Michael Haneke ofrece en Happy End (2017) unha comedia perturbadora e irónica na que volve sobre os seus temas referenciais amosando que os diversos xéneros narrativos poden servir tanto para representar a crueldade da violencia e o desacougo da soidade como para expresar tamén a epifanía entusiasta da infancia ou mesmo o epílogo tristemente feliz da morte procurada. Ao xeito dunha secuela da extraordinaria Amour (2012), encarnada no aínda deslumbrante Jean-Louis Trintignant, o director austriaco ofrece en Happy End o retrato dunha familia burguesa de Calais, allea a todo o que sucede ao seu arredor, que se derruba inexorablemente, como o muro do soar no que a empresa familiar pretende edificar. Impactoume o magnetismo da nena, sobre todo na escena inesquecible da conversa no estudio do avó, como a utilización das redes sociais e dos móbiles como recursos discursivos do voyeurismo do noso tempo. Interesante.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é editor e mestre. Na actualidade, profesor do CEIP Lope de Vega de Vigo, foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir