A crítica que queremos

A polémica sobre a crítica deu unha nova volta de torca. O responsable do Cartafol e o seu crítico máis rabudo argumentan en senllos artigos as razóns do seu posicionamento como “crítica libre e desinhibida” (acaso, o resto da escasa crítica que temos sobre a literatura galega non o é?).
Chámame a atención a utilización por vez primeira do argumento das subvencións á produción editorial (semellan un maná agasallado ao chou, por non se sabe quen, aos editores e profesores que manexamos a cultura oficial), para eles ofrecerse como garantes do control democrático e da luz que lle falta ao tinglado da nosa edición.
Desconfío sempre dos que se ofrecen como salvadores, moito máis, cando os argumentos que utilizan están baseados en información prexuiciada. Agradézolles que abran ese debate necesario sobre as subvencións (e o seu reparto) que recibe o libro editado en galego, onde, a pesar do que expresen os profesores Barreiro e Rodríguez, non é, como eles valoran, todo un disparate (quizais, apunto piadosamente. por carecer da totalidade dos datos).
O crecemento da produción literaria en galego (un éxito de todos) creou problemas e distorsións importantes, como a dificultade para distinguir entre a Literatura e os produtos literarios editoriais. Para min tan necesaria unha como os outros. Mais neste mar (afortunadamente) vizoso, e tamén inseguro, da nosa incipiente industria cultural é máis necesario ca nunca levantar a crítica como un faro de altofalante e de luz intermitente. Todos (os editores os primeiros, os autores, tamén, e non só os lectores) precisamos de mapas e cartas de navegación precisas. Necesitamos establecer valores estéticos de referencia que sexan fiables, para non extraviármonos na viaxe entusiasta que emprendemos. Velaí o papel fundamental desa crítica rigorosa e plural que todos queremos.

Respecto para a crítica

Unha crítica recente aparecida no Cartafol está provocando moita polémica. Desque exerzo a profesión de editor, e xa van aló anos, quizais de máis, nunca quebrei o meu compromiso de non contestar a crítica ningunha por desacertada que fose. Sei que cómpre asumir coa mesma sobriedade os paos cas cenorias. E por moito que me doia o caso que nos ocupa (unha obra que considero das verdadeiramente grandes), non vou rebater a lectura do xove crítico nin comentar a súa pericia no uso dos adxectivos.
Creo que editores e autores debemos apoiar e respectar o traballo da crítica (tantas veces minusvalorada e con tan escasos espazos de difusión nos nosos medios) e esixirlle rigor e independencia, criterios que me consta asume o
responsable deste Cartafol. Equivócanse os que anuncian teorías apocalípticas da conspiración e a existencia de manobras de poderes ocultos que manexen o tinglado da nosa edición. O noso eido é tan pequeniño que non dá para tanto. Atopo a explicación desta polémica nosa nunha cuestión moito máis sinxela: confróntanse as subxectividades e visións da vida que provoca nos lectores e lectoras unha novela tan frondosa literaria, temática e formalmente coma esta. A quen non o fixera, convídoo a que aproveite estes días de lecer para lela de vagariño e sen os prexuízos que poida ocasionar a crítica de marras; logo poderá opinar con liberdade e con coñecemento de causa.