Onte 2140: «Salgheirón» de Primitivo Carbajo
Na segunda metade do pasado ano publicáronse varios títulos de non ficción en galego moi interesantes que amosan o pulo das nosas editoras independentes. Á biografía de Reboiras (Aira 2021) de Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez e A vella compañeira (Luzes 2021) de Anxo Lugilde, xa comentadas aquí, engádese Salgheirón (Morgante 2021), a extraordinaria crónica do xornalista Primitivo Carbajo sobre as orixes, esplendor e decadencia de conservas Massó e a deriva especulativa da que foi a catedral laica do Morrazo no século XX, transformada agora en pelotazo urbanístico, abrindo outra vía de preocupación para o futuro doutro espazo natural da ría de Vigo. Unha segunda entrega literaria de Carbajo, durante décadas correspondente de El País en Vigo, hoxe retirado en Villaseco del Pan, tras aquela memorable biografía no autorizada de Paco Vázquez (Xerais 1993 ), da que foi co autor xunto ao mestre Luis Pita, que na Coruña se convertera en libro prohibido pola alcaldía de entón.
En Salgheirón Primitivo Carbajo reconstrúe a peripecia familiar e empresarial de catro xeracións dos Massó, ao longo de case dous séculos instalados en Bueu e Cangas, primeiro dedicándose á salgadura, despois á conserva, até chegar á liquidación dos terreos e edificios do complexo industrial do Salgheirón en Cangas, onde dende 2004 en plena burbulla inmobiliaria se pretende construír un porto deportivo, un hotel, un centro comercial e grupos de vivendas, no medio de manobras nas marxes da legalidade e contando coas complicidades por acción ou por omisión, das diversas administracións, sexa a Autoridade Portuaria de Vigo, a Xunta de Galicia como do propio concello de Cangas.
Froito de anos de investigación e seguimento, contrastando datos e fontes diversas, o relato detalladísimo deste conflito urbanístico amosa que a defensa da legalidade correu a cargo da mobilización cidadá, organizada no Foro Social pola Defensa do Pobo, desde que en 2004 esta entidade veciñal puxo en cuestión a validez do convenio urbanístico anunciado entre os propietarios dos terreos, tras o peche da factoría e liquidación da empresa en 1996, e o concello de Cangas, sendo alcalde entón o popular José Enrique Sotelo. Un relato que amosa o valor da persistencia teimosa da desobediencia civil contra a especulación, mesmo a pesar das multas e procesos, como forma de defensa do patrimonio colectivo, da cultura comunal e da economía substentable.
Urdido coa técnica da crónica, Salgheirón amosa o valor do xornalismo crítico como garante de veracidade na loita contra a corrupción e na defensa do común. Este carácter de xornalismo rabudo que impregna estas case trescentas páxinas, fainas tamén incómodas a case todas as cores políticas, ben é certo que máis para o Partido Popular, pero tamén para os partidos das esquerdas. Unha incomodidade que se fai máis evidente no silencio actual, tanto por parte dos responsables municipais do concello de Cangas como de Abanca, agora a propietaria dos terreos, abrindo unha grande incerteza sobre como poida rematar o relato do Salgheirón futuro.
En todo caso, parabéns moi merecidos ao meu admirado Primitivo Carbajo e aos responsables de Morgante pola afouteza en publicar o que é un dos mellores libros de xornalismo crítico publicados en galego nos últimos anos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir