Novo vídeo de Karpinha
Karpinha volve recoller toda a emoción do celtismo na xornada do ascenso. A vindeira tempada, xa en primeira, máis.
Karpinha volve recoller toda a emoción do celtismo na xornada do ascenso. A vindeira tempada, xa en primeira, máis.
«De primeira» é o título da reportaxe que o programa Reporteiros da TVG dedicou ao ascenso do Deportivo e do Celta. Recolleron algunha das miñas opinións celestes. Debe quedar no arquivo.
Din que conmoveu a Paco Herrera e que serviu para motivar ao vestiario antes do partido co Córdoba, probablemente é a mellor peza da nosa admirada Karpinha08. Tamén recomendo moi vivamente a peza máis recente «Amos do noso destino, capitáns da nosa alma», hoxe gabada no Faro.
Balaídos fala galego dende hai décadas. O serán do ascenso foi outra manifestación da lealtade e respecto do Celta co noso idioma, xa que a lingua galega foi a vehicular na festa do ascenso. A cartelaría e sinalética, as intervencións do animador, dos membros de «A Roda» e do resto dos grupos musicais, foi todo en galego. Outrosí sucedeu coas entrevistas da maioría dos xogadores galegos na TVG ou a presenza de bandeiras galegas no campo, mostras de que o noso equipo ten raíces moi ben chantadas na terra. Este Celta galego é unha fachenda para todos.
Envexable a marea branquiazul celebrando o ascenso. Semella incrible ese entusiasmo desbordado para recuperar a posición perdida hai apenas un ano. Alédome moito por Juan Carlos Valerón, un futbolista de fantasía que saíu ovacionado no derbi de Balaídos. Abeizoo, tamén, aos milleiros de deportivistas que acreditan nese soño do fútbol galego, de espírito inequivocamente atlántico, de pase longo e caneo de claqué. Pola nosa banda, os celtistas, xente paciente até o lirismo, seguimos sumando con esforzo, dispostos con moita prudencia e humildade a rematar o domingo cunha angueira de cinco tempadas nas que chegamos a visitar as marxes do abismo. Aínda non o podemos crer! Arriba, corazóns galegos!
O fútbol é un deporte onde nunca se debe descartar o resultado máis imprevisto. Onte sucedeu en tres ocasións de forma extraordinaria. En Pucela o Hércules do galego Mandiá empatou no último minuto, grazas a un remate de Manucho en propia meta. Algo incrible que sitúa ao Celta na segunda posición e, o que é moito máis importante, permite que o seu futuro dependa do que faga o martes en Guadalaxara e nos partidos futuros. A Premier tamén se decidiu no minuto 94 cando o ‘Kun’ Agüero marcou para os celestes do Manchester City dos meus queridos Silviña e Denís Suárez, remontando así dous goles en tempo de desconto. Outro fito incrible, cando os afeccionados do seu eterno rival, o United celebraban outro campionato. O mesmo sucedeu co gol de Tamudo no minuto 46 (en posible fóra de xogo), tras un cabezazo de Michu ao longueiro, que salvou ao Raio do descenso e enviou a segunda ao Villarreal de Lotina. Ledicia para uns, bágoas para outros! Unha marabilla para os que acreditamos na inocencia deste fermoso e emocionante espectáculo de masas.
Messi non é deus, é apenas un ser humano. Demostrouno xutando o penalti ao longueiro e, logo, enviando outro pexegazo ao poste, cando os seareiros do Barça xa enxergaban a final da Champions. Messi é o modelo máis perfecto que coñecemos de intelixencia en acción sobre a lameira, capaz de escintilar co seu alustro decisivo nas situacións máis difíciles. Mais onte non conseguíu proxectar esa luz, o seu equipo foi derrotado pola orde, a disciplina, a potencia, a afouteza do Chelsea, cualidades que se amosaron moito máis decisivas co repetido e previsible baile de salón catalán. Desta volta a forza da disciplina titánica da destrución impúxose sobre a beleza da expresión combinatoria da creación. Un partido que dá moito que pensar sobre o carácter simbólico deste xogo de pelota. Esta eliminación é o primeiro grande fracaso de Lionel na súa extraordinaria carreira no Barcelona. Probablemente, ademais, será unha importante derrota de Guardiola, a quen na eliminatoria sobroulle rixidez táctica e faltáronlle recursos de ataque (saudades de Villa). Eis a grandeza do fútbol cuxo relato pode ter, coma no serán de onte, un final imprevisto e desacougante. Quedamos magoados, fútbol é fútbol.
Foi o BNG quen presentou no Congreso unha proposta para impoñer teito de gasto aos clubes profesionais de fútbol mentres manteñan débedas con Facenda ou a Seguridade Social. Unha proposta oportunísima xa que os clubes de fútbol profesional deben só a Facenda 750 millóns de euros, unha cifra brutal e vergonzosa, cando a sociedade toda está sometida aos maiores rigores da austeridade. É inxustificable que o estado manteña unha flexibilidade ilimitada con estes clubes, un privilexio do que non gozan ningún outro sector nin do espectáculo nin da cultura. Este teito de gasto supoñería poñer límites para fichaxes e soldos, o que axudaría a equilibrar a competición, xa que non semella moi xusto que os equipos que máis deben ao estado sexan tamén os que paguen as fichaxes máis elevadas. Parabéns ao BNG pola iniciativa!
Hoxe apareceu publicada a miña segunda colaboración deportiva en Praza pública: «Oubiña, a trabe».
No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha homenaxe a Alejandro Febrero Lorenzo, o primeiro nadador olímpico galego, participante nos Xogos Olímpicos de Londres de 1948 nas disciplinas de 40o e 1500 metros crol (estilo libre). Esta figura debe ser revificada entre os novos deportistas vigueses. O seu exemplo de esforzo, tesón, afouteza, compromiso coa ría e coa nosa cidade de sal non poden perderse. A corporación debía valoralo e darlle o seu nome a un dos treitos do paseo das Avenidas, quizais como «Dársena Alejandro Febrero».
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).