Onte 736: Sociofobia

«Ningunha tecnoloxía vainos librar da vertixe de poñérmonos de acordo.» Esta é unha das afirmacións ben atinadas da entrevista de Paula Corroto que publicaba onte Eldiario.es con César Rendueles a raíz da aparición do seu libro Sociofobia. El cambio político en la era de la utopia digital publicado por Capitán Swing. As opinións deste profesor de Socioloxía da Complutense sobre o pánico actual á deliberación en común, así como a incapacidade de xestionar os conflitos poden parecer aparentemente contraditorias coa ciberutopía na que cremos vivir, na que permancemos sempre (inter)conectados polas redes sociais. Porén, a súa diferenciación sutil entre individualismo ético e fragmentación social (esa incapacidade de darlle sentido e cohesión ás nosas vidas) serve para explicar a paradóxica dificultade actual de acometer grandes proxectos colectivos. Vivimos as vinte e catro horas conectados por Twitter ou Fb a milleiros de persoas que descoñecemos, mais continúa sendo imprescindibles para as nosas vidas o abrazo das persoas queridas e o agarimo dos nosos veciños ou compañeiros de traballo. Ben interesante son tamén as afirmacións de Rendueles sobre os debates arredor da propiedade intelectual, a súa proposta de recuperación das editoras públicas, a súa convicción de «que non hai xeito de financiar a produción dos bens dixitais a través do mercado» ou a súa profecía de que «a industria do libro é a próxima industria discográfica». Unha entrevista moi suxestiva que convida a comprar un libro que semella útil para reflexionar de forma desprexuizada sobre o proceso de tránsito e desconcerto social que vivimos.

Onte 735: Unha historia literaria de referencia

Para os editores sempre é motivo de fachenda e satisfacción a chegada ás librarías de obras que consideramos de referencia, as chamadas a perdurar e a gañar importancia co paso do tempo, eses títulos que engalanan o noso catálogo durante anos e anos. Obras arriscadas para autores e editores neste tempo de tránsito da edición, onde a fraxilidade do dixital envellece o soporte escrito no momento da súa publicación. Esa mesma fachenda e convicción foi a que sentimos onte coa chegada do primeiro volume (dos catro previstos) da Historia da Literatura galega de Xosé Ramón Pena, máis de catrocentas páxinas nas que se reconstrúe con detalle o relato da produción literaria galega dende a Idade Media até os inicios do Rexuridmento, coincidindo coa publicación d’ A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos. Sei que  cómpre agardar a publicación dos tres volumes restantes, prevista a un ritmo dun por ano, mais creo non equivocarme considerando que as achegas metodolóxicas, historiográficas e bibliográficas do proxecto de Moncho Pena están á altura das grandes (tamén escasas) historias literarias de noso, como a do seu mestre Ricardo Carballo Calero. Foi e continuando sendo o de Pena un esforzo individual enorme, teimoso, constante, diario, propio dun gran maratoniano da nosa investigación literaria. Unha actitude que merece a nosa maior gratitude como editores. Tanto polo seu enfoque comunicativo e polo novidoso de moitas das súas interpretacións e lecturas (onde creo está a cerna da obra) como pola importancia concedida ao estudo das circunstancias políticas e sociais sobre o feito literario e sobre o devir da lingua galega, esta obra de Xosé Ramon Pena posúe ese carácter perdurable, dunha historia literaria de referencia, por riba de soportes impresos e dixitais. Agardamos con expectación a recepción deste primeiro volume por parte da comunidade académica e polo conxunto do noso sistema literario.

Onte 730: Diada en Vilarón

Ao mediodía viaxei con Agustín Fernández Paz até Vilarón, nas terras do concello da Capela, onde Xabier DoCampo nos preparou o xantar. O mestre (narrador e cociñeiro) agasallounos cunha coidada antoloxía das súas especialidades máis sabedeiras, entre as que destacou a súa «pescada ao itálico modo», unha receita, coma outras do autor d’ O libro das cidades imaxinarias, que xa forma parte do canon (aínda non publicado) da cociña galega de entre séculos. Rematou a longa sobremesa de libros, contos, falares e pesares xa na tardiña coa cerimonia da plantación do carballo viaxeiro, unha galla que María Reimóndez entregara no inverno pasado na presentación de En vías de extinción e que para sorpresa de todos prendeu no balcón da miña casa. Foi esta a contribución nosa a celebración da #Diada, unha xornada que seguimos con emoción e esperanza. O carballiño quedou en Vilarón, ben abrigado dos ventos do nordés, para gañar o futuro.

Como se pode ver nas fotos acompañounos na plantación Secundino García Mera, o noso benquerido mestre da Capela, que gardará memoria do sucedido onte en Vilarón.

Onte 729: A portada de «Cadeas»

Cadeas, a novela de Xabier López, gañadora do Premio Xerais deste ano, xa vai no prelo. Estou moi satisfeito da cuberta que preparou Miguel A. Vigo a partir dunha imaxe suxerida polo propio autor, unha foto de 1923, «Kids at the Potomac bathing beach». A foto é unha metáfora visual do carácter poroso desta novela na que se van enganchando as historias como as cereixas. Mais tamén é capaz de expresar esoutra idea máis sutil de Xabier López, que entende a novela como un vehículo para explicar a vida sempre como suma de moitas vidas distintas. Eis o debuxo conformado polas miradas, sorrisos e formas desa rapazallada na praia atlántica. Gosto, tamén, da imaxe pola súa inequívoca connotación co inicio do XX, onde se sitúa tamén o comezo do devalar dun texto cuxas historias abrangue todo un século da historia de Galicia. Volveremos nas vindeiras semanas sobre Cadeas, novela que presentaremos por vez primeira o 11 de outubro no Liceo de Betanzos.

Onte 728: Novos Blanco Amor

Revisamos onte os ferros de Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, obra gañadora o pasado ano da XXXª edición do premio Blanco Amor. Unha novela inusualmente divertida para a literatura galega actual, mesmo moi atrevida na introspección que propón sobre as relacións de parella entre homes e mulleres, coa que este profesor de Mercantil da Facultade de Dereito da USC, descoñecido nos ambientes literarios, inicia o seu percorrido na narrativa galega. Aparición sorpresiva e inminente que coincide co fallo esta fin de semana polo concello de Ferrol da edición deste 2013 do premio Blanco Amor, que recaíu na novela de Jorge Llorca O violín de Rembrandt; novela (cen por cen ferrolá) que, como coa anterior, moito me fixo rir, unhas veces polo seu carácter paródico, outras polo carácter irreverente dos acontecementos relatados. Dous Blanco Amor enfiados tanto polo carácter anovador e divertido das novelas gañadoras como polo feito curioso de ser escritas por autores debutantes serodios sen vinculación profesional co mundo literario, o que quizais poida supoñer unha interesante ampliación de límites para a nosa narrativa. Novelas e autores que merecen a nosa atención.

Onte 721: Carta de Tolkien ao editor Waldman

Agustín Fernández Paz chiounos onte os corenta anos do pasamento de J.R.R.Tolkien. Un xeito de salientar a vixencia dun autor xenial e duha obra fulcral na literatura do século XX, capaz de superar as fronteiras do xénero da fantasía na que inicialmente foi adscrita. Entre as referencias que lin na rede con motivo deste aniversario, gustei da publicada por L’Express que recolle un fragmento da carta que Tolkien escribiu en 1951 ao editor Milton Waldman, tres anos antes de iniciar a publicación d’ O señor dos aneis. Unha carta esencial na que o autor presenta ao editor un resume do mundo que desenvolverá na triloxía, ao que con ironía se refire como «quizais todo o que necesita ou para o cal ten tempo ou dispoñibilidade» (ben sabía Tolkien o apretados que andamos os editores nas cuestións de lectura). Un texto, ademais, no que presenta a súa poética, sobre todo no que atinxe ás relacións entre o conto, mito e a lenda heroica. Como tampouco esquece relatar ao editor o proceso de xestación do conxunto do texto. Nesta carta é onde aparece a famosa referencia ao Hobbit (1937): «ten en si mesmo moito máis vida esencial, foi concibido de forma independente; non sabía cando empecei, que pertencía ao conxunto fundamental». Só por ler esta carta ao editor, ben paga a pena este aniversario.

Onte 718: Sempre Heaney

Cando souben onte do pasamento de Seamus Heaney lembrei o proceso de creación da colección de poesía Ablativo Absoluto que iniciamos en outono de 1996 co seu libro Traballo de campo. Aquela primeira tradución de Vicente Araguas e dous anos despois a que Manuel Outeiriño fixo d’ A cura en Troia, a versión teatral do irlandés do Filoctetes de Sofocles, abriron a xanela para a galeguización de Heaney e a súa investidura en xuño de 2000, auspiciada polo profesor Antonio de Toro, como Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Seamus incorporouse así ao corpus da literatura galega e a manter contacto con Galicia, país ao que consideraba o inicio da terra. Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral, cuxa perda lamenta hoxe a prensa irlandesa (tamén parte da inglesa) en primeira páxina. Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade. Recupero a primeira estrofa de «Traballo de campo», o poema que dá título o libro que publicamos en Xerais: «Onde a acacia palidecía a cada brisa / onde espreitaba o ollo perfecto do merlo aniñando, / onde un fento estaba sempre verde.» Sempre, Heaney!

Os caprichos da azar e do calendario unirán para sempre o 30 de agosto como data de pasamento de Seamus Heaney e de Celso Emilio Ferreiro (1979), dous poetas universais do século XX os que cómpre volver.

Onte 715: Galicia e o cliclismo

Acerta de cheo a tiriña do Bichero (beizóns, Davila!): da Vuelta o que presta é a paisaxe das Rías Baixas. A pesar da desfeita da beiramar e da onda estremecedora dos incendios forestais (u-lo presidente da Xunta?), o país noso aínda da moi ben na televisión. Mágoa da louzanada continuada destas xornadas, esa reinvención do protocolo institucional que o presidente da deputación de Pontevedra realiza recuperando un dos clásicos do fraguismo: «Quen paga, manda». Sei que foi esta a intención de Louzán e o resto de mandos vigueses do seu partido cando na saída da etapa do Náutico relegaron a un segundo plano a Abel Caballero, o alcalde de todos os vigueses, para que non saíse nas fotografías. Un feito inconcebible en calquera das cidades polas que pasará a proba; un comportamento prepotente e bochornoso de Louzán e López Chaves que amosa un nulo decoro institucional e unha notable falta de deportividade e «fair play», merecedores da desaprobación da cidadanía. Mágoa, tamén, pola ausencia de ciclistas galegos no pelotón, que se produce por vez primeira na última década; un feito ao que non é alleo o proceso protagonizado por Ezequiel Mosquera e a liquidación do Xacobeo acometida polo goberno de Feijóo. O mellor desta Vuelta, a nosa paisaxe.

Onte 713: #Prazadoslibros

Pasei o domingo na #Prazadoslibros, o día grande do evento de promoción do libro e da lectura organizado polo concello de Carballo. Durante a mañán por cada libro mercado os lectores e lectoras recibían como agasallo cadanseu molete de pan de Carballo. Unha iniciativa magnífica de colaboración entre as panadarías de Carballo e as sete librarías participantes nunha feira do libro que comparte espazo coa feira de produtos de tempada ofrecidos polos produtores agrícolas da comarca de Bergantiños. Foi unha mañá intensa, na que Manuel Rivas asinou de forma paciente e minuciosa máis de medio cento de libros (a maioría d’ As voces baixas) ao longo de case tres horas. A tarde, foid e letras e música, coa presentación dos libros máis recentes de Xosé Neira Vilas e o concerto de Uxía e a súa «Rosalía pequeniño». Moita xente partincipando nunha iniciativa modélica na que os libros adquiren protagonismo no espazo público. Esta #Prazdoslibros xa é un referente no calendario galego do libro e da lectura, un modelo anovado do que a organización das Feiras do Libro de Galicia (que onte remataron en Monforte o seu periplo anual) deberían tomar boa nota. Os libros son en Carballo o pan da cultura. Beizóns ao concello que preside Evencio Ferreiro (a piques de contar cunha nova e magnífica biblioteca pública) e ao incansable Nel Vidal por tan magnífico traballo nesta #Prazadoslibros.

Onte 711: Realismo aumentado

Foi César Lorenzo quen na presentación de onte na Feira do Libro de Monforte definiu a novela de Manuel Veiga Os xornalistas utópicos como un modelo de realismo aumentado, «unha reflexión sobre a verdade, tanto nas escenas reais ou noutras ficcionadas; unha reflexión que une literatura, filosofía e a propia realidade; unha reflexión que pon en contacto a experiencia propia coa doutros libros» Comezou así Lorenzo unha magnífica intervención arredor dunha novela que «amosa que a literatura pode ser honesta», «na que o autor arrisca até o límite, amosándose espido, sempre na procura da verdade, ofrecendo unha historia que se le con grande facilidade, na que hai momentos de humor e outros de carraxe.» Puxo Lorenzo o exemplo do paquete de algas deshidratadas, que medra cando ferven na auga, para expresar a cantidade enorme de libros e doutros autores citados ou presentes na lectura destas páxinas, «que se emparentan coas de Christa Wolf, Bolaño, Chirbés, Claudio Magrís, Sciascia, entre outros, unha longa lista para compoñer unha biblioteca de lecturas ben xeitosa.» Tras referirse á memoria dos feitos vividos na redacción do xornal A Nosa Terra, que tivo a fachenda de compartir co autor, así como «as arelas e frustracións dos que nos dedicamos á profesión do xornalismo», rematou Lorenzo cunha atinada reflexión sobre a memoria da Transición, un momento no que se fundaron en Galicia proxectos vertebrais, como os d’ A Nosa Terra ou Edicións Xerais de Galicia, preguntándose se sería posible facelo agora.

Pola súa banda, Manuel Veiga iniciou a súa intervención coa lembranza daquela rúa Cardeal de hai corenta anos, onde se realizaba a presentación. Referencias que lle serviron para definir o escritor como «aquela persoa que se deixa impresionar por pequenos detalles, que con vontade e oficio e capaz de comentalos e compartilos.» Despois propuxo unha reflexión sobre a lectura e a novela. «A lectura non é un rollo pesado nin algo para presumir de culto. A novela é algo simple, o relato da vida dos demais, dunha forma máis seleccionada, escollida e mellor escrita que o facemos todos os días. A todos gosta coñecer outras vidas doutros tempos e doutros lugares e mundos. Iso é o que ofrecemos nas novelas.» Ou doutro xeito, «a novela é enterarnos da vida dos demais dun xeito sintético e nun tempo razoable.» Profundizou despois Veiga a súa reflexión afirmando  «a literatura muda a túa percepción da realidade, mesmo á que coñecemos ben.» Tras referirse a diversos aspectos d’ Os xornalistas utópicos, rematou Veiga afirmando que «vivimos os momentos acelerados dos que fala Erri de Luca, nos que a sociedade está en tensión, en contradición, son os máis interesantes para un xornalista e para un escritor.»