Campos do Fragoso XLIII

ASÍ NON SUBIMOS
Polo que vimos contra o Córdoba, así non subimos. O Celta de Stoichkov naufragou en todas as súas liñas contra o equipo que hai só uns meses gañou o Play Off de ascenso ao noso benquerido Pontevedra. Sen patrón de xogo, sen identidade de conxunto, sen individualidades desequilibrantes, sen referentes de liderado dentro e fóra do terreo de xogo, sen coñecemento das características do equipo rival, sen compromiso nin convicción nas propias posibilidades, os célticos foron dominados coma fantoches durante case todo o encontro (nalgúns momentos da segunda parte de forma vergonzosa) por un equipiño entusiasta que se tería levado doadamente o encontro de ter máis fortuna na finalización. Custoulle ao Celta media hora realizar un remate e, en todo o partido, só foi capaz de tecer unha xogada con verdadeiro sentido atacante (a do gol dun pésimo Canobbio, que culminou unha boa asistencia de Larena). Un pobrísimo balance de xogo para o peor Celta que recordo, polo menos, nos últimos quince anos. Os sufridos resistentes da bancada (apenas a metade dos que comezamos a tempada pasada) non podemos dar creto á semellante desfeita que, sendo realistas, sitúa aos celestes moito máis preto da 2º B ca do devecido ascenso a primeira. As dúas únicas notas positivas da lamentable matinal de onte foron o debut de tres canteiráns (Richi, Dani Abalo e, sobre todo, dun prometedor Roberto Lago), que adozaron cun pouco de sal e optimismo o aborrecemento do público, e a posibilidade de tributarlle unha derradeira homenaxe a Borja Oubiña, quen, inevitablemente, abandonará o clube esta semana. Moito, moito terá que mellorar este equipo, instalado nunha crise gravísima de identidade, para poder aspirar a recuperar tanto terreo perdido. A mesma enerxía que utilizou o señor Mouriño para desmantelar nunha semana o club debería empregala ésta para rearmar realmente o equipo. Se non o fai, pode volver precipitalo no abismo.

Etiquetas:

Ás voltas coa Área Metropolitana de Vigo

No artigo da semana reflexiono sobre a enésima polémica arredor da constitución da Área Metropolitana de Vigo. Entendo que o debate real está na reforma da organización territorial de Galicia, cuestión vencellada á reforma do Estatuto. O demais serían polémicas partidarias para seguir enredando e gañando tempo.

Etiquetas:

Nomes de rueiro

No artigo da semana, a raíz do estudo sobre os nomes de muller nos rueiros, fago unha proposta para a renovación e feminización do da cidade de Vigo.

Etiquetas:

Festas fracas

No artigo da semana volvo sobre a miña teima coa calidade do programa das festas de Vigo. A pesar do concerto dos Arctic Monkeys (gustei moito desta actuación en Castrelos dos indies de Shiffield) e do ciclo de cine ao aire libre Realidade 07, a liña continuista e rutineira do programa é decepcionante. Non entendo, tampouco, a teimosía do novo goberno de coalición de chamalas “Festas do Cristo”, un nome relixioso que non ten tradición ningunha en Vigo. Non perdo a esperanza de que poidan mudar de orientación o videiro ano.

Etiquetas: ,

O futuro do Auditorio

No artigo da semana reflexiono sobre o futuro do Auditorio de Casa Mar. Hai algunha razón tan difícil de entender para que se produzan adoito enormes desfases orzamentarios na realización destas grandes obras públicas? Non entro, tras a demolición do emblemático edificio portuario, a valorar nin a pertinencia do proxecto de Portela nin a discutir a súa ubicación nin o seu impacto sobre o skyline da nosa abella da ribeira.

Etiquetas:

Ardora

Dedico o artigo da semana a comentar as Ordenanzas de 1573 sobre a pesca da sardiña na ría de Vigo, texto que coñecín traducindo para o galego o primeiro capítulo d’ A cidade e os días de Xosé María Álvarez Blázquez. É reveladora, e moi actual, a conciencia conservacionista que posuían os mariñeiros galegos de hai cinco séculos.

Etiquetas:

Xosé María Álvarez Blázquez

No artigo da semana realizo unha primeira semblanza da figura de don Xosé María Álvarez Blázquez. É a miña intención publicar nas vindeiras semanas novos traballos no Faro sobre o “Xosé María, editor” e o “Xosé María, cronista oficial da cidade de Vigo”. Comecei estes días a versión galega d’ A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, tarefa que asumín con enorme interese, que me permite aprender moito nese pozo de sabedoría histórica viguesa artellada polo meu admirado don Xosé María.
Aconsello a lectura da reportaxe fotobiográfica publicada hoxe no Estela de Faro de Vigo, preparada por Salvador Rodríguez.

Calidade de Vigo

No artigo da semana reflexiono sobre os datos proporcionados pola enquisa da OCU sobre satisfacción dos habitantes no relativo á calidade de vida das súas cidades (con especial referencia a Vigo) e sobre os retos que isto supón para o novo goberno de coalición presidido por Abel Caballero.
Etiquetas: Artigos, Vigo