Listado de la etiqueta: declaración_de_soutomaior

Trasacordo na Área Metropolitana

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao novo conflito arredor da creación da Área Metropolitana de Vigo.

area_vigo_r2_c1Temos apelado en diversas ocasións á institución tan galega como a do “trasacordo”, estudada por Marcial Gondar, para tratar de entender decisións políticas que, aparentemente, non teñen xustificación racional ningunha. Se consultamos o Dicionario Xerais da Lingua o trasacordo é “o cambio de opinión con respecto a algo acordado con anterioridade”. Porén, segundo o profesor de Antropoloxía da USC, a esta definición cómprelle engadir un matiz clarificador: o trasacordo supón a revisión dun acordo ou dunha decisión tomada, un volverse atrás no camiño andado, “mais para percorrelo por outro vieiro ou doutra maneira”. O que quere dicir que o trasacordo conleva un cambio de opinión, un botarse atrás do acordado, mais sempre para adoptar unha orientación nova, para a seguir intentar outro novo acordo. Razón pola que entre nós os galegos non estaría mal visto que a pesar de termos decidido unha cousa, mudásemos despois de opinión; abondaría que xustificásemos tal cambio de criterio co argumento de que “tivemos un trasacordo”.

Non hai dúbida que este procedemento do trasacordo dinámico é o que mellor permite explicar os ires e vires, os acordos e posteriores trasacordos políticos continuos da creación da Área Metropolitana de Vigo (AMV) que, despois de dezaoito anos daquela histórica “Declaración de Soutomaior”, documento de espírito fundacional da AMV, asinado o 22 de decembro de 1999 polos alcaldes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, volveu quedar este pasado fin de ano na encrucillada da incerteza. E alá van case dúas décadas de trasacordos sobre o tema (incluídas varias leis debatidas, dúas delas aprobadas polo Parlamento de Galicia), protagonizados por catro alcaldías viguesas de cores políticas distintas (Castrillo do BNG, Pérez Mariño e Caballero do PSdePSOE e Porro do PPdeG) e por tres presidencias da Xunta de Galicia (Fraga, Touriño e Feijoo). Cinco lexislaturas autonómicas e mandatos municipais onde ambas as dúas partes foron incapaces de pechar de vez un acordo razoable e definitivo que traducise institucionalmente o que dende hai tempo é unha realidade social incuestionable, a existencia dunha comunidade de 600.000 persoas que desenvolven as súas vidas arredor do espazo urbano artellado pola cidade e pola ría de Vigo.

Unha incapacidade para acadar acordos entre a Xunta de Galicia e os concellos metropolitanos que prexudica, sobre todo, á cidadanía da área viguesa, que sexa por arres ou por xos continúa sen recibir os servizos (singularmente o do transporte metropolitano) xa existentes dende hai tempo noutras rexións urbanas galegas. Un fracaso político que non pode ser xustificado con estrataxemas de procedemento administrativo, como a recente da negativa da inscrición da AMV no Rexistro de Entidades Locais, coa que os responsables da Xunta de Galicia pretenden adiar, outra vez máis, o proceso e intentan desgastar politicamente a Abel Caballero, hoxe a besta negra para o partido de Alberto Núñez Feijoo. Como tampouco leva a ningures que as alcaldías do Partido Popular boicoteasen a constitución da xunta de goberno metropolitano coa pretensión de deslexitimar o seu plan de traballo (entre o que está a tramitación do polémico plan de transporte) e adiar a incorporación dos concellos que amosaron o seu interese en facelo.

Reorientar o proceso de constitución da AMV require de elevadas doses de consenso e xenerosidade, tanto dos responsables dos concellos metropolitanos, singularmente da alcaldía de Vigo, que lidera hoxe a creación do ente, como da Xunta de Galicia e da súa presidencia. Cómpre abandonar a xestión por coxuntura, expresada nos trasacordos do proceso, e transformala nun acordo estratéxico potente capaz de converter a AMV na trabe de ouro do novo modelo territorial galego. Se Feijoo e o seu partido non asumen esta altura de miras, se non apostan con todas as consecuencias polo modelo do Vigo metropolitano, converterán a Abel Caballero nun mártir que se inmolará nas rúas de Vigo, como fixo noutrora con éxito incuestionable coa aldraxe da venda das caixas ou a discriminación ao aeroporto de Peinador. A bóla quedou no tellado do Partido Popular que deberá abandonar a súa estratexia obstrucionista, se non quere no futuro continuar sendo irrelevante no concello de Vigo e, probablemente, en boa parte dos concellos metropolitanos. Dentro dos propósitos do ano novo debería estar o recuperar o tempo e as enerxías perdidas na constitución da AMV e poñela a funcionar a toda máquina.

Consenso metropolitano

No artigo de Faro de Vigo desta semana valoro o acordo previo acadado para aconstitución da Área Metropolitana de Vigo.

A-Peneira-dixital-Area-Metropolitana-de-VigoO recente acordo entre a Xunta Galicia e catorce alcaldías da rexión urbana de Vigo sobre a constitución, competencias e xestión da Área Metropolitana de Vigo pode cualificarse como histórico. Culmínase así unha iniciativa rexeneradora, agromada hai dezaseis anos, tras a aprobación da “Declaración de Soutomaior”, na que as alcaldías dos concellos a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo –Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Nigrán, Mos, Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo– aprobaron por unanimidade un documento no que declararon a súa firme vontade de crear a Área Metropolitana de Vigo.

Un pacto metropolitano pioneiro, que demostrou a posibilidade de acadar en Galicia grandes acordos estratéxicos, asinado no castelo de Soutomaior o 22 de decembro de 1999 por membros do PP, PSOE e BNG, cando era alcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo, sendo apoiado por Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta de Galicia. Dende entón, foron de máis os pasos adiante e atrás que se deron nun proceso aínda en marcha de creación dunha entidade supramunicipal que intentase achegar a política á realidade social, recoñecendo no ámbito representativo e institucional ese “Gran Vigo” ou “Vigo metropolitano” como o primeiro motor urbano de Galicia e centro para a vertebración da eurorrexión atlántica Galicia e Norte de Portugal.

Dende aquel pacto de Soutomaior moito choveu na ría. Como moitos foron os desacordos e trasacordos sobre a constitución e características do ente metropolitano vigués entre os diversos Gobernos Galegos e os do concello de Vigo, ao que non foron alleas as circunstancias de que ambos os dous explorarsen toda a gamma de cores políticas. Diferencias transformadas en aberto conflito dende 2012, tras a aprobación dunha desafortunada Lei de Área Metropolitana de Vigo, apoiada só cos votos do Partido Popular, que abrangue a catorce concellos (a ducia da Mancomunidade, máis Cangas e Moaña), minorando de xeito inadmisible nos órganos de xestión previstos nela, mesmo até o ridículo, o peso do concello de Vigo, cidade que lle dá vida e razón. Unha lei que naceu morta, refén da estratexia electoral curtopracista do Partido Popular que pretendía con ela meter en cintura á alcaldía de Vigo.

Despois das eleccións municipais da pasada primavera, nas que os conservadores retrocederon en boa parte dos concellos da rexión urbana viguesa, impúxose unha nova dinámica municipalista, liderada por Abel Caballero, á que se incorporaron até 15 alcaldías representativas dunha amplísima maioría da poboación. Unha dinámica integradora cuxa intención non foi outra que forxar un amplo consenso metropolitano entre todos os concellos (sen excepción) que conforman a rexión urbana de Vigo, acordo capaz de desbloquear un deses problemas que semellaban sen solución.

Xaora, o principio de entendemento acadado entre o vicepresidente Rueda e as 14 alcaldías é unha oportunidade de ouro para acadar un acordo definitivo óptimo sobre os límites, as estruturas de goberno, as competencias, o financiamento e o calendario da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo. Un acordo que debería facilitar a constitución decontado (antes do remate da lexislatura) dunha entidade supralocal ampla, que abranguse os concellos pertencentes as comarcas da ría viguesa, Val Miñor e Morrazo, máis do que non deberan quedar fóra os do Val da Louriña, os do Baixo Miño, os do Condado e mesmo os catro da Paradanta. Unha nova entidade metropolitana na que os 28 concellos da rexión urbana de Vigo, 600.000 persoas (o 22 % da poboación galega, o 63 % da provincia de Pontevedra), constituirían o primeiro motor demográfico e económico de Galicia, ao tempo que unha entidade política transformadora capaz de ofrecer servizos metropolitanos básicos (transporte, abastecemento de auga, tratamento de residuos, políticas de emprego, entre outros) nas mellores condicións para toda a cidadanía e con menor custe para as administracións locais.

Unha Área Metropolitana liderada e impulsada de forma decidida e xenerosa polo concello de Vigo, que achega a metade da poboación e funciona como cidade central, onde están instaladas as dotacións sanitarias (hospitais), educativas (universidade), comerciais, institucionais e algunhas das actividades industriais de referencia. Un liderado do concello de Vigo, que debería proxectarse no modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que redundaría na recuperación do papel central do “Vigo metropolitano” no eixo urbano atlántico ibérico. Se así se fai, como todo semella aventurar, non teño dúbida de que a constitución desta Área Metropolitana ampliada e liderada polo concello de Vigo suporá un fito decisivo na historia do Gran Vigo e do seu futuro.