica sobre o decreto de uso do galego no ensino non universitario, a obra de Doval constitúe, como sinalou o tamén sociolingüista Fernando Ramallo, “un libro alerta fundamental para entender a situación social da lingua galega durante os últimos vinte e cinco anos”. Ademais de proporcionar e sistematizar milleiros de datos e de realizar un estudo diacrónico da situación do galego nas sete primeiras cidades do país, o libro achega e arrisca reflexións sobre o futuro da lingua (en medios como a familia ou sobre as posibilidades da regaleguización), polo que a súa utilidade para o proceso de planificación lingúística nos medios urbanos resulta evidente.
"Saudar a vida", crónica da presentación
/en Autores, Ensaio, Presentacións, Xerais/por bretemasSaudar a vida
/en Autores, Ensaio, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemas
Ana Bande é a primeira persoa na rede que comenta Saudar a vida, o ensaio de Xavier Seoane en defensa das humanidades. Presentarémolo na Coruña, o xoves 19 de abril, ás 20:00 horas na libraría Sargadelos da Coruña. Acompañaremos ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto e o autor que falarán da obra.
Saudar a vida
/en Autores, Ensaio, Novidades, Xerais/por bretemas
Estes días puxemos nas librarías dúas novas entregas da nosa colección de Ensaio: Saudar a vida de Xavier Seoane e Disidencia ferida de Xabier Alcalde. Dous títulos, que entendo valiosos, de senllos ensaístas de altura que abordan, o primeiro, unha defensa doas humanidades na actual sociedade do coñecemento e, o segundo, unha forma de resistencia fiolosófica fronte tanto pensamento feble que nos invade.
Seoane con esta terceira entrega (despois dos volumes dedicados á arte da lectura e á defensa da poesía) continúa o seu proxecto magno proxecto de revisión ensaística dos problemas da cultura contemporánea (ten case concluída a cuarta entrega e en marcha o volume sobre as artes que pecharía unha obra moi ambiciosa).
Pola súa parte, Xabier Alcalde, a quen coñeciamos como narrador, presenta un texto escrito con espírito lírico e inusitada profundidade filosófica sobre a resistencia en tempos de banalización.
Cremos que esta nova colección de Ensaio, xa acada os dezaseis títulos, constitúe, a pesar da súa tirada modesta, outro dos eixos do noso proxecto literario. Presentaremos estas dúas novas entregas ao longo das vindeiras semanas.
Volve Richard Sennett
/en Ensaio, Novidades, Sociedade, Socioloxía/por bretemas
Coincido con Juan en que Richard Sennet, Zygmunt Bauman e Ulrich Beck son os tres sociólogos claves na análise da sociedade postmoderna. Dos tres a obra que mellor coñezo é a de Sennett, que sigo dende a publicación das traducións en español de La corrosión del carácter e El respeto. Acabo de rematar a lectura a súa máis recente entrega La cultura del nuevo capitalismo, un libro no que sintetiza a súa análise sobre a cultura do traballo no que el denomina “a era da fragmentación”.Para o pensador social norteamericano os traballadores estamos sometidos a unha inevitable corrosión do carácter provocada pola agresiva cultura relacional do que el chama “capitalismo impaciente”. Vivimos nunha era da fragmentación, onde cada individuo debe encarar o reto de definirse a través de constantes mutacións profesionais en ausencia de institucións capaces de dar sentido á vida (o que podemos definir como “precarización” da empresa por medio da externalización dos seus servizos). Reto ao que habería que engadir outro non menos complexo, o de dar a talla na chamada “sociedade das habilidades” na que o talento xa non se valora e as competencias do individuo quedan axiña obsoletas (o que supón a dificultade ou a imposibilidade de facer planos a longo prazo, a presenza do fantasma da inutilidade dos mozos ben preparados como outro paradigma da fragmentación). Retos, os anteriores, ao que habería que sumar o da necesidade de buscar un lugar dende o que sexa posible manter vencellos co pasado que sexan capaces de explicar argumentos de vida que cadaquén debe ir tecendo (que remiten aos fenómenos da “soidade acompañada” ou da desigualdade cada vez máis vencellada cos fenómenos do aillamento).
Este novo libro de Sennett, para min moito máis claro que os dous anteriores, constitúe dende unha perspectiva moral un alegato contra a “cultura da superficialidade” na que o consumismo desaforado (Viva o o Nadal!) substitúe á politica e os apaños e a solidariedade familiar ás medidas sociais. Sennett remata o seu ensaio reivindicando unha nova cultura do traballo ancorada en tres grandes valores, que considera decisivos:
–O relato: procurar o sentido de conexión narrativa no traballo, atopar o argumento ou sentido do que facemos. Sennett apunta como iniciativas innovadores deste esforzo as realizadas nos Estados Unidos e na Gran Bretaña para dar forma ás “institucións paralelas” que tratan de facilitar aos traballadores a continuidade e a sostibilidade ausentes nas organizacións flexibles e a curto prazo, as experiencias de “emprego compartido” e as de “ingreso básico”.
–A utilidade: procurando, sobe todo nos servizos públicos, un recoñecemento socialmente inclusivo de todo tipo de traballos.
–O espírito artesán: definido como “o desexo no traballo de facer ben algo polo simple feito de facelo ben.”
Un libro de referencia, a contracorrente, que nos interroga continuamente e que axuda a mellor entender o noso tempo presente. Recoméndoo.
Pedagoxía da convivencia
/en Educación, Ensaio, Novidades/por bretemas
Xián ten dezaseis anos e repite 3º de ESO. A semana pasada foi expulsado do instituto durante tres días, a máxima corrección que pode impoñer a dirección, por unha falta de respecto a un dos seus profesores e aos seus compañeiros de aula. Foi a clase sen material ningún e interrompeu varias veces coas súas “gracias” o debate sobre a actual situación dos inmigrantes que alí se mantiña. Cando Xavier, o profesor de Xeografía, lle pediu a súa opinión, Xián respondeulle que pouco lle importaba como vivían, que buscasen a vida como puidesen e se non amañaban que se volvesen para o seu país que ninguén os chamara neste. Ademais, replicoulle que estaba farto de tantos debates na clase, que non servían para nada e que eran unha perda de tempo. Xabier tratou de reconducir a situación, preguntando a outros estudantes –xa se perdera a concentración da sesión– e Xián insistiu nos seus comentarios desprezando cada unha das opinións dos seus compañeiros. Xabier, entón, indicoulle que a súa actitude non era a adecuada nunha aula e que debía abandonala. Xián contestoulle, subindo o ton, que el non tiña por qué saír da clase, que tiña dereito a permanecer alí e que non podía expulsalo por expresar a súa opinión. Despois de varios comentarios irados, Xián saíu pero, cando estaba a punto de pechar a porta, encarouse nun ton ameazador con Xabier e díxolle: “isto vasmo pagar moi caro”.
Xián xa fora apercibido de sanción con anterioridade, polas súas expulsións frecuentes, por chegar sistematicamente tarde ao centro ou polas ameazas das que se queixaron as rapazas de 1º da ESO no recreo. A nai de Xián está destrozada. Falou varias veces co titor e coa dirección do Instituto e, agora, recoñece que o rapaz chega tarde porque hai algunhas veces que non consegue erguelo da cama. “Non sei qué facer con el, téñoo intentado todo”, confésalle desacougada ao titor. “Levo varios anos horrosos. Merqueille a moto a ver se aprobaba, déixoo saír todas as fins de semana, dinlle os cartos para que fose ao concerto cos amigos, e, aínda así, non consigo que aprobe”. O titor proponlle que estude a posibilidade de que o vindeiro ano se matricule nun Programa de Garantía Social, xa que polo seu rendemento escolar e pola súa actitude xa non vai ter posibilidades de obter o Graduado de Secundaria. A nai comprométese a discutilo co seu home, pero asegura que o máis complicado será convencer a Xián, “non sabe o difíciles que son os rapaces agora”.
Este caso ficticio pode estar sucedendo en calquera dos nosos centros escolares. Conflitos semellantes, con todos os matices e circunstancias que se lle queiran engadir, son o síntoma do deterioro da convivencia escolar e do malestar docente de tantos centros, públicos ou privados, de Secundaria. O conflito que mantén Xián coa institución escolar e co seu entorno familiar amosa o desaxuste entre os seus desexos (divertirse cos amigos e consumir o que esta á moda) e os valores da sociedade das persoas adultas. A solución a este dilema non é doada.
Non podemos deixarnos vencer polo fatalismo. Existe a posibilidade de promover nos adolescentes hábitos de convivencia democrática, de respecto mutuo, de asunción consciente de dereitos e deberes; en definitiva, dos valores do sacrificio e do esforzo como esenciais para organizar o traballo escolar e a convivencia. Dende as administracións e dende os medios de comunicación, moi influíntes á hora de conformar actitudes e valores na mocidade, hai que apoiar ás familias para que establezan os límites que precisa toda educación democrática.
Esa é a proposta que dende hai anos vén propoñendo nos seus libros o coraxudo profesor Xesús R. Jares, que onte presentou en Vigo, diante de máis de duascentas persoas, a súa obra máis recente, Pedagogía de la convivencia.
Este será outro libro educativo de referencia, froito dunha investigación demorada na pedagoxía do conflito e na educación para a paz. Unha obra que pretende facer fronte a este reto colectivo provocando unha reflexión en profundidade sobre a problemática da convivencia dentro dos centros e propoñendo liñas de actuación educativa, baseadas na participación da comunidade educativa (especialmente das familias), na mediación e na resolución non-violenta dos conflitos.
Comparto con Suso, ademais de mútiples querenzas e soños, que a aprendizaxe dunha convivencia respectuosa e solidaria é responsabilidade de toda a cidadanía e non só do profesorado. A familia e a escola son os obradoiros onde deseñar esa nova convivencia que queremos. Non renunciemos, por custoso que sexa, neste empeño.
Grandes imperios, pequenas nacións
/en Ensaio, Novidades, Sociedade/por bretemas
Acabei de ler Grandes imperios, pequeñas naciones, un ensaio de Josep M. Colomer, publicado orixinalmente en catalán, que obtivo o IX Premio Fundació Trias Fargas 2005.
Un libro moi interesante para debater sobre o futuro de pequenas nacións, como Galicia, no novo entorno dos imperios europeo e americano. A análise dos conceptos de imperio, nación e globalización, o papel das linguas e da identidade, a reflexión sobre o fracaso da construción de España como estado nacional en Europa (como atención especial aos casos catalán e vasco) centran os contidos desta obra polémica e luminosa en argumentacións.
Moitas son as afirmacións salientables dun ensaio escrito con rigor e fluidez. Especialmente valiosos parecéronme os argumentos referidos a que o autogoberno das pequenas nacións hoxe é posible sen un exercito propio, fronteiras nin aduanas, o que é o mesmo que dicir, sen un estado soberano; ou aqueloutras referidas á defensa dun plurilingüismo compatible co uso de linguas francas ou o papel de Europa (“a soberanía das pequenas nacións consiste en ter un lugar na mesa da Unión Europea”) xa que para el a diferenza entre a independencia formal e a autonomía é só unha cuestión de grao. Singular interese teñen os cadros que relacionan todas as pequenas nacións do mundo e a análise sobre o actual plurilingüismo dual na Unión Europea, onde hai trinta millóns de cidadáns que teñen como primeira lingua outra difeente á primeira do estado.
Un libro valioso para repensar argumentos sobre a cuestión nacional e a soberanía. Recomendo unha lectura crítica e vagorosa.
As inxurias da guerra
/en Autores, Ensaio, Novidades, Xerais/por bretemas
No artigo da semana reflexiono sobre a radical inxustiza das guerras do século XXI. O novo ataque de hoxe sobre a poboación civil súmenos na maior das impotencias. Quen pode parar isto?

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
O Vigo que deixamos11 de Xuño de 2026 - 6:46 a.m.
Alborada do fútbol vigués4 de Xuño de 2026 - 3:48 p.m.
Agustín Fernández Paz no «Álbum de Galicia»29 de Maio de 2026 - 8:43 a.m.
O noso estado da lectura29 de Maio de 2026 - 8:24 a.m.
Celtiña celtista25 de Maio de 2026 - 9:16 a.m.










