A edición en galego
La Voz de Galicia publica hoxe unha interesante entrevista con Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, sobre o estado da edición en Galicia e sobre as tendencias de futuro.
La Voz de Galicia publica hoxe unha interesante entrevista con Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, sobre o estado da edición en Galicia e sobre as tendencias de futuro.
Rematei a lectura do magnífico libro de conversas co editor Francisco Pillado, preparado polo tamén editor Xosé Luna Sanmartín (quen no vindeiro mes de xaneiro publicará na nosa colección BLG dúas pezas teatrais de Manuel Varela Buxán) e publicado por Espiral Maior. Un libro sincero, descarnado, intimista, valente, indispensable para adentrarse na figura humana, intelectual, literaria e política de Pillado, unha persoa a quen lle teño dende o que coñecín tanta lei como admiración persoal. A verdade é que cada vez gusto máis de ler e editar estes libros de conversas, un xénero biográfico que permite un achegamento máis complexo e obxectivo aos seus protagonistas, estimulados (coma neste caso acontece con Xose Luna) polo entrevistador a tirar da súa memoria e da súa capacidade de reflexión. Entre os moitos aspectos que me chamaron a atención do libro salientaría, sobre todo tres: o relato do traballo de Pillado na reinvención do teatro galego contemporáneo (figura fundamental, xunto a do seu amigo e compañeiro Manuel Lourenzo, tan presente nestas páxinas); o seu traballo como autor de libros de conversas (en colaboración co seu, tamén inseparable, amigo o editor Miguel Anxo Fernán Vello, con quen preparou o de Carballo Calero e os dous volumes de Xosé Manuel Beiras, libros fundamentais para entender a cultura galega contemporánea) e o seu labor de editor vocacional en lingua galega, á fronte dos indispensables Cadernos da Escola Dramática Galega, Biblioteca do Arlequín de Sotelo Blanco e de Edicións Laiovento (no libro reconstrúese a historia deste proxecto editorial, trabe primeira da edición ensaística galega dos últimos dezasete anos). Moi interesantes son, ademais, as reflexións de Pillado sobre o estado da edición cultural no mundo, sobre a conveniencia de creación dunha editora nacional, a defensa da popularización do elitismo cultural como o mellor antídoto contra a vulgaridade reaccionaria ou as súas opinións sobre a deriva que colleu o BNG nos últimos anos, organización política na que Pillado militou de forma destacada. Un libro que recomendo vivamente.
Unha noticia ben bonita: o noso amigo o editor Carlos Lema obtivo o premio de poesía Johán Carballeira convocado en Bueu. O xurado salientou que a obra gañadora por unanimidade, O xeito de Freud. Transferencias da realidade, foi escollida “pola solidez da súa construción”, o que demostra “ser moi complexo na súa elaboración”, así como pola “riqueza que establece no diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo”. Non teño dúbidas que o debú literario de Carlos será unha obra importante. Beizóns!!!
Eis o resultado dos Premios da Edición 2007 fallados onte na Coruña. Para min o máis interesante da velada celebrada no Aquarium, ademais da nosa ledicia polo premio recibido polo libro de Agustín Fernández Paz (un recoñecemento alboral a unha obra que presinto vai dar moito que ler), foi a magnífica intervención institucional de Alfonso García Sanmartín.
En apenas sete minutos, o presidente da AGE debuxou con claridade meridiana a folla de ruta do sector editorial privado galego para os vindeiros anos: aposta polas políticas de lectura pública, modificación do sistema de préstamo, modernización e formación do sector e consolidación da estrutura e funcioamento gremiais. Palabras oportunas e firmes (mágoa que non aparecese sequera unha pequena referencia a ela na información nos medios) para recuperar a autoestima e o traballo solidario dos editores galegos. Boa falta fan!
O vindeiro ano, a cuarta edición desta Noite da Edición celebrarase en Vigo.
Acaban de anunciarse os títulos dos libros finalistas dos Premios da edición 2007 que serán entregados o vindeiro venres na Coruña no transcurso da IIIª Noite da edición.
Durante A noite da edición 2007 serán homenaxeadas tres editoras galegas: A Nosa Terra, Alvarellos editora e La Voz de Galicia.
Inaugurouse hoxe no Museo de Castrelos a exposición de homenaxe ao editor Xohán Ledo. A magnífica exposición, preparada por Galaxia e a Consellaría de Culura, acompáñase cun ciclo de mesas redondas nas que se pretende facer unha completa revisión sobre a historia, estado actual e futuro do libro galego. Beizóns para os organizadores por tan interesante iniciativa.
A editora Silvia Querini abriu esta mañá o IV Simposio “O Libro e a Lectura” no que se reflexiona sobre as relacións entre o libro e o mercado.
A directora literaria de Lumen comezou a súa magnífica e clarificadora conferencia abordando o significado de dúas palabras “malditas” que, xeralmente, no mundo da edición (sobre todo da literaria) son moi mal vistas: “mercado” e “mercadotecnia”. Para Querini detrás do termo “mercado” está a sociedade de lectores e lectoras. Sendo a “mercadotecnia” toda comunicación que aplicamos a un libro ou, por extensión, á obra dun autor para que o noso público (sexan os comerciais da editora, os libreiros ou os lectores) coñezan o que teñen enriba da mesa. A mercadotecnia no mundo editorial require que existe un bo matrimonio entre o contido e a comunicación. “Non é extraño que esta estratexia fracase –e o editor vai sabelo de antemán– cando o contido textual non está á altura da cantidade e tipo de comunicación que estamos aplicando; en definitiva, cando o texto per se non aguanta a comunicación que se propón”.
Querini propuxo, logo, unha provocadora reflexión sobre o éxito do editor no mercado: “Cando temos un contido que nos deixa durmir tranquilos e lle proporcionamos a comunicación axeitada podemos estar satisfeitos”. Despois debullou o significado doutros dous termos que non se deben confundir –”best seller” e “long seller“–, apostando, sen dubidalo, polo segundo, “aqueles libros que grazas a ese matrimonio entre contido e comunicación se manteñen nun réxime de vendas sostido ao longo de moitos anos; eses valores seguros que permiten que os nosos presupostos cadren ao remate de cada ano”. O traballo do editor é crear un catálogo, que serva de caldo de cultivo para cada un dos títulos que editamos, sempre coa intención “de ampliar a mancha dos nosos lectores”.
Silvia continuou a súa intervención propoñéndonos a todos os asistentes “ver a vida con ollos de editor”, tentando identificar as tendencias do gran público que debemos buscar, sabendo que non é o mesmo a literatura que a edición.
Rematou o seu parlamento enumerando algúns dos ítems de maior preocupación do sector internacional nestes momentos:
– “A vida efémera dos libros que editamos no mercado.” “Hoxe un libro pode durar na libraría menos ca unha revista mensual. Ou mesmo pode haber títulos que morren nas mans do propio editor. O libro que cae, que non se ve, é un libro que non existe”. Fronte a esta doenza dos nosos tempos, propuxo que os editores nos acheguemos ao noso público (que debemos saber segmentar), mantendo unha comunicación moi fluída e simpática cos libreiros. “Cada varios meses, collo a miña axenda e fago unha ronda de chamadas aos libreiros para saber qué está pasando na súa libraría. Non coñezo mellor procedemento”.
– Loitar contra a idea de “libro=obriga”, substituíndoa pola de “libro=pracer”. “É unha mágoa que a idea da lectura non estea asociada, aínda, coa do pracer. Cantas veces, editores e lectores estamos presos da antilíbido do libro: as lecturas obrigatorias”.
– “Os lectores non son marcianos, son os nosos veciños, os nosos concidadáns.” Razón pola que os editores non podemos darlles nunca gato por lebre; pola contra é a nosa obriga “intentar que comprendan que pasar unha tarde lendo un libro poden ser escandalosamente felices”.
Na quenda de intervencións do público, Querini apostou por traballar a información como o mellor soporte promocional que pode ofrecer un editor; calculou que a taxa de devolucións do seu fondo estaba entre o 25% e o 30% (aínda que os exemplares devoltos perviven logo como “goteo” e permiten que o título non se descatalogue decontado); e defendeu de forma apaixonada o prezo fixo (“se se liberaliza, morrerán ás librarías independentes”).
En definitiva, unha intervención moi clarificadora dunha das máis importantes editoras literarias en lingua castelá.
Hoxe preséntase na Feira de Frankfurt Readgalicia o primeiro catálogo de dereitos da edición galega actual. O espazo web (en galego e inglés) permite acceder á información de 169 novidades publicadas por dezanove editoras galegas nos últimos dous anos. De cada título pode consultarse a sinopse, un fragmento do texto e a ficha dos seus dereitos dispoñibles. O catálogo aparece organizado en seis categorías: ficción, infantil, xuvenil, non ficción, poesía e teatro. O deseño da páxina é moi claro e a navegación moi doada e amigable. Readgalicia constitúe un paso de xigante na exportación da literatura e da edición galega. A Consellaría de Cultur e Deporte e a AGE, promotoras da iniciativa, merece as nosas maiores beizóns!

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
