Onte 1154: «Gatuxo» de Magín Blanco

Gatuxo-disco-libro-portadaSon fan de Magín Blanco, para min unha figura excepcional da música infantil galega, esoutra expresión da potencia da nova creación cultural en lingua galega. Onte escoitei devagariño os dezaseis temas de Gatuxo, o librodisco para picariños de 0-3 anos que acaba de publicar Folmúsica. Nacido da emoción do nacemento e da crianza de Manuel, o fillo de María Faltri e Jorge Juncal, os seus compañeiros na escena, Gatuxo é un traballo que posúe a dozura do primeiro aloumiño, a suvidade de cada coliño, a tenrura de cada arrolo cando doe, a sinxeleza das palabras frase, verbas fundacionais onde se forxa a lingua primeira. Melodías marabillosas, instrumentacións sinxelas, vocalizacións precisas. Cancións circulares nacidas da experiencia da lactancia, da primeira comida, da aparición do primeiro dente, da dor dos primeiros croques, os momentos felices dos xogos no parque ou de chapuzar na bañeira, a maxia da hora de conto cando ilumina a lúa… Cancións afastadas das convencións do arrolo que dialogan coa experiencia do picariño como as ilustracións de Erica Maradona, cheas de detalles do que tirar partido na lectura compartida. Mención á parte merece «Anemone de Mar», a canción excepcional, extraordinaria, que pecha o disco, composta por Pierrot Rouge e interpretada por el e a súa compañeira Ugia Pedreira, inspirada na súa filla Lúa, que aventuro convertirase nun clásico contemporáneo. Un disco memorable para a galeguización dos nosos picariños dende o berce, que contribuirá o seu desenvolvemento temperán. Gatuxo merece todas as nosas beizóns, como Magín e o seu equipo de músicos. O librodisco será presentado no Espazo Infantil de Culturgal, o venres 5 de decembro, ás 20:30.

Onte 1153: Construír Culturgal

Culturgal_21-11-2014

Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.

Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.

Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.

Onte 1148: Badia i Margarit

Morreu Antoni Maria Badia i Margarit576_14161639637261205184_c1936d2911_k, unha das figuras senlleiras da cultura catalá do século XX, un auténtico sabio da lingua catalá, especialista en dialectoloxía, onomástica, sociolingüística, autor da Gramàtica històrica catalana, modernizador da lingua catalá, respectado por todos e considerado como o tótem da lingua catalá. Tras o fío da noticia do seu pasamento lin onte en twitter unha anotación na que recolle catorce das súas reflexións arredor da lingua catalá e o seu futuro que merecen ser arquivadas. Entre todas elas quedo co seu chamamento á corresponsabilidade cidadá na defensa da lingua: «Se un día o catalán desaparece non será porque os castelanfalantes non se puxeran a falar catalán, senón porque os catalanfalantes deixaron de falar a súa lingua. Por tanto, todos os cataláns temos a gran responsabilidade, a obriga de salvar a nosa lingua. Xa sabemos que no se pode pedir que todo o mundo sexa un heroe, mais un chisco heroe, si.» Unha mensaxe que ben acae para o futuro da lingua galega e a corresponsabilidade na súa defensa. Beizón, mestre Badia!

Onte 1147: Os dereitos das lectoras

decalogo_lectura_pennac_blake

Foi onte Agustín Fernández Paz quen rescatou en twitter o cartel que sir Quentin Blake preparou en 2006 dos dereitos da persoa lectora fixados en 1992 por Daniel Pennac. Un texto esencial recollido en Como unha novela, un ensaio que publicaramos decontado en Xerais na versión galega de Emma Lazare e Moncha Fuentes. Transcorridas dúas décadas, o xenial decálogo de Pennac non perdeu actualidade, aínda que merecería ser actualizado tras as modificacións introducidas polo proceso de hibridación da lectura tras a irrupción dos soportes dixitais e formatos hipertextuais. Como tamén convén non esquecer a advertencia final manuscrita por Blake: «10 dereitos e unha advertencia: “Non te rías de quen non le ou nunca o fará nunca”.» Recupero a versión galega do decálogo, un excelente recurso didáctico, ao que habería que engadir como coda necesaria a primeira frase coa que Daniel Pennac inicia Como unha novela: «O verbo ler non admite o imperativo»

1. Dereito a non ler.
2. Dereito a saltar as páxinas.
3. Dereito a non terminar un libro.
4. Dereito a reler.
5. Dereito a non ler calquera cousa.
6. Dereito ao bobarysmo (doenza de transmisión textual).
7. Dereito a ler en calquera sitio.
8. Dereito a ler ao rebusco.
9. Dereito a ler en voz alta.
10. Dereito a calar.

Onte 1146: «Dende o conflito»

Reimondez_Solar_14-11-2014

Moi interesante resultou a conversa da xornalista María Solar e a escritora María Reimóndez sobre Dende o conflito, a novela gañador ado Premio Xerais de Novela 2014. Organizado no marco do programa «Venres nas librarías», o acto tivo lugar na libraría Trama de Lugo, unha das mellores librarías culturais do noso país, tanto pola amplitude e organización do seu fondo coma pola coidadosa escolla das súas novidades.

XG00214901Antes de iniciar a conversa, María Solar confesou que esta novela a reconciliara co Xerais. «Dende o conflito é un libro fácil de ler, ben construído. A autora foi escollendo crónicas, cartas, artigos, citas e outros materiais narrativos para construír algo difícil de contar, fosen os conflitos do xenocidio de Ruanda, da guerra de Iraq, da fame de Etiopía, o terremoto de Haití, ou os interiores da protagonista, os de parella, de amizades que se rompen, de familia, laborais e, en xeral, do que sofre unha muller independente.» Definiu Solar Dende conflito como «libro realista», no que hai momentos nos que «me tirou da fibra, xa que son consciente que os xornalistas queremos contar  o mundo e axudar a cambialo. Saínza, a protagonista, é unha xornalista vocacional, que non se queda nos hoteis, que vai á raíz do conflito. O libro levoume ao máis fondo da profesión, ao do chegar ao máis fondo dos conflitos. Sei que o mundo non está pensado para xente que quere mudar o mundo. María traballa para facelo e Saínza Combarro representa esa mesma pulsión.»

Comezou a conversa sobre os mundos paralelos da autora coa súa protagonista. «As miñas viaxes consisten en escoitar, é o meu principal traballo. Os espazos e as situacións da novela son para min próximos, algúns coñézoos en profundidade, como Haití e Etiopía e  outros os visitei nalgunha ocasión, como Ruanda.» Confesou Reimóndez que «non me gusta narrar cousas que descoñezo, dáme reparo facelo». Tras a lectura dun fragmento no que se narra o medo paralizante que sufriu Saínza en Londres, a conversa devalou sobre a xestión da ira nos regresos e a función do xornalismo de guerra. «Vivimos un modelo de xornalismo de guerra baseado en homes occidentais que contan unha guerra da que xeralmente descoñecen todo, silenciando as persoas, o foco e a súa voz. Así non hai posibilidade de que as persoas digan nada, carecendo de posibilidades de autorrepresentarse. Neste modelo hai unha mediación oculta da que non se fala, como a que realizan os tradutores.»

A conversa xirou despois sobre a pertenza da novela ao «Ciclos dos elementos», o proxecto narrativo de Reimóndez do que forma parte, xunto á xa publicada En vías de extinción e A música dos seres vivos, que será publicada na vindeira primavera. Reimóndez desvelou que «Dende o conflito está motivada por un personaxe que aparece En vías de extinción, do que doutra subtrama saíra outro que protagoniza A música dos seres vivos. Todas as tres, xunto con outras en proceso de escritura, forman parte do «Ciclo dos elementos», onde cada novela é de lectura independente, mais que ao final cando se poidan ler todas se comprenderán as relacións entre os seus personaxes.»

Na fase final da conversa, Solar e Reimóndez falaron do enfoque feminista de toda a obra da escritora lucense. «O feminismo é a óptica dende a que escribo, sexa unha novela, un ensaio, un poema ou un artigo dun xornal.» «Saínza Combarro, a protagonista da novela, busca ser libre, dentro do que hoxe é posible, busca ser coherente, ser independente sen ser distante.» «Na novela pretendín recuperar figuras complexas como a de Sofía Casanova e outras como Marie Colvin, que me axudou moito na construción do texto, xa que a súa maneira de narrar as crónicas de guerra fascinoume. Os textos de Colvin axudáronme a construír o personaxe no eido do íntimo.»

Rematou o acto referíndose María Reimóndez ao «especial afecto» que para ela supuxera obter o premio Xerais e «formar parte dunha traxectoria que forma parte das nosas vidas.»

Onte 1144: Os máis lidos

listado2

Soubemos onte da relación dos títulos máis lidos o pasado curso nos 209 clubes de lectura da rede de bibliotecas escolares de Galicia, unha valiosa información anual sobre as preferencias do noso lectorado mozo que contribúe a orientar o traballo de editores e mediadores. Chama a atención deste listado o peso dalgúns títulos publicados orixinalmente en galego como Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, Todos somos de Marcos Calveiro, O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, Os fillos do mar de Pedro Feijoo, Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, Faneca brava de Manuel Portas, Poetízate de Fran Alonso ou Dragal de Elena Gallego, por citar algúns dos publicados por Xerais. Como tamén é de salientar o protagononismo da novela, o elevado número de títulos traducidos e, en xeral, a veteranía dunha boa parte deles, o que expresa a permanencia destas eleccións capaces de transformalos en «clásicos do noso tempo». Xaora, o que me pareceu máis característico é o seu carácter de libros de fronteira, inevitable no seu papel na formación do lectorado literario. Como lin hai uns días nun carteliño nunha libraría de Gales, nesta relación dos máis lidos aparecen libros para a mocidade amados polas persoas maiores, libros para maiores amados pola mocidade. Unha relación a ter en conta.

Onte 1143: «A vinganza do defunto»

xam_reigosa_bragado_11-11-14

Acompañamos onte a Carlos Reigosa na presentación en Compostela d’ A vinganza do defunto, a quinta das novelas da serie protagonizada polo detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde. Foi Xesús Alonso Montero, presidente da Academia Galega, quen se ocupou de glosar unha obra que relacionou con Crime en Compostela, a primeira novela da serie que obtivera xustamente hai trinta anos, un 11 de novembro, o premio Xerais de Novela na súa primeira edición.

XG00231401Comezou don Xesús dicindo que «Reigosa é o creador do xénero policial en galego, sendo un escritor moi para lectores galegos, engaiolado pola cidade de Compostela, á que non renuncia a explicar». Salientou despois a importancia de Vigo nesta historia, «onde teñen moita presenza os nazis e os xudeus que pretendían fuxir dende o porto cara América durante os anos da segunda guerra mundial e da febre do volframio». Citou a presenza na novela de Celso Collazo Lema, figura galeguista a que coñeceu en 1951. e a de Francisco Vázquez, «que achegan o contexto sobre o que se desenvolve a investigación de Nivardo e Conde encargada por Eliseo Sandamil Bentraces cando se produciu a súa morte». Rematou abeizoando a erudición do autor, «que está sempre ao servizo do espiñazo do do relato», e felicitándose de que «as Letras Galegas conten cun escritor como Reigosa, «que ten pericia para dominar os rexistros da novela de xénero, mais é capaz de densificar o pensamento e a reflexión e manter unha inequívoca vontade de estilo.»

Comezou a súa intervención Reigosa expresando a súa gratitude a Xesús Alonso Montero, «unha figura que significa moito para min na cultura galega». Confesou que intentou facer unha novela «que demostrase que durante a segunda guerra mundial España non foi un país neutral». «A novela xurdiu das miñas conversas con Celso Collazo sobre o Vigo dos anos corenta. Alí había grupos organizados de espionaxe británico que perturbaban o prezo do volframio, que servía para endurecer os carros de combate e obuses alemáns.» «Collazo contoume que durante aqueles anos Vigo era a única cidade do norte de España na que había luz, na que os pintores galegos vendían cadros, onde afloraban auténticas fortunas.» «Esta é a miña novela de Vigo. Alí atopei todo o que precisaba para facer a novela que quería, dende a historia dao volframio e das minas do Fontao, onde traballaban persos políticos e onde houbo un intento de atento da guerrila, até a existencia dunha rede de espionaxe británica.» Referiuse despois reigosa a importancia das voces de persoas maiores de noventa anos, doentes de Alzheimer, onde considera atopou «a clave da descomposición da memoria». «Nesas voces explorei as posibilidades da demencia como clave da revelación.»

fotonoticia_20141111150722_644

Reflexionou Reigosa sobre o feito de que para el «a ficción non é a condición límite dunha novela». «Con esa intención utilicei o contexto achegado por personaxes reais como Paco Vázquez e Celso Collazo. Foi un xogo literario consistente en introducilos como fontes de información.» Como tamén comentou que deseñou un personaxe para homenaxear a Manuel Vázquez Montalbán e Andrea Camilleri, «mestres do xénero policial». Para rematar, Reigosa confesou que «á serie de Nivardo e Conde fáltanlle aínda tres novelas. En cada unha das entregas cumpren anos. Fronte ao modelo tradicional da novela negra na que os persoanxes son sempre iguais, eu quero que as miñas novelas desta serie sexan un biografía dos seus dous protagonistas.» Revelou que «na derradeira novela da serie Nivardo Castro deberá investigar o misterio da desaparición dunha rapaza de Gontán, a miña aldea, que se produciu no ano 40.»

 

Onte 1139: «O Gran Reino» en Librouro

O_Gran_Reino_Librouro_07-11-14

XG00188801No marco do programa «Venres nas librarías», presentamos onte en Librouro O Gran Reino, a novela de Eduardo Santiago gañadora do premio Jules Verne de literatura xuvenil. Pechabamos así o proceso de recuperación deste premio co que Xerais pretende fomentar un xénero decisivo para a formación do lectorado literario.

Nas palabras limiares sinalei a importancia da narrativa de Eduardo Santiago, autor até agora de dúas novelas de ficción científica, 2044 e A teoría do tempo imaxinario, escritas ambas as dúas dende unha perspectiva feminista, nas que destaca o papel fundamental da muller como motor do cambio político e social. Compromiso e perspectiva feminista que profundiza n’ O Gran Reino, novela na que abandona o xénero da ficción científica para ofrecer unha narración de corte realista sobre o problema tan complexo como son os trastornos da conduta alimentaria e na que o mestura un mundo paralelo de fantasía, o Gran Reino de Margonia.

Sinalei como grandes acertos desta novela cativadora e de lectura engaiolante o deseño dunha gran protagonista, Galadriel, unha homenaxe a J.J. Tolkien, que ocupa toda a novela, desenvolvendo as súas altas capacidades, o seu coñecemento como lectora compulsiva, a súa creatividade desbordada e a súa capacidade para liderar ás súas compañeiras (mesmo ás que lle dobran a idade) da unidade somática onde foi internada. Gala, ademais, será a creadora de Margonia e dos seus catro reinos (Lesiu, Nerun, Lar e Maltar), de cada un dos seus espazos e dos seus moi diversos habitantes. Unha fantasía, concibida sempre como unha creación humana, capaz de argallar un enigma matemático complexo que a súa terapeuta, a doutora Regueiro (e de paso todas as persoas que len a novela), se verá obrigada a intentar resolver.

Na súa intervención Eduardo Santiago expresou o seu compromiso de escribir a novela dende unha perspectiva feminista. Confesou que estaba baseada nun feito real moi duro e que Margonia era unha creación da súa filla Raquel, ela foi a creadora de todos os seus mundos e personaxes, mesmo dos debuxos que aparecen agora publicados. «A novela acabeina hai sete anos, mais daquela había algo que non me convencía de todo. Retomeina o pasado ano e grazas a un traballo escolar da miña filla máis nova ideei a estrutura fractal dos mundos de Margonia.» «Creei un enigma matemático complexo, que quedou sen resolver na novela, coa intención de que os lectores e lectoras poidan resolvelo a partir das pistas que se proporcionan. A verdade que estou pensando en escribir unha segunda parte na que desencriptarei o enigma.» «Gala ten todo na vida, mais fáltalle un pequeno detalle: a felicidade. Mergúllase nunha lectura compulsiva e remata por crear un mundo fantástico, que para ela é tan real como o que vivimos nós.»

Onte 1137: Outra Ameixeiras

XG00187801Diego Ameixeiras encabeza a renovación do xénero negro en galego. Tras oito novelas nunha década, tras diversos premios e, sobre todo, despois de ser capaz de crear unha sociedade de adictos, Ameixeiras conseguiu modernizar de forma radical o noso xénero criminal. A brevidade das historias e da escrita, a economía expresiva e a precisión dunha prosa esencial, a dosificación da información, o artellamento de tramas cruzadas, a recreación de espazos urbanos (ourensáns unha veces, composteláns outras) son algúns dos elementos utilizados polo narrador ourensán para retratar coa precisión dun ciruxián a precariedade do noso tempo. Este novembro recunca con Condude rápido, novela na que afonda nas posibilidades do seu modelo da man de dous irmáns que agardan por un golpe de fortuna que os saque da merda de vida que arrastran por Compostela. Outra entrega cen por cen Ameixeiras que aventuro entusiasmará aos seus seareiros e seareiras e deslumbrará a aqueloutros que visiten por vez primeira este universo.

Onte 1136: Premio Nacional para o «Ulises» de Galaxia

Cando regresei de traballar no Porto souben da noticia do Premio Nacional de Tradución para a versión galega do Ulises de Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. A calidade do traballo literario do texto galego editado por Galaxia é incuestionable, como xa foi recoñecida polos premios outorgados por editores, libreiros e escritores; como tamén é de gabar o risco asumido pola editora viguesa publicando un dos cumes da literatura universal nun dos momentos máis adversos para o mercado do libro literario en lingua galega.

Na cada vez máis ampla nómina de premios nacionais da edición galega, penso que está é a quinta vez vez que se outorga un nacional a unha tradución galega. Xaora, convén lembrar que en 1985 Teresa Barro e Fernando Perez Barreiro recibiron o premio pola súa versión de Alicia, en 1988  Antón Santamarina pola súa versión de Pinocchio e en 1989 Valentín Arias e Raquel Villanueva por Mondo e outras historias de Le Clézio, todas as tres editadas por Xerais na colección Xabarín e baixo o descritor de «Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís», sendo a da Biblia de Sept en 1990 e esta do Ulises de Galaxia as dúas que até o momento foron premiadas na modalidade de «Premio Nacional á mellor tradución» en calquera das linguas oficiais españolas.

Desexo que este recoñecemento axude a recuperación da autoestima do sector profesional da nosa edición comprometido dende hai máis de tres décadas coa normalización do noso sistema de tradución, mesmo a pesar de contar coas cativas axudas existentes. O Ulises de Galaxia demostra que hai editores galegos que continúan asumindo proxectos difíciles, conscientes que son necesarios para enriquecer o patrimonio da nosa lingua e as posibilidades de elección do seu lectorado. Parabéns ao equipo de tradución (non debe ser doado traballar a oito mans) e ao cadro de profesionais de Galaxia por un premio tan merecido que como editores galegos nos enche de fachenda.