Rivas, novo discurso para a Academia

Durante hora e media Manuel Rivas condensou no seu discurso de ingreso na Academia Galega boa parte das preocupacions que desenvolveu ao longo de tres décadas de fecunda traxectoria literaria. Foi un discurso memorable, non tanto pola súa fermosa construción (a un xeito de vai e ven), nin sequera polo interese co que foi seguido polo público que ateigada o auditorio da mestranza. Non, o discurso foi memorable e perdurará como referente no tempo na medida que sinalara [no futuro] a data precisa na historia centenaria da Galega na que a nosa primeira institución cultural entrou de cheo no debate cultural do século XXI. Foi a necesaria  inxección de entusiasmo que a institución, que renovaron Del Riego e Barreiro, precisaba. Rivas, con enorme serenidade e convicción, empregando o procedemento de «lembrar relembrando» artellu un relato que abre un novo mapa de esperanza para unha institución, tamén para todo o urdime culural do país, onde xa non é posible o conformismo (mesmo o que moitas veces se expresa na doce melancolía da resistencia que se sabe inútil).

Entre a beleza dos relatos da memoria familiar (esa que o autor da Marola denomina a «memoria intermitente» ou a provocada polas «intermitencias do corazón»); entre a rigorosa contribución que realizou á construción da memoria laboriosa colectiva (e literaria, especialmente da poética); entre o diálogo entre épocas e discursos de aquí e de acolá (citou en varias ocasións a Benjamin para referirse á «presenza do agora» e ao conformismo, a Breton, a Valle, a Beckett, ou a Barthes); entre as homenaxes múltiples á cidade, á Torre, ao Campo da Rata (marabilloso non ter esquecido a Xohán Casal), aos poetas de noso (citou de Códax a Pereiro, de Rosalía e a Pimentel, de Mendinho a Ferrín); entre tantos «tags» extraordinarios («o traballo da luz», «os círculos concéntricos», «o paraíso inquedo», «o manuscrito da terra»…), entre todos eses fios que Rivas foi ennobelando escollo dúas frases que entendo son as que mellor condensan a emoción e o sentido profundamente político deste discurso-manifesto: «A boca da literatura galega, antes e despois, ábrese na vangarda e no universal» e estoutra que Rivas recolle de Walter Benjamin: «En cada época deben realizarse novas tentativas para arrincar a tradición do conformismo que pretende dominala».

Dúas afirmacións con decisivas implicacións de cara ao futuro, xa que sitúan o espazo onde dirimir o futuro da cultura galega, na fertilidade da nosa vizosa tradición, mais tamén cun inconformismo que permita «anovala, ensanchala, transgredila» (foron os verbos que empregou Rivas) no contexto da vangarda e do universal. «Follar co futuro», citando a Patti Smith, mais tamén co pasado, «cando ese pasado é liberador e nos abastece faíscas de esperanza». A derradeira anotación que recollín no meu caderno foi a despedida do discurso, unha modulación moi sutil e relevante: «Saúde, terra e liberdade para sempre».

Moitas máis cousas poderíanse tirar deste texto que, sen dúbida, será estudado e analizado devagariño en contextos académicos e da crítica literaria. Agardamos conseguir que se poida ler, canto antes, na rede xa que verdadeiramente unha peza que paga a pena. A anécdota máis simpática da mañá foi a gralla clamorosa que aparece na portada da edición dos discursos do novo académico e da resposta que lle deu (coa voz a punta de quebrar) Xosé Luís Axeitos. Gralla que os responsables da coordinación da edición e produción do volume (52 páxinas) trataron de disimular cun autocolante que moito afeaba a publicación (algo verdadeiramente incomprensible, xa que nestes casos, e moito máis nunha publicación da relevancia da que comentamos, o que sen dúbida ningunha cómpre é realizar unha nova tirada da cuberta). Unha gralla para a historia da edición en galego. A nosa opinión sobre a ausencia clamorosa do alcalde da Coruña (nun discurso de homenaxe á cidade da Torre no que reclamou que os libros volvan oa escudo da cidade) ou sobre o tratamento informativo dalgún medio sobre o acontecemento xa a sinalamos noutro espazo.

Recomendo visitar a galería de fotos de Casteleiro que sobre o evento publica Xornal de Galicia, así como a que preparou Paco Vilabarros n’ A Nosa Terra.

Outras referencias interesantes sobre o acto que limos esta mañá foron as publicadas por Galicia hoxe, La opinión da Coruña, Faro de Vigo, La Voz de Galicia (moi breve, aínda que cos temas moi ben collidos), El Ideal Gallego, El Progreso e El País Galicia, así como a anotación no blog de Xoán Abeleira.

«Ramón Cabanillas 50»

No artigo da semana percorro as homenaxes que se lle tributan mañá, 9 de novembro, ao poeta Ramón Cabanillas con motivo do 50 cabodano do seu pasamento.

Xabier DoCampo no paseo dos soños

Esta foto tirada onte en Villaba constitúe un orgullo para a nosa Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea: os catro premios nacionais Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Fina Casalderrey e Paco Martín.

A de onte foi unha xornada para lembrar. Un cento de amigos e amigas acompañamos a Xabier DoCampo na homenaxe que lle renderon a Fundación Manuel María e os clubes de lectura de Xermolos. No Muíño do Rañego, chufaron ao homenaxeado, e moi ben o fixeron, David Otero (elegantísimo mestre da cerimonia), Fina Casalderrey («Xabier sabe da forza da súa palabra, é un contador de festa.»); Xosé Cobas («a relación que nos une é a memoria común da infancia, a súa na Terra Cha, a miña en Negreira»); María Xesús Fernández («Xabier forma parte dos seus libros. A busca permanente foi o obxectivo primordial en toda a súa traxectoria literaria»); Mercedes Queixas («Non esquecereir nunca que Xabier foi que n me presentou o meu primeiro libro»); Agustín Fernández Paz («Este é o principio dun tempo vizoso que agarda por nós») e Antía Otero («Cantos nenos e nenas galegos están orgulloso de coñecer un escritor?»). Respondeulles Xabier ás persoas que o atencionaron lendo unhas palabras improvisadas, que traía escritas en catro folios memorables (agardamos os publique no seu blog), nas que reivindicou a súa orixe chairega que lle permitiu edicarse ao seu oficio de escritor, ao tempo que defendeu o futuro da lingua que nos une.

Tras o discurso, dirixímonos ao paseo dos soños, eses catro centos metros de ouro das letras chairegas, para inaugurar a escultura que simboliza a obra de DoCampo, a carón das de Agustín Fernández Paz, Manuel María e Paco Martín. Un xantar de irmandade, no que cantaron Mino e Mero, pechou unha xornada que quedará na memoria nosa para sempre.

A Voz de Vilalba publicou esta amplísima reportaxe fotográfica da xornada realizada por Pablo Naseiro.

Morreu Anisia Miranda

Énchenos de tristeza o pasamento de Anisia Miranda, a compañeira de vida de Pepe Neira Vilas. Repasando o seu currículum comprobamos que desenvolveu un labor extraordinario no eido da literatura infantil en Cuba, sobre todo no eido da promoción das publicacións periódicas (velaí, esa revista Zunzún que ela tanto quería). Actividade que non lle impediu manter, dende a comundiade emigrante, un compromiso coa cultura de noso (velaí o proxecto pioneiro de «Follas Novas», a primeira distribuidora do libro galego en América, máis tarde editora, onde publicou o seu home Memorias dun neno labrego). Na memoria quedarémonos sempre coa súa firmeza militante e o seu entusiasmo diante de cada novo proxecto. Unha apreta fonda para o seu compañeiro, o noso bo amigo Pepe.

Xabier DoCampo recibirá o sábado unha homenaxe en Vilalba

Organizado polo club de lectura da Asociación Xermolos e pola Irmandade Manuel María, o vindeiro sábado, 24 de outubro, terá lugar no Muíño do Rañego de Vilalba, baixo a denominación de “Nun lugar dos soños”, unha homenaxe ao escritor Xabier DoCampo. Os actos comezarán ás 12:00 do mediodía cunha mesa redonda na que participarán Fina Casalderrey, Xosé Cobas, María Xesús Fernández, Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Mercedes Queixas e David Otero. A continuación, terá lugar a colocación do cuarto hectómetro literario no Paseo dos Soños. Os actos rematarán cun xantar de irmandade no restaurante A Nova Ruta de Vilalba (para apuntarse chamar ao teléfono 646413890). Esta é unha merecidísima homenaxe que permitirá a tantos e tantos amigos, lectores ou cidadáns amosar a gratitude e afecto polo grande mestre chairego.

Ramiro Fonte, o libro dos amigos

O vindeiro sábado, 17 de outubro, ás 12:00 da mañá, no Auditorio do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, homenaxearemos a Ramiro Fonte, con motivo do primeiro ano do seu pasamento. No acto presentaranse tres libros, as edicións dos seus  poemarios derradeiros, Reversos e Xardín do pasatempo, e Ramiro Fonte, o libro dos amigos, unha obra colectiva na que rendemos tributo á memoria humana e literaria de Ramiro.

«Herta Müller, Nobel en Galego»

No artigo da semana volvo sobre a concesión do premio Nobel de Literatura 2009 á escritora alemá Herta Müller. Recomendo esta longa e excelente entrevista coa autora suaba, realizada en 2008 en México, que axuda moito a coñecer o seu posicionamento político e peripecia biográfica.

Xerais, Herta Müller e o Nobel

Falaba cun xornalista cando souben da concesión do Nobel a Herta Müller, a escritora romanesa de lingua alemá. Pensei que era unha brincadeira e díxenlle tan farruco que non me soaba de nada. A verdade é que axiña me decatei que se trataba da autora d’ O home é un grande faisán no mundo, obra que publicamos en 2001 como un dos primeiros títulos da serie «As literatas» (catorce extraordinarios títulos de narrativa escrita por mulleres) que dirixe a escritora María Xosé Queizán. Nun primeiro momento quedei moi sorprendido, quizais por non tratarse dun deses nomes que sempre saen nas quinielas do Nobel (aínda que si na do blog The Literary Saloon da que se facía eco Que leer), para máis tarde, celebrar a afouteza dunha elección acertadísima, a dunha escritora perseguida pertencente á minoría suaba, a da comunidade alemá de Bánat, rexión do centro de Europa dacabalo de tres estados Romanía, Hungría e Serbia. Axiña comezaron as chamadas dos medios para interesarse pola «rareza» da elección e a «sorpresa» de que contásemos no noso catálogo cunha das súas obras. A verdade é que cando preparabamos a anotación para o blog de Xerais, resultábanos moi divertido facer números sobre o noso elevadísimo nivel de acerto con respecto a este premio (cuxa concesión depende de factores moi diversos e dificilmente controlables), xa que dos últimos seis autores e autoras premiados, catro (Jelinek,Pinter, Le Clézio e agora Müller)  xa formaban parte do noso catálogo con anterioridade ao seu nomeamento. O máis probable será que se trate dunha coincidencia azarosa, aínda que haberá quen a atribúa a nosa «influencia» sobre os académicos suecos. Sexa como for, este premio da Herta Müller énchenos de fachenda e permitirá que mañá todos os xornais falen dunha autora literaria (que tamén está traducida ao galego, o que constitúe un orgullo para a lingua de noso). Beizóns para a nosa autora, para María Xosé Queizán (a súa descubridora en Galicia), para Franck Meyer (o seu tradutor na nosa lingua) e para Marga Romero (a autora do limiar d’ O home o grande faisán do mundo, por certo unha fermosa metáfora que expresa a torpeza machista nun mundo dividido). Ademais, non perdemos a esperanza de que algún ano celebremos o Nobel dun dos autores ou autoras que escriben na nosa lingua; se mantemos esta incrible estatística, ese feito grandioso chegará antes do que soñamos.

Aparecen as novelas premiadas de Rosa Aneiros

Xa puxemos nas librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros. Tras unha lectura devagariño de amabas as dúas non teño dúbida de que estamos diante de senllas obras grandes que marcarán un fito na nosa historia literaria e editorial. Dúas marabillas! Agardo con impaciencia as opinións dos lectores e lectoras.

A ilustración de cuberta é de Fran Herbello.