Defensa de Vigo
No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a defensa do liderado no proxecto de Galicia como suxeito político.
O pasado venres o deputado socialista Abel Losada publicaba nas páxinas de Faro de Vigo un artigo titulado «A imprescindible defensa de Vigo» no que citaba criticamente o que eu publicara nesta sección o mércores arredor das relacións de competencia e colaboración que eu entendo deberían existir entre Vigo e A Coruña. Sen ánimo de polemizar con que expresa posicións dunha candidatura, non podo máis que lamentar que alguén pretenda confundir a miña proposta de irmandade intergalaica con posicións que nunca foron as miñas.
Dende hai dezaseis anos, semana a semana, grazas á xenerosidade de Faro de Vigo, neste espazo de Campo de Granada (van case oitocentos artigos) levo defendendo contra vento e marea, con total independencia e respecto, por riba das querenzas dos diversos gobernos municipais e alcaldías das diferentes opcións (populares, socialistas e nacionalistas), a idea esencial de Vigo, do Gran Vigo ou da Área Metropolitana de Vigo (non vou discutir o nome) como motor e líder da Galicia do século XXI. Un liderado que a nosa cidade mantivo de forma indiscutible ao longo de todo o século pasado nos eidos económico, demográfico, urbanístico ou cultural, mais que por diversas razóns, ás que probablemente non foron alleas nin as actuacións das súas élites políticas nin a inhibición dos seus poderes económicos, foi perdendo pulo dende a pasada década. Vigo debe asumir o reto de recuperar ese liderado no proxecto de Galicia.
Como levo defendendo de forma teimosa a necesidade de acometer unha profunda reforma territorial de Galicia, na que se recoñezan as áreas metropolitanas como entidades de carácter político e administrativo e se supriman as deputacións provinciais. A creación da Área Metropolitana de Vigo aforraría moitos recursos na xestión dos servizos públicos e facilitaría a mobilidade e calidade de vida de máis de medio millón de cidadáns dos concellos metropolitanos. Vigo debe asumir o reto de liderar a creación da súa cidade metropolitana.
Como levo defendendo o carácter industrial e obreiro do Gran Vigo e o futuro dos seus sectores económicos principais: automoción, industria naval e pesca. Sectores nos que sabemos reside o celme vigués e as maiores cifras de emprego na industria e exportación, mais que de cara ás próximas dúas décadas e no marco da nova sociedade dixital e postindustrial cómpre refundar ou reorientar nuns casos, complementar noutros ou mesmo abandonar de forma ordenada, se fose preciso. Vigo debe asumir o reto de recuperar o planeamento estratéxico como ferramenta orientadora de políticas prospectivas e de implementación da formación e innovación.
Como tamén levo defendendo o liderado de Vigo no proxecto do Eixo Atlántico, pola súa valiosa equidistancia do Porto e da Coruña, as principais competidoras viguesas, como a inclusión de Vigo dentro da rede de cidades portuarias do Arco Atlántico, xunto a outras francesas, inglesas, irlandesas e do norte da península. Sen esoutra referencia non poderiamos entender a importancia do porto de Vigo, a da súa recén estreada autoestrada do mar, dos tráficos interocéanicos de contedores, das escalas de cruceiros turísticos ou do seu liderado como porto pesqueiro europeo de referencia ou da súa industria conserveira e alimentaria relacionada co mar.
Como tamén levo defendendo dende aquel primeiro artigo sobre «La Favorita de Príncipe» un Vigo memorioso, fachendoso daquel Vigo dos nosos avós e da síndrome Siboney provocada polos tranvías metropolitanos que nos roubou a alcaldía de Portanet, a mesma que autorizou o derrubamento do edificio Rubira e doutras alfaias da nosa arquitectura pétrea. Lonxe de saudades paralizantes que nunca compartín, entendo que este Vigo capaz de recordar o será tamén de acuñar unha posición orixinal, e polo tanto compartida por amplos sectores sociais, como cidade de xenerosa acollida, consciente de que todos fomos algunha vez emigrantes (o meu avó chegou a Vigo hai noventa anos, no ferrocarril coma outros labregos zamoranos), onde todos estamos orgullosos do seu dinamismo e laboriosidade coma abella da ribeira mais na que non renunciamos á cultura tradicional do periurbano estendido sobre o que noutrora foron vizosas parroquias do Val do Fragoso.
Ese foi o Vigo que identifiquei nas páxinas de A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, ese monumento do viguismo galeguista construído por Xosé María Álvarez Blázquez hai cincuenta anos nas páxinas de Faro de Vigo, a quen a Fundación Penzol lembra cunha exposición con motivo do centenario do seu nacemento. Ese é o Vigo que pretendemos continuar defendendo, fachendoso do seu, firme e unido reclamando o que lle corresponde, consciente do seu papel decisivo na construción de Galicia como suxeito político.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir