Preparando o Blog day

Na reportaxe sobre os blogomillo con motivo do Blog day de mañá 31 de agosto chamoume a atención a opinión do escritor Xabier Cid valorando que o “blogomillo xa non pode ir a máis” e propoñendo unha evolución cara a produción multimedia. Creo que Cid, un dos nosos profesionais pioneiros na edición electrónica, acerta de cheo. A comunidade blogueira galega de hoxe non é a de hai un ano. Hai moitos máis blogs e máis diversos, hai menos enlaces entre eles e, quizais, menos entusiasmo comunitario. Non hai dúbida de que a irrupción durante este ano do fenómeno you tube e no caso galego do chuza (referencia ineludible para todos) modificaron a escrita e a lectura no blogomillo. Como teño sinalado noutras ocasións, entendo que a clave non está no actual soporte blog (moi enriquecido dende que apareceu hai apenas cinco anos), senón nas posibilidades de comunicación e creación do que Cassany denomina literacidade (crítica) e electrónica.

A pesar das mudanzas que se albiscan no horizonte do fenómeno blog, creo que non está de máis celebrar este terceiro Blog day. Recollo de Daniel Duende a información sobre a xornada e as instrucións para participar.

O que é o BlogDay?
BlogDay foi criado na convicção de que os bloggers deverão ter um dia dedicado ao conhecimento de novos blogs, de outros países ou áreas de interesse. Nesse dia os bloggers recomendarão novos blogs aos seus visitantes e visitarão blogs recomendados por outros blogueiros participantes, para alargar seus horizontes e criar novas conexões na blogosfera.

O que acontecerá no BlogDay?
Durante o dia 31 de Agosto, bloggers de todo o mundo farão um post recomendando novos blogs a serem visitados. Blogs estes que, de preferência, representem uma cultura, ponto de vista ou atitude diferentes do seu próprio blog. Nesse dia, os leitores de blogs poderão navegar e descobrir blogs desconhecidos, celebrando a descoberta de novas pessoas e novos bloggers e criando novos links na blogosfera mundial.

Instruções para o BlogDay:
1. Liste cinco novos Blogs que você ache interessantes.
2. Notifique por email esses cinco bloggers de que serão recomendados por você no BlogDay 2006.
3. Escreva uma pequena descrição dos blogs e o link para eles.
4. Publique no BlogDay (no dia 31 de Agosto) esse post.
5. Junte a tag do BlogDay usando este link: http://technorati.com/tag/BlogDay2006 e um link para o site do BlogDay: http://www.blogday.org/

Etiquetas: Blog day

María Mariño

Un dos momentos máis emocionantes que vivín estes días foi comprobar a gratitude que as herdeiras de María Mariño sentiron polo nomeamento da noiesa do Caurel como figura homenaxeada nas Letras 2007. As catro sobriñas da poeta, xa bastante maiores, viven en Madrid e Euskadi (onde tamén chegou a emigrar a nosa “poeta dinamiteira da linguaxe” antes de casar con Roberto Posse Carballido, mestre de Parada do Caurel). Maite Martín Barrenechea, a sobriña neta e voceiro da familia, díxome que están moi orgullosas de descubrir as súas raíces na fala nosa.

O nomeamento de María Mariño –coincidindo co centenario do seu nacemento e o corenta cabodano do seu pasamento– é unha boa oportunidade, tamén, para que a sociedade galega descubra unha voz ignorada que para Ferrín, nun artigo publicado en La Noche en 1964, é unha “poeta abisal, posuidora dunhas vivencias líricas en nivel máximo”. Creo que o vindeiro 17 de maio asistiremos a un importante pulo desta efeméride tantas veces criticada.

Etiquetas: , ,

A Coca rinde

Hoxe rinde a Coca en Redondela. Pronunciar a noite de onte o pregón, dende o balcón do concello, foi unha grandísima honra para un choqueiro de adopción coma min.

Etiquetas: ,

Gabanza da cereixa

Convidáronme hoxe a pronunciar o pregón da XXIª edición da Festa da Cereixa de Beade, unha festa gastronómica na que se exalta ese froito doce e carnoso que producen cincuenta mil cerdeiras viguesas. Aí vai un extracto do texto que preparei:
“A cerdeira, árbore da familia das Rosaceae, é irmá das amendoeiras e curmá dos pexegueiros e ameixeiras. Arboriña de orixe incerta, don Álvaro Cunqueiro dixo que a trouxo o xeneral Lúculo a Roma dende a localidade de Kerasos (de aí ven o seu nome latino Cerasus), ubicada na costa do Mar Negro, espallándose decontado por todo o Imperio e atopando en Galicia terras que lle foron moi ben. Fose ou non certa esta versión de don Álvaro, que reivindicou o país noso como de moita froita (as mazás camoesas, tabardiñas e roibas, pavías, peras urracas, claudias verdeais, noces, amorodos, nísperos, arándanos, sorbas…), a cerdeira en Galicia é tan vella coma a lingua nosa, razón pola que podemos considerala como un dos sinais da nosa identidade. Os galegos somos un pobo que papa nas cereixas dende hai máis dun milleiro de anos. A cereixa é outro dos nosos símbolos nacionais, como os xaponeses teñen o “sakura”, unha caste decorativa de cerdeira que non dá froito. Emulando ao meu amigo o escritor Manuel Rivas, a quen logo volveremos citar, somos comedores de cereixas e devecemos por elas todo o ano porque, como as sardiñas da ardora, anuncian a chegada do verán.
Os galegos comemos toda caste de cereixas, sexan as doces (as chamadas mollares e garrafais) ou as agredoces (as guindas). Aínda que de todas elas, son as de Beade as máis sabedeiras e as que teñen máis sona: sexan as branca do cedo, as branca do tarde, a negra tardía ou a picuda ou de pico, que tamén así se lle chaman ás que os estremeños denominan “picotas”. E gostamos das cereixas, e máis aínda das de Beade, por que como pobo ben informado coñecemos os seus efectos beneficiosos.
Papamos esa drupa carnosa e globulosa porque, ademais de proporcionarnos o pracer de gozar do aroma condensado da terra bretemosa, é unha froita moi rica en vitaminas e en minerais como o ferro, calcio, magnesio, potasio e xofre, que se cre protexen contra o cancro. Ben dotadas de azucres, as cereixas proporcionan, tamén, a quen as toma moita enerxía, razón pola que se considera posúen propiedades rexuvenecedoras, antidepresivas e, mesmo, afrodisíacas. Permitídeme que me deteña nestas tres cuestións que non quero pasen desapercibidas.
Semella demostrado que os consumidores habituais de cereixas mocean e mesmo combaten as gorduras debido ao efecto diurético da súa inxesta moderada (en cantidades moi elevadas pode producir outros efectos menos desexables). Efecto depurativo e diurético que, segundo os naturópatas especialistas en Fitoterapia, permite o lavado de todo o organismo eliminando as toxinas acumuladas no corpo. Efecto que se pode intensificar se preparamos unha infusión cunha presa dos rabos que deixamos a remollo durante unha noite e a mañá fervemos nun litro de auga durante vinte minutos.
Efecto antidepresivo que se consegue tanto se tomamos uns cantos acios ou unha presadiña delas ás once como na tardiña, o que lle permitirá ao organismo aumentar a utilización de osíxeno, potenciar a función cardíaca e, mesmo, e isto é moi importante, outorgar moito optimismo a quen as consume. Non o dubiden, cando se noten un pouco baixos de ánimos ou deban afrontar un problema menor, a vida dános moitas pancadas destas cada día, tomen unhas cantas cereixas e xa verán como poden rular bastante mellor. As cereizas son mellores que o prozac.
Pola súa importancia, deixamos para o remate a exaltación do carácter afrodisíaco das cereixas, entendo que especialmente das picudas. Non teñan dúbida, as cereixas son a froita do amor por excelencia. A cereixa é unha froita erótica, tanto pola súa forma globulosa, polo seu tamaño brincadeiro, polas súas cores atractivas (que abordan todos os matices dos vermellos), como, e isto semella o máis importante, polo seu carácter estimulante da comunicación e da aperta. Manuel Rivas foi quen mellor inmortalizou literariamente esta idea cando escribiu o seu coñecidísmo relato “¿Que me queres amor?”, que comeza deste xeito (atendan, por favor):

Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical.

Velaí a descrición do chamado bico de cereixa, un achádego literario que moi ben podemos emular. A esta altura, non parece prudente continuar con este sarillo, mais todos vostedes comprenderon con apenas catro liñas de Rivas o que pode provocar xogar dese xeito cun óso dunha picuda de Beade. Pode ser memorable.
En fin, comer nas cereixas é un pracer para os sentidos que, por riba, se o facemos sen o fanatismo dos excesos, ao corpo lle fai moito ben. Un pracer que pode gozarse ao natural, en sobremesas memorables como as que se presentan a concurso nesta festa, ou enchoupadas en licor envellecido polas guindas. A cereixa é un froito extraordinario que a natureza nos legou e que a humanidade mimou para o seu goce futuro”.

Etiquetas: , , ,

Festa da cultura

Esta iniciativa de cortexo cívico, xa na terceira edición, é das máis bonitas e innovadoras para celebrar con toda a dignidade que se merece o 17 de maio. Con todo, a pesar do cambio de goberno e de esforzos illados como o que anunciamos, aínda non albiscamos mudanzas significativas na celebración dunha efeméride xa en aberta crise.
Etiquetas: , ,

Abril sempre

Abril sempre.

Etiquetas:

A resposta do goberno vigués: evitar aglomeracións

O conflito sobre a celebración do día do libro en Vigo adquiriu tintes alucinantes. O concelleiro de tráfico e seguridade, o que intervén no caso, xustifica a decisión para “evitar aglomeracións“. Este tipo, se estivese en Barcelona, mandaba o exército á Rambla: que fai semellante xentío empuxándose diante desas mesas? O dito: Vigo ou barbarie!

Etiquetas: ,