Álvarez Blázquez, editor de Monterrei

Co artigo da semana inicio unha pequena serie no Faro de Vigo sobre Xosé María Álvarez Blázquez As vindeiras entregas abordarán o seu traballo de editor en Edicións Castrelos e a súa autoría e edición de La ciudad y los días, texto monumental de seiscentas páxinas que estamos rematando de traducir e ocupa moitas das nosas horas de traballo nocturno e da fin de semana.
Precisamente, onte á noitiña, fixemos un descanso na tradución para asistir ao acto de relectura do discurso de ingreso de XMAB na RAG. Foi esta celebración evocativa moi fermosa, e mesmo emocionante ao escoitar as palabras de XMAB e Fermín Bouza Brey pronunciadas polo seu fillos Xosé María e Fermín; como tamén o foron as palabras do alcalde Abel Caballero (que recordou que a RAG non celebraba unha sesión dende 1910 e ofreceu a cidade como unha das sedes da institución) e do presidente Barreiro (que fixo unha homenaxe ás catro xeracións da familia Álvarez polos seus servizos patrióticos ao país). Ao remate comentei con algúns académicos e familiares de don Xosé María as magníficas perspectivas que se están abrindo na celebración deste 17 de maio, chamada pola envergadura poliédrica da figura homenaxeada a converterse nunha das máis brillantes e populares das celebradas nos últimos anos.
Os nosos proxectos editoriais arredor de XMAB seguen o curso previsto. Despois de editadas xa as edicións de Poesía galega completa, a nova para os escolares de Roseira do teu mencer e a extraordinaria biografía e estudo literario de Darío Xohán Cabana (un libro que fixará, sen dúbida, o corpus investigativo da celebración), nestas semanas próximas centrarémonos en rematar as d’ A cidade e os días (para min o proxecto máis complexo) e a da Fotobiografía de XMAB, preparada polo seu fillo Alfonso (recolle case catrocentos documentos gráficos) e na que se inclúen dous ensaios, unha semblanza humana do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo (que sabemos xa entregou outro texto fundamental que editará Galaxia) e outro sobre o eido erudito e investigador de don Xosé María, tamén, preparado por Darío Xohán Cabana.
Só nos queda a espiña da ausencia de noticias sobre a celebración dun congreso sobre a figura de don Xosé María. Descoñecemos se os responsables da Consellaría de Cultura pretenden organizalo. Figura tan decisiva nun tempo menesteroso e díficil merecería maior apoio e atención por parte dos responsables da Xunta de Galicia. Non perdemos a esperanza de que se recupere a iniciativa que estimularía os estudos monográficos sobre unha obra de dimensións xigantescas, como se ven demostrado polos achados que se veñen producindo nos últimos meses. A causa de XMAB na que estamos implicados até as cellas, merece o esforzo e a xenerosidade de todos.

3 comentarios
  1. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Sen establecer distincións con outros homenaxeados que, por veces, podían involuntariamente devaluar o mesmo día das letras galegas, o deste ano é un acerto total e un acto completo de xustiza. Só había que escoitar o ritmo das frases (case sen atender ao seu significado, denso e complexo) lidas onte polo seu fillo para comprendermos o altísimo nivel retórico e literario de XMAB. Eu espero que as institucións estean ao nivel que se precisa nestes casos.
    O do Congreso será cuestión de falar co Departamento de Galego da Universidade de Vigo, que é, ao meu xuízo, a quen correponde en primeiro termo dar tamén o primeiro paso. Ao meu entender. Trataremos de facérllelo ver.
    Por certo, como entendeu vostede a alusión de Barreiro (que fixo unha intervención preciosa pola emoción sentida que amosaba) á creación dunha sucursal da RAG en Vigo?

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Concordo plenamente, amigo Arume. O da elección de XMAB vai axudar a revitalizar a efeméride. Sobre o Congreso, de caso de non organizalo a Consellaría (o pasado ano María Mariño xa non o fixo) a Universidade Vigo ten unha magnífica oportunidade de acometer a iniciativa (aínda hai tempo no segundo semestre do ano).
    Con respecto á creación dunha sucursal da Academia, a iniciativa do Alcalde é retórica, sen dúbida, pero non deixa de ter miga. Moi intelixentemente, o presidente da RAG (un grande orador e diplomático excelso) recolleu a luva. Algo moi interesante, que podería contribuir a descentralizar a institución e revitalizala no seu funcionamento. Con todo, vexo difícil que se concrete a proposta. Unha manobra intelixente de Abel Caballero que, a verdade, está dando unha boa cobertura institucional á celebración.

Los comentarios están desactivados.