Poema de hoxe 49: Manuel Álvarez Torneiro, «Aula de posguerra»

habitante_unicoComezaba o inverno

a durar media vida

Manuel Álvarez Torneiro, Habitante único (Espiral Maior, 1997)

 

Onte 1586: Asociación positiva co galego

imagenOs vinte anos que celebra esta fin de semana a CTNL merecen todos os parabéns. Dúas décadas de moi proveitoso traballo dun colectivo de profesionais a prol da lingua galega compartindo sintagmas de entusiasmo e simpatía. Como ben salientou onte Nel Vidal, que despois de nove anos de traballo arreo abandona a presidencia do colectivo, a estratexia de todas as súas campañas (Gústame o galego, Como cho digo, Agasallo.eu…) foi pular pola asociación do galego coa «positividade, a modernidade e o orgullo«, convencidos que así se poderían desmontar prexuízos e mellorar a percepción que a cidadanía galega ten do seu propio idioma. Os membros da CTNL pertencen por méritos de seu á Galicia inconformista e esperanzosa. Expresamos a nosa gratitude e admiración. Beizón.

Poema de hoxe 48: Xohana Torres, «Tempo de ría»

tempo_de_riaVivir é só alzarse á dureza da hora

dende o recanto escuro

dalgún patio

Xohana Torres, Tempo de ría (Espiral Maior, 1992)

Onte 1585: Canta bichería!

Cartel_salon_2016@0,5xCoa publicación d’ As peripecias de Extravaganza Pérez, o libro de Ledicia Costas, ilustrado por Óscar Villán, abre a xanela o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que centrado arredor do lema «Canta bichería!» se celebrará do 1 ao 23 de abril no Pazo da Cultura. Esta nova obra de Ledicia Costas, protagonizada por unha nena de moito carácter, nacida con gafas, que posúe a capacidade de comunicarse de modo sutil cos animais, propón unha viaxe por distintos ecosistemas onde viven as faunas máis diversas, servindo así como referente de moitas das actividades e exposicións. Tras dezasete edicións, o salón pontevedrés, que abre a primavera dos libros, entre o día do libro infantil e xuvenil (2 de abril) e o día do libro (23), consolidouse como referente en Galicia das actividades de fomento da lectura e da abordaxe temática da literatura infantil. A publicación do libro de Costas e Villán, a mudanza de datas e algunha outra importante novidade por desvelar, abren unha nova etapa no Salón que tan ben dirixe a concelleira Anxos Riveiro.

Campo do Fragoso CLXXIV

BARCELONA - CELTAFAIR PLAY

O sucedido no Camp Nou na noite do pasado domingo amosa a precariedade actual do concepto de “fair play”, ou “xogo limpo”, no fútbol profesional, espectáculo de masas e peza clave das programacións audiovisuais e das empresas de apostas. Ninguén vai quitar mérito ningún a actuación de Lionel Messi, capaz de noquear soíño a un Celta afouto até a temeridade. Ninguén vai cuestionar o seu lanzamento maxistral de falta que inaugurou a táboa de marcas, entrando polo buratiño da escuadra. Como ninguén vai desmerecer a orixinalidade do lanzamento do “penalti indirecto”, unha modalidade inspirada na que popularizaron en 1982 Cruyff e Olsen no Ajax, da que, dende 1957, existía o precedente do inventado polos belgas Rik Coppens e André Piters, nun enfrontamento da súa selección contra a de Islandia. Ninguén discute que Messi é un orfebre excepcional do fútbol do século XXI, á altura de figuras como Di Stéfano, Pelé, Cruyff ou Maradona, un artista da filigrana, capaz de resolver unha xogada nuns poucos centímetros. Mais iso non exime a Messi, nin os seus compañeiros de tridente barcelonista, de cumprir as normas do xogo nin manter un comportamento respectuoso co arbitro e leal cos seus contrincantes, claves do xogo limpo que pretendemos inculcar nas novas xeracións.

Nese contexto é onde debemos entender a polémica desenvolvida nas redes sociais tras a avultada derrota do cadro de Eduardo Berizzo. Un partido do Barça que quedará para a historia, a pesar de que os gañadores non sempre respectaron as regras nin a lealtade do espírito do “fair play”, onde dende hai máis de século e medio reside o ADN do fútbol, sexa como disciplina deportiva, sexa como unha das máis importantes industrias do lecer contemporáneo con presenza en todo o planeta. Un partido no que Messi abriu a táboa de marcas cun lanzamento marabilloso, no que, como demostran as fotografías, enganou ao árbitro adiantando o punto da falta sete ou oito metros. Unha trampa, que moitos xustificaran como arteira, das tantas que se fan ao longo dos noventa minutos, mais que violenta as regras que todos, dende Messi até os picariños da liga de benxamíns, deben respectar. Eis a inocencia e grandeza desta disciplina deportiva.

Outrosí sucedeu co lanzamento do penalti ao xeito de Coppens e Piters, concibido para incrementar a táboa goleira de Suárez, na súa batalla polo balón de ouro con Cristiano Ronaldo. Un lanzamento ilegal, xa que o dianteiro charrúa invadiu a media lúa da área, antes de que tocase o astro arxentino, transgredindo así a regra que obriga a todos os xogadores a situarse no momento do lanzamento “canto menos a 9,15 metros do punto de penal”. En definitiva, un lanzamento que o árbitro debeu mandar repetir. E non entramos a debater a lexitimidade moral de utilizar este tipo xogada, decisión que corresponde só aos seus protagonistas, aínda que poidamos sospeitar que non a repetirán fronte outros adversarios ou noutras competicións.

Por ventura, nesta triste polémica para o celtismo, vítima de tantas derrotas (deportivas e morais), emerxeu o espírito do “fair play” do seu adestrador e dun dos seus xogadores, Gustavo Cabral, que nas súas declaracións aceptaron a derrota con dignidade, sen cuestionar o comportamento dos gañadores. Unha valiosa lección de temperanza e de xogo limpo que reclamamos.

Xaora, nunha sociedade onde os valores e o respecto das normas son derrotados decote por comportamentos corruptos, é esencial a recuperación do rigor no respecto ás 14 regras de 1863 (logo 17) coas que naceu en Inglaterra o Football Association e coas que se xogaron en Vigo algúns dos primeiros partidos na península. Como sucedeu en Balaídos o xoves da eliminación copeira, a grandeza do fútbol é ser expresión teatral da vida, unha ilusión efémera coa que milleiros de persoas se sinten vivas, á espreita, coa ledicia e a decepción xogando en idéntico terreo. Iso tamén explica a nosa conmoción polo sucedido o domingo no Camp Nou.

Poema de hoxe 47: Xavier Seoane, «Umbral de vida»

umbral_de_vidaconsólame, cónsolame na terra

non agardo outro reino

Xavier Seoane, Umbral de vida (Esquío, 1996)

Onte 1584: Linguas cooficiais

2016012112575048380Dentro do programa de goberno que o grupo parlamentario de Podemos presentou onte, ao que puiden botar unha ollada en vertical, reparei no apartado 5.2.12 referido á «Protección da riqueza cultural e lingüistica do Estado». Un texto interesante no que por vez primeira, dende os tempos da Reforma Política, se propón que o castelán, o catalán, o éuscaro e o galego sexan «cooficiais para o conxunto do Estado español», fixando que estas linguas «poderán ser utilizadas en todas as institucions e actos da administración pública central». Unha medida que de poñerse en vigor cualificaríamos de histórica e decisiva para a recuperación do estatus da lingua galega, máis aínda cando sería acompañada doutras non menos relevantes como «a preservación das políticas de normalización lingüística existentes», «a revisión dos contidos educativos nas materias de Historia e Ciencias Sociais para integrar unha visión plurinacional do proceso de construción e ordenación do Estado» ou a presenza da pluralidade lingüística nos medios de comunicación públicos estatais e a súa promoción nos medios de comunicación privados. Ben sei que apenas se trata de liñas programáticas, mais é ben esperanzador que medidas deste tipo comecen a incluírse na axenda política futura.

Poema de hoxe 46: Pilar Pallarés, «Livro das devoracións»

livro_das_devoracionsarxilas da memoria

todo e nada

espellismos de sal que a tarde inventa

Pilar Pallarés, Livro das devoracións (Espiral Maior, 1996)

Onte 1583: «Spotlight»


Spotlight-691666579-largeSpotlight
, a película con seis nominacións nos Oscar de Thomas McCarthy, é unha lección de xornalismo necesario. Baseada en feitos reais, reconstrúe o proceso que levou a Spotlight, un equipo de investigación de catro xornalistas de The Boston Globe, a desvelar en 2002 os casos de pederastia de varios centos de sacerdotes da Igrexa Católica e a trama de silencio institucional que os agochou durante décadas. Spotlight procura non só dar conta dos feitos, senón e sobre todo explicar o funcionamento desta trama corrupta na institución eclesial. Aí reside o esencial, a razón de ser do xornalismo ao servizo dos lectores e lectoras, na procura da verdade, a auténtica materia prima e razón de ser do periodismo independente. Un guión brillante, sinxelo, directo, conduce aos xornalistas a indagar nos documentos e a contar coas voces das vítimas, cuxas feridas continúan aínda abertas. Spotlight exalta a reportaxe como o xénero matriz sobre o que construír un xornalismo que conta e importa. Aí un dos valores dunha película interesante.

Poema de hoxe 45: Víctor Campio, «Pido un exilio digno»

Pido acougo de amor

na miña última patria.

Víctor Campio Pereira, Exilio digno (2006)