Xabier DoCampo no paseo dos soños

Esta foto tirada onte en Villaba constitúe un orgullo para a nosa Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea: os catro premios nacionais Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Fina Casalderrey e Paco Martín.

A de onte foi unha xornada para lembrar. Un cento de amigos e amigas acompañamos a Xabier DoCampo na homenaxe que lle renderon a Fundación Manuel María e os clubes de lectura de Xermolos. No Muíño do Rañego, chufaron ao homenaxeado, e moi ben o fixeron, David Otero (elegantísimo mestre da cerimonia), Fina Casalderrey («Xabier sabe da forza da súa palabra, é un contador de festa.»); Xosé Cobas («a relación que nos une é a memoria común da infancia, a súa na Terra Cha, a miña en Negreira»); María Xesús Fernández («Xabier forma parte dos seus libros. A busca permanente foi o obxectivo primordial en toda a súa traxectoria literaria»); Mercedes Queixas («Non esquecereir nunca que Xabier foi que n me presentou o meu primeiro libro»); Agustín Fernández Paz («Este é o principio dun tempo vizoso que agarda por nós») e Antía Otero («Cantos nenos e nenas galegos están orgulloso de coñecer un escritor?»). Respondeulles Xabier ás persoas que o atencionaron lendo unhas palabras improvisadas, que traía escritas en catro folios memorables (agardamos os publique no seu blog), nas que reivindicou a súa orixe chairega que lle permitiu edicarse ao seu oficio de escritor, ao tempo que defendeu o futuro da lingua que nos une.

Tras o discurso, dirixímonos ao paseo dos soños, eses catro centos metros de ouro das letras chairegas, para inaugurar a escultura que simboliza a obra de DoCampo, a carón das de Agustín Fernández Paz, Manuel María e Paco Martín. Un xantar de irmandade, no que cantaron Mino e Mero, pechou unha xornada que quedará na memoria nosa para sempre.

A Voz de Vilalba publicou esta amplísima reportaxe fotográfica da xornada realizada por Pablo Naseiro.

3 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    Parabens a o homenaxeado, e a todos os festixeiros .Pero e paradoxico k os escritores de literatura infantil, e sobre todo xuvenil sexa xente tan “maior” (sin acritude, eu tampouco son ningun neno). Penso eu k ten k vir semente nova, xente de este tempo, con as ideas de futuro, de este tempo, de esta Galicia k cambia, e k collan o “testigo” do relevo

  2. Un lector
    Un lector Dice:

    Ten razón A.C. no de que a xente nova ten que coller o “testigo”. Esa xente nova xa está entre nós, non hai máis que pensar en Rosa Aneiros, Jacobo Fernández, Agustín Agra, Paula Carballeira, Francisco Castro, Pinto e Chinto e unha chea de nomes máis.
    No que creo que non ten razón é en considerar que os da foto non son “xente deste tempo”. Están todos vivos, son tan deste tempo como calquera. Non hai que ser novo para escribir novela xuvenil, como tampouco se precisa ser vampiro ou lobishome para escribir unha novela de terror.

Los comentarios están desactivados.