Onte 257: O «Libro en rede» de Xerais

Anunciamos o proxecto «Libro en rede», os contidos dixitais para Lingua e literatura de 2º de ESO nos que vimos traballando nos últimos meses. Para nós constitúe un chimpo, un xeito de reinventarnos profesionalmente como editores educativos, ao tempo que unha achega novidosa á construción do proxecto colectivo de escola dixital galega. Axiña publicaremos en aberto, na web de Xerais, unha unidade completa de mostra. A providencia laica fixo que onte nacese Comba, a filla de Anaír e Noli, os motores principais do proxecto do «Libro en rede» e dos materiais de didácticos de Lingua e literatura de Xerais durante a última década. Beizóns para eles dous e longa vida para a meniña que «envía bicos de cerdeira nova».

Aquí pode consultarse a unidade de mostra.

Onte 255: O Pedrón de Nova Escola Galega

Os membros de Nova Escola Galega non puidemos agochar a satisfacción por recibir o Pedrón de Ouro 2012. Tras aquel Premio da Crítica Galicia de 1987 na modalidade de Iniciativas Culturais, recoñécese agora a nosa traxectoria de defensa do modelo de escola pública galega e de promoción da innovación e renovación pedagóxica. O Pedrón, como salientou Mariló Candedo, a nosa presidenta,  é para nós aínda máis significativo cando coincide cos durísimos recurtes no ensino público e cando o modelo de galeguización educativa sofre un retroceso histórico. Nova Escola Galega é un proxecto colectivo e transversal de profesionais que asumimos como tarefa contribuír ao proceso de construción da nación dende o eido educativo. Facémolo dende a independencia e a autonomía con respecto ás organizacións políticas, sindicais e das administracións educativas, mais procurando sempre artellar redes colaborativas con outras organizacións profesionais, sociais e cívicas. Sabemos da importancia do Pedrón de Ouro, un recoñecemento que nos achega novos azos para continuar co noso afán.

Onte 244: Fin da educación comprensiva

Intereseime polo Programa Nacional de Reformas, o documento estratéxico que o Goberno elaborou de cara a cumprir os compromisos do Plan de Estabilidade. A verdade é que quedei pampo cando estudei os contidos educativos (entre as páxinas 182 até 195), nos que o Goberno asume a reforma da Educación Secundaria cuxa idea principal «é substituír 4º da ESO por un curso de carácter propedéutico, tanto no itinerario de bacharelato, como no itinerario da Formación Profesional de Grao Medio, que permita anticipar un ano a elección básica do itinerario». Tan importante decisión, que supón unha modificación substancial da estrutura do sistema educativo e dos contidos curriculares na fin da educación obrigatoria, xustifícase co obxectivo de reducir a taxa de abandono escolar temperán actual do 28,4% (2010) ao 23% (2015) e 15% (2020), o que de facto supón abandonar o obxectivo do 10% asinado na «Estratexia 2020 polo emprego e o crecemento». Apenas unha paxina (183-184), redactada con coidadosa ambigüidade e escasa concreción, abonda para poñer fin a dúas décadas do modelo de educación obrigatoria comprensiva e para anunciar unha importante reforma educativa. O documento asume como compromisos a reorganización da arquitectura do Sistema Educativo entre a actual ESO e os estudos postobrigatorios; a modificación dos actuais currículums do bacharelato, especialmente das materias instrumentais ou troncais; a posibilidade de modificar a actual Proba de Acceso á Universidade e outras probas anteriores de avaliación externa; a modificación dos Programas Iniciais de Cualificación Profesional; así como un amplo caixón de «Outras medidas», entre as que se citan «a promoción do bilingüismo e da segunda lingua estranexeira», a autonomía dos centros educativos ou «a problemática do persoal docente (novo sistema de selección do profesorado, mobilidade, estruturación de corpos, carreira e xornada)». En definitiva, na inocente redacción dun documento económico atopamos enunciados os epígrafes dunha contrarreforma educativa en toda regra. Volve con toda a forza o debate arredor da igualdade da educación.

Onte 234: En defensa da sanidade e educación públicas

Milleiros de persoas manifestáronse en diversas cidades galegas, convocadas por CC.OO e UGT, en defensa da educación e sanidade públicas. É moi difícil entender as razóns polas que as organizacións nacionalistas, tanto sindicais como a maior parte das políticas, non participan nestas convocatorias cívicas. Sei que sucederá outro tanto nas convocatorias galegas do Primeiro de Maio, nas que tampouco haberá unidade de acción sindical. Nun momento decisivo como o que vivimos, onde os recurtes dos dereitos laborais e sociais ameazan co derrube completo do estado do benestar, as organizacións nacionalistas galegas teñen a obriga de estar onde a maioría social, a menos que pretendan quedar nas marxes, unha situación que deixaría a agra aberta para o medre do PSOE e de Esquerda Unida.

Onte 221: Máis tesouradas en educación

As medidas educativas anunciadas polo ministro Wert están dirixidas máis a aforrar recursos (3.000 millóns de euros/ano) ca en mellorar a eficiencia do sistema educativo e reducir as taxas de fracaso escolar, só superadas por Portugal e Grecia. Non coñecemos sistema educativo ningún ca mellorase a súa calidade aumentando a ratio profesor/alumno nin empeorando as condicións de traballo do seu persoal docente. Sabemos que politicamente é moi doado zouparlle ao funcionariado docente como xa non podemos acreditar tampouco nas promesas de que estas tesoiradas afecten menos a Galicia, á que estatisticamente corresponderían preto dos 180 millóns euros, unha auténtica catástrofe para un sistema educativo moi disperso xeograficamente e con taxas aínda elevadas de fracaso. Ben sería que os responsables da consellaría de Cultura e Educación anunciasen a cantidade do retallazo que corresponde a Galicia, ao tempo que a xustificasen cos estudos que avalan a reorganización prevista para os cadros de persoal e a rede de centros. Non esquezamos que a educación é social e economicamente un sector estratéxico moi sensible no que cada sociedade aposta polo seu futuro e pola súa convivencia.

Onte 214: 40 por aula

Tras o anuncio por medio dunha nota de prensa dun recurte de 10.000 millóns de euros ás CC.AA., asistiremos a unha regresión histórica das políticas públicas de Sanidade e Educación. O repagamento dos actos sanitarios, o aumento do copagamento farmacéutico, como tamén das taxas universitarias e do número de alumnos e alumnas por aula na educación non universitaria (mesmo até os corenta) semellan inevitables. Para o Goberno Rajoy apupar ese amigo invisible, que de forma eufemística denominamos «mercados», está por riba do futuro dunha cidadanía secuestrada polas autoridades do BCE. Cando coñeceremos, por fin, o modelo fiscal que o Goberno incluirá no Programa de Estabilidade 2012-2015? Ese documento é a folla de rota deste proceso de devaluación salarial interna e de regresión das conquistas sociais ao que asistimos indignados dende o mes de maio de 2010.

Onte 212: Educación e Sanidade no punto de mira

Na entrevista ao Frankfurter Allgemeine o ministro de Guindos puxo a educación e á sanidade como próximos obxectivos das «reformas» do goberno Rajoy. Experimentados como estamos na interpretación destes eufemismos económicos, non é difícil interpretar que, probablemente, os orzamentos de 2013 ou o chamado programa de estabilidade incluirán importantes recurtes nos sistemas de educación e sanidade públicos dos que, a pesar das súas insuficiencias, nos deberiamos sentir ben orgullosos. Semella que aos mercados non lles abonda coa devaluación interna das rendas salariais, que nos vindeiros meses irá provocando a reforma laboral, nin coa austeridade dunhas contas púbicas que deixan a economía nunha brutal recesión. Co bendito argumento do control do déficit, ese mantra incuestionable, agora esixen recurtes enérxicos dos orzamentos das CC.AA., obxectivos que non se poderán conseguir sen tocar os recursos destinados aos servizos públicos de sanidade e educación. Será apenas outra fase desa desmontaxe do estado do benestar á que estamos asistindo, un proceso que os burócratas centroeuropeos denominan como «esforzo adicional» das «políticas de consolidación fiscal». O que pode estar a chegar, tras o anuncio de onte do ministro de Guindos, é para poñerse a tremer.

Onte 206: Nova Escola Galega, Pedrón de Ouro 2012

Nos días difíciles é cando máis se agradecen as boas noticias. Nova Escola Galega recibirá o domingo 20 de maio o premio Pedrón de Ouro. Recoñécese así o seu labor de tres décadas a prol da galeguización educativa e da renovación pedagóxica en todas as etapas e eidos do sistema educativo. Expreso a miña gratitude aos membros do Pedrón, unha institución galeguista que mantén rexo o seu ideal, que sei comparte o medio milleiro de membros de Nova Escola Galega que ao longo da nosa vida profesional e dende diversos eidos contribuímos con discreción, paciencia e humildade a pular contra vento e marea polo modelo de escola pública galega. Para NEG este Pedrón constitúe un aliciente e un compromiso para continuar a procura dunha escola instalada na lingua de noso, innovadora e renovadora, aberta en diálogo con tempo contemporáneo, iluminada na construción compartida do coñecemento polas luces da razón e polos valores da paz. Beizóns.