No artigo da semana continúo a serie sobre Xosé María Álvarez Blázquez editor, abordando, coa brevidade obrigada do espazo do Faro, o seu proxecto de Edicións Castrelos, onde publicou case cen títulos e difundiu 600.000 exemplares de libros en lingua galega. Nunca está de máis que reiteremos a nosa admiración polo traballo de xigante que XMAB desenvolveu como editor, semente da actual edición moderna en galego. Aproveito para recomendar a actualización do espazo dedicado a XMAB polo seu fillo Celso (inclúe actualización das novidades editoriais, novas fotografías e gravacións da propia voz de don Xosé María, achegas moi interesantes que recomendo vivamente).
ACABOUSE Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.
No artigo da semana propoño unha reflexión sobre a violencia machista. As leis non abondan, non hai dúbida da necesidade tamén dunha implicación de toda a sociedade, especialmente dos homes, para erradicar esta lacra.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/756518.jpg264400bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-03-02 10:22:002008-03-02 10:22:00Ningunha máis
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/presentacion_libro_foto1_large.jpg124200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-24 11:31:002008-02-24 11:31:00Cen anos do Náutico
VITORIA EMBARULLADA Un Celta sen alma pasou moi serias dificultades para superar ao colista, o Poli Exido que dirixe Fernando Santos, a quen en Balaídos lembramos como “o home tranquilo”. Nunha das peores primeiras partes que lle recordamos (e xa é dicir nun campionato tan anémico coma este), o Celta de López Caro amosou no seu xogo as feblezas que lle impiden, unha de cada tres xornadas, engancharse definitivamente no selecto grupo de equipos con aspiracións reais de ascenso. Durante este primeiro treito do partido, o Celta tivo sempre a pelota, tratou de conservar a calma e o equilibrio entre as súas liñas, mais foi incapaz de desentupir o barullo que no medio do campo lle preparou arteiramente Santos. Sen capacidade para distribuír xogo polas bandas, teimando conducir a bola polo centro, sen alternativas nin imaxinativas nin tácticas os celestes eran incapaces de profundizar cunha mínima intención. O Celta quedou durante moitos minutos esgazado, cunha metade do conxunto sempre detrás da pelota e a atacante agardando por ela. Só grazas a unha rosca a balón parado, ao coidado de Larena, Agus puido peitear cara atrás e batir ao meta andaluz no minuto vinte e sete. Porén, este bonito gol non abondou para desentupir o encontro, xa que cinco minutos despois a ledicia da bancada foise a pique, por mor do gol do empate, provocado tras a enésima perda de balón de Vitolo (un xogador moi descentrado e baixo de forma que debería ter quedado no banco). O resultado igualado, provocou un aumento da intensidade da presión céltica e as primeiras chegadas con intención, mesmo, pouco antes do descanso, un “gol fantasma” de Diego Costa (que seguramente debeu subir ao marcador) . A entrada de Okkas e Quincey na segunda parte e a expulsión dun defensa do Poli decantaron o encontro para os celestes, grazas a un servizo de cabeza do chipriota que soubo aproveitar Perera. Mais non nos enganemos: os vinte derradeiros minutos, co marcador por diante e con superioridade numérica diante do colista, non foron un camiño de rosas para os celestes xa que volveu o barullo e o conformismo, mentres os afeccionados amedrentados pediamos a hora. En definitiva, foi unha vitoria xusta e custosa fronte a un rival tan frouxiño como voluntarioso. Tres puntos valiosos, claro que si, que non aclaran as dúbidas sobre este Celta enganchado ao xogo da goma. Non acaba de convencernos nin polo seu xogo nin pola súa actitude.
Un bo exercicio, sobre o punto de vista das crónicas televisivas é comparar estes dous vídeos: o da Televisión de Andalucía e o da TVG.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/V17P43F1.jpg179200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-17 11:11:002008-02-17 11:11:00Campo do Fragoso LIV
No artigo da semana fago un repaso polas obras claves da historiografía viguesa anterior a 1960, propoñendo a edición da Historia de la ciudad de Vigo de Avelino Rodríguez Elías, que permanece aínda inédita, a pesar de que o seu manuscrito está “custodiado” polo concello de Vigo dende hai anos.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/rande1.jpg200115bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-17 10:56:002008-02-17 10:56:00Historias de Vigo
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/JAN%2BBOOK%2BSOFA%2B1.jpg148200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-10 10:32:002008-02-10 10:32:00Penúltimos en lectura
OUTRO PASO ATRÁS Pouco podemos obxectar á xusta vitoria do Castellón fronte a un Celta feble e caótico, infelizmente enrugado cando tiña que dar o chimpo decisivo para consolidarse como aspirante. O Castellón, moi ben dirixido por Pepe Murcia, amosouse durante todo o encontro como un dos máis sólidos e eficaces equipos (mesmo á altura do Numancia) que teñen visitado Balaídos esta tempada. Teceu unha rede moi estreita de catro defensas e outros tantos mediocampistas que os dianteiros celestes, a pesar de contar co manexo do balón, nunca foron capaces de superar, coa excepción, na primeira parte, dun magnífico longueirazo de Canobbio nun saque de falta dende a frontal da área. Porén, os castellonenses interpretaron moi sabiamente o xogo do contraataque da man da sociedade arxentina formada polos seus dous únicos dianteiros, Tabarés e Oberman, autores dos seus goles. Tabarés, tras unha absurda perda de balón dun descentrado Roberto Lago, cando non se levaban nin dez minutos de encontro, cabeceou como quixo un servizo magnífico que dende a banda dispuxo o seu compañeiro; apenas comezada a segunda parte, Oberman noqueou aos celestes cun cacheirón impoñente dende fóra da área que pillou na eira ao pobre do Esteban. Resultado tan desfavorable animou ao diletante López Caro a introducir trocos no seu conxunto, facendo debutar en Balaídos a Goran Maric e Sales, dous dianteiros que moi pouco axudaron a mellorar o triste panorama de impotencia dun equipo que dominaba mais que non creaba perigo real ningún. Paradoxicamente, só a lesión de Canobbio (o mellor dos nosos), que motivou a entrada de Larena, animou o encontro, xa que Jorge axiña conseguiu enganchar unha pelota a corenta metros e dirixir un globo precioso que pillou adiantado ao porteiro visitante. Este gol xenial do canario foi o mellor do partido. Con todo, é unha mágoa constatar, outra vez máis, que este equipo de López Caro non ten feituras de conxunto gañador nin posúe a intensidade, a precisión, o esquema de xogo e a intelixencia colectiva precisas para actuar como tal nos momentos decisivos. Mentres, o presidente e o director deportivo, os auténticos responsables desta impotencia desesperante, continuarán facendo declaracións inútiles sobre a calidade do cadro de xogadores, nas que xa non acreditamos os afeccionados. Onte o Celta deu outro paso atrás, isto é moi preocupante.
Con motivo do domingo de Entroido, no artigo da semana lembro cómo se desenvolvía en 1877 o Carnaval en Vigo. Daquela era o deus Momo e a suá corte de damas e demos os quen protagonizaba un desfile que se celebraba dende o Campo de Granada ata a Alameda (onde este ano, felizmente, volveu a entroidada da man da Concellaría de Festas).
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/M%C3%A1scara_9eue.jpg200144bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-03 10:02:002008-02-03 10:02:00Do deus Momo aos merdeiros
Co artigo da semana inicio unha pequena serie no Faro de VigosobreXosé María Álvarez Blázquez As vindeiras entregas abordarán o seu traballo de editor en Edicións Castrelos e a súa autoría e edición de La ciudad y los días, texto monumental de seiscentas páxinas que estamos rematando de traducir e ocupa moitas das nosas horas de traballo nocturno e da fin de semana. Precisamente, onte á noitiña, fixemos un descanso na tradución para asistir ao acto de relectura do discurso de ingreso de XMAB na RAG. Foi esta celebración evocativa moi fermosa, e mesmo emocionante ao escoitar as palabras de XMAB e Fermín Bouza Brey pronunciadas polo seu fillos Xosé María e Fermín; como tamén o foron as palabras do alcalde Abel Caballero (que recordou que a RAG non celebraba unha sesión dende 1910 e ofreceu a cidade como unha das sedes da institución) e do presidente Barreiro (que fixo unha homenaxe ás catro xeracións da familia Álvarez polos seus servizos patrióticos ao país). Ao remate comentei con algúns académicos e familiares de don Xosé María as magníficas perspectivas que se están abrindo na celebración deste 17 de maio, chamada pola envergadura poliédrica da figura homenaxeada a converterse nunha das máis brillantes e populares das celebradas nos últimos anos. Os nosos proxectos editoriais arredor de XMAB seguen o curso previsto. Despois de editadas xa as edicións de Poesía galega completa, a nova para os escolares de Roseira do teu mencer e a extraordinaria biografía e estudo literario de Darío Xohán Cabana (un libro que fixará, sen dúbida, o corpus investigativo da celebración), nestas semanas próximas centrarémonos en rematar as d’ A cidade e os días (para min o proxecto máis complexo) e a da Fotobiografía de XMAB, preparada polo seu fillo Alfonso (recolle case catrocentos documentos gráficos) e na que se inclúen dous ensaios, unha semblanza humana do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo (que sabemos xa entregou outro texto fundamental que editará Galaxia) e outro sobre o eido erudito e investigador de don Xosé María, tamén, preparado por Darío Xohán Cabana. Só nos queda a espiña da ausencia de noticias sobre a celebración dun congreso sobre a figura de don Xosé María. Descoñecemos se os responsables da Consellaría de Cultura pretenden organizalo. Figura tan decisiva nun tempo menesteroso e díficil merecería maior apoio e atención por parte dos responsables da Xunta de Galicia. Non perdemos a esperanza de que se recupere a iniciativa que estimularía os estudos monográficos sobre unha obra de dimensións xigantescas, como se ven demostrado polos achados que se veñen producindo nos últimos meses. A causa de XMAB na que estamos implicados até as cellas, merece o esforzo e a xenerosidade de todos.