Entrevista a Nelson de Matos
Recomendo a lectura desta entrevista a Nelson de Matos, o noso benquerido e admirado editor (sen dúbida, o que máis literatura galega publicou alén Minho). Felicitámonos, ademais, pola volta á actividade so seu blogue.
Recomendo a lectura desta entrevista a Nelson de Matos, o noso benquerido e admirado editor (sen dúbida, o que máis literatura galega publicou alén Minho). Felicitámonos, ademais, pola volta á actividade so seu blogue.
No artigo da semana realizo unha primeira semblanza da figura de don Xosé María Álvarez Blázquez. É a miña intención publicar nas vindeiras semanas novos traballos no Faro sobre o “Xosé María, editor” e o “Xosé María, cronista oficial da cidade de Vigo”. Comecei estes días a versión galega d’ A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, tarefa que asumín con enorme interese, que me permite aprender moito nese pozo de sabedoría histórica viguesa artellada polo meu admirado don Xosé María.
Aconsello a lectura da reportaxe fotobiográfica publicada hoxe no Estela de Faro de Vigo, preparada por Salvador Rodríguez.
Unha gran alegría: o meu admirado don Xosé María Álvarez Blázquez será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. Poeta, editor, historiador, divulgador e cronista da cidade de Vigo (entre outros moitos méritos) a figura de Xosé María recibirá por fin un merecidísimo recoñecemento nacional.
Autor de poemarios emblemáticos como Canle segredo e Cancioneiro de Monfero (neotrobadorista), de obras narrativas en galego como A pega rabilonga e outras historias de tesouros; biógrafo de Alexandre Bóveda; editor e estudoso da obra de Martín Codax; creador das Edicións Monterrey e de Edicións Castrelos (a editora da mítica colección dos libros do Moucho); autor de La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (un dos meus libros de cabeceira), libreiro da Libraría Anticuaria da miña rúa natal (a quen tanto lle debo a miña afección polos libros), membro da xínea dos Álvarez (a quen tanto admiro), autor de Roseira do teu mencer (quizais o primeiro poemario da poesía infantil en galego) a figura moralmente hercúlea de Xosé María (pai dos escritores Xosé María, Alfonso e Celso e da pintora Berta Álvarez Cáccamo) con seguridade axudará revitalizar e a popularizar a celebración do 17M.
Na actualidade a súa obra, coa excepción da nosa edición de Roseira do teu mencer, dificilmente se pode atopar nas librarías. A súa obra poética galega completa está recollida nun volume que publicou Xerais nos anos oitenta (hoxe totalmente agotada). Con motivo da Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, preparamos en Xerais unha edición de Canle segredo. Sobre a súa figura existe unha biografía, preparada polo seu fillo Alfonso, editada hai anos por Ir Indo edicións, ademais de testemuñas no libro de conversas con Darío Xohán Cabana (o poeta chairego traballou man con man con Xosé María en edicións Castrelos, sendo un dos mellores coñecedores da súa figura) que publicaremos nas próximas semanas. Curiosamente, non existe aínda ficha de don Xosé María na BVG, sendo, en xeral, moi incompleta a información electrónica existente ata agora. Eivas biobliográficas que coa excepción do seu libro de contos inédito, Os ruíns (perdido cando ía ser publicado por Casal), serán cubertas sobradamente nos vindeiros meses.
A AGE puxo o nome de “Xosé María Álvarez Blázquez” ao seu Premio Autor do ano, recoñecemento que ata agora recaíu en Ferrín (2005) e Manuel Rivas (2006). Así mesmo, a Sala de Lectura da Biblioteca Central de Vigo, tamén a proposta da Asociación Galega de Editores, recibiu o seu nome sendo alcalde de Vigo Manuel Pérez. A cidade de Vigo homenaxeouno dándolle o seu nome a un paseo e colocando unha praca de bronce que lembra onde viviu.
Os meus parabéns para a Academia por escolla tan acaída. Teremos oportunidade de falar de vagar nestas brétemas de don Xosé María.
Coincidindo coa entrega da Medalla Castelao, os responsables do xornal A Nosa Terra expresan a súa decidida aposta polo xornalismo dixital. Ao tempo, El Pais Galicia anuncia que o construtor Jacinto Rey tomará a maioría das accións e Miguel Barros será o novo presidente do consello. Ademais destes cambios empresariais e do aumento do cadro de persoal, o director, Alfonso Eiré, aposta por converter á editora nunha xestora integrada de contidos (tanto no eido do xornalismo, da edición como do audiovisual). Importantísimas mudanzas (que semellan moi acertadas) para unha das nosas máis importantes empresas culturais. Desexamos os maiores éxitos nesta ilusionante etapa que abre o equipo de profesionais que dirixe o benquerido Alfonso.
Ollo: prometen que tamén editarán en galego.
A editorial Alvarellos celebra os seus trinta anos de traballos cun interesante libro conmemorativo no que Quique tivo a deferencia de incluír un meu traballo sobre a evolución da edición galega nos últimos trinta anos. Ten moita razón o editor actual cando expresa que cando comezou o seu pai “a edición era unha tarefa artesanal e hoxe é unha industria cultural”. O chimpo que demos durante este período foi de xigante, non só polo aumento do número de títulos (pasaamos de 187 a 1.800), senón e sobre todo, pola profesionalización do sector e polo aumento do número de lectores e lectoras en galegos. Con todo, para proseguir a nosa actividade os editores galegos seguimos precisando dos azos de fantasía que moveron a xente como don Enrique Alvarellos, cando fundou unha pequena editorial para publicar libros en galego. Beizóns para o traballo de Alvarellos nestes trinta anos! Que veñan moitos libros!
Vía: Laie.
Con certo retraso onte tiven oportunidade de ler As caras do libro. Homenaxe a Xohán Ledo, outra entrega dos Cadernos Grial de Galaxia. Unha entrega completísima qye recupera a figura de Ricardo García Suárez, médico, pintor e deseñador editorial de Galaxia durante vinte anos claves no desenvolvemento editorial galego, finado o pasado mes de xuño.
Despois dunha coidadosa xestación de dous anos onte, por fin, foi anunciada a primeira edición de Culturgal, a grande feira do libro e da industria cultural que organizamos os editores galegos. Esta Feira, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 ao 14 de maio, está chamada a converterse na grande cita anual e punto de encontro de todos os sectores da industria cultural galega (especialmente do mundo do libro e do disco) co público. A calidade do espazo web, a importante cobertura institucional e a profesionalidade na organización anuncian que o evento debe constituírse nun grande éxito. Dende o blog seguiremos de forma preferente a elaboración do programa de actividades desta cita na que temos postas tantas esperanzas.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
