Trasacordo na Área Metropolitana
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao novo conflito arredor da creación da Área Metropolitana de Vigo.
Temos apelado en diversas ocasións á institución tan galega como a do “trasacordo”, estudada por Marcial Gondar, para tratar de entender decisións políticas que, aparentemente, non teñen xustificación racional ningunha. Se consultamos o Dicionario Xerais da Lingua o trasacordo é “o cambio de opinión con respecto a algo acordado con anterioridade”. Porén, segundo o profesor de Antropoloxía da USC, a esta definición cómprelle engadir un matiz clarificador: o trasacordo supón a revisión dun acordo ou dunha decisión tomada, un volverse atrás no camiño andado, “mais para percorrelo por outro vieiro ou doutra maneira”. O que quere dicir que o trasacordo conleva un cambio de opinión, un botarse atrás do acordado, mais sempre para adoptar unha orientación nova, para a seguir intentar outro novo acordo. Razón pola que entre nós os galegos non estaría mal visto que a pesar de termos decidido unha cousa, mudásemos despois de opinión; abondaría que xustificásemos tal cambio de criterio co argumento de que “tivemos un trasacordo”.
Non hai dúbida que este procedemento do trasacordo dinámico é o que mellor permite explicar os ires e vires, os acordos e posteriores trasacordos políticos continuos da creación da Área Metropolitana de Vigo (AMV) que, despois de dezaoito anos daquela histórica “Declaración de Soutomaior”, documento de espírito fundacional da AMV, asinado o 22 de decembro de 1999 polos alcaldes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, volveu quedar este pasado fin de ano na encrucillada da incerteza. E alá van case dúas décadas de trasacordos sobre o tema (incluídas varias leis debatidas, dúas delas aprobadas polo Parlamento de Galicia), protagonizados por catro alcaldías viguesas de cores políticas distintas (Castrillo do BNG, Pérez Mariño e Caballero do PSdePSOE e Porro do PPdeG) e por tres presidencias da Xunta de Galicia (Fraga, Touriño e Feijoo). Cinco lexislaturas autonómicas e mandatos municipais onde ambas as dúas partes foron incapaces de pechar de vez un acordo razoable e definitivo que traducise institucionalmente o que dende hai tempo é unha realidade social incuestionable, a existencia dunha comunidade de 600.000 persoas que desenvolven as súas vidas arredor do espazo urbano artellado pola cidade e pola ría de Vigo.
Unha incapacidade para acadar acordos entre a Xunta de Galicia e os concellos metropolitanos que prexudica, sobre todo, á cidadanía da área viguesa, que sexa por arres ou por xos continúa sen recibir os servizos (singularmente o do transporte metropolitano) xa existentes dende hai tempo noutras rexións urbanas galegas. Un fracaso político que non pode ser xustificado con estrataxemas de procedemento administrativo, como a recente da negativa da inscrición da AMV no Rexistro de Entidades Locais, coa que os responsables da Xunta de Galicia pretenden adiar, outra vez máis, o proceso e intentan desgastar politicamente a Abel Caballero, hoxe a besta negra para o partido de Alberto Núñez Feijoo. Como tampouco leva a ningures que as alcaldías do Partido Popular boicoteasen a constitución da xunta de goberno metropolitano coa pretensión de deslexitimar o seu plan de traballo (entre o que está a tramitación do polémico plan de transporte) e adiar a incorporación dos concellos que amosaron o seu interese en facelo.
Reorientar o proceso de constitución da AMV require de elevadas doses de consenso e xenerosidade, tanto dos responsables dos concellos metropolitanos, singularmente da alcaldía de Vigo, que lidera hoxe a creación do ente, como da Xunta de Galicia e da súa presidencia. Cómpre abandonar a xestión por coxuntura, expresada nos trasacordos do proceso, e transformala nun acordo estratéxico potente capaz de converter a AMV na trabe de ouro do novo modelo territorial galego. Se Feijoo e o seu partido non asumen esta altura de miras, se non apostan con todas as consecuencias polo modelo do Vigo metropolitano, converterán a Abel Caballero nun mártir que se inmolará nas rúas de Vigo, como fixo noutrora con éxito incuestionable coa aldraxe da venda das caixas ou a discriminación ao aeroporto de Peinador. A bóla quedou no tellado do Partido Popular que deberá abandonar a súa estratexia obstrucionista, se non quere no futuro continuar sendo irrelevante no concello de Vigo e, probablemente, en boa parte dos concellos metropolitanos. Dentro dos propósitos do ano novo debería estar o recuperar o tempo e as enerxías perdidas na constitución da AMV e poñela a funcionar a toda máquina.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir