Onte 1945: «Tres anuncios nas aforas» de Martin McDonagah

O western é un xénero en constante revisión. Diciámolo ao fío de Comanchería e repetímolo agora con Tres anuncios nas aforas, o film de Martin McDonagah do que tanto se fala esta fin de semana de estrea. Un western moderno protagonizado por unha muller dura que pretende acelerar a investigación sobre o asasinato e a violación da súa filla nunha pequena cidade de Misuri, un deses tantos crimes nunca resoltos. Un guión excelente, no que se suceden as reviravoltas climáticas até os límites da verosemellanza; unhas interpretacións memorables, nas que destaca a de Frances McDormand (aspirante ao seu segundo Oscar, despois do de Fargo); unha utilización brillante dos recursos expresivos, sobre todo os diálogos moi afiados e a unha BSO marabillosa, alicerzan esta narración sorprendente e engaiolante. Ten mérito McDonagah, un autor teatral de quen se leva estreadas tres pezas en galego, cando modula no film sen maniqueísmo a ambigüidade existente entre a dor e o humor, o odio e o amor, a vinganza e a xustiza, as vítimas e os verdugos.

Sen dúbida está é unha peza sobre a gamma de grises da condición humana e dos propios xéneros da narración, situada dacabalo do drama, da comedia e do sarcasmo. Paga a pena reparar nela, deixando os dogmatismos e os prexuízos na casa.

Onte 1939: «Morir», a conmovedora película de Fernando Franco

Morir, a segunda película de Fernando Franco, demostra que o cine, ademais dun medio de lecer, pode ser unha poderosa ferramenta de reflexión sobre a propia vida. Este de Franco é un relato amargo dunha viaxe emocional provocada pola irrupción inesperada do cancro que descompón a unha parella para enfrontala ao qué entenden por amor. Unha película austera nos medios, mais de narrativa hipnóptica, que apenas nos concede tregua na cadeira. Alicerzada sobre unhas interpretacións extraordinarias, sobre todo a de Marián Álvarez, que o di todo coas súas olladas e os seus silencios, o film conta coa presenza constante do latexto do mar, que funciona como contrapunto da vida que se deteriora e axita sobre o precipicio. Morir é un relato convincente sobre a dor e sobre o propio momento da morte, tan difícil de representar na pantalla, tanto pola súa sobriedade como pola súa dureza conmovedora. Non é doado esquecer algunhas imaxes que nos enfrontan coa crueza da morte e da vida.

Onte 1936: “A libraría” de Isabel Coixet

Isabel Coixet ofrece en The Bookshop unha fermosa homenaxe á lectura e ao mundo da libraría, que adapta a novela homónima de Penelope Fitzgerald. Unha peza de narración e realización impecable,como adoita a catalá, a pesar da escasa orixinalidade do conflito proposto, no que unha libreira soñadora e valente pon a proba a súa afouteza diante da extorsión que en 1959 sofre por parte dos poderes dunha pequena comunidade costeira. O máis interesante do film é a gabanza da lectura, do libro e da literatura sexa como forma de resistencia (protagoniza por Florence Green na excelente interpretación de Emily Mortimer), sexa como forma de instalarse na vida (eis o  enigmático señor Brandish, outra creación memorable de Bill Nighy). Xaora, tamén é interesante a concepción da libraría como espazo de encontros e descubertas, capaz de reeducar á pequena dos Gipping. Como son memorables as homenaxes a Bradbury e a Nabokov, así como algúns diálogos literarios referenciais desta balada triste da libraría.

Onte 1933: «Baixo o sol» do croata Dalibor Matanic

Vimos Baixo o sol, a película do croata Dalibor Matanic, coincidindo coa noticia da condea a Ratko Mladic, o xeneral serbobosnio responsable do xenocidio de Srebrenica. E non resulta doado substraerse a esta circunstancia vendo este tríptico de historias de amor entre un home croata e unha muller serbia, relacións dunha ou doutra maneira prohibidas por cadansúa comunidade, fose en 1991, cando estaban marcadas polo odio, poucos anos despois da guerra, mais tamén en 2001 ou en 2011, cando o rencor daquela ferida debería comezar a mitigar. Matanic explora as dificultades da reconciliación entre as comunidades e aposta polo amor como espazo para enxergar o futuro e superar os fantasmas da guerra. Acerta o croata cando utiliza o sol e a auga como símbolos de expiación, capaces de limpar feridas, como tamén cando utiliza a mesma parella de actores para protagonizar as tres histoiras sen aparente relación entre elas. Unha ollada romántica para un conflito non cicatrizado.

Onte 1924: «Handia»

Jon Garano e Aitor Arregui saen máis que airosos de Handia, a película rodada en éuscaro na que abordan con sutileza o mito do xigantón euscaldún que asombrou cos seus 2,42 metros nunha xira por Madrid, Lisboa, Londres e París. Máis que pola orixinalidade no tratamento da aceptación social da diferenza ou polo acertado retrato etnográfico da vida nun caserío durante a primeira guerra carlista, Handia destaca pola fermosa factura visual e sonora que sen caer no virtuosismo lle engade moitas doses de emoción. A incorporación de elementos fantásticos axuda a entender o carácter alegórico do relato desta lenda vasca, cuxo tratamento nos lembrou a algunha película de Tim Burton. Xaora, é no coidado dos detalles en escenas memorables, como a da visita a Stonehengen ou na entrevista coa raíña Isabel II, onde identificamos o valor desta historia superación e fraternidade, unha exaltación da vida, a pesar de que a morte é para Joaquín unha caixa que sempre deixa a súa pegada.

Onte 1920: «Paterson» ou a defensa da poesía

Levaba tempo agardando por ver Paterson, a película de Jim Jarmusch que relata a peripecia dun condutor de autobús que escribe poesía na cidade de Paterson, Nova Yersey, onde naceu o poeta Allen Ginsberg e onde escribiu boa parte da súa obra poética William Carlos William, o poeta preferido polo protagonista. Enfrontando durante unha semana a vida dunha parella de namorados, a rotineira do poetacondutor (almorzo, traballo, regreso, cea, paseo co can, cervexa no bar do barrio) coa ollada dinámica, optimista, soñadora e enérxica da súa compañeira, cociñeira de cupcakes e deseñadora de cousas en branco e negro, Jarmusch pretende deitar unha ollada poética sobre o cotián como mellor xeito de promover o interese pola poesía («palabras escritas sobre a auga»). Paterson atende as conversas dos seus viaxeiros, mais apenas fala con eles, mentres conducindo cisma na creación dos seus textos de linguaxe moi coloquial que salva despois nos tempos de descanso no seu inseparable caderno.

Película de boa factura e impecable interpretación, sobre todo da iraní Golshifteh Farahani, fraquea un chisco na súa narratividade, tanto pola práctica ausencia de conflito como pola previsibilidade do seu desenlace. Mágoa que Jarmusch desaproveitase a oportunidade de traducir con maior rotundidade a poesía en linguaxe cinematográfica. Con todo a película constitúe unha interesante defensa da poesía, esa «preferencia por ser só un peixe» e non calquera outro animal.

Onte 1917: «Amour» e «Engurras»

Circunstancias léváronos a ver estes días dous filmes que abordan a problemática das persoas maiores: Engurras de Ignacio Ferreras, adaptación do cómic homónimo de Paco Roca, e Amour de Michael Haneke. Dúas marabillas, senllas pezas conmovedoras, onde se aborda con sutileza, mais tamén de forma explícita o difícil transo da vellez, onde todo, incluído o amor, a amizade e a dignidade, se someten a proba. Sorprendeume de Engurras, o gran guión do galego Ángel de la Cruz, para abordar con moita retranca os inicios da doenza do Alzheimer, tinguindo de tenrura e certa poesía as situacións máis difíciles. Mentres que na película de Haneke, outra das súas obras mestras, é brutal a ollada cirúrxica do director austríaco sobre o amor, concibido como agarimo, afecto e apoio mutuo entre os amantes, mais sometido pola doenza e pola dor a todas as probas posibles. Cine que nos enfronta sen mexericadas e dignidade ao espello da vellez. Imprescindibles.

Onte 1914: Dúas películas de François Ozon

Nos últimos días vimos as películas máis recentes de François Ozon, Frantz e L’ amant double. Dúas propostas que, aparentemente abordan temas e xéneros ben diferentes; a primeira, o da ausencia, a perda, o perdón e a expiación, no formato dun drama ambientado tras a Guerra do 14; a segunda, o da identidade, no que utiliza algunhas convencións do thriller. Mais tamén dous filmes onde identificamos as marcas propias ao narrador parisino: a obsesión pola ollada, a elegancia na composición formal e a absorbencia do relatado. Sendo o resultado moi distinto (a miña preferencia por Frantz é indiscutible), Ozon consegue en ambos os dous casos sorprender coa ollada feminina que guía o relatado. Abordando a historia dun mozo e dunha moza torturados por unha perda que saben non pode ser superada, Ozon ofrece en Frantz un impactante manifesto da tristeza, filmado en branco e negro sobre fondos de Chopin e Tchaikovski.

Rescatando o soño dunha muller e a súa relación con dous xemelgos (unha trama que nos recordou a Placebo, a novela máis recente de Jaurequizar), Ozon constrúe unha narración dende o interior da protagonista e narradora (a vaxina transformada en ollo, na primeira escena así o indica), que amplía os límites da presenza do sexo na pantalla e converte todo o filme en metáfora da liberdade sexual da muller. Xaora, non é doado facer verosímil unha trama baseada no xogo entre o real e o seu dobre, na dialéctica constante entre realidade e a súa ilusión, ou na confrontación das pulsións do desexo e da vida, da tenrura e da violencia, razón pola que Ozon utiliza para salvar a película do desastre os recursos do xénero de terror e a aparición dun personaxe chave (interpretado por Jacquelinne Bisset) capaz de explicalo todo. No entanto, como sucede en Frantz, Ozon consegue que a ollada da protagonista cautive ao espectador máis escéptico pola confusión onírica do relatado.

Onte 1909: Dous filmes sobre o Holocausto

Despois da experiencia marcante vivida hai días cando visitamos os campos de Auschwitz e Birkenau, dúas películas que vimos esta fin de semana, O fillo de Saúl do húngaro Lászlo Nemes e Hannah Arendt da alemá Margaret von Trotta, adquiriron unha maior relevancia. Dúas fitas de fasquía narrativa diferente que, ademais de denunciar o xenocidio xudeu nos campos de concentración nazis, propoñen unha reflexión moral e política da que o espectador non pode allearse. Do extraordinario film do debutante Nemes impresionoume como a utilización de recursos técnicos, sexan longos planos secuencia, constantes fóras de foco ou o protagonismo do son de ambiente, constitúen tanto opcións estéticas como éticas. Dificilmente pode representarse de forma máis fidedigna o horror que nas marxes da pantalla ou nos berros que se escoitan tras as conversas murmuradas, mentres a cámara persegue a caluga dun protagonista obsesionado por enterrar ao seu fillo, o único xeito de asegurar a salvación.

Nemes condena ao espectador a querer ver e non poder facelo, un xogo sutil, que non agocha nada que resulte esencial para expresar a ruindade do ser humano. Como resulta inquedante a reflexión que von Trotta propón sobre a banalidade do mal no biopic sobre a filósofa xudía, formada con Martin Heidegger, a raíz do seguimento xornalístico que fixo en 1961 para The New Yorker do xuízo a Adolf Eichman, un dos máximos responsables nazis dos campos de exterminio. A veterana directora de A honra perdida de Katharina Blum ofrece un retrato matizado de Arendt, moi lonxe dos perfís da haxiografía, procurando a súa credibilidade no protagonismo da palabra, os diálogos e os monólogos (como a lección memorable que imparte diante do seu alumnado e os responsables da universidade). Dúas películas que afondan nas raíces do xenocidio e do totalitarismo, alertando sobre a necesidade non abandonar nunca o pensamento, onde reside a cerna da liberdade que se pretende erradicar.

Onte 1908: “Cézanne et moi”

Xeitosa película esta que relata a amizade fraternal entre Émile ZolaPaul Cézanne. Unha relación poderosa que os artistas mantiveron dende a adolescencia e ao longo de case toda a vida na que compartiron o seu afán creativo, un como narrador e outro como pintor, como senllas procuras de achegamento á verdade. Unha amizade moitas veces posta a proba polos ciumes e os trasacordos, como cando Zola publicou A obra (1886), protagonizada por Paul Lanier, un pintor fracasado no que Cézanne viu retratada a súa vida, na que nunca fixo concesión ningunha á comodidade. Mágoa que a directora Danièle Thompson perda a oportunidade para afondar un pouco máis nesta paixón creativa (a cerna das súas vidas) de xenios de temperamento moi diferente, o escritor, metódico e pragmático, o pintor, rebelde e voluble, mais unidos pola devoción á paisaxe de Aix-en-Provence retratada de forma moi fermosa por Dreujou que consegue emular nalgúns encadres os do propio Cézanne.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar