Avenida de Beatriz
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a polémica da denominación Avenida de Beatriz e a reedición do libro de Ramón González-Alegre Por entre el arpa y la saudade:
Na primavera de 1961 abriuse no barrio das Travesas unha polémica veciñal de interese poético sobre o nome que debería levar a nova avenida, entón non inaugurada, prevista xa no Plan Palacios e urbanizada a partir do Plan de Melloras de 1953, coñecida logo como Avenida das Camelias. Foi unha columna en Faro de Vigo de Fernando Alonso Amat, escritor e técnico fiscal, despois presidente do Club Náutico, quen sacou a luz un asunto que intrigaba aos veciños das Travesas desde que nas paredes dun dos poucos edificios da nova avenida apareceu un letreiro que rezaba: «Avenida de Beatriz». Decontado apareceron polas Travesas os comentarios sobre a orixe de semellante iniciativa, as especulacións sobre quen era aquela Beatriz, pintada que tiña todas as trazas de ser apenas a declaración dun namorado a súa amada, unha veciña de nome idéntico ao daqueloutra Beatriz de Dante Alighiere, filla de Folco Portinari, símbolo da vida, da paz e do amor.
Polémica popular e literaria na que terzou o poeta Ramón González-Alegre tamén noutro artigo ben xeitoso, publicado en Faro de Vigo o 4 de xullo de 1961, baixo o suxestivo título «El bello nombre de una gran avenida», no que se unía ao seu amigo Amat reclamando á corporación que fixera oficial tan fermoso nome literario, escollido na fala popular da veciñanza (por certo, tamén utilizado de forma habitual nas páxinas de Faro de Vigo até ben entrado 1965). O poeta berciano vigués argumentaba coa súa fina ironía e a súa voz lírica cultísima que os concelleiros vigueses sabían que «Beatriz é, no máis extraordinario poema universal, a nota sobresaínte da humana Virtude», razón polo que o valor poético de introducir o seu nome no rueiro vigués contribuiría a alzar a propia cidade, «tan tristemente desgobernada até agora en espírito», e a constituír «un símbolo para os mozos galegos de Vigo que un día deixaron pintada unha parede con este nome».
A polémica da Avenida de Beatriz alongouse varios anos, nos que seguindo as páxinas de Faro de Vigo comprobamos se popularizou o nome, como amosa unha clarificadora fotografía de Magar tomada en 1963 no que aparece pintado a brochadas sobre unha pedra, á altura das escaleiras de acceso á rúa Ourense. Mágoa que o daquela alcalde José Ramón Fontán, nomeado en xuño de 1963, no seu mandato de apenas quince meses, no que xestionou a traída da auga do Oitavén para Vigo, carecese porén da sensibilidade poética que precisaba a cidade de Martín Códax, cando foi preguntado por un reporteiro de Faro de Vigo (15-11-1963) sobre a súa posición no caso Beatriz. A resposta administrativa do alcalde malogrou a viabilidade do que el mesmo chamaba abrazar a hipótese romántica de Beatriz: «respectando todo o moito e bo que se dixo e escribiu ao respecto, non se debe esquecer que existe un acordo municipal para non denominar ningunha rúa en canto o plan de ordenación urbana non estea aprobado». Para engadir Fontán con retranca que el propoñería o nome de «rúa do viandante descoñecido, que mellor soaría en galego como “rúa de Xan Ninguén”».
Lembrei a fermosa polémica da Avenida de Beatriz, que lle escoitara contar, entre outros, ao crítico Alberto González-Alegre Burgueño, a raíz da recente reedición do libro do seu pai, Ramón González-Alegre Bálgoma, Por entre el arpa y la saudade. Hombres y tierras de Galicia (Ediciones A.B. 1965; 2ª edición Alhenamedia 2023), unha estraña marabilla como libro de viaxes fragmentario, un retrato certeiro da Galicia dunha época, a de finais da década de 1950, escrito co alento do poeta e a ollada curiosa do vagabundo. Unha primeira edición a do sesenta e cinco nacida nas Travesas, onde vivía o autor, impresa nos talleres de Faro de Vigo, contando coa axuda e alento cultural do empresario Antonio Alfageme del Busto, impulsor de Ediciones A.B. de Vigo, un selo editorial ao coidado do propio González-Alegre, que contaba con longa experiencia como editor da revista Alba (1948-1956) e do seu maior logro Antología de la poesía gallega contemporánea (Colección Adonais, Rialp, 1959).
Xaora, particular interese ten para nós no libro de González-Alegre o capítulo «Vigo: bello mar y caudaloso puerto (Páginas para un diario)», título recollido de Jovellanos, textos escritos en xullo de 1957, un brillante retrato poético do impulso vigués, no ton das prosas publicadas en Faro de Vigo nas seccións «Los viajes gallegos», «Notas de apremio» ou textos ocasionais como o citado sobre a Avenida Beatriz. «Vigo é unha pura transformación. A Vigo fáltalle vellez, sóbralle vida fresca, como se tivese sempre un nacemento. Vigo nace sempre. Que ledicia saber que o traballo fortalece o pulso da cidade..» escribe para salientar que as raíces que comeza a sentir Vigo, a súa identidade, están no seu pulo de permanente mudanza e emprendemento industrial.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir