Tras a lectura da magnífica entrevista que Irene Bascoy fixo a Alberto Núñez Feijoo para Faro é doado comprender que o Partido Popular ten un problema grave en Vigo. O presidente da Xunta de Galicia aínda non valorou o peso que Vigo ten na economía e política galegas nin entende o seu carácter de cidade metropolitana, a “cidade en bisbarra” da que falaba Ramón Otero Pedrayo. A pesar de ter a súa residencia na abella da ribeira, Feijoo é incapaz de conectar coas preocupacións e coa memoria da maioría social viguesa, un alma cívica que moi pouco ten que ver cos parabéns que recibe das “elites” conservadoras en actos de partido e, por suposto, moito máis ampla co electorado dos distritos do centro onde o seu partido é hexemónico en cada elección. Vigo é unha cidade revolcada, moito máis complexa do que pode enxergarse dende o outeiro de Monte Pío.
No entanto, para quen coñeza o ADN vigués e a historia da cidade nas últimas catro décadas non é difícil explicar que as severas derrotas municipais sufridas polo partido de Feijoo en Vigo, coincidindo coas súas lexislaturas á fronte do Goberno Galego, sobre todo a do pasado mes de maio, máis alá da pouco afortunada elección da candidatura, tiveron a súa orixe no desinterese do presidente polo que sucedía en Vigo e na súa área metropolitana. Un erro colosal sobre o que Abel Caballero construíu de forma moi intelixente a súa esmagadora maioría absoluta. O alcalde socialista si soubo liderar o profundo malestar cidadán provocado pola marxinación orzamentaria coa cidade da Deputación presidida por Rafael Louzán e a indignación provocada polas políticas erradas de Feijoo en temas quentes para Vigo como a fusión das caixas de aforros, cando xa se foran a pique. Como tamén o fixo cando recuncou na casa do Campo de Granada co abandono inxustificado do Hospital Xeral para usos sanitarios, o negocio millonario da privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro e, sobre todo, o caos do traslado ao novo centro sanitario denunciado nas avenidas viguesas por milleiros de persoas.
Nestes sete anos, tampouco soubo entender Feijoo a importancia política da presidencia da Autoridade Portuaria, case unha segunda alcaldía na cidade, onde colocou primeiro a Corina Porro e despois a Ignacio López Chaves. Ambos os dous, a pesar de representar perfís persoais moi diferentes, careceron da capacidade de intermediación na sociedade industrial viguesa e de diálogo interinstitucional necesario coas diversas administracións, sobre todo co concello, para integrar as diversas actividades do porto (fosen as turísticas, deportivas e de lecer como as estritamente industriais) no proxecto estratéxico e urbanístico de Vigo. Como non comprendeu Feijoo, cando utilizou politicamente os contratos de Pemex, o valor (e mesmo a pegada afectiva) que a industria naval ten na beiramar viguesa dende hai máis dun século. Con todo, o seu maior fracaso político en Vigo é a súa obstinación por non recoñecer o liderado indiscutible do concello de Vigo e da súa alcaldía sobre unha área metropolitana que conta con case medio millón de habitantes, que polo momento agrupa a catorce concellos (con outros seis con interese en incorporarse) e ocupa o territorio de comarcas naturais como o Morrazo, o Val Miñor, a Louriña, o Condado e o Baixo Miño. Ese Gran Vigo, o Vigo metropolitano, que nas eleccións municipais de maio deulle na maior parte dos concellos unha lección de coherencia ao Partido Popular, espíndoo coma o rei nú e outorgándolle a presidencia da Deputación á socialista viguesa Carmela Silva.
Tras semellante pau, parecía que Feijoo aprendera e sería capaz de trasacordar sobre os termos da Lei da Área Metropolitana de Vigo aprobada de forma unilateral polo seu partido en 2012. Mesmo chegou a comprometerse en facelo decontado na entrevista que mantivo co alcalde vigués o pasado mes de setembro. Porén, todo quedou en auga de castañas e o presidente volve enlearse na súa calculada retórica de administrativista, ao tempo que aproveita a operación Patos para mover apenas dous dos seus peóns de posición no taboleiro vigués e mandar así un sutil recado ao equipo de goberno vigués. Movementos que cos calendarios electorais na man, con convocatorias en decembro e na vindeira primavera, agoiran que Vigo dificilmente contará nesta lexislatura coa posta en marcha dunha nova Área Metropolitana.
E o caso desta lea da máis resesa política non é nin moito menos menor para os concellos (e a cidadanía) da área metropolitana viguesa xa que deste acordo depende o funcionamento de servizos básicos como o transporte metropolitano (do que Vigo até agora quedou fóra), o tratamento de residuos, o abastecemento de augas e tantos outros temas de carácter metropolitano. Polo visto e expresado, co Vigo metropolitano Feijoo non mudou de chip.