A beirarrúa voada
Dedico o artigo de Faro de Vigo á beirarrúa voada do Paseo de Afonso:
Formo parte desa confraría viguesa, laica e moi numerosa, que se xunta decote no paseo de Afonso para pasmar co espectáculo da actividade portuaria ou para enxergar no serán a marabilla da liña do horizonte agochándose tras as Cíes. Un salón privilexiado para o Vigo vello que dende a oliveira e ao longo do miradoiro case centenario da beirarrúa voada conforma un dos espazos urbanos vigueses máis acolledores para as persoas que nos visitan como para a veciñanza do barrio noso. Unha praza case peonil, por ventura, estendida de forma natural cara a vella rúa Elduayen, que nas portas da cidade vai recuperando devagar o seu carácter de espazo verde de lecer e acougo, sen renunciar a súa actividade comercial e hosteleira, unha vitoria das persoas sobre os vehículos a motor, que constitúe un fito merecedor das nosas beizóns. Mágoa, que dende hai máis dun ano non sexa posible asomarse á fermosa beirarrúa voada, cercada por valos, supoñemos que agardando por obras de conservación, ou nunca se sabe, anunciando de forma sutil o inicio das do Barrio do Cura, un misterio que merecería ser desvelado en miradoiro tan emblemático.
Máis aínda cando esa beirarrúa voada ten historia de seu, como parte das intervencións modernizadoras que pretendían crear novos espazos urbanos na década dos vinte do pasado século: a praza de Portugal, a balconada miradoiro do paseo de Afonso XII, o parque Miramar de Picacho, que non chegaría a ser construído, ou o farol artístico da praza de Urzáiz, todos eles proxectados co espírito da arquitectura rexionalista polo facultativo municipal Jenaro de la Fuente Álvarez. E de todas elas, a balconada de formigón construída sobre o muro de contención da rúa Poboadores foi unha das obras de enxeñaría destacada de hai un século. Unha historia desvelada, como tantas outras do urbanismo vigués, polo profesor Xosé Ramón Iglesias Veiga, que data no 2 de febreiro de 1923 o encargo do concello de redacción dun proxecto de beirarrúa voada en toda a fronte do paseo de Afonso XII, convertida así en elegante miradoiro. Proxecto retomado en 1925 como «acera volada y balconada artística del paseo de Alfonso», que contemplaba unha pérgola, que nunca sería executada, e unha beirarrúa de forma quebrada con balconadas rectangulares e dúas semicirculares máis voadas que o resto, incorporando como ornamentación floreiros pétreos e farois con peixes entrelazados, semellantes aos das fontes da praza de Portugal.
Actuación orzamentada en 1926 con 150.000 pesetas, aprobada de forma definitiva o 12 de decembro de 1928 e comezadas as obras o ano seguinte. Os traballos da estrutura de formigón, dirixidos polo perito José Lago Loureiro, supuxeron unha novidade no seu tempo, como tamén os da empresa Granja, Lago e Compañía que se ocupou de modificar a liña de distribución eléctrica que alimentaba os tranvías, xa que a intervención no paseo obrigou a suprimir oito dos postes na zona do muro de contención. A varanda de ferro e os farois foron forxados por «La industriosa» da familia Sanjurjo, mentres as esculturas dos querubíns que sosteñen os escudos de Vigo e Galicia foron realizadas por Camilo Fernández Correa «Camilo o Roxo», mestre canteiro formado na Escola de Artes e Oficios. Todas as obras finalizaron en 1931, xa na Segunda República, cando o paseo pasou a chamarse de Ramón Franco. Actuacións que se completaron o 28 de marzo de 1943 cando se descobre o quiosco de venda de flores proxectado por Emilio Bugallo Orozco utilizando unha refinada linguaxe racionalista; edificación que sufriu diversas mudanzas de emprazamento, utilizándose durante décadas como quiosco de venda de xornais e revistas a cargo de José Barcia «Pepiño».
Ademais da súa historia urbanística, o paseo de Afonso é un espazo de referencia interxeracional para as persoas que vivimos no barrio de Pi e Margall, Llorente e Falperra. Historias de seres de varias xeracións esmigalladas con enorme talento narrativo nas páxinas de Faro de Vigo nos artigos dominicais de Xaime Fandiño publicados ao longo de 2021 baixo o epígrafe «La acera volada». Recollidos nun libro de título homónimo (2022), estas crónicas de infancia e mocidade de Fandiño tecen a psicoxeografía daqueles rapaces do barrio que compartiamos a carencia de «non termos aldea», os primeiros vigueses nacidos na propia abella da ribeira. Textos emocionantes, escritos coa pulsión dunha memoria prodixiosa, protagonizados polo renxer seguido dos tranvías, do recendo da dozaría das Tres luces ou das tarteiras e empanadas que enfornaba o señor Domingos na panadaría do Barrio do Cura. Páxinas coas que bagoei co relato da escola da señorita Celia, onde nos iniciamos na lectura, ou coas visitas a almoneda Monterrey onde atendía Fina Cáccamo. Libro moi memorioso que recomendo vivamente.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir