A cidade retratada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar a exposición inaugural do Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI).

RGB básico

Non podo agochar a miña decepción tras a visita á exposición “Vigo, a cidade retratada”, coa que abre as súas portas o Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI), un edificio recuperado no corazón do Casco Vello, no recanto entre a praza de Eduardo Chao e a rúa Alta. Apenas 50 fotografías do Arquivo Pacheco, correspondentes ao segundo terzo do século XX, ás últimas décadas de traballo de Jaime Pacheco e ao labor continuado dende 1958 polos seus fillos Jaime e Alberto, organizadas en cinco apartados (o litoral, a industria, os servizos, a expansión urbana e a vida social) ocupan unha parte da planta baixa do que foi concibido como centro de exposición e investigación de referencia da fotografía galega. Mágoa que para o noso abraio estoutra escolma dos amplísimos fondos do Arquivo Pacheco estea moi lonxe do rigor e do afán innovador, didáctico e divulgativo que se agardaría da casa viguesa da fotografía, unha nova peza da Rede de Museos do concello de Vigo.

Non parece xustificable nun centro museístico público a precariedade dunha instalación como a presentada en “Vigo, a cidade retratada”, tanto pola rudeza dos soportes utilizados e organización labiríntica do espazo expositivo como mesmo pola súa confusa iluminación. Nin tampouco a escasa novidade do relato visual proposto, sexa polo reducido número de pezas inéditas como pola súa temática tan xeralista, arredor da transformación de Vigo en cidade portuaria industrial, un caixón de xastre que recolle dende as paisaxes da ría, pasando polas escenas de traballo urbano, até a batalla de flores. Nin é entendible, mesmo considerando a precariedade orzamentaria que sofre todo o sector cultural, a ausencia dalgún soporte documental impreso ou dixital de axuda ás visitantes, que engada información sobre cada unha das fotografías e sobre o contexto dos apartados temáticos, máis aínda cando coñecimos que os textos son accesibles só dende a web do concello. Nin tampouco é comprensible a falta de publicidade nin a ausencia de créditos da exposición e do seu comisariado, que non atopamos por ningures. Carencias que pouco axudan a prestixiar o CAFVI e poñer en valor o Arquivo Pacheco, unha das pezas máis queridas e populares do patrimonio vigués do que continúan aínda inéditas para o público a maior parte das súas 140.000 fotografías.

O CAFVI foi ideado no primeiro mandato de Caballero, cando o BNG se responsabilizou da concellaría de Cultura, ao abeiro dos fondos do Plan E e no marco do programa de construcións públicas promovido polo Consorcio do Casco Vello, que supuxo o traslado dos rexistros da propiedade a catro inmobles entre a rúa Real e a rúa Alta. Paralizado durante case tres anos, tras a primeira fase de construción do edificio, financiado polo Ministerio de Cultura cun millón de euros, o pasado ano a Concellaría de Cultura destinou 379.000 euros para o acondicionamento e instalacións interiores. Xaora aquel proxecto inicial, bautizado como Centro Galego da Fotografía, foi deseñado para instalar as valiosas coleccións fotográficas municipais (os arquivos Pacheco, Ksado, Fotobienal e Vigo Visións) e promover a creación e difusión da fotografía contemporánea. Integrado formalmente na Rede de Museos do concello de Vigo, en proceso de profunda reestruturación, o CAFVI foi aberto parcialmente e de forma apresurada, coa fallida exposición de Pacheco que comentamos, coincidindo co inicio da campaña electoral.

Vigo é a capital fotográfica de Galicia. Foino pola transcendencia do traballo dos seus fotógrafos pioneiros, dende Prosperi, Pacheco e Llanos até o dos seus fotógrafos amadores, como Ricardo Terré e Rainieiro Fernández. Foino polo traballo dos seus fotoxonalistas, como Bene, Magar e Cameselle, e o dos seus fotógrafos de estudio, como Mary Quintero e o seu irmán Roberto. Foino pola excelencia da súa Fotobienal, creada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, unha actividade cultural internacional de primeira, capaz de xerar unha extraordinaria colección de máis de mil duascentas pezas nas que Vigo quedou retratada por algúns dos fotógrafos contemporáneoas máis importantes do mundo. Eis a materia prima sobre a que recuperar o proxecto cultural do Centro Galego da Fotografía, inserido no redeseño en profundidade de toda a rede museística, que sofre unha crise estrutural. Vigo conta cun hiperquipamento museístico no entorno dunha grave indixencia do seu uso, un paradoxo ao que non son alleos o fracaso dalgúns proxectos de musealización, a indiferencia dos públicos e, sobre todo, a precariedade orzamentaria das administracións públicas, sobre todo da Xunta de Galicia e Goberno de España. Neste contexto, a nova concellaría de Cultura debe deseñar a conciencia o proxecto do CAFVI para evitar os erros da súa primeira mostra.

 

Onte 1343: Ángeles Alvariño

Grazas a unha entrevista que en Ser Galicia fixeron o pasado domingo a Alberto González Garcés souben da biografía da oceanografa galega Ángeles Alvariño González, a quen onte a Academia das Ciencias dedicou o Día da Ciencia en Galicia. Formada nos anos da fame na Complutense, no ano 1951 foi destinada como bióloga mariña-oceanógrafa ao Laboratorio Oceanógráfico de Vigo, continuando as súas investigacións en Plymouth sobre o zooplancto e o ictoplancto, temas dos que chegou a ser unha autoridade mundial. Máis tarde instalaríase como investigadora nos Estados Unidos, onde xa xubilada fixo o seu famoso traballo sobre a Expedición Malaspina, a primeira expedición científica oceánica, un século antes que a do navío británico Challenger. Primeira oceanógrafa galega, primeira muller que se embarcou nos barcos de investigación británicos, descubridora de 22 especies mariñas, a científica ferrolá é a primeira muller á que se lle dedica esta efeméride concibida para abrir espazos de visibilidade e divulgación para a ciencia.

Onte 1342: Laiovento e Murado pedróns

Edicions-Laiovento-Miguel-Murado-Pedron_EDIIMA20150531_0245_4

A editorial Laiovento e o escritor Miguel Anxo Murado recibiron onte na Casa de Rosalía os pedróns de ouro e de honra. Dous xustos recoñecementos para persoas que levan servindo coas palabras a causa de Galicia e da súa lingua. O Pedrón de ouro para Laiovento supón parabenizar un proxecto editorial nacionalista que nos últimos vinte e cinco anos publicou un catálogo de 400 títulos en galego, con especial énfase nos eidos do ensaio literario, o pensamento contemporáneo e a edición académica sobre temas galegos. Laiovento é unha peza indispensable para entender o proxecto colectivo da edición galega durante o período autonómico e a construción nacional de Galicia dende o sectores da edición e da cultura. O Pedrón de honra outorgado a Miguel Anxo Murado abeizoa a un escritor galego cosmopolita, referente da xeración de narradores da fin de século e autor dalgunhas das mellores páxinas publicadas en galego durante as tres últimas décadas. As miñas beizóns para Afonso Ribas, fundador e editor actual de Laiovento, e para Miguel Anxo Murado por tan merecidos pedróns.