Onte 1052: O AVE galego paralizado?

Viaduto_CatoiraCoñecimos onte a ameaza das construtoras de paralización das obras do AVE a Galicia. O compromiso de remate en 2018, asumido por Feijoo na campaña de 2012, pode quedar en auga de castañas. 700 millóns de euros sería a débeda que ADIF ten pendente coas adxudicatarias de diversos treitos do AVE que uniría Galicia coa Meseta. Xaora, tamén é posible que este atraso poida estar afectando ás obras do Eixo Atlántico ferroviario, obra fulcral para o país, cuxa inauguración estaba prevista para a fin de 2014. Corre un ruxerruxe pola rede, semella que moi fundado, de que as obras do Viaduto do río Ulla en Catoira poderían estar »paradas» ou «a medio gas», cando apenas faltan uns poucos metros para que ambas as dúas marxes da ría de Arousa quedasen unidas. Os problemas financeiros de ADIF poderían tamén explicalo. Rajoy, Feijoo e Montoro deberían dar conta de que está sucedendo co AVE galego.

Onte 1051: Short Term 12

Short_Term_12Temos en Vigo a fortuna de contar cos Norte onde sempre hai algunha película en versión orixinal das que non se proxectan nos centros comerciais. Fomos onte ver Short Term 12  distribuída en España como Las vidas de Grace, que chegaba coa etiqueta de «indie», presentada en Locarno, e recomendada por varios amigos. A pesar da dificultade de abordar con orixinalidade o mundo de adolescentes desarraigados das súas familias e o risco de abrir feridas de infancia provocadas polo abuso, esas que deixan marcas, o debutante Destin Cretton non sae mal parado. Evita esvarar polo apoucamento e opta pola instrospección, a reconstrución do relato interior, polo valor terapéutico de palabras e emocións, por longas conversas curadoras cara a raíz da fenda. Carreiras ao límite procurando a orixe de cada marca. Unha película digna.

Consumo galego

No artigo da semana en Faro de Vigo defendo o consumo responsable e solidario de produtos propios e etiquetados en galego.

seragroSempre que podo escoller, consumo produtos galegos, sendo entre eles da miña preferencia os etiquetados e publicitados na nosa lingua. Lonxe de poder ser considerado como excéntrico ou chauvinista, sei que este comportamento é cada vez máis frecuente tanto nos consumidores como nos produtores galegos, sobre todo de produtos alimentarios, tanto polo que ten de carácter de consumo responsable co medio ambiente como solidario coa lingua e cultura galegas.

Cando vou ao mercado do Progreso ou o supermercado do noso barrio, prefiro o produto fresco e de tempada fronte ao envasado. Non hai dúbida que opto por unhas xudías do Rosal fronte a outras da mesma clase procedentes de Marrocos; coma escollo unha leituga ou escarola galegas a unha bolsa de ensalada de procedencia navarra ou andaluza. Outrosí sucede na carnizaría onde merco sempre o produto galego, sexa “o porco alimentado con castañas”, o chamado “porco celta” ou a “ternera galega” con denominación de orixe, fronte a outras posibilidades foráneas, que tamén sabemos de excelente calidade. O mesmo sucede con outros produtos da compra diaria, dende o leite e as augas minerais, pasando por aceites, conservas, embutidos, viños, cervexas, até mesmo algún produto de limpeza, onde sempre escollo o produto galego. Sei que con esta elección estou contribuíndo a que estas marcas galegas de calidade acaden unha maior cota de mercado. Sei que mercando produto galego estou axudando a manter as explotacións dos nosos produtores agrogandeiros e das industrias agroalimentarias e de distribución propias, co que isto supón para a consolidación de milleiros de empregos e das condicións dos seus traballadores e traballadoras. Un comportamento de consumo galego que cada vez é mellor comprendido por algunhas empresas de distribución, como é o caso de Gadis, que diferencia na publicidade das súas promocións e nos puntos de venda dos seus liñais cunha cuncha de vieira os produtos que “xeran emprego e riqueza en Galicia”. Unha iniciativa de mercadotecnia en clave galega que merece ser salientada.

Xaora, de todos os produtos galegos, prefiro aqueles etiquetados en galego, como non agocho a miña simpatía por aqueles establecementos de distribución, como é o caso dos da cadea vasca Eroski, que utilizan decote o galego no punto de venda e na súa publicidade. No restaurante non teño dúbida que entre dúas marcas da D.O. Rías Baixas escollerei a que sei etiquetada en galego. Outrosí no supermercado, cando merco leite, os iogures ou o queixo da D.O. Arzúa Ulloa, apostarei por aquelas marcas que etiquetan en galego. Sei que consumindo estes produtos galegos estou –como salienta o chamamento recente da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, promotora da “Carta do consumo responsable e solidario en lingua galega”– “contribuíndo ao noso desenvolvemento económico, permitindo fixar poboación e garantindo a pervivencia do noso País”.

O consumo responsable é un xeito de participación na transformación da sociedade. Coñecer a trazabilidade de cada un dos produtos, dende a súa orixe e proceso de distribución, até que chega ao seu punto de venda, é un dereito conquistado polos consumidores, que nos permite decidir qué produtos mercar e ónde facelo. O consumo convértese así nun exercicio de cidadanía responsable capaz de contribuír a unha utilización máis equilibrada dos recursos dispoñibles, como a promover unha produción máis limpa e respectuosa cos dereitos dos seus produtores. Outrosí sucede, coa responsabilidae social das empresas na utilización da lingua galega no seu funcionamento e no etiquetado e publicidade dos seus produtos, o que contribúe tanto a achegarlles un valor engadido e a diferencialos no difícil mercado global, coma a visibilizar e a prestixiar á propia lingua.

O éxito dos produtos agroalimentarios galegos e etiquetados e publicitados en galegos, que se debería estender a outros produtos e servizos culturais xerados en Galicia (libros, revistas, xornais, música…), depende da consciencia e responsabilidade de cada un dos consumidores galegos. Cando no supermercado ou no restaurante preferimos un produto galego ou etiquetado na nosa lingua estamos apoiando unha forma proactiva de entender o país. No entorno dunha Galicia en devalo demográfico e coas portas abertas á emigración da súa mocidade, xa non abondan coas declaracións grandilocuentes de amor á Terra. Hoxe cómpre activar un comportamento cívico responsable da cidadanía galega en todos os eidos da vida social, tamén no que atinxe ao seu comportamento como consumidora. Sei que non esaxero cando afirmo que consumir produtos galegos e etiquetados en galego non é só unha forma de sermos e afirmarmos, é tamén apostar pola nosa continuidade como comunidade.

Onte 1050: Accidente no Fiouco

2014_7_26_20705s300xNon me sorprendeu o grave accidente na A-8 no Alto do Fiouco (700 metros) no que participaron medio cento de vehículos. Desde a primeira vez que pasei por estas fermosas cotas da Corda, entre a ventada e as brétemas, co asubío rítmico dos virandelos, collinlle medo a este paso, mesmo a pesar de que estar iluminado por balizas antinéboa día e noite. Trazar esta autovía polos cumes bretemosos da Corda semella foi outra decisión arriscada do Ministerio de Fomento de Magdalena Álvarez urxido pola finalización das obras da Autovía do Cantábrico que acumulaba unha década de atrasos. Ben está lembrar hoxe que este treito entre A Xesta e Lindín foi adxudicado en 2007, despois de modificar o proxecto inicial que contemplaba un viaduto por outra vertente, cuxa cota máxima era duns 500 metros. Como tamén é necesario recordar que as reiteradas denuncias sobre a perigosidade do trazado realizadas polos alcaldes de Mondoñedo e Abadín, apenas aberto, nunca foron atendidas por Fomento. Mágoa da enfermeira falecida e das trinta persoas feridas nun accidente que podería ter sido evitado. Que agarda a actual ministra de Fomento para ofrecer unha alternativa que evite a perigosidade dun trazado de autovía que foi aberto por ela hai menos dun ano? Pasando polo Fiouco compréndese que as brétemas son incompatibles coa velocidade.

Onte 1049: Arcas de paz e esperanza

Gaza_27-07-2014Este chío que Khaled ElAhmand publicou onte expresa o incalculable valor dos libros. Esta afouta rapaza gazatense sen nome rescata os seus libros entre os cascallos da súa casa destruída polo exército de Israel. Moi queridos teñen que ser para ela os libros que agarima no seu colo. Eis o poder dos libros entre as ruinas da súa terra devastada, eis os libros resistentes, arcas de paz e da esperanza negada polas bombas e o fanatismo.

Onte 1048: Os «55» de Xavier Queipo no Festigal

Queipo_Souto_Festigal_2014

Grazas á xenerosidade de Xurxo Souto e Xavier Queipo presentamos conxuntamente no Festigal Contos do mar de Irlanda e 55, os libros de relatos dos que son autores publicados por Xerais neste mes de xullo. Con esta fómula en man común recuperamos un atraso de máis dunha hora no horario da Carpa das Letras dun Festigal ao que acudiu moito máis xente ca en edicións anteriores. Despois de presentalos e de que lembrase a participación de ambos os dous na colección Ferros que Cid Cabido dirixiu a finais dos noventa, e tras salientar que dedicaron, dende posicións diferentes, atención preferente ao relato do mar, Xurxo Souto engaiolou aos asistentes cos súas repichocas e relatos do libro que xa presentara hai uns día sen Bueu. Pechou a presentación express Xavier Queipo que nun nun exercicio admirable de síntese definiu 55 como «a historia da miña travesía como narrador iniciada en 1990 con Ártico e outros mares até 2o12, cando cumprín 55 anos. Neste libro están as miñas querenzas literarias e os meus temas fundamentais, dende o mar e a crítica social, pasando pola tortura e a antropomorfización de comportamentos humanos, áté a experimentación como forma da escrita«. «55 é un libro, á mantenta, irregular, xa que as temáticas e as estéticas son moi diversas. Así o quixen». 55 será presentado o 2 de setembro en Santiago e o 4 en Vigo, coincidindo cunha nova viaxe de Queipo.

Onte 1047: xerais.gal

xerais.gal

Este vinte e cinco de xullo quedará na miña memoria como o do punto gal, esa proeza do consenso galeguista que marcará un fito nas páxinas da historia da nosa lingua no seu difícil proceso de hibridación dixital. Desde o mediodía de onte quedou operativo o dominio xerais.gal, o que tras case trinta e cinco anos de actividade constitúe un fito para o proxecto da nosa editora »nacida coa intencion de non deixar baleiro campo nin´gun da edición en galego». Ben sei que tempo haberá para puír detalles no emprego destes noventa e tres dominios puntogal pioneiros. Foi onte un vinte e cinco no que enxergamos unha raiola de esperanza e optimismo, a pesar da incomprensible falta de unión das forzas do nacionalismo galego.

Onte 1046: Angrois no esquecemento

A ferida aberta hai un ano pola traxedia de Angrois na que morreron 80 persoas continúa aberta e tardará ben tempo en pecharse. Os actos celebrados onte en Compostela puxeron en evidencia os discursos existentes sobre o sucedido en Angrois, o conformista dos gobernos de Feijoo e Rajoy, e o inconformista das asociacións de vítimas e veciñanza de Angrois. Mentres na cerimonia de entrega das medallas de Galicia Feijoo expresaba a súa resignación, ás portas da Cidade da Cultura e no Obradoiro as vítimas reclamaban a xustiza e a verdade, exixían a realización dunha investigación sobre as causas do sucedido na Grandeira, así como responsabilidades politicas dos responsables do Ministerio de Fomento dos gobernos de Zapatero e Rajoy. Xaora é difícil rebater que ningún dos principais problemas que provocaron o accidente do Alvia non se resolveron, como quedou claro no debate organizado por Galicia Confidencial sobre o tema. Non é ningunha boutade dicir que «outro Angrois pode volver repetirse», se o sistema ERTMS continúa sen estar instalado e os trens e os trazados son idénticos aos do día do accidente. Coma sucedera co Prestige, onde toda a responsabilidade recaeu no capitán Mangouras, temo que vítimas do Alvia e cidadanía enfrontámonos co valado máis poderoso, o dos intereses de Estado.

Magnífico é o avance do documental Angrois no equecemento, do Colectivo Audiovisual lentes Diverxentes. Moito paga a pena.

Escaparate 27/2014: Librería Miranda (Bueu)

Libreria_Miranda_Bueu_23-07-2014

Escaparate da librería Miranda de Bueu do 23 de axullo de 2014 con motivo da presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.

Onte 1045: Os «Contos do mar de Irlanda» en Bueu

Museo_Masso_Bueu_23-07-2014

Cheo histórico no salón de actos do Museo Massó de Bueu para asistir á presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto organizada pola libraría Miranda. Máis dun cento de persoas vibramos durante unha hora cos relatos, coa música e coa emoción dun serán no que se viviu a épica dos mariñeiros galegos que máis alá do paralelo 48 procuraron os camiño do mar.

Mapa-do-Mar-de-Irlanda-webComezou Xurxo Souto a súa intervencion confesando que este libro «era unha ousadía, xa que xeralmente as cousas do mar se calan en terra, ninguén nos aprendeu nada do mar». «Pretendín transcribir as historias dos mariñeiros que foron máis aló do paralelo 48, que entraron nos mares de cuberto e máis da parte de fóra, Os tres codillos, O calcetín, O Gran Sol, ou aqueloutros máis afastados do Volcán de Porcupine ou do Rocal do Con, esa illa entre Irlanda e Islandia». Falou despois Souto de que «Irlanda foi sempre unha obsesión para a cultura galega, sobre todo na música, o que non é estraño xa que os portos galegos de Irlanda, como Bantry, Dingle ou Galway, son a periferia da periferia, onde mellor se conserva a lingua gaélica». Defendeu Xurxo que Vigo e A Coruña, onde están os portos do Berbés e do Muro, epicentros do mar de Galicia, «son a mesma cidade e que rabeen os repunantes».

Relatou Xurxo Souto, con algunha cantarea polo medio, as historias referidas a Bueu, desde a das botas de Riobó, as mellores do mercado, tan importantes para o pé do mariñeiro, famosas dende san Pedro de Miquelón a Trintxerpe, pasando polas de José de Loira de Cela e de Benito Estévez, até a de Lito Gago, un dos gaiteiros do mar, fundador da banda de gaitas Manxadoira de Bueu. A intervención espontánea do propio Lito relatando unha nadal en Terranova foi un dos momentos máis emocionantes do serán. Antes, Xurxo gabara ben chufados aos gaiteiros do mar, «levar un gaiteiro a bordo é unha regalía». A intervención de Rubén Bastón, compañeiro daquel programa inesquecible, Mil Ribeiras da Radio Galega, salientou a importancia destes músicos, que chegaron a gravar un LP no Gran Sol, e o traballo de Xurxo Souto na recpueración e conservación da súa memoria.

No treito final da presentación, antes das repichocas de Xurxo e de Miguel de Cela, Souto advertiu que «este non é un libro de naufraxios, o naufraxio non é épica, é un accidente laboral que debería ter sido posible evitar contando con máis medidas de seguranza marítima,» «máis seguranza e menos épica dos naufraxios», reclamou. »Este é un libro de aventuras, un libro de amor, un libro de descubertas, un libro de pintura, un libro de música, un libro do século vinte, mais tamén un humilde manifesto de futuro. Galicia é o centro do mar, a nosa principal industria, somos a maior potencia pesqueira de Europa. O libro pretende apenas poñer en valor aos galegos como centro do mar.»

As próximas recaladas dos Contos do mar de Irlanda serán as do Festigal, o 25 de xullo ás 20:30; no Museo do Mar de Noia, o 30, ás 20:30 horas; e a da Feira do libro da Coruña, o sábado 2 de agosto, ás 21:15 horas. Medre o mar!