40 anos dos Premios da Crítica Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do corenta aniversario dos Premios da Crítica Galicia:

PCG_40_ANOSNo serán do martes 16 de maio de 1978 celebrouse no Hotel Samil Praia a cea na que se outorgaron os primeiros Premios da Crítica Galicia. Dende entón e de forma ininterrompida, estes premios recoñeceron cada ano a excelencia e a relevancia dos traballos máis destacados nos diversos ámbitos e disciplinas da creación cultural e da investigación galega (literatura, investigación, música, artes plásticas, escénicas, cine, gastronomía e iniciativas culturais e científicas). Concibidos antes do inicio do proceso autonómico, cando non fora recoñecido o autogoberno galego nin oficializado o uso público e educativo da lingua de noso, os Premios da Crítica Galicia asumiron o protagonismo e a responsabilidade da sociedade civil na tarefa de visibilizar, prestixiar e popularizar o labor dos creadores galegos (“escritores, artistas e intelectuais”) que traballaban “en condicións moitas veces heroicas, á contra e caladamente, case no anonimato”, como figuraba nas intencións recollidas no manifesto fundacional publicado polos organizadores.

Nacidos no buligar daquel Vigo inquedo e estrepitoso de finais dos setenta, coincidente en boa medida coa primeira corporación democrática presidida por Manuel Soto e coa primeira reconversión industrial (un piquete de traballadores de Ascón dirixiuse aos participantes naquela primeira cea), estes premios xermolaron no activismo dos integrantes da xunta directiva do Círculo Ourensán-Vigués (COV), unha sociedade recreativa, non estritamente cultural, que desenvolvía un amplísimo programa de dinamización cultural galeguista con especial incidencia na celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas. Emociona lembrar hoxe que os Premios da Crítica Galicia (bautizados nos primeiros borradores como “Premios Martín Codax da Crítica en Galicia”) naceron apenas como unha iniciativa máis, incluída no programa da “Semana das Letras Galegas” organizada polo COV, do que ademais formaban parte a “Romaría das Letras Galegas”, celebrada en Castrelos (o domingo 14), as representacións de catro grupos teatrais nos locais das asociacións veciñais, así como unha mesa redonda sobre “A cultura galega nunha nova circunstancia política”, na que coordinados por Xesús Alonso Montero interviron X.L. Méndez Ferrín, Ramón Akal, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Fortes Bouzán e Luís Álvarez Pousa.

Dende aquela proeza de 1978, repetida noutras edicións, os Premios da Crítica Galicia conseguiron acuñar devagariño un modelo de “traballo aberto, racional e colectivo pola cultura galega, integrador de amplos sectores da cidade para que a cultura non sexa un elemento pasivo nin discriminador”. Un modelo de activismo cultural, alicerzado sobre as trabes do pluralismo, a integración e a independencia dos poderes públicos, capaz de reinventarse en varias ocasións ao longo de catro décadas e de manter un diálogo permanente coa creacióne coa industria cultural, que ao longo deste periodo se foi desenvolvendo con tanta vontade como enormes dificultades para os seus emprendedores. Un traballo heroico ao que non foi alleo o entusiasmo, a teimosía e a afouteza do editor Bieito Ledo, alma mater tanto daquel proxecto fundacional, como presidente do Círculo Ourensán Vigués, como dos actuais Premios da Crítica Galicia, que neste ano ditaminarán a súa cuadraséxima edición o vindeiro 4 de novembro. Unha iniciativa exitosa, na medida que estes premios foron capaces de convertirse nun indicador fundamental da boa saúde (a pesar dos atrancos e dos pasos adiante e atrás) da cultura galega nos seus diferentes eidos, para o que foi decisiva a achega xenerosa e corresponsable do criterio do milleiro de persoas participantes nos xurados das súas oito modalidades.

O vindeiro sábado, 20 de maio, ás 12:00 horas no Auditorio de Afundación da rúa Policarpo Sanz 26, os Premios da Crítica Galicia celebrarán o seu corenta aniversario con todas as persoas que desexen acudir. Estrearase un documental de corenta e cinco minutos de Televisión de Galicia, no que se reconstrúe o relato cultural destas catro décadas, ademais de contar como colofón coa actuación excepcional do gaiteiro Carlos Núñez. Un acto para celebrar este éxito colectivo da sociedade civil viguesa, logo por ventura extendido ao resto do país, tanto pola súa teimosa continuidade, capaz de crear unha nova tradición, como pola súa capacidade de apertura, innovación e integración. Xaora, tamén será unha oportunidade para abordar o futuro tan incerto para a nosa lingua e enxergar con esperanza os retos dunha cultura, que non é allea aos procesos actuais de hibridación dixital nin aos perigos de homoxenización cultural.

Onte 1868: Apenas dez segundos

berizzo_aspas

Entre as gabanzas literarias que coñezo sobre o fútbol sempre gustei do discurso que o escritor André Maurois pronunciou en 1949 con motivo do sesenta aniversario do fútbol francés. O intelectual normando definiu o fútbol como “a intelixencia en movemento”, xa que ao longo dun partido “a cada instante se formulan problemas matemáticos dunha infinita complexidade que se resolven nun alustro de pensamento activo”. Eses instantes decisivos, recollendo un concepto que na fotografía acuñou Henri Cartier-Bresson e que Johan Cruyff levou ao fútbol, de cuxa resolución satisfactoria depende tanto a composición da fotografía como o devir na táboa de marcas do estadio. Xaora, máis alá da indispensable teimosía respectuosa, que os celtistas bautizamos como afouteza, e da disciplina física e do seu suplemento emocional, é a capacidade de resolución destes instantes decisivos a condición que permitir acceder aos agasallos da fortuna, que no fútbol se chaman, gol, triunfos, títulos e glorias.

Onte en Old Trafford ao Celta só lle faltou resolver con acerto o instante decisivo, esa derrardeira xogada na que en menos de dez segundos Beauvue debeu decidir se asumía a responsabilidade de superar a Romero xutando polo pao longo ou delegala en Guidetti, que o acompañaba en carreira agardando o rexeite do porteiro. Na resolución desa ecuación de resultado tan incerto, o guadalupeño estaba decidindo entre os territorios da eliminación e o da gloria colectivas, entre prendérmonos de vez no corno da lúa ou seguirmos enxergándoa no horizonte. Todo o demáis foi un espectáculo marabilloso, un partidazo ao xeito de Berizzo, ese xenio da ilusión colectiva, que nunca saberemos chufar como merece. O Celta soubo dosificar as intensidades e os esforzos, resolveu centos de ecuacións e na lameira debuxou as xeometrías máis complexas. Todo para chegar a ese instante decisivo e poder noquear a un xigante poderoso, onte medoñento e mouriñoso, na súa propia casa.

É inevitable lembrar situacións anteriores nas que os nosos tampouco foron capaces de resolver con éxito as ecuacións decisivas: o penalti de Alejo, a cabezada de Velasco, o remate de Gudelj… Tanto ten. Os celtistas non ollamos con nostalxias cara atrás. O noso é volver intentalo, acuñar durante anos un novo soño e perseguilo. Unha concepción que está na cerna da gramática do fútbol celeste, tamén da propia vida, como onte declarou Berizzo nunha intervención memorable. Lembraremos orgullosos o empate no que fomos moi superiores ao Manchester. Un partido extraordinario onde nos faltaron apenas dez segundos dun fulgor aínda máis intenso. Canto agradezo a dignidade e a humildade de ser do Celta.

A gran foto é de Grobas, Faro de Vigo.

Guardar

Manuel de la Fuente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar ao escrtior e xornalista Manuel de la Fuente:

Delafuente na vella redacción do Faro. Maio de 1988

O pasado 3 de maio cumpríronse quince anos do pasamento de Manuel de la Fuente, o inesquecible escritor e redactor de “Faro de Vigo” durante máis de catro décadas. Lembrouno o seu neto, o tamén escritor Pedro Feijoo, no seu blog, cualificando a quen foi “un dos xornalistas vigueses de toda a vida” como un “devoto namorado de Vigo”, “un home de natureza inqueda”, “un dos xornalistas imprescindibles para comprender a memoria de Vigo”, “un estudoso infatigable, un investigador sagaz, a quen se lle debe o mérito de ter contribuído a acender non poucas luces da nosa historia recente, xa non só da crónica viguesa, tamén e en boa medida da galega”.

Coñecín a Manuel de la Fuente nos últimos anos da súa vida profesional en Faro de Vigo, xornal no que entrou como redactor en 1951 e no que se xubilou en 1997. Lembrarei sempre a súa chamada telefónica para agradecerme o envío dunha das fotobiografías que publicara Xerais con motivo do día das Letras Galegas, na que aproveitou tamén para preguntar se a miña familia tiña algo que ver coa de Dalmacio Bragado Ruiz, o anarquista vigués da CNT que impulsou durante a segunda república o sindicato de boteiros e lancheiros do porto de Vigo. Unha conversa que nos levou pola orixe zamorana dos Bragado vigueses como polo carácter agarimoso dunha cidade que a el, tamén de orixe castelá, o acollera cando tiña apenas dezanove anos. “En Vigo todos somos emigrantes e todos somos de aquí”, concluiramos ilusionados, falando do que Ferrín definira tan acaidamente como unha “cidade en estrépito”.

1959, primeira biografía de La Bella OteroManuel de la Fuente iniciara moi noviño a súa carreira xornalística en Diario de León e na emisora radiofónica de León, a súa cidade natal, mais foi en Faro de Vigo, onde entrou sendo director Francisco Leal Insua, o xornal onde desenvolveu toda a súa carreira profesional en etapas tan diversas do noso decano, como as dirixidas por Manuel González Cerezales e Álvaro Cunqueiro na década de 1960, até ás máis recentes do período autonómico de Xosé Armesto Faginas e Ceferino de Blas. Autor de milleiros de crónicas de inequívoco espírito literario, Manuel de la Fuente iniciou a súa andaina como escritor cunha biografía sobre La Bella Otero (1959), á que seguiu un libro de poemas, Íntimo latido (1960), no que destaca un poema escrito en 1956 para a radio, “Escribo con lágrimas”, dedicado a Rosalía de Castro: “Mojo mi pluma en tu llanto/ para hablarte, Rosalía…/ y es que tu alma y la mía/ bebieron cáliz amargo…”

1986, Paisaje con figuras, antoloxíaAnos máis tarde, publicou Vigo, paisaje con figuras (1986), onde reuniu un cento de pezas de periodismo literario, nas que había algún conto, estampas costumistas, evocación poéticas, crónica dos problemas da cidade e do seu entorno e numerosos perfís de figuras da historia viguesa e de artistas, políticos e outras xentes de actualidade. Textos escritos dende unha ollada realista, non exenta de tenrura e humor, onde non faltan gabanzas as nosas tabernas e espazos compartidos por vigueses de varias xeracións. Un libro que, como sinalou Antonio Pereira, daba na diana da literatura escrita nos xornais, “porque fala de Vigo, do seu entorno e de Galicia con palabras que gustan ver escritas”.

Unha ollada que de la Fuente non abandonou na súa última década en Faro, onde continuou coas seccións “Postal del año…”, “Postal con sello de urgencia” ou “Postal del tiempo viejo”, iniciadas en 1987 coa intención de reconstruír o relato de moi diversos episodios da historia de Vigo. Debemos a estes seus artigos no decano, froito dunha investigación exhaustiva, horas e horas de lectura da colección do periódico, e ao seu afán didáctico de vella escola, o esclarecemento de aspectos biográficos relacionados co arquitecto Stephan Michel Paczewicz, a historia dos seis poemas galegos de Lorca e do xornal “Galicia” de Valentín Paz Andrade ou un apaixonante relato da estancia de Mata Hari no Hotel Continental en 1916, despois acuñada como mito vigués, por poñer apenas uns exemplos.

Medalla IEV

Sempre pensei que unha escolma daquelas “Postais” de Manuel de la Fuente en Faro de Vigo merecería ser editada nun libro, que por si mesma conformaría un auténtica e moi orixinal historia de Vigo, semellante nas intencións á que Xosé María Álvarez Blázquez reunira con tanto éxito en A cidade e os días (1960). Xaora, a edición das “Postais” de Manuel de la Fuente contribuiría a ese proceso tan complexo da recuperación da memoria nunha cidade un chisco desmemoriada, mais tamén pagaría a débeda que Vigo mantén con este vigués de León, un dos máis abnegados estudosos da súa historia. Suxiro que o Instituto de Estudios Vigueses, do que foi membro, e o concello de Vigo valoren esta posibilidade.

Fotos e imaxes do arquivo de Pedro Feijoo. Mil grazas.

Campo do Fragoso CXCVII

manchester-united-celta-vigo-europa-league-2_gNOITE DE AFOUTEZA CELTIÑA

A semifinal da Europa League co Manchester United quedará na historia do Celta de Vigo como a da afouteza, unha palabra galega que gañou o corazón do celtismo capaz de expresar a cerna do noso sentimento e da gramática do fútbol celeste. Afouteza celtiña concibida como a capacidade de actuar sen considerar dificultades nin perigos, como coraxe para sobrepoñerse ás dificultades, como ousadía para enfrontarse con humildade aos grandes, mais tamén como ilusión de compartir un soño colectivo, o de pendurarse algún día do corno da lúa cun título, algo que a fortuna nos ten negado teimosamente ao longo de máis de nove décadas.

Foi a de onte unha noite celtiña inesquecible, cun vello Balaídos cheo de cor e sentimento. Ledicia, emoción, un ambiente extraordinario entre dúas afeccións dispostas a afoutar aos seus con respecto e fair play, unha lameira alfombrada de festa, compoñentes todos que aventuraban un gran partido de fútbol do máximo nivel. E o certo é que sendo tan elevadas as expectativas esta primeira entrega da eliminatoria non decepcionou, fose pola seriedade da proposta do Manchester United, sobre todo, durante a primeira parte, como pola actitude afouta do Celta que, xusto é recoñecelo, non estivo á altura das súas mellores noites europeas.

Acertou Jose Mouriño propoñendo a Eduardo Berizzo un partido moi táctico, unha loita tremenda de centrocampistas, onde a superioridade física de Pogba e Fellaini e o traballo de formiguiña de Ander Herrera roubaron o balón ao Celta. A pesar da serenidade de Cabral e Roncaglia no centro da medula, os nosos mediocampistas Radoja e Hernández foron incapaces de impedir as chegadas dos diaños vermellos ao territorio de Sergio Álvarez, que tivo unha noite memorable, con catro intervencións extraordinarias durante a primeira parte. Aos vinte minutos o xove Rashford, un pesadelo na banda de Mallo, probou ao de Catoira cun xute sobre o pao longo que o porteiro desviou coa súa luva. Intentouno dez minutos despois Lingard e máis tarde o goleiro armenio Mkhitarian, que contou con dúas clarísimas ocasións, ás que Sergio inspiradísimo respondeu con senllos paradóns.

A pesar da superiorade dos visitantes, o Celta tamén gozou das súas oportunidades, cando foi capaz de ampliar o campo pola banda de Pione, onte o máis perigoso dos nosos dianteiros, xa que tanto Guidetti como Aspas foron sometidos a unha severísima vixilancia, que chegou a opacalos en varias fases. Con todo, tras a reanudación, os de Berizzo, abandonaron algunhas precaucións defensivas e o partido abriuse de área a área. Tras unha tímida cabezada de Iago, Pione dispuxo dunha oportunidade de ouro, finalizando unha galopada de Jonny cun xute bombeado, que Romero desviou in extremis. Nuns minutos o partido toleou, un bamboleo de área a área que desesquilibrou o envexable equilibrio defensivo dos de Berizzo. Aí xermolou o decisivo gol de Rashford, tras un saque xenial dunha falta na frontal, cometida innecesariamente por Hugo Mallo. Unha inxenuidade, froito dunha desconcentración, que pode custar unha eliminatoria.

Coa táboa de marcas por diante e vinte e cinco minutos, o United enmouriñou o partido, embarullando cada xogada con perdas de tempo e protestas. Daquela o Celta tiña os seus depósitos de afouteza practicamente agotados. Jonny e Aspas non se entenderon cando chegaron á area pequena nunha das súas arroutadas, mais tamén é certo que Mkhitarian puido liquidar a eliminatoria no 74, mais fixo unha escolla equivocada no seu remate. Con todo, a pesar da inevitable decepción pola derrota fronte tan poderoso rival, o resultado non pecha unha eliminatoria que se decidirá en Old Trafford. Quen sabe se alí a renovada afouteza celtiña é capaz de pendurarnos da soñada final de Solna.

Onte 1867: “Once portas” de Héctor Cajaraville, presentación en Compostela

Once_portas_Compostela_02-05-2017

No noso primeiro acto na Feira do Libro de Compostela, presentamos no serán de onte Once portas, a obra coa que Héctor Cajaraville gañou o Premio Ánxel Fole de narrativa curta 2016. Once portas é unha noveliña, escrita con precisión e economía, hibridada entre os xéneros histórico e o fantástico, coa que o autor homenaxea a Compostela e coa que ofrece, dende os territorios da ficción, unha intriga sobre a fundación da propia cidade. Singular, distinta a calquera das súas novelas anteriores, Cajaraville consolídase con Once portas como un dos narradores máis orixinais e versátiles da actualidade, capaz de xogar nun mesmo texto co rigor do relato histórico e a imaxinación do rexistro fantástico.

XG00262301Comezou a súa intervención Héctor confesando que “este libro comeza aquí onde estamos, no paseo da Alameda, un día da Ascensión de 1929, tamén nunha carpa, onde o mago Bunda tiña a súa consulta e onde lle revelará a Guillerme un segredo sobre a cidade de Compostela que ninguén coñece”. “Ningún lugar sería máis axeitado para presentar este libro que este no que estamos”. Cajaraville relatou a orixe da novela, escrita despois de rematar tres libros que escribira de forma case simultánea: “para facer un descanso comecei a ler libros sobre historia da cidade na Biblioteca Ánxel Casal e topei con datos moi precisos sobre a muralla de Compostela, que tiña 5 metros de altura, unha anchura de 2,5, unha extensión de case 2 km e máis de 50 torreóns, como correspondía a unha gran cidade medieval. Unha muralla da que só queda en pé a porta de Mazarelos, mais que deixou vestixios no rueiro, a rúa das Ameas, a praza da Atalaia, a Virxe da Cerca, a rúa do Peso…, nomes que deixaron un vestixio inmaterial”.

“Reparei, tamén, nas portas da muralla, as sete das que se fala no Códice Calixtino, mais nas outras , portas e poxigos, que eran máis pequenos, abertas despois. En total había constancia de dez, mais de cando en vez aparecía na documentación outra máis, o Poxigo do Souto. Con ese elemento comecei a escritura da novela que acabei en apenas un mes e medio de traballo, mais que logo reescribín completamente en varias ocasións, de xeito que aquela primeira versión apenas ten que ver coa final premiada e publicada. Un libro no que homenaxeo a Compostela e no que mesturo o histórico e o fantástico”.

Onte 1866: Afouteza, afoutar, afouto/a

Afouteza_Redeiros

O Gran Dicionario Xerais da Lingua achega dúas acepcións do substantivo afouteza. A primeira referida á disposición para actuar sen considerar dificultades nin perigos, sendo os seus sinónimos os de ousadía, audacia ou ardimento. A segunda identifica a afouteza coa coraxe, coa capacidade e forza moral para facer algo. O dicionario inclúe, ademais, o verbo afoutar que expresa dar ou infundir alento ou ánimo, sendo sinónimo de animar, alentar ou arrufar. Por último, o Gran Xerais inclúe o adxectivo afouto/a para referise á caldiade de quen actúa con valentía e temeridade sen considear os perigos, sendo algúns dos seus sinónimos os de arrichado/a arriscado/a, atrevido/a ou ousado/a. Esta consulta ao dicionario, ás portas da histórica semifinal europea de mañán, amosa o acerto de utilizar estas tres palabras como cerna da identidade celeste. Agardamos con ilusión afoutar mañán no vello Balaídos ao afouto Celta de Berizzo.

Aí vén o maio

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á festa dos maios:

maios-color-redondela-3_gHai poucos días falando co ilustrador Evaristo Pereira sobre a celebración da festa dos maios no Vigo vello, xurdiu, inevitablemente, “Ahi ven o maio” (1975), a canción memorable de Luís Emilio Batallán, un dos himnos da nosa xeración, da que, por certo, entre outras moitas, hai unha versión ben fermosa do autor e Pablo Milanés en Luar (2013). Xaora, Pereira insistiume na actualidade do texto da canción, o poema “O maio”, incluído por Manuel Curros Enríquez en “Aires da miña terra” (1880), que, coma sucede tantas veces en “Cantares gallegos” (1863) de Rosalía de Castro, comeza cuns versos populares (“Aí vén o maio / de frores cuberto…”), referidos á festa popular dos maios, da que despois fará unha cumprida glosa: “Puxéronse á porta cantándome os nenos / e os puchos furados para min estendendo…”.

No entanto, como sinalan os profesores Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel, baixo a aparencia de composición costumista, neste poema sobresae o tema cívico e político, xa que Curros identifica a voz en primeira persoa do poeta coa de Galicia, o asoballado pobo galego “para o que non hai maio” e para o que cómpre cantar “un maio sen bruxas nin demos / un maio sen segas, usuras e preitos…”. Versos que non era alleos á calamitosa situación do campesiñado galego da segunda metade do século XIX, sometido a severidade dos foros e os seus xuros, ás penalidades da emigración e á prepotente posición da Igrexa en cada parroquia, situacións que o poeta de Celanova denunciaba con afouteza, non exenta dunha certa impotencia e desacougo.

Nesa tradición cívica da poesía currosiana, a pesar de que xa é un feito a desaparición da cultura agraria galega, non perdeu sentido a celebración da festa dos maios nas nosas cidades e vilas. O Maio simboliza o renacer da vida e das plantas, o comezo do ano agrícola e gandeiro, a ledicia de que o sol alumee con forza, a intención de afastar as pragas, as doenzas dos animais, as xeadas, as treboadas e outras adversidades. Cada comunidade facía o seu Maio para exaltar o renacer do ciclo da vida, para festexar a morte do inverno, para expulsalo e para anunciar o agromar da primavera. Esta festa popular de culto á primavera, á vexetación, ao amor, á boa sorte remóntase á noite dos tempos. A súa orixe atópase nos ritos das sociedades neolíticas, perpetuados nas festas de Ceres da tradición greco-romano, que adoptaron manifestacións diversas en toda Europa, dende Suecia e Alemaña até os países mediterráneos. En todos estes países, os seus maios son a festa da esperanza.

Diversidade presente tamén no país de noso. En cada lugar de Galicia o Maio vai ser diferente, nunha tradición  de vello que vén de Prisciliano e Martiño de Dumio. Non existen regras para a súa construción e ornamento, aínda que se adoitan utilizar paos e bimbios para a estrutura (na que non se empregan cravos) e para a decoración elementos naturais como musgo (en Ourense), fiuncho (en Redondela), xestas, carrabouxos, barazas, bugallos, pampullos, laranxas bravas, cascas de ovos, margaridas, rosas e outras flores. Os maios máis enxebres son os figurativos, de forma cónica ou piramidal, imitando árbores, aínda que cada vez son máis frecuentes os artísticos que adoptan formas de canastro, campanario, pazo, apeiros de labranza ou construcións significativas de cada zona. Tanto uns coma outros van rematos cun bo ramo ou coroa. Mais tamén existían os maios humanos, un Maio ou unha Maia vestida de pés a cabeza con motivos vexetais.

Sen esquecer, que os maios son un tempo para a crítica e un certo escarnio sobre todo aquilo que o merece. Para iso están as coplas (tamén bautizadas como “os maios”) de sabor poético popular, intención social e carácter irónico e satírico, como acontece tamén coas do Entroido: “Nesta nosa Reboreda/ trouxeron un crego novo/ que arregla a igrexa / con cartos de todo o pobo”. Estas coplas posúen unha métrica e un ritmo moi preciso sendo acompañadas, cando van ser cantadas, con golpes de paus (como se fai en Redondela) ou batendo no chan con fungueiros e estadullos (como acontece en Pontevedra). Coplas, compoñentes esenciais da festa, que tradicionalmente se vendían ao longo do desfile coa intención de financiar o Maio e contribuír á merenda, unha vez tirado.

Os maios teñen unha xeografía de seu, na que salientan localidades como Redondela, onde se celebran o primeiro de maio, e Ourense onde se fan o 3, coincidindo coa festa relixiosa da Santa Cruz. Xaora, o feito de que fosen anovados como festa primaveral da esperanza en case todo o país, mesmo en cidades como Pontevedra, Vigo, A Coruña ou Vilagarcía, supón un valioso exercicio de autoestima colectiva. Aí vén o maio de esperanzas cuberto.

Onte 1865: “Lady Macbeth”

cartel-de-lady-macbethMágoa que confunda tanto o título de connotacións shakesperianas da ópera prima de William Oldroy, adaptación á Inglaterra vitoriana da novela Lady Macbeth de Mtsenk do ruso Nicolai Leskov, contemporáneo de Dostoievsky. A protagonista do drama de Oldroy comparte apenas a determinación e o carácter feroz da Lady Macbeth de Shakespeare no seu proceso de empoderamento fronte a abafante sociedade patriarcal, representada no micromundo dunha granxa vitoriana de North Cumberland. A interpretación de Florence Pough, un prodixio na utilización da ollada como forma expresiva, sostén todo o relato do devir dunha muller que comeza sendo vítima dun matrimonio amañado por razóns económicas, mais que será capaz de empoderarse sexualmente, o que lle permitirá tamén recuperar o control da súa vida; para despois perdelo, vítima dunha psicopatía e crueldade extrema, que o guión non xustifica como merecería.

A composición austera de interiores, a utilización constante do primeiro plano e a práctica ausencia de banda sonora intensifican o dramatismo e a brutalidade do relatado. En todo caso, o principal interese do film radica na súa indagación sobre como o abuso pode converter ás vítimas en verdugos. Outra volta de porca ao debate sobre se é lexítima a vinganza e sobre cales son os límites da liberdade persoal, onde o magnetismo sedutor da protagonista provoca que o espectador dificilmente vaia ser capaz de evitar a ambigüidade.