Poema de hoxe 186: “Cometa” de Xosé María Álvarez Blázquez

Botar unha cometa
era guindar os soños
todos pola fiestra.

Xosé María Álvarez Blázquez, Canle segredo (1954, 1976)

Onte 1718: Compartir Culturgal 2016

Culturgal_2016Na Casa da Luz da praza da Verdura anunciamos onte a celebración de Culturgal 2016 os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e presentamos o cartel preparado por NUMAX baixo o lema “Cultura, Comunidade, Futuro”. Novena edición de Culturgal, na que os organizadores pretendemos profundizar no modelo transversal de corresponsabilidade entre cinco sectores da industria cultural, catro administracións e diversos públicos. Unha edición que coincidindo co centenario da celebración das Irmandades da Fala pretende que “compartir” sexa o verbo que en Culturgal exprese o espírito de Irmandade: compartir para facer cultura dende os diversos ámbitos da creación e das artes, compartir para construír comunidade e ampliar públicos (profesional, especializado, familiar), compartir para enxergar futuro. Culturgal 2016, pois, está en marcha, coa metade dos espazos de exposición xa vendidos, coa convocatoria de proposta de actividades aberta até o 2 de outubro, e coa exposición “Arte e natureza” en produción.

Onte 1717: “Galería de saldos” de Diego Giráldez, presentación en Vigo

Galeria_de_saldos_Porta_do_Sol_05-07-2016

Outro serán excelente o de onte na Feira do Libro de Vigo instalada na Porta do Sol. A escritora Ledicia Costas asinou durante máis dunha hora nunha sesión de alicientes extraordinaria. O editor Fran Alonso e a actriz Deborah Vukusic presentaron Galería de saldos, magnífico libro de relatos co que debuta Diego Giráldez. Antes de ler o relato titulado “Luís Seoane”, Vukusic deu cinco razóns para ler Galería de saldos: primeira, “por tratarse dun libro de relatos, o xénero hipster da novela”; segunda, “para facerlle a competencia á prensa deportiva como Marca e outras publicacións semellantes”; terceira, “por tratarse dun libro para o verán con retrogusto pensante”; cuarta, “por deitar pingas de arte para facer un perfume silencioso”; e quinta, “para facelo un auténtico best-seller galego”.

XG00255001Fran Alonso comezou a súa intervención lembrando a magnífica acollida de público e crítica de Galería de saldos, á que non foi allea o magnífico booktrailer do libro, o primeiro en realidade virtual da edición galega. “A propia portada de Antonio Seijas, simbólica e irónica, minimalista, reflicte o espírito destes vinte e sete relatos guiados pola arte e pola interpretación da arte da man de Iago Losada, cuxas ilustracións deron personalidade ao libro”. “Brevidade, aire fresco, duro, ás veces xélido, que pode mancar. Personaxes en saldo, esmagados, perdedores, á beira do fracaso, cuxa subsistencia está marcada polas circunstancias. Historias duras, como a vida, sutís, feitas a través das palabras e dos silencios, do que se pode intuír, o que non se di”. “Todo o libro de Diego configura unha banda sonora global e cada un dos relatos posúe a súa propia. Con todo, hai en todo o libro un sabor de tango, por que ten sabor a melancolía rabuda, sensual e emocional”.

Seguiu Alonso salientando que no libro “a arte está en relación coa cotidianidade, co consumo, despoxada de calquera tipo de mitomanía. A arte incorporada ao consumo, á vida,desposuída do seu carácter artístico, o que lle permite ao autor ironizar e deitar unha ollada bastante comprensiva.” “Unha arte interdisciplinar, onde están presentes as artes plásticas, a música, o cine e a literatura, mesturadas coa publicidade e coa crónica das nosas vidas. Este é un texto onde todas as artes fúndense e as referencias culturais tecen unha malla sobre a que flotan os personaxes”.

Rematou Fran Alonso relacionando Galería de saldos con Vidas post-it, o libro de relatos de Iolanda Zúñiga: “decateime que o libro de Iolanda aparece citado no propio libro de Diego, hai conexións temáticas e formais entre ambas as dúas obras”. “Galería de saldos é unha biopsia social, unha análise crítica e irónica do entorno que nos rodea.”. “Diego Giráldez posúe un estilo rotundo que fai o libro moi compacto, sendo todos os textos moi homoxéneos”. “Un libro, pois, moi recomendable co que nace un narrador para a nosa ficción que demostra nesta primeira entrega todo o poderío”.

Pola súa banda, o autor salientou que esta era “un libro moi vigués, xa que había moita xente de Vigo relacionada coa súa produción e comunicación”. Relatou como hai uns anos chegara a Vidas post-it de Iolanda Zúñiga, “un libro que me marcou, co que entendín que se pode facer unha narrativa galega distinta”. Citou despois a importancia na obra das ilustracións de Iago Sánchez Losada e do booktrailer do que van “dez mil visualizacións en Facebook, o que arrima a literatura galega a outro público”. Confesou o autor a súa satisfacción polas sensacións que os lectores e lectoras crean co libro, semellantes as que pretendera: “ningún personaxe deste libro é unha fantasía, todos son froito dunha realidade actual que manca”; “este era un dos obxectivos que pretendín, que o lector se sentise completamente identificado”.

Cara ás Galegas

No artigo da semana en Faro de Vigo valoro os resultados das pasadas Xerais e reflexiono sobre as perspectivas das vindeiras Galegas de outubro:

Xerais_2016Tras o resultado das Xerais do pasado 26 de xuño, abriuse a posibilidade dunha terceira maioría para Alberto Núñez Feijoo nas Galegas do vindeiro outono. A clara vitoria do Partido Popular en Galicia, que, con respecto á convocatoria do mes de decembro de 2015, subiu un 4,37 % e incrementou en 34.204 os seus votantes, foi moi traballada sobre as provincias da Coruña e Ourense, onde conseguiu dúas novas actas, a primeira a costa de Ciudadanos (por máis de cinco mil votos) e a segunda de En Marea (por mil seiscentos), circunscricións nas que conseguiu concentrar arredor de si o voto conservador e aproveitou a inhibición dunha parte do electorado desencantado da esquerda e do nacionalismo. Un resultado electoral que deixou claro que nin os numerosos escándalos de corrupción do partido conservador ao longo da lexislatura nin o escuro episodio recente de persecución a rivais políticos protagonizado polo ministro do interior foron considerados por unha parte do electorado galego (643.827 persoas, o 41,49 %) como circunstancias relevantes que afectasen ao seu criterio sobre o partido presidido por Mariano Rajoy. O que, sen dúbida, abre unha liña de reflexión clarificadora sobre cales son os valores e os modelos éticos que hoxe cotizan na nosa sociedade.

Ninguén pode cuestionar que Alberto Núñez Feijoo obtivo nestas Xerais un resultado óptimo que fixo retroceder a todos os seus adversarios. A súa apelación directa na última semana de campaña aos votantes de Ciudadanos, partido que en Galicia obtivo 133.938 votos e unha porcentaxe do 8,63 %, conseguiu que este moi apreciable resultado quedase en auga de castañas e non se traducise en acta ningunha para o partido de Albert Rivera. Outro tanto sucedeu cos partidos da oposición parlamentaria ao seu goberno, tanto o Partido Socialista de Galicia-PSOE que, a pesar de recuperar a segunda posición e manter as súas seis actas (en contra do prognóstico das enquisas), perdeu cinco mil votos; como, e sobre todo, a En Marea e ao BNG, que perderon entre ambas as dúas 92.516 votos, que (moi probablemente) foron directamente para a abstención. Unha severa inhibición que fixo retroceder a En Marea á terceira posición, perdendo un acta no Congreso e outra no Senado, rompendo a súa liña ascendente de convocatorias anteriores. Un resultado que deixa noqueado ao BNG cun 2,89 % dos votos, o peor resultado da súa historia, na máis dolorosa irrelevancia, agoirando a súa probable desaparición do Parlamento Galego ao non acadar en ningunha das provincias o teito do 5%.

Xaora, a pesar de que os resultados nestas Xerais non son directamente trasladables ás vindeiras Galegas, é innegable que con estes datos diante non vai ser doado artellar unha alternativa de esquerda e galeguista que, despois de dúas lexislaturas decepcionantes de durísimos recortes sociais e retrocesos para o autogoberno galego, desprace de vez a Feijoo de Monte Pío. Para isto semella imprescindible que no PSdeG-PSOE, que despois de evitar o sorpasso da Marea, aspira a que o profesor Xoaquín Fernández Leiceaga presida ese goberno alternativo, active as expectativas renovadoras xeradas por este economista rigoroso de espírito galeguista e humanista. Leiceaga asume nunha situación sen liderado claro no partido, ademais, o reto tan difícil de deseñar un proxecto común para un socialismo galego ao que tantas veces gustou mirar máis para o que chegaba de Ferraz que para o que se acordaba na súa sede galega. Un “efecto Xocas” cuxos resultados, en todo caso, dependerán en grande medida da posición que finalmente acorde o partido con respecto á investidura de Rajoy, sexa asumindo a abstención da totalidade ou dunha parte do seu grupo parlamentario ou mantendo unha oposición teimosa que levaría a unhas terceiras Xerais. Non o vai ter, pois, doado Leiceaga.

Como superar a fronteira dos 450.000 votos nas Galegas debería ser o obxectivo polo que traballasen En Marea e o propio BNG activando ao electorado progresista e galeguista aborrecido e decepcionado polas leas interminables entre as forzas políticas deste espazo do común, capaces de crear as mesmas doses de esperanza ca de decepción. Un electorado que nestas Xerais de xuño procurou o acubillo da inhibición electoral, mais que de se lle ofrecer unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz podería mobilizarse e ser determinante para artellar un goberno alternativo que concibise Galicia como suxeito político.

Cara ás Galegas 2016 Feijoo sae cunha vantaxe apreciable, mais aínda se contamos coa posibilidade de entrada no Hórreo de Ciudadanos. Xaora, se as forzas do bloque da esquerda e do galeguismo conseguen activar ao seu electorado, os números estarían moi, moi axustados. Feijoo sábeo e tentará utilizar o calendario ao seu favor.

Poema de hoxe 185: «Chove» de Álvaro Cunqueiro (1958)

Se tódolos poetas
do mundo nos esquecéramos
da chuvia, quizabes
deixase de chover. O
mesmo pasaría coa guerra.
Quizabes.

Álvaro Cunqueiro, Outros poemas (Galaxia 2011)

Onte 1716: “A dúbida” de María Reimóndez, presentación na Porta do Sol

Porta_do_Sol_04-07-2016

Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de VigoA dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.

XG00250501María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”

 

Poema de hoxe 184: «Os oficios de Bran» de Álvaro Cunqueiro

Deixaban o país onde anoitece
polo país onde amence.

Álvaro Cunqueiro, Herba de aquí e acolá (1980)

Poema de hoxe 183: «Cantiga nova que se chama riveira» de Álvaro Cunqueiro

Toda a casa estaba chea
de espellos para soñar,
ai amante!

Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama Riveira (1933)

Onte 1715: «Tópicos sobre a lingua galega» de Suso Fernández Acevedo

tapas topicosNa Feira do Libro de Ribadeo fíxenme cun exemplar de balde de Tópicos sobre a lingua galega, un caderno do profesor Suso Fernández Azevedo sobre prexuízos lingüísticos publicado polo Concello de Ribadeo. Nacida nos textos que Suso foi publicando no blog El toupo que fuza, esta valiosa peza sociolingüistica  pretende achegar argumentos que fagan fronte ás lerias (prexuízos e mentiras) utilizados con maior frecuencia contra a lingua galega e o seu proceso de normalización. Apenas trinta e dúas páxinas nas que se abordan cuestións relacionadas co respecto á diversidade lingüística, coa impostura da bautizada polos galegófobos como «imposición del gallego», co exercicio dos dereitos lingüísticos ou co papel das normas, fronteiras e subvencións no estado da nosa lingua. Unha obra na que se manexan argumentos sólidos e eficaces, capaces de contribuir a conformar ese novo discurso inclusivo e agarimoso que tanto precisamos os promotores da lingua galega. Un libro que, ademais, ten unha gran utilidade didáctica, tanto pola súa claridade expositiva como pola capacidade comunicativa dos exemplos e modelos presentados. Aínda que cheguei tarde a recomendar a súa versión impresa, aproveito para facelo agora e moi vivamente da súa versión dixital dispoñible en issue. Beizóns a Suso Fernández Azevedo por tan magnífica publicación.

Poema de hoxe 182: «Isto é a poesía» de Berta Dávila

Isto é a poesía:
suxeitar a beleza talvez para exhibila
prendida de alfinetes sobre papel de inventario.

Berta Dávila, Raíz da fenda (Xerais, 2013)