Onte 1428: «Lilting»
O director británico de orixe camboiana Hong Khaou ofrece en Lilting unha peza maxistral sobre a perda e a superación do duelo. Dúas persoas de culturas e idades dintintas, unha emigrante chinesa internada nunha residencia de maiores e o mozo británico do seu único fillo falecido nun accidente, afrontan a dor tremenda da perda do seu ser máis querido. A mediación dunha intérrpete, implicada na ruptura da incomunicación até os seus propios límites, facilitará rachar coas barreiras idiomáticas, mais tamén coas xeracionais e culturais. Lilting é unha película moi fermosa sobre a dignidade, a decencia, a honestidade nese esforzo por mitigar a dor no entorno dos seres queridos, valores que semellan en desuso na actual sociedade urbana europea. O recital intepretativo de Ben Whishaw é memorable. Como tamén o é a exaltación das linguas (o mandarín e o inglés) e o valor comunicativo dos silencios e das olladas. Lilting é do máis conmovedor e sensible que teño visto nos últimos meses nos queridos Multicines Norte.