As da Industria
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a asociación sociocultural As da Industria:
A Ángel Vila, activista do movemento veciñal
Das paisaxes urbanas viguesas poucas son máis expresivas do carácter industrial da cidade como a do barrio fabril construído na parroquia de Coia. Iniciado en 1900, cando no areal se instalou a conserveira de Cerqueira, primeira fábrica á que seguiron a de envases metálicos litografados La Artística (1906), fundada polo coruñés Eugenio Fadrique e os irmáns Suárez Pumariega. Na súa proximidade chantáronse en 1918 os primeiros guindastres dos estaleiros de Viuda e Hijos de J.Barreras, onde comezaron a fabricarse pouco despois os primeiros barcos con casco de aceiro. Un perfil fabril marítimo, ao que se lle foron engadindo as instalacións de Alonarti (1921), obradoiro de construción de maquinaria para a industria conserveira; os estaleiros de Cardama e Armada (os dous de 1924), as conserveiras Sacco (1920), Alfageme e Albo (1929), Orbe (1934), os laboratorios do Instituto Bioquímico Miguel Servet (1935), por citar apenas as iniciativas anteriores a Guerra Civil. Memoria do patrimonio industrial vigués defendida pola iniciativa cidadá Beiramar da Xente constituída por diversos colectivos veciñais do barrio.
Espazo industrial que compartía territorio co que foi o primeiro campo regulamentario de fútbol da cidade, a coñecida durante dúas décadas como «catedral de Coia», situado na actual rúa Coruña, nunha parte do Parque Joaquín García Picher, onde no comezo dos noventa aínda se instalaban os circos ambulantes que visitaban a cidade. Inaugurado o 9 de febreiro de 1908, sendo dende entón o campo oficial do Vigo F. C. (logo do Vigo Sporting Club), equipo que o 12 de abril daquel anos perdería na capital de España o título nacional do campionato de España ante o Real Madrid por 2-1, unha das derrotas, ao tempo que proezas, esquecidas do fútbol vigués. Campo no que en 1913 e 1915 se organizaron as primeiras competicións atléticas internacionais e algunha exhibición aérea. Coa fundación do Celta, pasou a ser o seu campo, até a inauguración de Balaídos o 30 de decembro de 1928. O de Coia, onde chegaron a asistir 25.000 persoas, pasará a historia, tamén, polo derrube do tellado dunha conserveira dende o que varias ducias de afeccionados seguían por unha peseta (que lles cobraba un chaíñas emprendedor), o partido amigable que o 5 de marzo de 1925 xogaron o Celta e o Boca Juniors de xira por Europa. Morreron dúas persoas e dez resultaron feridas, vítimas dun aproveitado.
Espazo industrial,ampliado no franquismo coa apertura da avenida Beiramar e a súa paralela Jacinto Benavente, onde se instalaron as fábricas vinculadas á pesca de altura (como casa Mar) e as súas plantas frigoríficas. Foi só a partir dos sesenta cando se iniciou a transformación en residencial. Hoxe é un barrio popular artellado arredor da rúa Coruña, sometida a un intenso tráfico pesado, que une a Praza de América coa de Eugenio Fadrique (popularmente Praza da Industria, onde está instalado dende 1975 o monumento ao Ferreiro de Guillermo Steinbrügger Lago) e a Praza da Industria Conserveira (rotonda onde se instalou un guindastre Derrick, fabricado por Vulcano, outra icona deste Vigo Industrial). Nese espazo urbano de fronteira, entre fábricas e vivendas, que conta apenas con dous espazos públicos de lecer, os parques da praza da Industria e do máis recente Joaquín García Picher, naceu hai nove anos a Asociación Sociocultural As da Industria coa intención de crebar soidades e fomentar o encontro da veciñanza de todas idades, arredor das festas do calendario popular, ademais de reclamar melloras para o barrio e a conservación do seu densísimo patrimonio arquitectónico industrial.
Actividades promovidas por As da Industria para todos os públicos, con atención preferente para as crianzas e persoas maiores, que contan cunha grande participación. A fogueira do pasado 23 de xuño contou con música e sardiñada, coa súa correspondente opción vegana, criterio inclusivo co que fan todas as súas convocatorias, sendo a súa cacharela unha das máis animadas da cidade toda. Outrosí sucede con «O son da industria», festival musical gratuíto, xa na sétima edición, cun cartel de música e artes escénicas en galego excelente. Palco do parque García Picher, polo que este ano pasaron Ugia Pedreira e convidados e a representación teatral da Compañía Keimakasas. É triste que a moi escasa colaboración económica das administracións locais, tanto do concello de Vigo como da deputación de Pontevedra, como a escasa empatía municipal nos aspectos referidos á xestión de autorizacións de usos dos espazos públicos obrigue aos responsables da Asociación As da Industria a tirar a toalla e anunciar o cese da súa actividade cultural. Beizón e gratitude merecen As da Industria por esta década de traballo veciñal alternativo e comprometido coa memoria e co futuro do barrio.




Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir