Onte 779: Retoques na LOMCE

Á última hora, no trámite do Senado, o Partido Popular (presionado polos seus conselleiros de Educación de diversas comunidades, entre elas Galicia, agobiados polas dificultades de financiamento) decidiu abrir a man e introducir algúns retoques na LOMCE. Modifícase o calendario de implantación, alongándose a tres anos e adiando un curso o inicio na ESO, Bacharelato e FP; renúnciase a darlle máis peso á relixión nas ensinanzas non obrigatorias; e suavízase a redacción da obrigatoriedade de ofrecer unha alternativa en castelán nos modelos de inmersión lingüística. Mudanzas que pretenden maquillar un texto que sen dúbida continuará sendo rexeitado pola oposición e pola maior parte da Comunidade Escolar. En todo caso, non nego que como editor educativo o alongamento do calendario de implantación a tres cursos e o adiamento até 2015 do inicio nos cursos impares de Secundaria supón un alivio, xa que a esta altura descoñecemos tanto a estrutura como os contidos do currículum. Non é posible editar materiais didácticos de calidade ás cegas, sen currículum nin fundamentación didáctica específica nin modelo de interoperabilidade para os recursos didácticos dixitais. Ábrese así a segunda fase do proceso de reforma educativa, a que corresponde ao seu desenvolvemento curricular e organizativo polas diversas comunidades autónomas. Agardo que en Galicia a consellaría de Xesús Vázquez o faga coas maiores doses de información transparente, axilidade e interlocución con todos os sectores implicados.

Onte 776: Máis peso para a relixión

Son de natural optimista da vontade, porén cada vez estou máis convencido de que aquilo que sae mal de inicio ten moitas posibilidades de acabar aínda moito peor. Eis o exemplo meridiano do probable resultado final da LOMCE dos fachendosos Wert e Gomendio. Fixeron caso omiso da importante folga da comunidade educativa da pasada semana, mais abondaron unhas declaracións do representante dos bispos para que o Partido Popular, tan sumiso coa Igrexa católica, estude modificar a lei no trámite da súa lectura no Senado. Agora os bispos exixen que a relixión teña máis peso na Educación Infantil e no Bacharelato (os niveis non obrigatorios). É dicir, sen eufemismos nin tecnicismos curriculares, pretenden que (como conseguiron para a Primaria e para A ESO) sexa unha maría de oferta obrigatoria en todos os centros (alternativa a unha materia de «Valores éticos e cívicos») e que ademais sexa avaliable (que compute para bolsas e axudas). Recoñecida xa a educación diferenciada, este novo estatus de materia de oferta obrigatoria para a relixión satisfaría todas as aspiracións da Igrexa católica. E logo din Wert e Gomendio que o obxectivo da LOMCE é reducir as taxas de abandono temperán. Si home si.

Onte 772: Día da biblioteca

Ademais da exitosa folga en defensa do ensino publico galego de calidade, non esquezamos que onte foi tamén o Día da Biblioteca. Unha efeméride para poñer en valor a que debera ser considerada como a primeira institución cultural de cada comunidade local. As bibliotecas son servizos públicos de primeira necesidade, como as escolas, os hospitais e os centros de saúde; as bibliotecas son o garante do acceso de toda a cidadanía en condicións de igualdade á información, á lectura e á creación literaria.

Comprendo nesta xornada a euforia dos responsables da Consellaría de Cultura presentando o aumento de usuarios e préstamos da rede de bibliotecas nodais, un feito que se produce na maior parte das comunidades autónomas, probablemente asociado ás dificultades da crise. Porén tamén hai que denunciar, como fixo Olimpia López, a presidenta de ANABAD Galicia, os recortes brutais que sofre a rede de bibliotecas públicas en Galicia. Entre 2012 e 2013 os orzamentos da Xunta para bibliotecas reducíronse nun 40 %, recortes que para o 2014 serán do 12%, o que supón unha rebaixa dos recursos dispoñibles en dous anos en máis do 50 % (e non queremos comparar estas cifras coas que en 2008 destinaba o goberno bipartito). Redúcense todas as partidas, mais sobre todo a de adquisición de fondos bibliográficos (ao que non e alleo a decisión do ministro Wert de suprimir esta partida, xa por segundo ano consecutivo, nos orzamentos xerais do estado) e a dos recursos destinados ao fomento da lectura. Con máis usuarios e menos recursos é moi dificil para os bibliotecarios (outros heroes anónimos) poder manter a calidade do seu servizo.

Tanto en tempos de crise coma de bonanza, o papel das bibliotecas e esencial para desenvolver altos niveis de cohesión interxeracional, convivencia social e participación cívica. Moito máis no momento actual, onde ademais de incrementarse a desigualdade social, cómpre suturar a fenda dixital aberta polo acceso ás novas tecnoloxías da comunicación. As bibliotecas teñen un importante papel neste proceso de alfabetización informacional, no acceso de toda a poboación a estas novas tecnoloxías (que non son só cousas das xeracións mozas), contribuindo ao proceso de formación permanente e alfabetización informacional.

De bibliotecas e do seu futuro dabaterase no Simposio «O libro e a lectura» que organizamos os membros da Asociación Galega de Editores o vindeiro 14 de novembro. Unha xornada que pechará o escritor Suso de Toro cunha conferencia titulada: «En defensa da biblioteca pública». Un tema sobre que volveremos.

Onte 766: Cara de cospedal

Diante da excelente foto de Carlos Barajas na que aparece Dolores de Cospedal seguindo no xulgado as declaracións no plasma de Luís Bárcenas, que a acusaba de recibir dous sobres de 7.500 euros entregados por el mesmo nos despachos do partido e do Senado, os lexicógrafos acuñarán a frase «cara de cospedal» para as actualizacións futuras dos seus dicionarios. A nova frase será unha excelente exemplo didáctico para expresar a suficiencia e o poderío de quen se sabe moi por riba de acusacións e das penalidades que sofren os cidadáns do común: «Non, non recibín sobre ningún, díxolle ao maxistrado con cara de cospedal». A foto é tamén un excelente recurso didáctico para utilizar na nova materia de «Valores éticos e civicos», que o partido de Cospedal incluíu na LOMCE para o alumnado que non curse Relixión.

Onte 743: Des-normalización

Valentina Formoso pon o dedo na chaga. No artigo publicado na sección «Voces» de Prolingua denuncia as políticas sibilinas con función des-normalizadora sobre a cultura galega e para a lingua en particular. Unha choiva morna que vai enchoupando de prexuízos a valoración da cultura e linguas de noso. Este é, entre outros, o caso dalgúns contidos de libros de texto de Lingua castelá e literatura que negan a nosa lírica medieval galego-portuguesa, incluíndoa no corpus da «literatura castelá». Outrosí sucede cos contidos referidos á sociolingüistica e as escasas e prexuizosas referencias ás linguas cooficiais recoñecidas na propia Constitución. Probablemente nesas páxinas de materiais curriculares de importante difusión en todo o sistema educativo español, incluído o galego, poidamos atopar algunhas das raíces dos prexuízos e actitudes desgaleguizadoras tan presentes no actual ensino secundario, como as actitudes anticatalás ou antivascas, por fortuna só presentes en sectores minoritarios. Recomendo o excelente artigo de Valentina Formoso.

Onte 680: A escola, para ser escola, debe ser pública

Ignacio Escolar chiaba onte unha interesante entrevista co noso admirado Francesco Tonucci con motivo da súa intervención hai uns meses en Sevilla. En momentos de apoxeo da escola segregadora, coa LOMCE no seu triste trámite parlamentario, é unha beizón ler opinións tan sensatas sobre temas educativos como estas de Tonucci, defensor teimoso do modelo de escola pública. «A escola, para ser escola, debe ser pública, de iguais e aberta á diversidade», afirma o pedagogo torinés, para engadir despois, «a escola debe ser, sobre todo, un lugar onde se aprenda a vivir. E a vivir ben», salientando o irrenunciable carácter formativo e integrador da educación obrigatoria. Máis claro, auga.

Se isto non abondase, o creador de Frato, non se acomoda á rotina do seu discurso, e propón reconsiderar o principio de «coetaneidade», a agrupación do alumnado por idade, como único modelo de organización escolar, abrindo así un debate que fende moitas das inercias do noso discurso educativo. Coma innovadora é tamén a súa reclamación da volta dos nenos á rúa e a súa autonomía a partir dos seis anos, idade a partir da que para el deberían ir sós á escola. Outra volta de torca para as dinámicas familiares. Dúas propostas que forman parte da cerna do seu ideario pedagóxico, que xa nos deslumbrou hai tres décadas, recollido no seu proxecto «A cidade dos nenos». Dende os anos oitenta, Tonucci reclama aos responsables municipais que «consideren aos pequenos como parámetros principais para mudar as estruturas urbanas e axeitalas ás súas necesidades». Propón aos alcaldes ollar a súa cidade cos ollos dos nenos e nenas, sen esquecer facelo, tamén, cos ollos dos avós e das avoas. Unha nova ollada que obrigaría a mudar moitas prácticas urbanas e o propio deseño das cidades, acometendo a auténtica «humanización» que precisan. Esta nova ollada interxeracional permitiría o regreso dos picariños e dos avós ás rúas, facendo as cidades máis seguras, xa que para o pedagogo italiano a razón pola que hoxe as rúas das cidades europeas sexan perigosas é nin máis nin menos «porque alí non hai nenos».

En tempos de conformismo educativo, no que termos como «eficiencia» ou «calidade» son utilizados coma un novo mantra para xustificar a privatización educativa e os recortes das politicas públicas, cómpre volver sobre os textos vivivificadores dos clásicos da renovación pedagóxica, como Tonucci, Rodari e Freinet. Léndoos é perfectamente posible recuperar o entusiasmo na educación pública coma a mellor panca para saír da crise. Beizón Tonucci, vello amigo!

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 671: Malala ou o valor da educación

Pareceume pobre a cobertura que os medios (impresos e dixitais) fixeron en España da extraordinaria intervención nas Nacións Unidas que a moza paquistaní de dezaseis anos Malala Yousafzai fixo en defensa do dereito á educación. Apenas un minuto e medio na televisión pública mereceu esta peza estremecedora na que se reivindica o profesorado, os lapis e os libros como as mellores armas coas que conta a humanidade para mudar o mundo. Paga moito a pena conservala no arquivo como un extraordinario recurso didáctico para as aulas de formación do profesorado e como un chamamento para as nosas conciencias acomodadas na rotina. A pesar do conformismo paralizante, como ben salienta Malala con afouteza e unha determinación impresionante, a educación é a única arma posible para combatir os fanatismos e procurar a igualdade entre todos os seres humanos.

Onte 655: 6,5

A posición aparentemente teimosa do ministro Wert defendendo un corte social no acceso á universidade é coherente coas opcións máis ortodoxas da política educativa liberal onde non teñen cabida os principios de equidade e a igualdade de oportunidades. Amparado tras os conceptos de «esforzo» e «excelencia», coma outros roubados á esquerda, Wert coa súa «inocente» política de bolsas pretender ir diminuíndo progresivamente o alumnado das universidades españolas, redireccionándoo cara á nova formación profesional. Non esquezamos que a LOMCE, coa súa segregación temperá en 4º de ESO e coa creación dunha formación profesional paralela aos bacharelatos, camiña en idéntica dirección. En definitiva, o 6,5 non se trata só da teimosía dun ministro atrevido, simboliza a ruptura co modelo actual dunha educación universitaria pública para toda a cidadanía e a aposta por unha educación superior cada vez máis privatizada e de menor equidade.

Onte 629: Mupega

Foi unha excelente idea escoller o Mupega para presentar en Compostela Tastarabás, a enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas. Poucos espazos poden ser máis axeitados para reivindicar a nosa memoria lúdica que este Museo Pedagóxico de Galicia, no que se está desenvolvendo un interesante proxecto de museificar o patrimonio pedagóxico de Galicia e de recuperar a memoria escolar e da infancia. Magoadamente, aínda pouco coñecido para o gran público (e mesmo para a maioría dos profesionais da educación), no Mupega agóchase un completo percorrido pola historia da nosa educación pública, dende as aulas daquelas informais escolas de ferrado, pasando polas escolas racionalistas de indianos e por aqueloutras do entusiasmo pola educación da segunda República, até as da escola franquista. Noutras salas, expóñense a evolución dos materiais didácticos, cunha especial atención ao ensino profesional, sen esquecer a atención ao xogo e o xoguete, inseridos no ciclo da infancia e na súa recuperación dende o eido educativo. Ademais, o Mupega é un centro dinamizador das experiencias de recuperación da memoria escolar e da investigación en historia educativa de Galicia. Aconsello unha visita devagariño, paga a pena.

Onte 627: Artigo 111bis

Nunha reunión profesional démoslle voltas á redacción do artigo 111bis do proxecto de LOMCE, o que fai referencia a dixitalización do sistema educativo. Coma no resto de compoñentes do currículum, o Ministerio de Educación, previo consulta coas comunidades, será quen «estableza os estándares que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas de información utilizados no sistema educativo español». Uns estándares que atinxirán tanto aos «tipos básicos de sistemas de información utilizados na xestión académica e administrativa coma aos soportes de aprendizaxe». O 111bis fai referencia aos entornos virtuais de aprendizaxe (EVAs), espazos de comunicación entre profesorado e o alumnado dentro do novo concepto de aula dixital, aos que se lles exixirá tanto a súa interoperabilidade coma o acceso por parte do alumnado dende calquera sitio e en calquera momento, «con pleno respecto ao disposto na normativa aplicable en materia de propiedade intelectual». Ademais, terá importantes consecuencias que o MInisterio de Educación se reserve a competencia de establecer «os formatos dos contidos dixitais educativos, con independencia da plataforma tecnolóxica na que se aloxen». Con este articulado da LOMCE, Wert resetea o modelo de Escola 2.0 de Gabilondo, así como as versións e pilotos desenvolvidos nos últimos cursos nas comunidades. A educación dixital LOMCE comezaría unha nova versión.