Muros do medo

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/s9UILicl6OA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Ao fío da publicación de Valados, o máis recente libro de Agustín Fernández Paz, imos descubrindo máis pezas que denuncian estes valados  ou muros creados para separar e dividir a uns seres humanos doutros. Semella que esta peza, apenas cinco minutos e medio, está concibido para introducirnos nao extraordinario libro de Agustín [ben merece un comentario á parte]. Recomendo moi vivamente os dous.

E… ti es o que mira a ese traballador inmigrante coma un extranxeiro?

Recibido hoxe na caixa de correo entre os parabéns de Nadal.

Aminetu Haidar e o asento de Rosa Parks

Agustín Fernández Paz escribiu un fermosísimo artigo lembrando a proeza de Rosa Parks. Foi o 1 de decembro de 1955 cando Rosa Parks se negou a obedecer en Alabama a un condutor de autobús que lle dixo que cedese o seu asento a un pasaxeiro branco. Hoxe un fermoso artigo dos cineastas Paul Laverty e Ken Loach recorda o acto de dignidade individual daquela muller farta de ceder e ceder, que supuxo un punto de inflexión da comunidade afroamericana na súa loita contra a segregación racial, comparándoo coa folga de fame que vén desenvolvendo dende hai días Aminetu Haidar no aeroporto de Lanzarote. A situación de Aminetu pon en evidencia a vergonzosa situación de esquecemento na que España deixou ao pobo saharui e a prepotencia coa que manexa Marrocos o conflito. O único delito que cometeu Aminetu foi ao seu regreso dos Estados Unidos cubrir na tarxeta de embarque o apartado destinado ao estado ao que pertence coas palabras «Sahara Occidental» (o nome do seu país) en vez de «Marrocos» (o nome do estado que dende hai máis de trinta anos invade o seu país). Cansa de ceder e ceder escribiu apenas o nome da súa nación. Esta resistencia non violenta, amparada polo valor das palabras, é a razón pola que as autoridades marroquinas lle impiden entrar no seu propio país (ocupado). Aminetu, rebelde, é unha estranxeira na súa patria por ser fiel á dignidade das palabras. O Goberno español xa non pode permanecer máis tempo coma se fose un mero espectador da situación de opresión sobre o pobo do Sahara Occidental. Zapatero e Moratinos teñen a obriga moral de encabezar a mobilización da comunidade internacional para que de vez se cumpran as resolucións da ONU e de presionar sobre ao veciño marroquino para que as respecte. A afouteza e a dignidade de Aminetu, coma no seu día fixera Rosa Parks, quizais estea abrindo o proceso do Sahara Occidental cara a súa autodeterminación. A nosa apreta solidaria para ela e para os seus compañeiros e compañeiras.

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SndmKXvB4lk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

De todos os vídeos e presentacións didácticas que ven publicando Trafegando ronseis (un dos meus preferidos do blogomillo) de loita contra violencia machista (máis dun centenar) escollo no día de hoxe esta peza, «Vive o muere», primeiro premio de «- es +», un proxecto que trata de concienciar aos adolescentes sobre esta cuestión.
A única posibilidade que vexo de superar a longo prazo esta lacra da violencia contra as mulleres é acometer un traballo educativo en profundidade que axude a desbotar os patróns machistas de relación entre os mozos e as mozas. Sei que non é doado, mais debemos intentalo con toda a convicción. Para iso quizais poden axudar efemérides como a que celebramos hoxe.

«O mundo patas arribas», Mar Caldas

Impactante este traballo fotográfico de Mar Caldas («O mundo patas arriba») para a sección «Inédito» que coordinada por Manuel Sendón publica A Nosa Terra.

Faleceu Jose Paulo Serralheiro

Magóanos a noticia do falecemento do José Paulo Serralheiro, o director d’ A Página da Educação, dirixente do Sindicato de Professores do Norte, e moi bo amigo do grupo galego de Educadores pola Paz. Profesor e xornalista especializado no eido educativo, tivemos oportunidade de compartir conversa co portuense a raíz da celebración do vinte e cinco aniversario de Educadores pola Paz naquel memorable Serán pola Paz, no que intervira de forma potente e rotunda. Aquel día tivemos, tamén, a oportunidade de agradecerlle a súa participación no libro colectivo, coordinado polo seu bo amigo Suso Jares, Educación e Paz II. Presente e futuro da construción da paz, onde publicou o traballo titulado «O novo ‘poder suave? e os Direitos Humanos». Que a terra lle sexa leve ao bo do Ze Paulo, amigo solidario da paz e das estrelas.

Isabel Allende, gran discurso sobre a muller

Dezaoito minutos dun discurso memorable de Isabel Allende sobre a situación da muller no mundo.

Vía Trafegando ronseis (moitas grazas)

XXIII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz

Recibo con alegría o anunció da convocatoria do XXIII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz que se celebrará na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo do 24 ao 26 de abril.

Inevitablemente, este Encontro 2009 terá un carácter especial xa que será o primeiro no que se notará a ausencia de Suso Jares, fundador do movemento de Educadores pola Paz e sempre gran animador destes eventos.

O programa, como na edición do pasado ano, volverá xirar sobre a Educación para a cidadanía e os dereitos humanos. Participarán como conferenciantes e animadores  María Rosa Buxarrais i Estrada «Como educar na competencia social e cidadá: ensinando valores«), Ana Sánchez Bello («Cidadanía e xénero») e Juan José Tamayo Acosta («É posible un estado e unha escola laica?». Así mesmo, como é adoito en edicións anteriores, os encontros iniciaranse cunha sesión de xogos cooperativos e pecharanse na tarde do sábado co funcionamento de obradoirosa simultáneos de danzas do mundo, mediación de conflitos, risoteria, confección de monequinos de papel e de xogos cooperativos.

Máis información sobre os Encontros no espazo web de Educadores pola Paz, onde, tamen, se poden descargar as solicitudes de inscrición e aloxamento.