Beiramar da xente
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de Beiramar da xente:
Non é a primeira nin será a última vez que nestas crónicas propoñamos a actitude do flâneur, inmortalizada por Charles Baudelaire n’ O spleen de París –hai excelente tradución galega de Xela Arias (Laiovento 2021)–, como unha das mellores formas de desvelar os segredos da cidade na que vivimos. Posición que para o filósofo Walter Benjamin inaugura a modernidade na consideración do fenómeno urbano, até entón identificado pola ocupación da praza pública, substituída pola experiencia do paseante que procura o efémero e as marcas do tempo ao longo das rúas, avenidas, bulevares ou peiraos que sofren o impacto do crecemento metropolitano e o desenvolvemento industrial, característicos da cidade moderna. Experiencia para o alemán semellante a da lectora que abre un libro disposta a engaiolarse ou a sorprenderse co relato que se lle ofrece en cada páxina; cidade convertida así en biblioteca onde en cada esquina flúe o misterio e na que en cada paseo pode indagarse nas capas do palimpsesto urbano, unha forma de compartir a memoria e o coñecemento da propia historia. Ollada coa que a veciñanza pode percorrer a súa cidade como exercicio de esculca e gozo activo, máis tamén cunha disposición crítica que vai máis alá do consumo de autofotos da visitante á caza das iconas urbanas para publicalas como reclamo de autopromoción nas súas redes sociais.
Xaora, hai un século que Benjamin alertaba que «saber orientarse na cidade non é moi difícil, mais perderse nela, coma alguén se perde nunha floresta, require instrución». Desa necesaria curiosidade do paseante, desa forma lenta de afrontar a vida de quen se deixa levar polo engado do relato da súa cidade, desa pulsión de quen pretende coñecer o motivo de cada unha das capas presentes en edificios e fábricas próximos, o que chamamos palimpsesto urbano, agroma a utilidade para a veciñanza de mediacións en forma de itinerarios e paseos guiados que facilitan esa indagación sobre as marcas visibles ou trazos non visibles dunha cidade que é continuo presente. Unha mediación de afán didáctico que no caso da cidade nosa ven facendo dende hai tres décadas o Instituto de Estudios Vigueses, dende as súas máis de duascentas publicacións, dende as conferencias do seu Forum, auténtica enciclopedia aberta sobre a cidade ou sobre os paseos guiados pola ría, polos xardíns e edificacións históricas. Itinerarios que organizan outras iniciativas da sociedade civil, como a recente «Beiramar da xente», promovida por oito asociacións veciñais e culturais viguesas unidas pola defensa do patrimonio industrial da cidade.
Itinerarios seguidos por centos de persoas polo actual barrio da Industria, hai un século coñecido como areal de Coia, onde se instalou entón un auténtico distrito industrial vinculado a conserva, a pesca e a construción naval. Itinerarios arredor do complexo industrial emblemático deseñado por Jacobo Esténs, como a fábrica de La Artística (1919), dedicada á fabricación de latas de conserva, como os Talleres Alonarti (1921), de fabricación de máquinas para a anterior, dous dos maiores fitos da nosa arquitectura industrial, hoxe abandonados, agardando a súa conservación e usos públicos socio-comunitarios. Como é impresionante o itinerario polo polígono industrial da rúa Jacinto Benavente, desenvolvido dende 1952 cando se abriu a avenida Beiramar, onde se instalaron as primeiras industrias que aplicaron a tecnoloxía do frío e marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Edificacións, unhas xa desaparecidas, como as de Casa MAR, hoxe auditorio e hotel, outras abandonadas e arruinadas, como as de Pescanova, Pescapuerta ou Molagón, que agardan por novos usos. Sen esquecer o incerto futuro da conserveira Albo, valioso conxunto industrial de inspiración rexionalista, proxectado en 1929 polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, cuxa actividade foi trasladada á Plisan de Salvaterra (2022).
Mención á parte polas súas dimensións merece o itinerario arredor das edificacións de conservas Alfageme, un dos complexos do patrimonio industrial máis notables dos existentes en Galicia. Deseñado en 1929 polo arquitecto Manuel Gómez Román, os seus 13.000 metros cadrados entre a rúa Tomás Alonso e a avenida de Beiramar agardan a súa conservación integral e novos usos, entre os que o colectivo «Beiramar da xente» considera a posibilidade de convertelo nun recinto de eventos musicais e deportivos de formato medio, cun aforo entre o do IFEVI e o do auditorio Mar de Vigo. Proposta que merecería ser estudada, xa que no caso de ser viable sería alternativa á actuación anunciada na carballeira da Barroca, que pon en perigo o derradeiro bosque aluvial da parroquia de Navia. O Vigo industrial da Beiramar ben merece ser paseado coa actitude crítica do flâneur.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir