Abalar
Dende a fase de definición do Proxecto Abalar, curso 2009/2010, a Xunta de Galicia no seu programa de educación dixital priorizou os investimentos en equipamentos e infraestruturas sobre os de formación e creación de contidos dixitais. Un vicio inicial, nunca remediado, a pesar da confrontación dialéctica que ao longo da pasada década mantiveron as editoras educativas galegas coas responsables de Amtega, a axencia creada en 2010 por Feijoo coa intención, entre outras, de dotar á cidadanía das competencias e recursos para participar na sociedade da información. Prioridade das máquinas sobre as persoas consolidada co programa E-dixgal –substituto de Abalar dende o curso 2014/2015, que ofrece unha educación completamente dixital– cuxa primeira motivación foi estritamente económica, xa que para Amtega constitúe unha opción máis barata que a defendida polas editoras educativas de utilizar un modelo híbrido, no que se utilizan materias didácticos tanto impresos como hipertextuais, escollidos polo profesorado entre todos os dispoñibles, tanto os comerciais das editoras como os compartidos de forma gratuíta polos centros. Estratexia do Partido Popular apenas cuestionada, mesmo polos grupos da oposición, que ademais de arruinar ao sector da edición educativa galega, non contribuíu, como se agardaba, a enfrontar a cuestión esencial: o incremento da competencia dixital do alumnado e do profesorado. Por iso, chove sobre mollado que diante das queixas recentes das familias sobre o funcionamento de E-dixgal e o anuncio do abandono do programa por parte dalgúns centros que a Consellaría de Educación responda cun «estudo censal corporativo», no que se conclúe que os resultados académicos son parellos con independencia do uso do libro de papel ou dos contidos dixitais de E-dixgal. Noutras palabras, despois de quince cursos de iniciada a experiencia de Abalar, tanto ten a escola de Xan como a de Pericán. Ben sería que Román Rodríguez explicase con cifras e letras semellante misterio.
Publicado en Nós diario: 05/06/2024
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir